Marx, Castelao, Beiras, ... traidores!


‘Queimádeme, que maña, onde prendades a fogueira,
levantará a historia unha estatua para mín.
Eu sei que me condena a vosa demencia suma,
¿por qué? ... Porque as luces busquei da verdade,
non na vosa falsa ciencia que o pensamento atafega
con dogmas e mitos roubados a outra idade,
senón no libro eterno do Universo mundo,
que encerra entre os seus folios de inmensa duración;
os xermes benditos dun porvir fecundo,
baseado na xustiza, fundado na razón.’

A xeito de epitafio, 1600. Giordano Bruno

Xoán Hermida

Un xa viña acostumado a ver como xente de esquerdas era vilipendiada durante a súa vida pola única traizón de ser cidadán e non súbdito, de ter un pensamento propio e pensar diferente ao que decidían os que mandan.

Existe en Galicia, e tamén nas comarcas, notarias que expenden o certificado de nacionalistas e de esquerdistas. Para a súa obtención o funcionario oportuno, ao igual que facía a policía do antigo réxime, pídeche un certificado de penais que obtés no departamento de formación ideolóxica tras pasar un acelerado cursiño catecomunal de marxismo[guión]leninismo en versión política de “el ingles con 1000 palabras”, no que non pode faltar un resume debidamente preseleccionado e apostillado do Sempre en Galiza.

Nunca pensei que puidera chegar a albiscar que eses funcionarios terían a ousadía de tachar a Xosé M. Beiras de anti-nacionalista.

Seica agora é “galeguista, europeísta e burgués”. Pero, iso non era acaso Castelao e Bóveda? galeguistas, europeístas e burgueses. Dende logo Castelao foi aquel ‘traidor’ ao nacionalismo que coordinou esforzos con cataláns e vascos na Galeusca, que posteriormente e diante da chegada da barbarie fascista participou do Fronte Popular coa esquerda española, e por último tivo a mala idea de participar coma ministro no goberno da república no exilio.

Foi Engels o que nunha glosa sobre Marx dixo a propósito dos marxistas que o seu amigo elaborara unha teoría para xigantes e os seus seguidores parecíanse ás pulgas.

Normalmente estes conservadores da orde e fixadores de crenzas ao igual que os antigos escolásticos seguen o proceso de embalsamento dos seus precursores e a súa correspondente momificación doutrinal. Non teñen en conta a evolución do seu pensamento en función das dinámicas evolutivas da vida e fan unha fotografía fixa facendo o necesario proceso de amputación e descontextualización para converter un pensamento poliédrico e elevado nunha caricatura ridícula.

Que fio condutor pode existir entre o ‘Sermón da Montaña’ de Xesús de Nazaret coas encíclicas de Bieito XVI ?, Que teñen en común os manuscritos ‘grundisse’ ou a ‘Crítica ao programa de Ghota’ de Marx coas resolucións dos partidos stalinianos?, Que similitudes pode existir entre o ‘Sempre en Galiza’ de Castelao co documento político da XIII Asemblea do BNG? Absolutamente nada. Como advirten nos créditos dalgún filme que recrea unha realidade ‘as personaxes e as situacións teñen sido cambiadas, calquera parecido coa realidade é pura coincidencia’.

De seguro que de estar vivos arremeterían contra os seus supostos seguidores e secuestradores do seu ideario. Pero por suposto eles están mortos e non teñen dereito de replica.

E que pasa se como o caso de Beiras están vivos?.

Entón a reinterpretación non é posible, o autor pode apostillar aos seus contemporáneos e mesmo ten dereito a autoemendarse se o considera oportuno. A solución está clara: poñer en marcha a maquinaria inquisitorial para baixalo do santoral e de paso, se puidera ser, excomungalo.

Era o propio Marx quen advertía contra o perigo das ideoloxías como elemento supraestrutural subxectivo que podía ser utilizado como corpo doutrinario para defender o status quo.

Nese senso o necesario debate plural de ideas deixa de ser cultural para converterse en ideolóxico e pasar posteriormente a teolóxico.

As ideas nese marco convértense en estruturas ríxidas e impermeables, aderezadas coa súa correspondente liturxia e ornamento e faise imposible un debate de ideas evolutivo que permita unha síntese dialéctica superadora (no sentido hegeliano).

Así, a necesaria cooperación política convertese en competición política entre os supostos aliados.

Faise necesario espazos plurais e amplos fronte aos oligopolios que ditan as súas políticas a favor dunha minoría e en contra da maioría das persoas e do planeta. Pero para elo non poden existir tribunais da inquisición (partidos guía) nin cotas ou espazos de poder estancos.

A política transformadora do século XXI ten que construírse sobre o Cooperativismo Político e sobre o debate cultural e non o ideolóxico.

So así seremos irmáns de nación e camaradas de ideas e non acompañantes nunha viaxe cara ao inferno.

Comentários

  1. Que grande é a ignorancia, a ousadía... Pero moito máis grande é aínda o resentemento. E quen vive baixo o xugo do resentemento, nunca debería postularse como defensor dos dereitos nacionais galegos. A falla de democracia, comeza nesas propias cabezas. É unha mágoa. Para eles. Pero para o país tamén. Para o país tamén.

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas