27 de junho de 2010

E quen organiza aos desencantados dos desencantados?

Izquierda Unida acaba de iniciar o seu proceso de refundación sen a participación da súa organización territorial de Asturias ( farta do control do PCE ) e co seu socio catalán, Iniciativa per Catalunya Verds- en pleno proceso de creación dunha “cooperativa” da esquerda federalista e verde onde participan a Chunta Aragonesista, Nueva Canarias, Iniciativa d'Esquerres de Baleares, Iniciativa del Poble Valencià (IdPV), además da plataforma andaluza Paralelo 36 que lidera a anterior portavoz de IU no parlamento andaluz, Concha Caballero-. ( ver El Público do 20/06/2010 http://www.publico.es/espana/322011/icv/iu/alternativa/foro/espacio-plural ). Sen contar co espazo cada vez máis presente de Izquierda Anticapitalista.

Por outra banda o proceso de refundación non acaba de caracterizarse pola súa imaxinación. Ao igual que na década dos oitenta, o PCE volve a aspirar a recoller “aos desencantados do PSOE e aos ecoloxistas”. Non aclara por outra banda canto tempo os vai a aturar ata que os largue de novo por “traidores”.

En todo caso nada novo nin na estratexia antisistemica – para nada se falan de novas vías de participación amais das electorais – nin na nova composición da esquerda – ademais da referencia etérea de “ecoloxistas” que sempre queda ben – non se acaba de entender que a esquerda de hoxe e algo máis que socialdemócratas e comunistas. Por non falar da vertebración nacional da esquerda en Catalunya, Euskadi ou Galiza, algo que para os dirixentes de IU tratase dun fenomeno "exotérico".

En fin, que IU remate o seu proceso de refundación con éxitos e que recolla aso desencantados do PSOE, aínda que a partir de agora alguén terá que encargarse de organizar aos desencantados e desencantadas dos desencantados.

26 de junho de 2010

Crise do sistema ou crise da esquerda

Xoán Hermida

Co título “A esquerda diante da crise” a publicación TEMPOS Novos organizou un debate con membros da chamada esquerda social.

A transcrición do debate poderase ler con detemento nas páxinas do próximo número desta revista mensual de pensamento, pero de momento achego algúns apuntamentos sobre o mesmo.

Asistimos a unha crise global e sistémica, unha crise poliédrica que conten moitas crises á vez, crise financeira, social, alimentaria, enerxética, medioambiental,….

Trátase sen dúbida da primeira crise da globalización. Agora ben, nesta crise, que no fondo amosa que existen condicións obxectivas para un proceso de superación do actual sistema capitalista, é a crise da esquerda á que ten aflorado na súa máxima expresión ata o punto de que asistimos a unha esquerda ( fundamentalmente partidaria ) que se atopa nos seus momentos máis baixos: intelectualmente anoréxica, politicamente insulsa e organizativamente desfeita.

O curioso, e aquí a primeira contradición, é que despois de cualificar de global e sistémica a crise a resposta á mesma pasa por meras simples consignas, “que a crise que a paguen os ricos”, e con propostas xa amosadas como superadas en reiteradas ocasións.

Desde a esquerda partidaria e sindical obviamente non se comparten os recortes sociais cos que supostamente se esta a resolver a crise pero máis aló de esta obviedade e de apostar por formulas de maior presión fiscal sobre as grandes fortunas, deprime escoitar aos dirixentes da mesma falar de “reactivar o consumo” ou “volver a senda do crecemento”, nun momento no que as mentes máis lucidas do planeta están a propor iniciativas de autosostibilidade planetaria, soberanía alimentar ou decrecemento.

Pero se estas son as “solucións” que se ofrecen desde a esquerda partidaria e sindical os instrumentos a usar para frear esta ofensiva, do que moi acertadamente Boaventura De Sousa define como “fascismo financeiro”, é a folga xeral dun día.

