15 de janeiro de 2012

Good bye, Fraga!


Xoán Hermida

O fraguismo so se desmantelará en Galicia cando se de-construían un a un tódolos mecanismos, estruturas e ferramentas creadas durante esa etapa. Tanto se estiveron ao seu servizo como se foron contrarios ao mesmo forman parte dun modelo político-institucional pasado que, lamentablemente, aínda sigue vixente.

A Galicia de hoxe é froito de múltiples factores antropolóxicos, económicos, sociais, culturais e políticos que de xeito transversal nos teñen convertido en algo diferente e poliédrico.

A Galicia político-institucional de hoxe, pola contra, é froito do esquema dun ‘conducator’, Don Manuel, con dous obxectivos claros e complementarios: construír un modelo político limitado e reducionista seguindo a súa teoría da maioría natural e do sistema de partidos bipartidista británico e de paso construír un neo-rexionalismo que destruíra a nación na que ás veces Galicia parecería querer converterse.

Moito se ten falado sobre o porque da obsesión de Fraga coa barreira electoral do 5% nas eleccións autonómicas. Que se era para impedir o xurdimento de futuras escisións na dereita galega. Que se ben era para destruír a esquerda galega moderna e impedir construír unha hexemonía alternativa.

Fraga chegou a Galicia precedido pola fama de estadista e coa convición da necesidade dunha cobertura ‘galeguista’ se quería liderar unha maioría conservadora, que aínda que hoxe pareza incrible, pasárase a transición dividida e mesmo enfrontada.

Na primeira metade da década dos noventa o PPdeG coa entente Cuíña/Cacharro/Victorino a fronte e tutelados por Fraga tratou de culminar o proceso de galeguización que xa noutros tempos intentara Xosé Luís Barreiro; non exento de oposición no feudo máis tradicional - A Coruña de Romai -.

Iniciou unha serie de políticas destinadas a reforzar esa imaxe rexionalista, aprobando políticas de ‘galeguización limitada’ no lingüístico ou no cultural.

Os seus conselleiros estrelas eran Xosé Cuiña, encargado de vertebrar e modernizar Galicia e ‘superar o seu illamento secular’, e Jesús Pérez Varela, técnico de agit-prop, autentico animador dos seráns estivais, inventor do fenómeno Xacobeo e impulsor dun lobby de folclóricos que machaconamente nos recordaban que Galicia era ‘diferent’. Daqueles anos é o boom do ‘Luar’ que se ten convertido na imaxe da Galicia cultural do fraguismo.

Ata o propio Jordi Jujol chegou a loubar a proposta da Administración Única de Fraga, e este a súa vez copiou o modelo pactado de transferencias - mesmo aproveitando os resortes que o Estado ofrece o proxecto economicista e empresarial da Europa rexional - Eixo Atlántico/Países Cataláns ...

Esa primeira etapa galeguista-rexionalista deu paso, tras a defenestración do permanente ‘delfín’, Xosé Cuiña, a unha nova dereita onde o factor galeguista pasou a ser un compoñente máis, marxinal, dun grande entramado hexemónico.

Alguén podería crer que dada a inquina coa que o PP de Feijoo trata a Galicia, a etapa de Fraga é para botala de menos. Nada máis impreciso.

A Galicia política de hoxe está construída a imaxe e semellanza do pensamento e a acción política de Don Manuel.

A anorexia política existente foi conscientemente deseñada desde os laboratorios de ideas da dereita na rúa do Hórreo e mediático do polígono de Sabón. Era unha anorexia construída non para liquidar a dereita galeguista ou a esquerda innovadora senón fundamentalmente para poñer de xeonllos ao pais e deixalo sen alternativa por anos.

O reducionismo institucional deseñado na administración única e cuxa máxima expresión é a última remodelación de goberno da Xunta de Galicia non tiña como obxectivo mellorar a eficacia do goberno e a eficiencia da administración pública senón situar a Galicia lonxe das realidade das comunidades nacionais catalá e vasca e incorporala no espazo uniforme da España rexional.

As posibilidades de construír unha dereita nacional evitounas Fraga nos seus decenios de goberno desmantelando, un por un, os sectores estratéxicos da nosa economía, a maioría das veces coa complicidade do goberno central e coa ‘escusa’ do mercado común europeo. O esperpéntico periplo da transformación de varias caixas de aforro nunca entidade bancaria en ruína é a guinda deste proceso.

As posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica liquidounas por medio dun dobre xogo: favorecer o españolismo vazquista no PSdG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido ‘marxista-leninista’ (por favor prego non confundir co pensamento de Lenin e moito menos co de Marx! ).

