21 de março de 2012

Non valen escusas




Xoán Hermida


Non foi nin unha casualidade nin tampouco unha conspiración.

Algúns viñamos observando, de certo que non pasivamente, como existía unha corrente de fondo, en maior medida no BNG pero tamén no PSdG, que esixía cambios para re-conectarse cunha sociedade cada vez máis alonxada dos partidos.

O movemento d@s indignad@s, ao marxe das súas propostas concretas máis ou menos certeiras, veu a situar enriba da mesa unha desafección clara e rotunda da cidadanía cara aos partidos tradicionais e as formas que estes teñen de entender a política.

Tratábase maioritariamente de xente nova que nin tan sequera entrara a formar parte dos mesmos, por que algo lle cheiraba mal nas súas dinámicas internas. Unha sensación que por outro lado tiñamos vivido aqueles que noutro tempo participamos das estruturas partidarias.

Hai uns meses tiven ocasión de asistir a un debate sobre os vintecinco anos do parlamento galego. Nesa mesa redonda, e a pesar de que nela participaban algúns dos analistas máis sisudos do panorama galego, todos eles defenderon dogmaticamente a estabilidade da estrutura de partidos en Galicia como algo pechado e inamovible.

Non entenderan nada do que estaba a ocorrer na rúa. Unha vez máis as ciencias sociais amosan unha clara desvantaxe metodolóxica sobre as ciencias naturais. De novo, como ocorrera co desmerengamento do bloque soviético, coa primavera árabe, os analistas pillounos co pe cambiado e sen saber que dicir máis aló dos tópicos e dos lugares comúns.

O 29 de xaneiro, data da última asemblea do BNG, non so voou polos aires a estrutura de partidos en Galicia senón que correu algo máis.

A militancia da esquerda política fartouse de ser súbditos do partido a ser cidadáns libres con franxas de pensamento autónomo e capacidade de resolver contradicións.

As persoas con ansias de cambio social e defensa da nación observaron que as antigas estruturas en declive non servían para formular unha proposta nacional de cambio.

Os activistas sociais e políticos, outra hora enfrontados por matices indescifrables e por miserias humanas, podían xuntarse arredor dun novo proxecto alternativo, nacional e de esquerdas.

Agora tratábase de facer política no século XXI, coas contradicións propias do momento que nos tocou vivir.

Contradicións dun modelo esgotado no que ademais de produtores témonos convertido fundamentalmente en consumidores, onde a supervivencia do planeta pasa a primeiro plano e onde a liberdade adquire novas dimensións políticas e económicas afogadas por un sistema monopolista onde os oligopolios teñen vertebrado un modelo totalitario global e onde os gobernos son meros xestores das directrices emanadas desde institucións privadas ao seu servizo.

Tratase de facer política superando as propostas ideolóxicas do século XIX-XX e afrontando os retos deste inicio de século complexo e vertixinoso.

Substituíndo as estruturas propias de modelos de ‘asalto ao poder’ ,construídas en situacións totalitarias ou de grandes carencias democráticas, por modelos de organizacións amplas e plurais cooperativas que permitan incorporar á maioría social receptora dun programa de cambio estrutural.

Enfrontámonos a perigos inmensos para os dereitos sociais, nacionais e planetarios e por ende sabendo situar cales son as contradicións principais do noso tempo.

Non valen escusas esencialistas que sitúan algunhas contradicións importantes pero necesariamente integrables como centrais e excluíntes.

Non vale escusas principistas que sitúan elementos ideolóxico-teolóxicos por riba dos principios políticos e éticos para a defensa do ben común e da nación.

Non vale buscar en elementos nominalistas escusas. Quebrouse o formato de nacionalismo ideolóxico e polo tanto é posible vertebrar un proxecto nacional desde o recoñecemento nacional da nosa realidade e na busqueda de maiores cotas de autogoberno cidadá (nacionalismo político). A soberanía pode expresarse con diferentes resolucións políticas nun espazo común, desde o autonomismo forte ata o independentismo, pero debemos ser honestos: as propostas federalistas deben partir da soberanía das partes e non quedar reducidas ás decisións que por maioría se toma en consellos chamados ‘federais’ con residencia fora nunha versión política dos ‘paraísos fiscais’.

Tamén debemos ser leais á hora de abordar a cooperación política. Temos que construír un proxecto formado por homes e mulleres libres, culturalmente plural pero necesariamente aberto e participativo. Non valen compartimentos estanco, nin a superioridade política ou de ideas de uns sobre outros. Debemos ser colaborativos no político e creativos na construción de sínteses culturais de ideas.

Senón somos quen de facer iso, debemos con honestidade preguntarnos en que se diferencian os nosos proxectos políticos dos partidos de ‘vangarda’ que con tanta contundencia criticamos.

É o momento de arriscar. A preguiza intelectual leva inevitablemente ao conservadorismo político.

Non valen escusas !

Sem comentários:

Enviar um comentário