Non hai obxectivos claros para unha folga xeral convocada para cubrir o expediente e que non ten unha lóxica estratéxica de acumulación de forzas para variar a actual correlación das mesmas.

Na sociedade post-fordista na que nos tocou vivir onde xa a clase obreira non se recoñece como tal, non traballa colectivamente en grandes fabricas, con varios millóns de desempregados, cunha parte da poboación migrante na marxinalidade, coa mocidade allea ao debate político, propor como único instrumento de loita unha folga xeral dun día conten unha mensaxe de resignación clara.

O que se necesita é unha folga xeralizada, a nivel europeo e transversal, mesmo na súa convocatoria. Non quedaramos en que se trataba dunha crise sistémica e global? Entón a resposta ten que ser antisistemica e global, polo tanto transversal e multirexional. Porque non convocatorias de mobilización conxuntas de sindicatos, organizacións agrarias, grupos ecoloxistas, movementos sociais,..?. Ou é que diante dunha folga tan claramente política ten algún sentido apelar a prerrogativa constitucional para que sexan as centrais sindicais as convocantes.

Así que habendo condicións obxectivas temos as peores condicións subxectivas.

Recoñezámolo, a día de hoxe non hai alternativa, e como non se cambie o rumbo tampouco haberá alternativa a medio prazo.

Porque a alternativa non é so un programa e un aparato partidario presentándose ás eleccións, senón fundamentalmente unha proposta e unha estratexia de cambio.

Tampouco é certo, como cren algúns, que a situación de marxinalidade dos partidos da esquerda antisistemica veña dada pola súa firmeza. So ver a longa listaxe de grupos políticos que hai a esquerda do PSOE e do BNG serviría para percatarnos da propia incapacidade de entendemento nin tan sequera entre os que supostamente pensan o mesmo.

Aínda que ese non é o problema da esquerda en xeral. As forzas da esquerda europea xa renunciaron desde a segunda guerra mundial a elaborar unha estratexia de cambio antisistémico.

Diante do movemento “sesentaoitista” actuaron co mesmo conservadorismo as forzas do sistema que a maioría dos partidos comunistas.

Pero en realidade aínda habería que ir máis atrás.

Anelamos ser herdeiros da I internacional pero somos “vítimas” da II e sucesivas internacionais.

Porque se ben é certo que con respecto ao estado e ao poder, socialdemocracia (reformistas) e comunistas (revolucionarios) teñen camiñado por sendas diferenciadas, no fondo existen demasiadas analoxías.

A II internacional asentou na esquerda europea unha concepción corporativa (obreirista), reformista, industrialista e eurocentrista. Na lóxica do sistema.

Xa coa constitución do primeiro partido obreiro alemán, Karl Marx é durísimo no seu libro “critica ao programa de Gotha” ( 1875 ) precisamente por esta visión exclusiva e corporativa do “suxeito revolucionario”.

En realidade a globalización ten posto en evidencia a incapacidade da esquerda non socialdemócrata para elaborar estratexias de cambio maioritarias.

Ao concepto reducionista do suxeito revolucionario segue a continuación unha concepción igualmente reducionista do instrumento do cambio. Así xurde o “partido guía” que sabe o camiño a seguir e os meros compañeiros de viaxe.

Esta visión tráxica para o movemento revolucionario cando os partidos eran instrumentos políticos convertese en cómica na actualidade cando os partidos son meras maquinarias electorais inxeridas no sistema.

Pero volvamos a actualidade, á sociedade post-fordista.

Vivimos nunha sociedade complexa onde a aposta transformadora non pode ser a estatalización senón a incorporación da sociedade na xestión da economía. E unha aposta dupla de radicalidade democrática e de xustiza global.

E aquí é onde a os movementos sociais deben ser decisivos, primeiro para conseguir unha cidadanía organizada e critica, segundo para trazar as liñas estratéxicas que posteriormente o interfaz partidario ten que levar as institucións ( o pobo é quen máis ordena! ).

