29 de maio de 2012
Fin de etapa
21 de março de 2012
Non valen escusas
Algúns viñamos observando, de certo que non pasivamente, como existía unha corrente de fondo, en maior medida no BNG pero tamén no PSdG, que esixía cambios para re-conectarse cunha sociedade cada vez máis alonxada dos partidos.
O movemento d@s indignad@s, ao marxe das súas propostas concretas máis ou menos certeiras, veu a situar enriba da mesa unha desafección clara e rotunda da cidadanía cara aos partidos tradicionais e as formas que estes teñen de entender a política.
Tratábase maioritariamente de xente nova que nin tan sequera entrara a formar parte dos mesmos, por que algo lle cheiraba mal nas súas dinámicas internas. Unha sensación que por outro lado tiñamos vivido aqueles que noutro tempo participamos das estruturas partidarias.
Hai uns meses tiven ocasión de asistir a un debate sobre os vintecinco anos do parlamento galego. Nesa mesa redonda, e a pesar de que nela participaban algúns dos analistas máis sisudos do panorama galego, todos eles defenderon dogmaticamente a estabilidade da estrutura de partidos en Galicia como algo pechado e inamovible.
Non entenderan nada do que estaba a ocorrer na rúa. Unha vez máis as ciencias sociais amosan unha clara desvantaxe metodolóxica sobre as ciencias naturais. De novo, como ocorrera co desmerengamento do bloque soviético, coa primavera árabe, os analistas pillounos co pe cambiado e sen saber que dicir máis aló dos tópicos e dos lugares comúns.
O 29 de xaneiro, data da última asemblea do BNG, non so voou polos aires a estrutura de partidos en Galicia senón que correu algo máis.
A militancia da esquerda política fartouse de ser súbditos do partido a ser cidadáns libres con franxas de pensamento autónomo e capacidade de resolver contradicións.
As persoas con ansias de cambio social e defensa da nación observaron que as antigas estruturas en declive non servían para formular unha proposta nacional de cambio.
Os activistas sociais e políticos, outra hora enfrontados por matices indescifrables e por miserias humanas, podían xuntarse arredor dun novo proxecto alternativo, nacional e de esquerdas.
Agora tratábase de facer política no século XXI, coas contradicións propias do momento que nos tocou vivir.
Contradicións dun modelo esgotado no que ademais de produtores témonos convertido fundamentalmente en consumidores, onde a supervivencia do planeta pasa a primeiro plano e onde a liberdade adquire novas dimensións políticas e económicas afogadas por un sistema monopolista onde os oligopolios teñen vertebrado un modelo totalitario global e onde os gobernos son meros xestores das directrices emanadas desde institucións privadas ao seu servizo.
Tratase de facer política superando as propostas ideolóxicas do século XIX-XX e afrontando os retos deste inicio de século complexo e vertixinoso.
Substituíndo as estruturas propias de modelos de ‘asalto ao poder’ ,construídas en situacións totalitarias ou de grandes carencias democráticas, por modelos de organizacións amplas e plurais cooperativas que permitan incorporar á maioría social receptora dun programa de cambio estrutural.
Enfrontámonos a perigos inmensos para os dereitos sociais, nacionais e planetarios e por ende sabendo situar cales son as contradicións principais do noso tempo.
Non valen escusas esencialistas que sitúan algunhas contradicións importantes pero necesariamente integrables como centrais e excluíntes.
Non vale escusas principistas que sitúan elementos ideolóxico-teolóxicos por riba dos principios políticos e éticos para a defensa do ben común e da nación.
Non vale buscar en elementos nominalistas escusas. Quebrouse o formato de nacionalismo ideolóxico e polo tanto é posible vertebrar un proxecto nacional desde o recoñecemento nacional da nosa realidade e na busqueda de maiores cotas de autogoberno cidadá (nacionalismo político). A soberanía pode expresarse con diferentes resolucións políticas nun espazo común, desde o autonomismo forte ata o independentismo, pero debemos ser honestos: as propostas federalistas deben partir da soberanía das partes e non quedar reducidas ás decisións que por maioría se toma en consellos chamados ‘federais’ con residencia fora nunha versión política dos ‘paraísos fiscais’.
Tamén debemos ser leais á hora de abordar a cooperación política. Temos que construír un proxecto formado por homes e mulleres libres, culturalmente plural pero necesariamente aberto e participativo. Non valen compartimentos estanco, nin a superioridade política ou de ideas de uns sobre outros. Debemos ser colaborativos no político e creativos na construción de sínteses culturais de ideas.
Senón somos quen de facer iso, debemos con honestidade preguntarnos en que se diferencian os nosos proxectos políticos dos partidos de ‘vangarda’ que con tanta contundencia criticamos.
É o momento de arriscar. A preguiza intelectual leva inevitablemente ao conservadorismo político.
Non valen escusas !
3 de março de 2012
Empatía, responsabilidade ética e tolerancia
Aquel neno
pincháballe os ollos
ós paxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña
de aire e de luz,
ese rocío limpo
de mañanciñas frescas.
Logo botábaos
a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
da súa casa,
con un ruído
moi triste.
Creceu e foi de aqueles.
Luís Pimentel
Pódese imaxinar alguén máis inocente que un cativo ou unha cativa. Difícil ! Este poema impacta, non deixa indiferente.
