18 de junho de 2010

Pasar das palabras aos feitos

Xoán Hermida

Xa se ten escrito demasiado sobre a situación da esquerda e posiblemente aínda que se pode escribir moitísimo máis en sisudos artigos e reflexións seguramente non se aportara nada novidoso.

Así que en poucos caracteres e a grandes rasgos, durante os últimos anos a situación da esquerda é descritivamente a seguinte:

Partidos políticos institucionalizados ( PSOE / BNG ) que nos defraudan continuamente e cando gobernan xeran unha forte frustración pois non cumpren nin tan sequera cos seus programas de mínimos.

Partidos na marxinalidade ( e aquí hai unha chea deles ) e que ademais na súa maioría reproducen as peores formulas, tanto políticas coma organizativas, dos anteriormente descritos.

Esquerda social feble e fragmentada ata o absurdo e que salvo raras excepcións non teñen capacidade de incidencia política nin de influencia social.

Cando se vertebran en redes a propia debilidade da maioría fai que os procesos naufraguen rapidamente por incapacidade da maioría ou porque as redes en lugar de ser espazos de impulso son froito da propia debilidade ( un caso revelador foi o da Rede Anticapitalista ).

De que se trata ?

Non se trata de crear un novo partido pois ademais de que non tería espazo electoral se o chegara a ter volvería a reproducir os pasos dados polos anteriores, isto é: a medida que subiran en votos irían “adaptando” as súas políticas ás necesidades de crecemento electoral ata comezar a baixar de novo unha vez que se afastan da súa base social.

Por outra banda partidos de reforma que traballan nas institucións xa existen (PSOE, BNG e IU) e de existir un tecido social forte farían unha función necesaria, sendo nese sentido aliados tácticos de movementos estratéxicos de fondo.

Asemade existen moreas de mini-partidos que na maioría dos casos están fora da realidade e móvense con parámetros de pensamento previos, no mellor dos casos, á sociedade post-fordista.

Tratase de crear unha organización social de caracter político ou unha organización política ( non institucional ).

A súa función non seria presentarse ás eleccións, mesmo a esta organización poderían pertencer membros con militancia partidaria, sempre e cando partiran da lóxica “instrumentos partidarios tácticos ao servizo de organizacións sociais de caracter estratéxico”.

A súa función seria ser algo así como un “think tank” ( tanque de ideas ) pero máis aló, porque non necesitamos un novo club de debate ou reflexión senón un colectivo de intervención política.

Ou sexa que tamén tería como papel elaborar estratexias de cambio e poñelas en practica, actuando fundamentalmente entre o resto do tecido asociativo do pais. Participando no Foro Social Galego e noutras iniciativas conxuntas ou sendo motor dunha relanzada e nova “Rede Anticapitalista”,...

Hoxe existen organizacións que se adican a solidariedade, ao ecoloxismo, ao feminismo,.... cun certo éxito, pero non se construíu un organización de caracter político global.

A maioría das persoas posibles interesadas nesto estades (estamos ) cargados pola multimilitancia e iso dificulta a nosa posible acción.

Pero por outra banda se sabe, que unha boa parte dos activos da esquerda social “nin de coña” empregarían un segundo en montar un novo partido, aínda que a súa vez hai un recoñecemento da existencia dun certo esgotamento na militancia froito de tanta frustración e illamento.

A creación dun colectivo político ( de caracter social e non partidario ) faino máis aberto a máis xente e pode servir para elaborar ideas, estratexias e favorecer o encontro de correntes políticas ( antisistemicas ) hoxe divididas por miserias persoais e niveis de reflexión mínimos.

Como ?

Obviamente necesitase un manifesto, unha misión, uns obxectivos, unha metodoloxía e unha estrutura practica e áxil que permita conxugala coa militancia social tan prioritaria.

Tratase de optimizar recursos, creando un colectivo que sexa áxil organizativamente e que a súa fortaleza estea na capacidade de incidencia e non na construción de estruturas que despois necesitan retroalimentarse en recursos humanos e financeiros

Algunhas das liñas estratéxicas – que se converterían en obxectivos do colectivo - centrais para vertebrar unha esquerda con futuro son:

1. Necesidade dun colectivo político global (formato de asociación, non partidaria) que traballe xunto coas organizacións sociais as propostas a levar diante das institucións e canalizar as mesmas diante da sociedade civil.

2. Afortalar os movementos sociais sectoriais de caracter critico e independente, priorizando nun puñado de organizacións referenciais sobre as que hoxe pode pivotar o movemento social galego ( Verdegaia na ecoloxía, Amarante no internacionalismo, SLG no movemento agrario, Foro da Inmigración na autoorganización das persoas migrantes, Marcha Mundial das Mulleres no feminismo,.... ) e o blindaxe do FSGal e do conxunto do movemento das posibles e case seguras intentos de instrumentalización partidario.

3. Elaborar programas e propostas globais e sectoriais para a Galicia da primeira metade do século XXI, tendo en conta a xustiza social global, a sustentabilidade ecolóxica en base ao decrecemento, e a radicalidade democrática; para unha Galicia da periferia do centro do capitalismo global, complexa socialmente e nun proceso de destrución das súas estruturas económicas tradicionais e cun hábitat degradado.

4. Ligado ao punto anterior, elaborar estratexias políticas de cambio que teñan en conta unha esquerda institucional bipolarizada entre o sucursalismo e o populismo, cunha forte tendencia ao pragmatismo que o levan a perder as bases sociais para o cambio, e uns movementos sociais febles, altamente fragmentados e con escasa análise política e debilidades organizativas evidentes.

5. Modernizar e renovar os proxectos da esquerda de reforma para que retomen a interlocución coa sociedade civil organizada elaborando os seus programas e a súa acción institucional en base as demandas do colectivos sociais. ( interesados na modernización e democratización do BNG e na vertebración dun PSdG galego e cun proxecto nacional ).

6. Fortalecer o espazo da esquerda alternativa democrática e soberanista baseándose nun proceso de converxencia necesario e dunha actualización do seu ideario político e ideolóxico (MpB, FPG, EI, PCPG).

2 comentários:

  1. Dis que non hai que crear partidos novos. E estou de acordo: abonda con D3 http://www.d-3.info

    Está aí para ser o instrumento baleiro de programa que encher coas propostas de toda a sociedade galega (ou española, xa que é o ámbito no que naceu).

    ResponderEliminar
  2. Dis que:
    _Non se trata de crear un novo partido pois ademais de que non tería espazo electoral se o chegara a ter volvería a reproducir os pasos dados polos anteriores, isto é: a medida que subiran en votos irían “adaptando” as súas políticas ás necesidades de crecemento electoral ata comezar a baixar de novo unha vez que se afastan da súa base social._

    Mais estás a falar dun partido tradicional. Evidentemente non temos que caer nese camiño que demostrou a súa ineficacia polos problemas que ti mencionas e mais por outros. En calquera caso sería un camiño difícil e lento.

    Por que non collermos un atallo por onde menos o espera o sistema?

    Por que non usarmos un anti-partido para rachar coas barreiras deses teitos electorais da esquerda?

    O único medo é se non cremos na democracia directa como a única forma de democracia auténtica.

    ResponderEliminar