Non precisamos deles para seguir camiñando pero si que necesitamos instrumentos políticos globais.

Non fagamos do defecto virtude.

Podemos enganarnos canto queiramos pero senón existen instrumentos partidarios de esquerda non é por causas esóxenas ( o sistema, a coherencia,… ) senón propias.

Non temos instrumentos partidarios de cambio porque os que tíñamos cambiaron de misión, obxectivos e principios e os que podían ser, están incapacitados por unha análise prexuizosa da realidade.

Iniciativas de plataformas políticas non institucionalizadas, de voto en branco ou doutro tipo de accións de desobediencia civil son necesarias, pero seguimos tendo pendente a vertebración de maiorías sociais tal como planeaba Gramsci.

Tratase de construír unha fronte popular, por suposto, pero de camaradas non de compañeiros de viaxe. Tratase de elaborar unha iniciativa de carácter nacional para o cambio global. Quizás vai sendo hora de modificar a máxima coa que traballamos nos últimos tempos e pasar a “pensar localmente e actuar globalmente”.

Namentres haberá resistencia pero non haberá ALTERNATIVA.

21 de junho de 2010

Esquerda e crise

TEMPOS Novos organiza o debate "A esquerda ante a crise", onde distintas persoas vinculadas aos movementos sociais debaterán sobre a actual situación dos movementos de esquerda e as súas estratexias no actual contexto económico e social. Moderados por Marcos Pérez Pena, intervirán Alexandre Carrodeguas (Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol), Alfredo Iglesias (Altermundo), Alberto Lema (Redes Escarlata), Lidia Senra (Vía Campesina) e Xoán Hermida (Amarante). O encontro será posteriormente publicado no número de xullo da revista TEMPOS Novos.
O debate terá lugar na sala circular do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, ás 19h do xoves, día 24 de xuño.

18 de junho de 2010

Pasar das palabras aos feitos

Xoán Hermida

Xa se ten escrito demasiado sobre a situación da esquerda e posiblemente aínda que se pode escribir moitísimo máis en sisudos artigos e reflexións seguramente non se aportara nada novidoso.

Así que en poucos caracteres e a grandes rasgos, durante os últimos anos a situación da esquerda é descritivamente a seguinte:

Partidos políticos institucionalizados ( PSOE / BNG ) que nos defraudan continuamente e cando gobernan xeran unha forte frustración pois non cumpren nin tan sequera cos seus programas de mínimos.

Partidos na marxinalidade ( e aquí hai unha chea deles ) e que ademais na súa maioría reproducen as peores formulas, tanto políticas coma organizativas, dos anteriormente descritos.

Esquerda social feble e fragmentada ata o absurdo e que salvo raras excepcións non teñen capacidade de incidencia política nin de influencia social.

Cando se vertebran en redes a propia debilidade da maioría fai que os procesos naufraguen rapidamente por incapacidade da maioría ou porque as redes en lugar de ser espazos de impulso son froito da propia debilidade ( un caso revelador foi o da Rede Anticapitalista ).

De que se trata ?

Non se trata de crear un novo partido pois ademais de que non tería espazo electoral se o chegara a ter volvería a reproducir os pasos dados polos anteriores, isto é: a medida que subiran en votos irían “adaptando” as súas políticas ás necesidades de crecemento electoral ata comezar a baixar de novo unha vez que se afastan da súa base social.

Por outra banda partidos de reforma que traballan nas institucións xa existen (PSOE, BNG e IU) e de existir un tecido social forte farían unha función necesaria, sendo nese sentido aliados tácticos de movementos estratéxicos de fondo.

Asemade existen moreas de mini-partidos que na maioría dos casos están fora da realidade e móvense con parámetros de pensamento previos, no mellor dos casos, á sociedade post-fordista.

