10 de junho de 2010

Que é iso de "refundar" a esquerda ?

Xoán Hermida

Así que o pasado sábado 5 de xuño en Compostela iniciouse o proceso de “refundación” da esquerda galega sen a presenza da maioría das mulleres e homes de esquerda deste país.

Fun convidado persoalmente a ese acto de “refundación” ao que non asistín porque o interpretei máis como un acto electoral dun partido en horas baixas que como unha aposta real pola unidade e renovación da esquerda.

Tamén quero aclarar antes de nada, e para evitar malos entendidos, que me parece ben que se celebren eses actos e que calquera iniciativa en favor da unidade, aínda que desde o meu punto de vista parta de premisas erradas, é positiva.

Dito isto, algunhas reflexións e apostas.

Tras máis dunha década eliminando “críticos” e “traidores” a actual dirección de IU debería facer unha seria reflexión autocrítica sobre o proceso vivido desde a década dos noventa ata hoxe, se realmente quere ter a autoridade política para iniciar un proceso destas características.

Non se pode falar de liberdades nacionais nin de federalismo, a non ser que se faga dun xeito retórico, senón se modifican ás relacións de EU con IU ata o punto de ser unha organización soberana como o é IC, ou mesmo o PSC con respecto ao PSOE.

Como se pode construír un espazo federal se nin as propias organizacións que o promoven teñen a soberanía para decidir a súa estratexia ao marxe da estrutura central ?

O proceso de actualización e construción dun nova esquerda revolucionaria non pasa por iniciar procesos ao calor dun desgaste electoral ou pensando nas próximas eleccións, sobre todo cando hai cada vez máis voces desde a propia esquerda que se están a replanear a fondo a súa relación coas furnas. Planear procesos de “refundación” cando as cousas pintan mal, ou solicitar modificar a lei “d´Hondt” cando os resultados non favorecen, non é crible.

Dito isto, tiven ocasión de poder ler o guión da asemblea de “refundación” real ( a de Madrid do 26 e 27 de xuño ) e puiden ver que se trataba dun programa político ao que nada hai que obxectar como non hai nada que obxectar aos programas electorais que IU presentou nestes 25 anos desde a súa fundación.

O problema non esta nun programa que como xa digo poderiamos asumir un ampla maioría da esquerda. Por outra parte non hai nel nada novidoso.

O problema para a renovación e construción dunha nova esquerda galega e global pasa por resolver cinco grandes interrogantes centrais:

O primeiro, porque a esquerda europea ( agás a portuguesa en 1974 ) renunciou a unha estratexia de transformación anticapitalista desde a segunda guerra mundial ?

O segundo, ligado ao primeiro, que supuxo a caída do muro de Berlín e o desmerengamento do bloque soviético para a esquerda ?

O terceiro, como a esquerda política ten que revisar a súa estratexia de alianzas para volver a construír un bloque de cambio coa esquerda social ?

Isto tamén pasa por replanear o seu papel institucional e de forza ( s ) de goberno ou oposición.

O cuarto, que podería ser o primeiro, cal é o “suxeito revolucionario” na sociedade post-fordista de inicios do século XXI ?

Obviamente este non o pode ser en exclusiva a clase obreira como xa non o era no século XIX ( convén volver a ler os planeamentos de Marx no seu libro “critica ao programa de Gotha” de 1875 sobre a declaración do recen creado primeiro partido obreiro alemán ). Por certo isto ten moito que ver coa vertebración nacional da esquerda, elemento que habitualmente esquece EU.

A quinta, e última, como construímos un movemento democrático onde cada persoa sexa un camarada e non un compañeiro de viaxe ?

Levamos moito tempo criticando o papel da UPG dentro do BNG como para agora eloxiar o papel do PCE en IU. A premisa é a mesma: partido vangarda que decide e compañeiros de viaxe que achantan ou marchan.

A critica ao PCE ou a UPG, polo menos a miña, non é pola súa ideoloxía comunista (aínda que dubido que a teñan ) senón pola súa concepción profundamente antidemocrática da participación das persoas. Se comportan como lobby’s de poder que exercen a súa tutela sobre o resto da organización. Lamentablemente para eles, non a poden exercer sobre a sociedade nin sobre a súa base electoral.

Izquierda Unida necesita unha refundación e oxalá lle saia ben. A esquerda, Non !.

A esquerda necesita un proceso de actualización dos ideais e da misión e un fonda renovación das súas liñas estratéxicas.

E tamén, claro esta, necesita de persoas.

Manuel M. Barreiro, Xosé Manuel Beiras, Laura Bugallo, Carme Carballo, Xoán Carlos Carreira, Lupe Ces, Xosé Collazo, Fernanda Couñago, Xan Duro, Xacobe A. Fernández, Carme Freire, Emilio Insua, Camilo Nogueira, Ivan Prado, Ramón Rodríguez, Manoel Santos, Lidia Senra ou Hector Silveiro son algúns dos nomes sen os que se me fai imposible concibir unha esquerda galega do presente e con futuro.

Persoas de diversas xeracións e pensamentos filosóficos pero co denominador común do traballo en favor do planeta, de Galicia e dos “sans culotte”, desde a esquerda social que representan ou desde a ética persoal do compromiso permanente.

Boa sorte para EU, pero sobre todo boa sorte para a esquerda. Vémonos no FSGal.

5 comentários:

  1. Coido que si hai moito que obxectar "aos programas electorais que IU presentou nestes 25 anos desde a súa fundación", desde unha perspectiva ecosocialista. IU estivo, e creo que segue a estar, e mirando só os programas (non digamos xa a acción política cotiá) lonxe de ser unha forza antiprodutivista.

    ResponderEliminar
  2. Dacordo anonimo, ainda que nalgúns momentos mesmo tivo programas con fonda caracteristicas ecolóxistas.
    Pero máis alo o que queria resaltar era que os programas sendo importante non son o elemento que teñen situado a esquerda en xeral na situación de crise na que están.

    ResponderEliminar
  3. Moi boa reflexión. IU non necesitaba refundación nin cambio da lei electoral (que é negativa para a formación).

    Necesita líderes carismáticos e con dous dedos de fronte como era Anguita. Xente que cando fale diga as cousas claras e non líderes que cando falen, sexa para saír nos medios, ademais de líderes que unan ó partido.

    Con líderes de verdade, os votos chegarán e a Lei Electoral será unha tontería. Non fará falla.

    ResponderEliminar