Seguramente pensemos cando di ‘foi de aqueles’ na persoa exacta. Viranos á cabeza aqueles que trafican cos soños dos demais e humillan, torturan e asasinan a outros seres humanos.
Pero ben poderían facelo, e de seguro que o fan, con outros seres non humanos. Porque o mecanismo de vileza é o mesmo.
Recordo ter lido, non lembro onde, que durante a guerra ‘civil’ o famoso toureiro ‘Manolete’ distraia aos seareiros toureando presos políticos. Que estampa máis terrible! Seguramente corearían ‘Olé!’ coa mesma intensidade que a outra tarde ás cinco no tendido de sol coreaban ‘Olé!’ cando o ‘maestro’ capeaba a un toro.
O filósofo Jesús Mosteirín tivo a ousadía de afirmar na comisión do parlamento catalán que debatía sobre o futuro da ‘festa nacional’ que as corridas de toros eran igual de inmorais que a ablación do clítoris ás mulleres practicadas nalgunhas comunidades africanas.
E, aínda que a comparativa, poida ser nun primeiro momento, especialmente rexeitable, analizado en detemento darémonos conta de que en realidade o molesto non é a comparación dos feitos, senón en que lugar nos coloca.
O noso eurocentrismo non nos permite que a nosa categoría moral, tras tantos anos de ilustración, estea situada ao nivel de outras cultural do Sur, por suposto inferiores.
O noso etnocentrismo non nos permite aceptar o caracter de suxeito [filosófico] aos seres non humanos, mantendo a diferenciación entre entes ónticos e entes ontolóxicos en base a capacidade de razoar.
O noso androcentrismo que permitiu ata hai ben pouco situar á muller fora da condición de suxeito, demagoxicamente ocultámolo para afirma que esta é unha argumentación sexista.
Bastaría con buscar unha argumentación baseada no respecto e no rexeitamento ao sufrimento para con outros para desterrar as practicas das corridas de touros.
Seria suficiente unha mirada limpa para darse conta que as supostas tradicións culturais, sexan de torturas de animais ou de castración sexual de persoas, son iso lamentables tradicións pero non poden ter o ‘status’ de culturais.
A filosofía e o pensamento ten ido ensanchando o concepto de ‘suxeito’ desde un primeiro estadio restritivo, por razóns de clase ou xénero, ata un estadio máis amplo.
Pero, vaiamos máis ala, poñamos en cuestión as nosas crenzas tal como plantexa a filosofía fenomenolóxica, ensanchemos o suxeito, ampliémolo aos seres non humanos en tanto en cuanto realidade corporea que constrúe espazo, que formatea o tempo e que valora emocionalmente.
Demos un paso máis, asumámonos como seres parte dun ecosistema integrado, que temos unha responsabilidade co noso hábitat, co planeta, e cos nosos veciños, os animais non humanos.
Entendamos os nosos sentimentos, na base da nosa corporalidade, como unha habilidade pre-racional que nos sirve para analizar con rapidez a realidade para reaccionar.
Como un medio para expresar [a outros], para facerse comprender. E a vez recibir, a través das emocións dos outros, información de cómo esta e cal vai ser a súa reacción.
As especies están en interacción con outros seres vivos [tamén doutras especies] e as emocións teñen unha importancia central, por iso se teñen mantido ao longo do proceso evolutivo.
De tanto contemplarnos cono seres intelixentes e superiores temos esquecido que somos animais e con elo deixamos a nosa esencia de ‘animalidade’, perdemos o contacto con esa parte nosa e coa natureza e tamén de paso perdemos estratexias ou habilidades de supervivencia.
Pensemos que quizais por iso é posible que non sobrevivamos. Perdemos o olfacto da supervivencia e a pesar de que tódolos datos ‘racionais’ nos din que estamos actuando de xeito ‘homicida’, pero tamén ‘suicida’ con respecto á natureza a nosa capacidade de reacción é mínima.
As emocións primarias [medo, enfado, tristura e alegría] son comúns a todos os mamíferos e son á vez estratexia de supervivencia e capacidade de reacción cos demais seres.
E eses sentimentos nos levan á empatía [emocional] como habilidade para poñerse no lado do outro. E iso nos leva directamente á tolerancia [primaria].
A empatía e a tolerancia son estratexias presentes en moitos seres humanos e non humanos. Tratase de estratexias pre-racionais para vivir e para con-vivir cos demais coa mínima molestia e salvagardando a convivencia en paz.
A intolerancia, máis aló do necesario, xurde na racionalidade. Construímos muros de separación e deseñamos guerras e estratexias bélicas froito da nosa capacidade non para defendernos, como os animais non humanos, senón para atacar.
E así é como construímos ‘divertimentos’ que se basean no ataque, no combate e na tortura de outros seres.
O raciocinio forma unha envoltura, reconstrúese os sentimentos, canalizase, manipúlanse e distorsiónanse.
Recibimos información doutros seres e debemos responder a esas demandas.
Si as demandas son positivas como o son un sorriso amable, unha voz cálida, uns ollos enigmáticos ou un xesto cálido a non resposta converteríanos nun seres insensibles.