Tratase de crear unha organización social de caracter político ou unha organización política ( non institucional ).

A súa función non seria presentarse ás eleccións, mesmo a esta organización poderían pertencer membros con militancia partidaria, sempre e cando partiran da lóxica “instrumentos partidarios tácticos ao servizo de organizacións sociais de caracter estratéxico”.

A súa función seria ser algo así como un “think tank” ( tanque de ideas ) pero máis aló, porque non necesitamos un novo club de debate ou reflexión senón un colectivo de intervención política.

Ou sexa que tamén tería como papel elaborar estratexias de cambio e poñelas en practica, actuando fundamentalmente entre o resto do tecido asociativo do pais. Participando no Foro Social Galego e noutras iniciativas conxuntas ou sendo motor dunha relanzada e nova “Rede Anticapitalista”,...

Hoxe existen organizacións que se adican a solidariedade, ao ecoloxismo, ao feminismo,.... cun certo éxito, pero non se construíu un organización de caracter político global.

A maioría das persoas posibles interesadas nesto estades (estamos ) cargados pola multimilitancia e iso dificulta a nosa posible acción.

Pero por outra banda se sabe, que unha boa parte dos activos da esquerda social “nin de coña” empregarían un segundo en montar un novo partido, aínda que a súa vez hai un recoñecemento da existencia dun certo esgotamento na militancia froito de tanta frustración e illamento.

A creación dun colectivo político ( de caracter social e non partidario ) faino máis aberto a máis xente e pode servir para elaborar ideas, estratexias e favorecer o encontro de correntes políticas ( antisistemicas ) hoxe divididas por miserias persoais e niveis de reflexión mínimos.

Como ?

Obviamente necesitase un manifesto, unha misión, uns obxectivos, unha metodoloxía e unha estrutura practica e áxil que permita conxugala coa militancia social tan prioritaria.

Tratase de optimizar recursos, creando un colectivo que sexa áxil organizativamente e que a súa fortaleza estea na capacidade de incidencia e non na construción de estruturas que despois necesitan retroalimentarse en recursos humanos e financeiros

Algunhas das liñas estratéxicas – que se converterían en obxectivos do colectivo - centrais para vertebrar unha esquerda con futuro son:

1. Necesidade dun colectivo político global (formato de asociación, non partidaria) que traballe xunto coas organizacións sociais as propostas a levar diante das institucións e canalizar as mesmas diante da sociedade civil.

2. Afortalar os movementos sociais sectoriais de caracter critico e independente, priorizando nun puñado de organizacións referenciais sobre as que hoxe pode pivotar o movemento social galego ( Verdegaia na ecoloxía, Amarante no internacionalismo, SLG no movemento agrario, Foro da Inmigración na autoorganización das persoas migrantes, Marcha Mundial das Mulleres no feminismo,.... ) e o blindaxe do FSGal e do conxunto do movemento das posibles e case seguras intentos de instrumentalización partidario.

3. Elaborar programas e propostas globais e sectoriais para a Galicia da primeira metade do século XXI, tendo en conta a xustiza social global, a sustentabilidade ecolóxica en base ao decrecemento, e a radicalidade democrática; para unha Galicia da periferia do centro do capitalismo global, complexa socialmente e nun proceso de destrución das súas estruturas económicas tradicionais e cun hábitat degradado.

4. Ligado ao punto anterior, elaborar estratexias políticas de cambio que teñan en conta unha esquerda institucional bipolarizada entre o sucursalismo e o populismo, cunha forte tendencia ao pragmatismo que o levan a perder as bases sociais para o cambio, e uns movementos sociais febles, altamente fragmentados e con escasa análise política e debilidades organizativas evidentes.

5. Modernizar e renovar os proxectos da esquerda de reforma para que retomen a interlocución coa sociedade civil organizada elaborando os seus programas e a súa acción institucional en base as demandas do colectivos sociais. ( interesados na modernización e democratización do BNG e na vertebración dun PSdG galego e cun proxecto nacional ).

