23 de agosto de 2011

A conspiración segundo Marx ... Groucho, por suposto !




Desde que apareceu BenComún, hai agora dous meses, non pararon de aparecer especulacións sobre a nosa orixe. Hoxe esas especulacións acadaron un rango ‘institucional’ tanto en canto o MGS afirma na prensa que somos xunto cos alcaldes ‘críticos’ do BNG lobby´s ao servizo de +G.

En realidade isto amosa unha vez máis o grado de desnorte que algúns teñen co que esta a ocorrer: revolucións árabes, 15-M, cambio de ciclo político,... así que tampouco hai que tomalo moi en serio polo que fixen un relato de ficción que de seguro algún chegará a crer que é realidade.

A historia que ven a continuación é irreal, calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Pura coincidencia? En realidade soa máis crible que algunha reflexión que sobre o que esta a pasar elabora algún grupo e/ou facción. O lamentable é que mesmo a pesar de que algúns se profesan marxistas, o capitulo da dialéctica o deberon de saltar na ‘escola de formación’ do Partido porque soamente miran conspiracións por todas partes.



Adicado a todas aquelas persoas que en lugar de aprender marxismo nos textos de Marx e Engels fixerono nos cadernillos resumidos editados en Corea do Norte e distribuidos no 'Partido'


Xoán Hermida*

Diante dos rumores que se veñen dando sobre a orixe de BenComún - que si Quintanistas, que si novo partido, que si ao servizo do PSOE e de EU, que si Beiristas, que si loby de +G, como un dos promotores véxome na obriga de arroxar luz sobre a cuestión e contar a verdade. En realidade, tratase dunha conspiración organizada pola CIA para axudar a derrocar a Gadaffi e como isto xa sucedeu, xa o podo contar pois pasa a ser tema desclasificado.

O contacto foi cun axente infiltrado nas concentracións do 15-M, que como ben saben algúns dos nosos maiores 'amigos’ ese movemento está dirixido pola CIA para apuntalar o sistema capitalista e que a mocidade non colla as armas, que me comentou da preocupación na ‘White House’ tiñan co apoio que unha parte da esquerda galega podía darlle ao sátrapa libio. O enlace coa CIA foi Pastor Alonso, amigo persoal de Charlie Sheen, que como todo o mundo sabe é o axente galego de máis alto rango na Axencia.

O primeiro que fixen foi afiliarme ao Encontro Irmandiño, sector no que podía encaixar mellor, non sen antes ter unha conversa con Quintana, interesado por outra banda en dereitizar o BNG. Recibimos máis datos nunha reunión con Rubalcaba e Chacon en Ferraz, e por último tivemos unha xuntanza con Guillerme, que en realidade é un axente dobre ao servizo do Mossad israelí.

É importante no relato recordar que Quintana estaba moi preocupado por garantir os intereses inmobiliarios de Jacinto Rey no Magreb, e foi por iso polo que me pasou un cofre cheo de lingotes de ouro moscovita. O ouro de Moscú procede dun cargamento expoliado polos nazis e máis tarde confiscado polo estado sionista, que llo entregou a Gómez-Valadés cando da súa inmolación política no BNG. Valadés, seguindo ordes do Mossad, entregou o ouro a Jacinto para que, a través do financiamento de BenComún, dese o paso decisivo para o derrocamento de Gadaffi enviándoselle ao Consello de Transición Nacional Libio.

O seguinte paso foi chamar a uns amigos da antiga esquerda galega e engadir, para disimular, algún outro de clara traxectoria radical e neocomunista.

Foron citados en Teo o 2 de xuño pasado. A elección non foi casual porque ao tanto da manobra, como despois púidose observar pola carta dos alcaldes do BNG, estaba Martiño Noriega.

A operación estaba en marcha e ningún dos meus ‘compañeiros de viaxe’ se decatou. A mesma tiña un segundo obxectivo: lanzar de forma subliminal o apoio ao Consello de Transición Nacional Libio durante a rolda de prensa ofrecida na librairía Couceiro. Tampouco ninguén se decatou da presenza dunha cámara da televisión qatarí Al Jazeera durante a mesma.

Como vedes o plano funcionou porque hoxe caeu Gadaffi e non hai ninguén que o defenda, salvo algún grupo incorruptible que vai montar con Chaves a V internacional (ou a VI que xa perdín a conta). Agora, imos a por Siria, tal como falamos con Rubalcaba e con Paco Vázquez, que está moi preocupado por liberar os cristiáns libaneses das garras de El-Assad. E iso é toda e a única verdade. Podo por suposto ofrecer máis datos se me son requiridos sempre que estean desclasificados.


* coa participación de Filipe Diez que me refrescou algún detalle esquecido


Sem comentários:

Enviar um comentário