Se as demandas son negativas como un berro esixindo xustiza, unha mirada triste diante dun desastre medioambiental, unha suplica nas sombras ou unha pena interior a non resposta convértenos nuns seres cínicos.
As emocións son corpóreas, polo tanto innatas non é necesario educalas, cultivalas, racionalizalas ... basta con non castralas.
A intelixencia racional é un arma de dobre fío. Se utilizamos a razón con sensibilidade podemos agrandar a nosa empatía e a nosa proximidade; se pola contra nos deixamos levar pola ditadura da razón, polo racionalismo, nos converteremos nuns monstros capaces unicamente de relacionarnos con nos mesmos.
En todos caso esta actitude de ausencia de responder moralmente diante das demandas dos outros invalida calquera pensamento ‘ilustrado’ que sobre a ética se poida facer en base a categorías. A filosofía, entón, perdería a súa razón de ser.
Volvendo ao principio. De seguro que non hai nada máis inocente que un cativo a xogar, pero tamén de seguro que o cativo que observa unha realidade violenta ou racionalmente se lle predispón para a maldade pode co tempo chegar a convertese nun ‘de aqueles’.
(publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/113/empatia-responsabilidade-etica-e-tolerancia)
27 de fevereiro de 2012
Entrevista sobre EcoGaleguistas
Vivimos tempos de crise-transición-esperanza e hai miles de homes e mulleres dispostos a traballar por unha Galicia máis xusta nun mundo máis habitable.
Despois do encontro, presidido de xeito integrador por Manuel Dios, e na que estivemos xuntos camaradas de ideas e irmáns de nación fixéronme para Galicia Confidencial a seguinte entrevista que creo achega o espírito co que queremos actuar e partillar con outros e outras.
17 de fevereiro de 2012
Marx, Castelao, Beiras, ... traidores!
levantará a historia unha estatua para mín.
Eu sei que me condena a vosa demencia suma,
¿por qué? ... Porque as luces busquei da verdade,
non na vosa falsa ciencia que o pensamento atafega
con dogmas e mitos roubados a outra idade,
senón no libro eterno do Universo mundo,
que encerra entre os seus folios de inmensa duración;
os xermes benditos dun porvir fecundo,
baseado na xustiza, fundado na razón.’
A xeito de epitafio, 1600. Giordano Bruno
Xoán Hermida
Un xa viña acostumado a ver como xente de esquerdas era vilipendiada durante a súa vida pola única traizón de ser cidadán e non súbdito, de ter un pensamento propio e pensar diferente ao que decidían os que mandan.
Existe en Galicia, e tamén nas comarcas, notarias que expenden o certificado de nacionalistas e de esquerdistas. Para a súa obtención o funcionario oportuno, ao igual que facía a policía do antigo réxime, pídeche un certificado de penais que obtés no departamento de formación ideolóxica tras pasar un acelerado cursiño catecomunal de marxismo[guión]leninismo en versión política de “el ingles con 1000 palabras”, no que non pode faltar un resume debidamente preseleccionado e apostillado do Sempre en Galiza.
Nunca pensei que puidera chegar a albiscar que eses funcionarios terían a ousadía de tachar a Xosé M. Beiras de anti-nacionalista.
Seica agora é “galeguista, europeísta e burgués”. Pero, iso non era acaso Castelao e Bóveda? galeguistas, europeístas e burgueses. Dende logo Castelao foi aquel ‘traidor’ ao nacionalismo que coordinou esforzos con cataláns e vascos na Galeusca, que posteriormente e diante da chegada da barbarie fascista participou do Fronte Popular coa esquerda española, e por último tivo a mala idea de participar coma ministro no goberno da república no exilio.
Foi Engels o que nunha glosa sobre Marx dixo a propósito dos marxistas que o seu amigo elaborara unha teoría para xigantes e os seus seguidores parecíanse ás pulgas.
Normalmente estes conservadores da orde e fixadores de crenzas ao igual que os antigos escolásticos seguen o proceso de embalsamento dos seus precursores e a súa correspondente momificación doutrinal. Non teñen en conta a evolución do seu pensamento en función das dinámicas evolutivas da vida e fan unha fotografía fixa facendo o necesario proceso de amputación e descontextualización para converter un pensamento poliédrico e elevado nunha caricatura ridícula.
Que fio condutor pode existir entre o ‘Sermón da Montaña’ de Xesús de Nazaret coas encíclicas de Bieito XVI ?, Que teñen en común os manuscritos ‘grundisse’ ou a ‘Crítica ao programa de Ghota’ de Marx coas resolucións dos partidos stalinianos?, Que similitudes pode existir entre o ‘Sempre en Galiza’ de Castelao co documento político da XIII Asemblea do BNG? Absolutamente nada. Como advirten nos créditos dalgún filme que recrea unha realidade ‘as personaxes e as situacións teñen sido cambiadas, calquera parecido coa realidade é pura coincidencia’.
De seguro que de estar vivos arremeterían contra os seus supostos seguidores e secuestradores do seu ideario. Pero por suposto eles están mortos e non teñen dereito de replica.
E que pasa se como o caso de Beiras están vivos?.
Entón a reinterpretación non é posible, o autor pode apostillar aos seus contemporáneos e mesmo ten dereito a autoemendarse se o considera oportuno. A solución está clara: poñer en marcha a maquinaria inquisitorial para baixalo do santoral e de paso, se puidera ser, excomungalo.