6. Fortalecer o espazo da esquerda alternativa democrática e soberanista baseándose nun proceso de converxencia necesario e dunha actualización do seu ideario político e ideolóxico (MpB, FPG, EI, PCPG).

16 de junho de 2010

Punto e aparte

“Triste é o cantar que cantamos,
Mais ¿que facer se outro mellor non hai ?”
Rosalia de Castro

Fai xustamente un ano iniciou a súa andaina Galizia Ecosocialista como blog desde onde aportar algunha idea na reconstrución e actualización (que non refundación) necesaria da esquerda galega.

A idea era construír arredor do mesmo un colectivo de persoas criticas que asumiran a tarefa de fomentar o debate, a reflexión e a busqueda de estratexias ( de folla de ruta ).

Tras o fracaso de diversas redes sociais ( caso paradigmático foi o da Rede Anticapitalista ) e cunha esquerda partidaria sen amosar sinais de vida intelixente, todo parecía indicar que serian persoas saídas da esquerda social as que lle tocaba xogar ese papel.

Lamentablemente, e espero equivocarme, tampouco de ai vai vir a solución polo de agora.

Ninguén podía imaxinar na década dos noventa cando se iniciou a crítica ao sistema partidario e a xente dinámica do país púñase a construír tecido social, que toda esa forza remataría vinte anos despois na apertura de consultings privados para o terceiro sector ( que triste! ).

Así que teremos que esperar tempos mellores e namentres desexar que os intereses partidarios non dinamiten o pouco entramado social que queda neste país.

Pola miña parte, non teño o maior interese de seguir facendo de “francotirador”, así que Galizia Ecosocialista se toma unha pausa, prolongada ou non xa se verá.

As persoas que queiran seguir as miñas “cousas” poden seguir facéndoo no meu blog persoal e cando me dea un “calenton” acudirei aos medios habituais ( altermundo, agareso, rebelión,... ) para comunicarme con todas vos.

Déixovos como despedida o escrito que enviei a 8 amigos e amigas a pasada semana por se a alguén pode interesar aínda que sexa colateralmente.

Ata pronto e boa sorte !


Nota aclaratoria

Non pasaron nin 72 horas desde que anunciei o peche do blog Galizia Ecosocialista é aquí estou de novo non para desdicirme do que xa dixen, senón para matizar.

Entendo as múltiples chamadas e mensaxes recibidos, algúns que estimo polo seu "desinterese", como unha sinal máis da necesidade dun pensamento crítico na esquerda.

O anuncio do peche de Galizia Ecosocialista non é unha renuncia a pensar e a actuar politicamente desde a esquerda senón a unha reorientación táctica necesaria.

Sigo pensando que Galizia Ecosocialista so ten sentido se hai un colectivo detrás. Por outra banda tamén creo que aínda que queda moito por dicir, sobre todo queda moito por facer. Sendo hora de pasar das palabras aos feitos.

A pausa de GE, pola miña parte, vaise manter. Subiranse anotacións de persoas ou colectivos que poidan ter interes para a renovación da esquerda global e galega.

E o ofrecemento segue en pé, sexa aquí ou noutro foro: poñer en marcha un colectivo para elaborar liñas e estratexias políticas que axuden a esquerda a avanzar.

Sabedes onde atoparme.

Tomemos este tempo como un punto e aparte.

Como dicían Os Resentidos: “estamos en guerra ... hai que reflexionar”

10 de junho de 2010

Que é iso de "refundar" a esquerda ?

Xoán Hermida

Así que o pasado sábado 5 de xuño en Compostela iniciouse o proceso de “refundación” da esquerda galega sen a presenza da maioría das mulleres e homes de esquerda deste país.

Fun convidado persoalmente a ese acto de “refundación” ao que non asistín porque o interpretei máis como un acto electoral dun partido en horas baixas que como unha aposta real pola unidade e renovación da esquerda.

