Xoán Hermida Hai uns días o profesor Vicenç Navarro publicaba un artigo co titulo ‘O grande erro da socialdemocracia’ . Sen querer puntualizar nin o máis mínimo o correcto argumentario de dito artigo onde se analizan as dúas visións na socialdemocracia alemá e por extensión a europea, creo non obstante que o erro da socialdemocracia, e da esquerda en xeral, hai que buscalo máis aló daqueles puntuais que esta teña cometido na última década. A esquerda en xeral, socialdemócrata ou radical, leva varias décadas en crise ao non ter construído unha alternativa crible e aceptable pola maioría, situándoa non máis aló da mera xestión progresiva do capitalismo. Tras a caída do muro de Berlín, co colapso económico e social do modelo burocrático e totalitario staliniano, era cuestión de anos que o modelo socialdemócrata tamén entrara en crise. O modelo de Bretton Woods , deseñado nas postrimerías da 2ª Guerra Mundial, atopábase con dúas eivas para poder globalizarse: unha de cuestión política, a ...