Era o propio Marx quen advertía contra o perigo das ideoloxías como elemento supraestrutural subxectivo que podía ser utilizado como corpo doutrinario para defender o status quo.
Nese senso o necesario debate plural de ideas deixa de ser cultural para converterse en ideolóxico e pasar posteriormente a teolóxico.
As ideas nese marco convértense en estruturas ríxidas e impermeables, aderezadas coa súa correspondente liturxia e ornamento e faise imposible un debate de ideas evolutivo que permita unha síntese dialéctica superadora (no sentido hegeliano).
Así, a necesaria cooperación política convertese en competición política entre os supostos aliados.
Faise necesario espazos plurais e amplos fronte aos oligopolios que ditan as súas políticas a favor dunha minoría e en contra da maioría das persoas e do planeta. Pero para elo non poden existir tribunais da inquisición (partidos guía) nin cotas ou espazos de poder estancos.
A política transformadora do século XXI ten que construírse sobre o Cooperativismo Político e sobre o debate cultural e non o ideolóxico.
So así seremos irmáns de nación e camaradas de ideas e non acompañantes nunha viaxe cara ao inferno.
15 de fevereiro de 2012
O espírito do 29 de xaneiro
Non tiven ocasión de vivir o proceso de Riazor’82. Un ano antes xa marchara -en realidade convidaranme a saír- daquel club privado chamado ERGA. Decidín deixar de ser súbdito e adquirir a condición de cidadá a sabendas que a franxa de pensamento autónomo xera algún que outro inconvinte e mesmo, en xente pasional coma min, máis de unha metedura de zoca que a xente de ben te perdoa e a outra anota na folla de penais.
Así que non estou disposto, por nada do mundo, a perderme este novo proceso constituinte da alternativa galega’12.
O pasado 12 de febreiro tiven a ocasión e a honra de asistir a asemblea aberta do Encontro Irmandiño. Non podo dicir coma Henrique Tello que da gusto estar nun sitio onde se saúda todo o mundo pero é comprensible, despois de moitos anos o cancro do sectarismo tamén ten as súas pequenas metástases que teremos que ir curando, e como dicía o propio Tello sen facer moito caso dos comentarios das novas electrónicas. Ao fin e ao cabo un acaba asumindo que a diferenza de Alfredo P. Rubalcaba e algún outro, un é un menxevique e mesmo un menxevique dos menxeviques.
No ambiente excitante e ilusiónante do encontro do pazo de congresos de Compostela había un algo de congreso constituinte, ao igual que o haberá de seguro o 25 de febreiro, o 11 de marzo e o 17 de marzo.
Pero equivocariámonos se nos autocomplaceramos cos centos de persoas que se arrexuntan arredor desta citas. Temos que ir máis aló.
Son dos que penso que o BNG como alternativa política e como referente electoral da esquerda galega esta amortizado hai tempo.
Que ademais o 15M non so veu a certificar a desafección da cidadanía pola política institucionalizada e polos partidos como interfaces, nomeadamente os de esquerda, senón que posibilitou a visibilización da idea que era posible construír novos espazos políticos e que ademais o armazón político-institucional saído da transición estaba esgotado.
No caso de Galicia o estatuto, a súa imposibilidade de renovación, e a estrutura de partidos herdada do fraguismo saltou polos aires.
Así que todo parecía indicar hai algún tempo que era o momento e había masa crítica suficiente para encetar unha nova singradura.
Sendo isto verdade, non é menos certo que na teoría política sobre movementos sociais e transformadores, analizase que para que o cambio se produza necesítanse factores políticos (oportunidades políticas), necesítanse novas ferramentas (estruturas de mobilización) pero igual de necesario son os marcos identificativos (procesos enmarcadores).
Nese senso o traballo realizado por Encontro Irmandiño, + Galiza e outros sectores renovadores do nacionalismo previo a XIII asemblea do BNG non son so plausibles senón foron necesarios para que a xente se encontrara, se recoñecera e se identificara cun constructor alternativo ao dominante no nacionalismo.
Así pois, como hai un antes e un despois do 15 –M en canto á percepción que a cidadanía ten da política, existe un antes e un despois do 29 de xaneiro en tanto en canto se crean as condicións políticas, instrumentais e identificativas para a construción dun novo referente, todo elo ademais reforzado por un liderado moral e ético que ten, nestas complexas circunstancias, estado á altura con xenerosidade e valentía.
Pero equivocaríanse os dirixentes de +Galiza ou de Encontro Irmandiño, de Esquerda Nacionalista ou do PNG, se pensaran que a reconstrución dun espazo estaría feita pola reunificación fora dos seus respectivos seguidores.
Convén ir máis aló.
- Construír un novo espazo nacional (nacionalista no político) que permita incorporar persoas que senten o país, o defenden e o sitúan no centro da súa intervención política e social máis aló das definicións formais.
- Construír un espazo plural e flexible. Amplo pero lonxe dos partidos clásicos convertidos en prolongacións das institucións e combinativo fuxindo do frontismo entendido coma partido guía e grupos satélites ou da mesa de partidos para arrepañar cotas de poder interno.