Tamén quero aclarar antes de nada, e para evitar malos entendidos, que me parece ben que se celebren eses actos e que calquera iniciativa en favor da unidade, aínda que desde o meu punto de vista parta de premisas erradas, é positiva.

Dito isto, algunhas reflexións e apostas.

Tras máis dunha década eliminando “críticos” e “traidores” a actual dirección de IU debería facer unha seria reflexión autocrítica sobre o proceso vivido desde a década dos noventa ata hoxe, se realmente quere ter a autoridade política para iniciar un proceso destas características.

Non se pode falar de liberdades nacionais nin de federalismo, a non ser que se faga dun xeito retórico, senón se modifican ás relacións de EU con IU ata o punto de ser unha organización soberana como o é IC, ou mesmo o PSC con respecto ao PSOE.

Como se pode construír un espazo federal se nin as propias organizacións que o promoven teñen a soberanía para decidir a súa estratexia ao marxe da estrutura central ?

O proceso de actualización e construción dun nova esquerda revolucionaria non pasa por iniciar procesos ao calor dun desgaste electoral ou pensando nas próximas eleccións, sobre todo cando hai cada vez máis voces desde a propia esquerda que se están a replanear a fondo a súa relación coas furnas. Planear procesos de “refundación” cando as cousas pintan mal, ou solicitar modificar a lei “d´Hondt” cando os resultados non favorecen, non é crible.

Dito isto, tiven ocasión de poder ler o guión da asemblea de “refundación” real ( a de Madrid do 26 e 27 de xuño ) e puiden ver que se trataba dun programa político ao que nada hai que obxectar como non hai nada que obxectar aos programas electorais que IU presentou nestes 25 anos desde a súa fundación.

O problema non esta nun programa que como xa digo poderiamos asumir un ampla maioría da esquerda. Por outra parte non hai nel nada novidoso.

O problema para a renovación e construción dunha nova esquerda galega e global pasa por resolver cinco grandes interrogantes centrais:

O primeiro, porque a esquerda europea ( agás a portuguesa en 1974 ) renunciou a unha estratexia de transformación anticapitalista desde a segunda guerra mundial ?

O segundo, ligado ao primeiro, que supuxo a caída do muro de Berlín e o desmerengamento do bloque soviético para a esquerda ?

O terceiro, como a esquerda política ten que revisar a súa estratexia de alianzas para volver a construír un bloque de cambio coa esquerda social ?

Isto tamén pasa por replanear o seu papel institucional e de forza ( s ) de goberno ou oposición.

O cuarto, que podería ser o primeiro, cal é o “suxeito revolucionario” na sociedade post-fordista de inicios do século XXI ?

Obviamente este non o pode ser en exclusiva a clase obreira como xa non o era no século XIX ( convén volver a ler os planeamentos de Marx no seu libro “critica ao programa de Gotha” de 1875 sobre a declaración do recen creado primeiro partido obreiro alemán ). Por certo isto ten moito que ver coa vertebración nacional da esquerda, elemento que habitualmente esquece EU.

A quinta, e última, como construímos un movemento democrático onde cada persoa sexa un camarada e non un compañeiro de viaxe ?

Levamos moito tempo criticando o papel da UPG dentro do BNG como para agora eloxiar o papel do PCE en IU. A premisa é a mesma: partido vangarda que decide e compañeiros de viaxe que achantan ou marchan.

A critica ao PCE ou a UPG, polo menos a miña, non é pola súa ideoloxía comunista (aínda que dubido que a teñan ) senón pola súa concepción profundamente antidemocrática da participación das persoas. Se comportan como lobby’s de poder que exercen a súa tutela sobre o resto da organización. Lamentablemente para eles, non a poden exercer sobre a sociedade nin sobre a súa base electoral.