Ás posibilidades de crear un pensamento científico e crítico asestóuselle un golpe de graza cando se desmantelou a única universidade galega con posibilidades de campus especializados e departamentos con recursos e pasouse a construír tres universidades rexionais competitivas entre elas e cunha crecemento xeométrico de fondos para administración namentres que un estancamento de inversións para docencia e investigación.

O fraguismo tivo en Galicia consecuencias moi perniciosas pero –quizais- a maior delas foi a construción dunha sociedade clientelar regada por subvencións que aniquilou a necesaria burguesía produtiva que levantase a nosa economía e vertebrara a nosa identidade nacional e que adocenou a sociedade civil para que non puidera cohesionar a defensa dos valores materiais -sanidade, ensino, políticas sociais, recursos naturais,…- e espirituais – cultura, lingua, felicidade, cooperación.. - do ben común.

Por iso, fronte aos falsos reflexos que o paso do tempo poida ter sobre nós, sen animadversión ningunha, so se me ocorre dicir “Good bye, Fraga!”, desexando infrutuosamente que con el se marche todo a súa negativa herdanza, e sobre todo lamentando que Isaac Díaz Pardo non o sobrevivira.


(publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9466.html)

2 comentários:

  1. Totalmente en desacordo.

    Creo que a analise que fas da etapa galega de Fraga é profundamente inxusta. Creo que se lle poden achacar moitas cousas a esa etapa, podeselle achacar a remora do 5% que impide que teñamos un centrodereita galeguista e unha esquerda galega europea, podeselle achacar o uso partidista (e subvencionado que é peor) dos medios de comunicación públicos e privados e podeselle achacar que o país non teña outra estrutura máis acorde cos tempos (mantemento das provincias e mantemento da estrutura actual de concellos). Tamén se lle pode achacar un uso partidista da administración.

    Todo esto que se lle pode achacar a Fraga, pasaba antes de Fraga, sucedeu en boa medida co bipartito e seguese mantendo cos seus sucesores (do PP) e ademáis dase/douse noutras administracións nas que non goberna o PP. Polo tanto Fraga non é o único responsable desta situación.

    Das decisións erróneas desa étapa é moi responsable o seu goberno, pero tamén a oposición que tivo. Recordo agora que o “actual deseño do AVE en Galicia” tomouse sen oposición significativa do PSOE e BNG, o mesmo que a colocación de dous portos exteriores un ao lado do outro (Ferrol e A Coruña). Por non falar de que ningún partido se opuxo/se opón a ter tres aeroportos sen conexión coa rede ferroviaria (non vaia ser que se perda o espazo aereo local!!).

    Polo tanto, hai que relativizar moito. Algunha das afirmacións do artigo son dunha desmemoria total:
    - Para empezar o Pérez Varela non é o inventor do fenómeno do Xacobeo, foi Vázquez Portomeñe.
    - Culpar a Fraga da debacle das Caixas despois de 6 anos forá do goberno é cando menos “curioso”, por non decir “inxustificable”.
    - Culpar a Fraga de que teñamos tres universidades, en vez dunha, tamén é “moi curioso”, dado que se crearón antes de que chegará el ao goberno (co tripartito no poder). A lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia é anterior, como é obvio, a toma de posesión de Manuel Fraga, en febreiro do ano seguinte.

    Poida que sexa moi “hagiografico” pero ocurrenseme, polo menos, duas cousas positivas que fixo Fraga por Galicia:

    - En primeiro lugar, creo que os seus primeiros 8 anos forón, en termos xerais, positivos para o País. Produciuse unha forte aposta por potenciar a economía galega e inventouse o Xacobeo, que finalmente foi un impulso moi grande para o turismo (do que aínda hoxe tiramos).
    - Culturalmente falando, non pretendeu acabar coa lingua galega, como fan os seus sucesores. Poida que esto non sexa valorable para algunha persoa, pero desgrazadamente temos a dereita que temos (que non é a vasca ou a catalana) e por se alguén non se acorda no inicio da transición (e por desgraza tamén agora) habia persoas nesas posicións que decian que o galego era a lingua das señoras da limpeza e dos labregos. Fraga tivo a maioría suficiente para cambiar a Lei de Normalización e non o fixo (como seguramente acaben facendo estes...).

    Polo tanto, en vez de buscar chivos expiatorios, todos deberíamos darnos conta de que “o que temos” e responsabilidade “un pouco de todos”, ou é que tamén lle vamos a botar as culpas de ter tres aeroportos?

    ResponderEliminar
  2. A verdade foi tanto o tempo que Fraga gobernou que algunhas cousas ainda que el non as aprobou deulle tempo a impulsalas. DE igual xeito que o inventor do Xacobeo foi portomeñe pero para o xogo do artigo perez varela é o realmente impulsor e que sacou proveito ao invento. En todo caso o 'fraguismo' vai mais alo de Fraga

    ResponderEliminar