- Introducir na axenda os elementos de contradición política do século XXI, tanto no que son as novas correntes da esquerda global que sitúan como centro a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social global, nunha versión nova do socialismo lonxe do corporativismo ou do desarrollismo da etapa anterior e os elementos de radicalidade democrática e loita contra a corrupción política que introduciron os novísimos movementos sociais.
E todo iso sen renunciar as luces do pasado pero sinalando con forza as sombras da etapa anterior.
Tempos de crise, tempos de transición, tempos non que os referentes petrificados caen e xorden novos espazos máis líquidos en construción.
Esa é a tarefa de ‘agiornamento’ tal como a foron realizando nos últimos anos o altermundismo e os movementos sociais máis avanzados.
De xeito unitario pero sen esquecer que a unidade sen renovación ademais de pura melancolía leva a parálise e a autodestrución por inanición.
Recordando como dicía Rosalía de Castro que “a quen se muda, deus o axuda”.
( publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/67/o-espirito-do-29-de-xaneiro/ )
4 de fevereiro de 2012
O Sorriso de Feijóo
Xoán Hermida
Rematados os procesos congresuais do BNG e do PSOE, e toda vez que o que pase no PSdG é xa irrelevante, a única esperanza para o cambio en San Caetano so pode vir da man do nacemento dunha nova forza na esquerda galega.
As citas destas organizacións de esquerda e doutras amosan unha vez máis a incapacidade dos aparatos dos partidos políticos para asomarse ao século XXI con naturalidade.
O 15-M puxo de evidencia a desafección da cidadanía cos partidos políticos en xeral e cos da esquerda en particular. Nunha situación de normalidade todo indicaría que as forzas políticas tomarían nota e mudarían de rumbo, pero moi polo contrario parece que apostan polo suicidio colectivo.
E verdade, tal como afirma o sociólogo catalán Antoni Gutiérrez que os partidos perderon a exclusividade da acción política pero máis aló cabería esperar que non descoidara o seu imprescindible papel de interface institucional. Non parece que ese vaia a ser o camiño, alúmenos a curto prazo
Non obstante destas citas tamén sae un rasquizo para a esperanza pois o resultado das mesmas aplanan o camiño para a constitución dun nova forza da esquerda galega de ampla base.
Forza que vai necesitar do espazo renovador que se aglutinou arredor de Xosé Manuel Beiras na última asemblea do BNG pero que tamén vai necesitar de novos nutrientes dunha esquerda nacional que non ten participado de ningunha das dúas forzas políticas centrais da esquerda galega nos últimos vinte anos.
Tratase de construír unha nova alianza ampla de cambio que recolla o mellor da tradición do BNG e do PSdG pero que a súa vez incorpore aqueles elementos centrais das axendas sociais deste inicio do século XXI, democracia, ecoloxismo e ética, que a permitan converterse nun gran espazo nacional alternativo á hexemonía do PP.
Co tándem Vazquez&Vazquez, Feijóo pode durmir tranquilo e feliz. Necesitamos crear novos espazos que lle quite o soño e borre o sorriso ao ocupante de Monte Pío.
( publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/36/o-sorriso-de-feijoo/ )
3 de fevereiro de 2012
Regreso ao futuro: #goodbyefraguismo (1)
Xoán Hermida
A raíz dos últimos acontecementos nos que Galicia está inmersa poderiamos afirmar que ao noso país parece que lle mirou un torto.
Mesmo poderiamos aplicar dúas frases feitas para a ocasión: “Non hai peor cego que o que non quere ver” e “no pais dos cegos o torto é o rei”. Con ser certo en parte estas sentencias non deberiamos deixarnos levar por unha realidade adversa ou pola melancolía.
Fraga liquidou as posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica por medio dun dobre xogo: favorecer o localismo de corte españolista do vazquismo no PSdeG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido fundamentalista. Con esa combinación a dereita sabe que terá ocupada a Xunta de Galicia a maior parte do tempo e so cando se dean unha condicións extraordinarias coma as que se deron a mediados da década pasada, axudados por unha situación de emerxencia coma a do Prestige, poden ceder temporalmente o seu domino.
Parece que o fraguismo se resiste a morrer !
Así foi e así parece que vai seguir sendo se temos en conta os resultados, por outra parte xa esperados, da última (derradeira ?) asemblea do BNG.
No PSdeG as cousas non pintan mellor, e ou por un cambio radical no PSOE puidérase producir un efecto domino, ou a ausencia de proxecto nacional impedirá que reciba o respaldo maioritario da cidadanía.
Xa hai tres anos nun artigo titulado “non hai partido” explicaba os motivos polos que pensaba que a batalla por renovar e actualizar a esquerda nacional dentro do BNG non tiña posibilidade. Fundamental esa imposibilidade sustentábase en que a base renovadora do BNG xa non estaba dentro senón fora. Aínda así a batalla pola renovación e converxencia da esquerda nacional ten e debe darse en distintos frontes e á vez, e aínda que con todo seguridade a alternativa habería que construíla fora, so cabía agradecer a xenerosidade, a valentía e a supremacía ética coa que estivo a actuar Xosé Manuel Beiras.