Izquierda Unida necesita unha refundación e oxalá lle saia ben. A esquerda, Non !.

A esquerda necesita un proceso de actualización dos ideais e da misión e un fonda renovación das súas liñas estratéxicas.

E tamén, claro esta, necesita de persoas.

Manuel M. Barreiro, Xosé Manuel Beiras, Laura Bugallo, Carme Carballo, Xoán Carlos Carreira, Lupe Ces, Xosé Collazo, Fernanda Couñago, Xan Duro, Xacobe A. Fernández, Carme Freire, Emilio Insua, Camilo Nogueira, Ivan Prado, Ramón Rodríguez, Manoel Santos, Lidia Senra ou Hector Silveiro son algúns dos nomes sen os que se me fai imposible concibir unha esquerda galega do presente e con futuro.

Persoas de diversas xeracións e pensamentos filosóficos pero co denominador común do traballo en favor do planeta, de Galicia e dos “sans culotte”, desde a esquerda social que representan ou desde a ética persoal do compromiso permanente.

Boa sorte para EU, pero sobre todo boa sorte para a esquerda. Vémonos no FSGal.

8 de junho de 2010

O tema non é se hai motivos para unha folga xeral

Xoán Hermida

As folgas xerais, a diferenza das folgas de sector ou de empresa, teñen un claro contido político que a ninguén se lle escapa. Nin tan siquera as centrais sindicais que non revisan a súa misión desde os inicios do século XX.

O goberno de Felipe González tivo que soportar un par de elas de alta intensidade, cando as centrais sindicais aínda eran instrumentos de mobilización e representantes do conxunto de clase e non meras xerencias de xestión de servizos ou no mellor dos casos representantes dun sector concreto de clase, fundamentalmente persoal das administracións e traballadores de grandes empresas.

A única folga xeral que soportou o goberno de Jose María Aznar xa foi unha folga máis light, con menor impacto social e sobre todo con contidos políticos moito máis rebaixados.

En plena crise sistémica, e cunhas centrais sindicais insertas no sistema, a resposta das mesmas ten sido totalmente ridícula ata o momento e a partir de agora, cando estamos na fase non das causas (etapa na que os gobernos refinanciaron a economía dos poderosos e “refundaron” o capitalismo) senón das consecuencias (recortes de dereitos laborais e sociais) todo apunta a que a resposta vai ser unicamente para cubrir o expediente.

Por suposto que hai motivos para unha e mesmo para varias folgas xerais. Pero esa non é a cuestión.

Inseridos como estamos nunha crise global a resposta da esquerda en xeral e das centrais sindicais en particular non pode cinguirse a unha xornada de paro con contidos políticos minguados e no que os únicos obxectivos reais a alcanzar sexan: perder o salario do día por parte dos participantes na mesma e facilitar aínda máis o retorno da dereita tralas próximas eleccións coa mesma política neoliberal do actual goberno pero elevado ao cubo.

A proba desta desgana é a baixísima participación do funcionariado na folga sectorial do 8 de xuño, xa que a falla de obxectivos nítidos vense a sumar ao desarme político da esquerda entre a sociedade.

Unha folga xeral unicamente adquire pleno sentido no marco dunha estratexia antisistemica clara, isto é que poña en cuestión as causas máis que as consecuencias da crise.

Unha folga xeral unicamente adquire pleno sentido se ten un marco global europeo onde se está a dar o actual escenario de loita política.

Unha folga xeral unicamente adquire pleno sentido se mais aló das consignas de sempre (“a crise a pague o capital”) existen obxectivos políticos e económicos a conseguir trala mobilización (rectificación da política fiscal e de inversións, eliminación de paraísos fiscais, taxas as transaccións,... ).

Se isto non é así, a frustración posterior virase a sumar ao escepticismo xa reinante entre amplos sectores sociais..

Namentres como se dixo no seu día en Argentina o único programa político serio é: “que se larguen todos”.