Regreso ao futuro: #goodbyefraguismo (1)
Xoán Hermida
A raíz dos últimos acontecementos nos que Galicia está inmersa poderiamos afirmar que ao noso país parece que lle mirou un torto.
Mesmo poderiamos aplicar dúas frases feitas para a ocasión: “Non hai peor cego que o que non quere ver” e “no pais dos cegos o torto é o rei”. Con ser certo en parte estas sentencias non deberiamos deixarnos levar por unha realidade adversa ou pola melancolía.
Fraga liquidou as posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica por medio dun dobre xogo: favorecer o localismo de corte españolista do vazquismo no PSdeG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido fundamentalista. Con esa combinación a dereita sabe que terá ocupada a Xunta de Galicia a maior parte do tempo e so cando se dean unha condicións extraordinarias coma as que se deron a mediados da década pasada, axudados por unha situación de emerxencia coma a do Prestige, poden ceder temporalmente o seu domino.
Parece que o fraguismo se resiste a morrer !
Así foi e así parece que vai seguir sendo se temos en conta os resultados, por outra parte xa esperados, da última (derradeira ?) asemblea do BNG.
No PSdeG as cousas non pintan mellor, e ou por un cambio radical no PSOE puidérase producir un efecto domino, ou a ausencia de proxecto nacional impedirá que reciba o respaldo maioritario da cidadanía.
Xa hai tres anos nun artigo titulado “non hai partido” explicaba os motivos polos que pensaba que a batalla por renovar e actualizar a esquerda nacional dentro do BNG non tiña posibilidade. Fundamental esa imposibilidade sustentábase en que a base renovadora do BNG xa non estaba dentro senón fora. Aínda así a batalla pola renovación e converxencia da esquerda nacional ten e debe darse en distintos frontes e á vez, e aínda que con todo seguridade a alternativa habería que construíla fora, so cabía agradecer a xenerosidade, a valentía e a supremacía ética coa que estivo a actuar Xosé Manuel Beiras.
Agora ben, toda vez que o BNG abandonou o bloque (no sentido de construción hexemónica), correspóndelle agora ao bloque (histórico) abandonar o BNG (siglas) aínda que sexa con 10 anos de retraso.
Que podemos facer as cidadás e os cidadáns para salvagardar o ben común en primeira instancia e para construír a alternativa en segunda, diante dun BNG disposto a escusarse como alternativa e a un PSdeG que renunciou hai tempo a defender ao país.
Construír a alternativa sobre novos parámetros.
Trala caída do muro de Berlín e despois do fin de etapa dos partidos comunistas, non era máis que unha cuestión de tempo que asistiramos tamén ao fin de etapa dos partidos socialdemócratas tal como os coñécemos ata hoxe.
A esquerda se ten que refundar baixo unhas novas claves de transversalidade e abordando as novas contradicións, fundamentalmente ecolóxicas. O ecosocialismo acaba de darlle o ‘sorpasso’ á socialdemocracia clásica en Finlandia, e probable que ocorra o mesmo en Alemaña. Namentres algúns aquí empéñanse en seguir construíndo a alternativa ao PP sobre proxectos do século XIX.
O capitalismo monopolista pon de manifesto dúas grandes contradicións: a falacia do liberalismo, pois este tal como foi formulada polos seus teóricos non existe; e a propia supervivencia do planeta, pois o lucro carece da sensibilidade mínima para pensar nas xeracións vindeiras e nas outras especies coas que convivimos. Curiosamente diante desas dúas realidades o nacionalismo e a esquerda segue maioritariamente a debaterse entre comunismo ou socialdemocracia, dúas versións da mesma esquerda eurocentrista, etnocentrista, corporativista e industrialista.
Cantos anos teremos que esperar, unha vez máis, para que en Galicia estean presentes as correntes que se moven na esquerda avanzada global ?
Faise necesario abordar a política con novos prismas, cun cambio metodolóxico radical e un cambio epistemolóxico central.
Construír un polo de ecoloxismo político que poña na axenda os elementos fundamentais do noso tempo, unha esquerda renovada que conecte coas demandas de radicalidade democrática da cidadanía.
Pero hai máis. Tamén hai que vertebrar unha alternativa nacional antimonopolista que agrupe á maioría de afectados polas directrices das políticas neocom que saen dos nosos gobernantes ao ditado das grandes corporacións.
Para elo debemos de destruír as dicotomías (sen solución dialéctica) na que temos estado inmersos nos últimos decenios.
Reforma versus revolución. Re-evolución. Non é posible cambios estruturais senón se impulsa antes un programa de políticas de reforma forte e reciprocamente non se abordan as reformas necesarias senón se enmarcan nun proxecto de cambio estrutural.
Nacionalismo versus non nacionalismo. Nacional. O carácter nacional como punto de encontro daquelas persoas que se recoñecen como parte dunha mesma nación e avogan por avanzar no seu autogoberno. Entre o illacionismo esencialista e o sucursalismo cástrante , cabería apuntarse a construír un proxecto propio en réxime de ‘joint venture’ con outras forzas necesarias para o cambio social e a biodiversidade plurinacional.
Desenvolvemento versus conservacionismo.Sustentabilidade. O modelo produtivista da esquerda europea do século XIX ten sido prexudicial para a maioría da poboación que habita nos países do Sur e ten colocado ao planeta ao borde do infarto ecolóxico. Soamente desde a sustentabilidade e a economía eco-social é posible desenvolver un programa global de desenvolvemento que tendo en conta os limites do planeta plantexe novas miradas e novos niveis materiais e espirituais de benestar.
Para elo faise necesario acabar coa herdanza do fraguismo en tódalas súas dimensións (#goodbyefraguismo) e de paso regresar ao futuro.
(publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/9/regreso-ao-futuro-goodbyefraguismo/)
Comentários
Enviar um comentário