Agora ben, toda vez que o BNG abandonou o bloque (no sentido de construción hexemónica), correspóndelle agora ao bloque (histórico) abandonar o BNG (siglas) aínda que sexa con 10 anos de retraso.
Que podemos facer as cidadás e os cidadáns para salvagardar o ben común en primeira instancia e para construír a alternativa en segunda, diante dun BNG disposto a escusarse como alternativa e a un PSdeG que renunciou hai tempo a defender ao país.
Construír a alternativa sobre novos parámetros.
Trala caída do muro de Berlín e despois do fin de etapa dos partidos comunistas, non era máis que unha cuestión de tempo que asistiramos tamén ao fin de etapa dos partidos socialdemócratas tal como os coñécemos ata hoxe.
A esquerda se ten que refundar baixo unhas novas claves de transversalidade e abordando as novas contradicións, fundamentalmente ecolóxicas. O ecosocialismo acaba de darlle o ‘sorpasso’ á socialdemocracia clásica en Finlandia, e probable que ocorra o mesmo en Alemaña. Namentres algúns aquí empéñanse en seguir construíndo a alternativa ao PP sobre proxectos do século XIX.
O capitalismo monopolista pon de manifesto dúas grandes contradicións: a falacia do liberalismo, pois este tal como foi formulada polos seus teóricos non existe; e a propia supervivencia do planeta, pois o lucro carece da sensibilidade mínima para pensar nas xeracións vindeiras e nas outras especies coas que convivimos. Curiosamente diante desas dúas realidades o nacionalismo e a esquerda segue maioritariamente a debaterse entre comunismo ou socialdemocracia, dúas versións da mesma esquerda eurocentrista, etnocentrista, corporativista e industrialista.
Cantos anos teremos que esperar, unha vez máis, para que en Galicia estean presentes as correntes que se moven na esquerda avanzada global ?
Faise necesario abordar a política con novos prismas, cun cambio metodolóxico radical e un cambio epistemolóxico central.
Construír un polo de ecoloxismo político que poña na axenda os elementos fundamentais do noso tempo, unha esquerda renovada que conecte coas demandas de radicalidade democrática da cidadanía.
Pero hai máis. Tamén hai que vertebrar unha alternativa nacional antimonopolista que agrupe á maioría de afectados polas directrices das políticas neocom que saen dos nosos gobernantes ao ditado das grandes corporacións.
Para elo debemos de destruír as dicotomías (sen solución dialéctica) na que temos estado inmersos nos últimos decenios.
Reforma versus revolución. Re-evolución. Non é posible cambios estruturais senón se impulsa antes un programa de políticas de reforma forte e reciprocamente non se abordan as reformas necesarias senón se enmarcan nun proxecto de cambio estrutural.
Nacionalismo versus non nacionalismo. Nacional. O carácter nacional como punto de encontro daquelas persoas que se recoñecen como parte dunha mesma nación e avogan por avanzar no seu autogoberno. Entre o illacionismo esencialista e o sucursalismo cástrante , cabería apuntarse a construír un proxecto propio en réxime de ‘joint venture’ con outras forzas necesarias para o cambio social e a biodiversidade plurinacional.
Desenvolvemento versus conservacionismo.Sustentabilidade. O modelo produtivista da esquerda europea do século XIX ten sido prexudicial para a maioría da poboación que habita nos países do Sur e ten colocado ao planeta ao borde do infarto ecolóxico. Soamente desde a sustentabilidade e a economía eco-social é posible desenvolver un programa global de desenvolvemento que tendo en conta os limites do planeta plantexe novas miradas e novos niveis materiais e espirituais de benestar.
Para elo faise necesario acabar coa herdanza do fraguismo en tódalas súas dimensións (#goodbyefraguismo) e de paso regresar ao futuro.
(publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/9/regreso-ao-futuro-goodbyefraguismo/)
15 de janeiro de 2012
Good bye, Fraga!
O fraguismo so se desmantelará en Galicia cando se de-construían un a un tódolos mecanismos, estruturas e ferramentas creadas durante esa etapa. Tanto se estiveron ao seu servizo como se foron contrarios ao mesmo forman parte dun modelo político-institucional pasado que, lamentablemente, aínda sigue vixente.
A Galicia de hoxe é froito de múltiples factores antropolóxicos, económicos, sociais, culturais e políticos que de xeito transversal nos teñen convertido en algo diferente e poliédrico.
A Galicia político-institucional de hoxe, pola contra, é froito do esquema dun ‘conducator’, Don Manuel, con dous obxectivos claros e complementarios: construír un modelo político limitado e reducionista seguindo a súa teoría da maioría natural e do sistema de partidos bipartidista británico e de paso construír un neo-rexionalismo que destruíra a nación na que ás veces Galicia parecería querer converterse.
Moito se ten falado sobre o porque da obsesión de Fraga coa barreira electoral do 5% nas eleccións autonómicas. Que se era para impedir o xurdimento de futuras escisións na dereita galega. Que se ben era para destruír a esquerda galega moderna e impedir construír unha hexemonía alternativa.
Fraga chegou a Galicia precedido pola fama de estadista e coa convición da necesidade dunha cobertura ‘galeguista’ se quería liderar unha maioría conservadora, que aínda que hoxe pareza incrible, pasárase a transición dividida e mesmo enfrontada.
Na primeira metade da década dos noventa o PPdeG coa entente Cuíña/Cacharro/Victorino a fronte e tutelados por Fraga tratou de culminar o proceso de galeguización que xa noutros tempos intentara Xosé Luís Barreiro; non exento de oposición no feudo máis tradicional - A Coruña de Romai -.
Iniciou unha serie de políticas destinadas a reforzar esa imaxe rexionalista, aprobando políticas de ‘galeguización limitada’ no lingüístico ou no cultural.
Os seus conselleiros estrelas eran Xosé Cuiña, encargado de vertebrar e modernizar Galicia e ‘superar o seu illamento secular’, e Jesús Pérez Varela, técnico de agit-prop, autentico animador dos seráns estivais, inventor do fenómeno Xacobeo e impulsor dun lobby de folclóricos que machaconamente nos recordaban que Galicia era ‘diferent’. Daqueles anos é o boom do ‘Luar’ que se ten convertido na imaxe da Galicia cultural do fraguismo.
Ata o propio Jordi Jujol chegou a loubar a proposta da Administración Única de Fraga, e este a súa vez copiou o modelo pactado de transferencias - mesmo aproveitando os resortes que o Estado ofrece o proxecto economicista e empresarial da Europa rexional - Eixo Atlántico/Países Cataláns ...
Esa primeira etapa galeguista-rexionalista deu paso, tras a defenestración do permanente ‘delfín’, Xosé Cuiña, a unha nova dereita onde o factor galeguista pasou a ser un compoñente máis, marxinal, dun grande entramado hexemónico.
Alguén podería crer que dada a inquina coa que o PP de Feijoo trata a Galicia, a etapa de Fraga é para botala de menos. Nada máis impreciso.
A Galicia política de hoxe está construída a imaxe e semellanza do pensamento e a acción política de Don Manuel.
A anorexia política existente foi conscientemente deseñada desde os laboratorios de ideas da dereita na rúa do Hórreo e mediático do polígono de Sabón. Era unha anorexia construída non para liquidar a dereita galeguista ou a esquerda innovadora senón fundamentalmente para poñer de xeonllos ao pais e deixalo sen alternativa por anos.
O reducionismo institucional deseñado na administración única e cuxa máxima expresión é a última remodelación de goberno da Xunta de Galicia non tiña como obxectivo mellorar a eficacia do goberno e a eficiencia da administración pública senón situar a Galicia lonxe das realidade das comunidades nacionais catalá e vasca e incorporala no espazo uniforme da España rexional.
As posibilidades de construír unha dereita nacional evitounas Fraga nos seus decenios de goberno desmantelando, un por un, os sectores estratéxicos da nosa economía, a maioría das veces coa complicidade do goberno central e coa ‘escusa’ do mercado común europeo. O esperpéntico periplo da transformación de varias caixas de aforro nunca entidade bancaria en ruína é a guinda deste proceso.
As posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica liquidounas por medio dun dobre xogo: favorecer o españolismo vazquista no PSdG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido ‘marxista-leninista’ (por favor prego non confundir co pensamento de Lenin e moito menos co de Marx! ).
Ás posibilidades de crear un pensamento científico e crítico asestóuselle un golpe de graza cando se desmantelou a única universidade galega con posibilidades de campus especializados e departamentos con recursos e pasouse a construír tres universidades rexionais competitivas entre elas e cunha crecemento xeométrico de fondos para administración namentres que un estancamento de inversións para docencia e investigación.
O fraguismo tivo en Galicia consecuencias moi perniciosas pero –quizais- a maior delas foi a construción dunha sociedade clientelar regada por subvencións que aniquilou a necesaria burguesía produtiva que levantase a nosa economía e vertebrara a nosa identidade nacional e que adocenou a sociedade civil para que non puidera cohesionar a defensa dos valores materiais -sanidade, ensino, políticas sociais, recursos naturais,…- e espirituais – cultura, lingua, felicidade, cooperación.. - do ben común.
Por iso, fronte aos falsos reflexos que o paso do tempo poida ter sobre nós, sen animadversión ningunha, so se me ocorre dicir “Good bye, Fraga!”, desexando infrutuosamente que con el se marche todo a súa negativa herdanza, e sobre todo lamentando que Isaac Díaz Pardo non o sobrevivira.
(publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9466.html)
5 de janeiro de 2012
In memoriam
3 de janeiro de 2012
O grande erro da esquerda
Xoán Hermida
Hai uns días o profesor Vicenç Navarro publicaba un artigo co titulo ‘O grande erro da socialdemocracia’. Sen querer puntualizar nin o máis mínimo o correcto argumentario de dito artigo onde se analizan as dúas visións na socialdemocracia alemá e por extensión a europea, creo non obstante que o erro da socialdemocracia, e da esquerda en xeral, hai que buscalo máis aló daqueles puntuais que esta teña cometido na última década.
A esquerda en xeral, socialdemócrata ou radical, leva varias décadas en crise ao non ter construído unha alternativa crible e aceptable pola maioría, situándoa non máis aló da mera xestión progresiva do capitalismo.
Tras a caída do muro de Berlín, co colapso económico e social do modelo burocrático e totalitario staliniano, era cuestión de anos que o modelo socialdemócrata tamén entrara en crise.
O modelo de Bretton Woods, deseñado nas postrimerías da 2ª Guerra Mundial, atopábase con dúas eivas para poder globalizarse: unha de cuestión política, a existencia dunha alternativa ao modelo de comercio internacional, e unha segunda de carácter técnico, a ausencia de tecnoloxía da comunicación que permitira facer transaccións comerciais ao instante que permitira pasar dun capitalismo produtivo-industrial a un capitalismo especulativo-financeiro. A finais da década dos noventa do século pasado coa caída do bloque soviético e coa revolución científico-técnica estas dúas eivas estaban resoltas e as ‘forzas do mal’ tiñan preparado o camiño para globalizar o seu modelo.
Máis dunha década despois, e coa primeira crise sistémica en plena efervescencia, as propostas son igual de erráticas formúlense desde a esquerda moderada ou desde a radical. Desde a esquerda máis pragmática simplemente se asume que non hai alternativa e que temos que aceptar o discurso dominante de recortes e contención do déficit. Desde a esquerda máis radical se intenta recuperar modelos fracasados ou ben se fai fincapé na defensa dun modelo de estado de benestar imposible de volver a reinstaurar.
O estado de benestar, tal como o coñécemos en Europa nos últimos cincuenta anos baseábase en tres fundamentos xa desaparecidos.
O primeiro, a existencia dun modelo alternativo que necesariamente obrigaba aos grandes oligopolios a facer concesións para manter a súa hexemonía
Un segundo elemento era un pacto social entre empresarios e fortes centrais sindicais asentadas en fabricas cun modelo de produción fordista onde os traballadores se encontraban unidos e facilmente organizables.
En terceiro lugar, a existencia dun ‘gueto’ de progreso no medio dun mundo global de inxustiza, onde os habitantes do Sur renunciaban a favor dun poucos privilexiados do Norte aceptando para iso réximes ditatoriais e condicións de vida miserables.
Todo isto ten voado polos aires: nin existe modelo alternativo, nin as centrais sindicais teñen a forza de antaño, nin a cidadanía do Sur está disposta -tal como se mostrou coas revolucións árabes- a renunciar a formas de vida máis dignas.
O socialismo do século XXI vai ser por forza diferente aos modelos corporativos, produtivistas, burocráticos e/ou totalitarios do século XX.
Non é posible construír o socialismo nos parámetros no que o intentan as actuais forzas políticas. Tampouco se trata de engadir múltiples cualificativos ao gusto do consumidor: democrático, ecolóxico, feminista, ...
Tratase de reconstruír un novo modelo integral –ecosocialista- que pivote sobre a radicalidade democrática, o desenvolvemento autocentrado e autosostible, e a xustiza social global.
A crise ten posto de relevo no capitalismo, o que xa se comprobara cos modelos estatalistas no pasado, que a democracia non esta ligada necesariamente a ningún réxime económico-social, que o socialismo pode ser cástrante e totalitario do mesmo xeito que o maior liberalismo económico funciona perfectamente nos réximes militares mais sanguinolentos. Así que a democracia pasa a ser un elemento central da alternativa. Democracia Real no político, como se esixe desde a sociedade civil, e democracia económica impulsando propostas de economía social, de cooperativismo ou de pequena explotacións agrarias biosustentables.
A construción dunha grande alianza antimonopolista esixe unha complexa iniciativa que constrúa dialecticamente unha política de alianzas nacionais xunto con redes rexionais de maior escala. Obviamente iso no marco dun estado plurinacional como o español incrementa as dificultades da mesma, ou si se quere unha lectura positiva esixe unha maior intelixencia e creatividade, para combinar os proxectos nacionais necesarios xunto co traballo de escala -estatal e europea- imprescindible para dar unha resposta eficaz as grandes corporacións transnacionais.
A xustiza global so vai ser posible cunha alianza altermundista entre todos os actores que actúan a favor do cambio: movementos sociais, gobernos post-neoliberais de América Latina, cidadanía emerxente dos países árabes e do Sur, e novos partidos políticos que xurdan no Norte.
Non se trata agora de recuperar falsas dicotomías propias de debates eurocentricos entre reforma ou revolución, nacionalismo ou globalidade, desenvolvemento ou medioambiente,… Tratase de construír un modelo para inicios do século XXI, diferente necesariamente ao construído pola socialdemocracia e o comunismo na primeira metade do século XX.
Farán falla programas de reformismo forte que necesariamente conduzan a un cambio sistémico, farán falla proxectos nacionais que permitan construír unha hexemonía social para un cambio global, serán necesarios proxectos de desenvolvemento sustentable que permitan unha harmonía coa natureza.
Hai cinco séculos o modelo aristotelico-ptolemaico observábase como perfecto, parecía que non existían fisuras. Copérnico introduciu un xiro radical na visión do universo, situándose simplemente nuns parámetros diferentes.
Estamos a falar dunha nova etapa que require de novas ferramentas. A esquerda plural non pode permitirse seguir vivindo nunha melancolía decadente de ‘gloriosos’ tempos pasados nin tampouco pode estar buscando as impenetrables fisuras do réxime.
Hai que trasladarse a outras coordenadas, reinventandose e dando o seu necesario xiro copernicano.
(publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9549.html)