Os abaixo asinantes

Xoán Hermida

Como ben sendo habitual, tras unhas eleccións onde a derrota da esquerda é máis que evidente, póñense en marcha manifestos dos ‘abaixo asinantes’ que no mellor dos casos fan unha diagnose clara sobre o que esta a acontecer ou advirten dos perigos, varios e múltiples, que nos asexan aos cidadáns e as cidadás no caso de que o rumbo non se enderece por parte dos patróns ao mando das embarcacións da esquerda ‘oficial’.

Tamén soe pasar, que co tempo as augas volven a normalidade, e os aparatos dos partidos se fan co mando ata un novo naufraxio e na espera de que o seguinte non sexa o último.

Eu mesmo veño de asinar xunto con outro grupo de cidadáns e cidadás do que poidamos chamar ‘esquerda sufridora’ un novo chamamento e avalar unha nova iniciativa.

BenComún, que así se chama, nace no medio dun naufraxio particular, pois o vendaval esta vez non ven provocado pola dereita senón por unha cidadanía disposta a que esta situación non sexa unha máis.

E así debe ser, pois de seguro que esta pode converterse na última oportunidade para cambiar o rumbo e amosariamos moita miopía se nos deixásemos enfeitizar polos cantos de serea que saen dos aparatos e/ou aparatiños.

De seguro que haberá un antes e un despois do 15-M, xa o esta a haber, o que queda por ver e se haberá un antes ou un despois na esquerda, ou dito de xeito máis directo e interpelando aos meus compañeiros e compañeiras de travesía, se desta vez poñemos en marcha unha iniciativa política, con misión, obxectivos e accións que teñan incidencia na sociedade e polo tanto influencia nos diversos ‘sttaf’, ou simplemente somos un novo berro na néboa advertindo dos perigos que asexan.

Dous serían, segundo ao meu entender, os erros máis importantes que poderiamos cometer, supoñendo xa que non queremos ser so portadores de malas novas senón construtores do futuro.

O primeiro, é pensar que a dereita non pode gobernar ou que se o fai é un desastre para a democracia. Esta idea seria negar a posibilidade mesma da democracia, pois invalidaría a propia posibilidade de que os ‘outros’, os que non son ‘os nosos’, gobernen e polo tanto poida existir alternancia partidaria nas institucións. Por outra banda, tal como di o decálogo de BenComún, “ O medo á dereita non é ningunha proposta, as forzas políticas deberan pensarse alén de instrumentos para gañar eleccións como ferramentas de cambio social. Non somos alternancia, somos alternativa.”

O medo á dereita é unha excelente coartada para que os que gobernan desde instrumentos catalogados como de esquerdas teñan un cheque en branco para facer precisamente políticas de dereitas de luva de seda.

O segundo, é pensar que a esquerda renovase cun ‘lifting’, aínda mesmo que sexa integral, pois senón abordamos a fondo os problemas da hexemonía social e cultural e senón reconstruímos, polo tanto, estratexias de cambio máis aló das citas electorais e pensando unicamente nelas.

Esa visión de reconstrución dos instrumentos e non das estratexias, ademais de ser un erro de calculo mesmo en termos electorais, comporta non so á hexemonía da dereita senón o que é peor, a existencia de dereitas ‘totalitarias’ e hiperliberais como as que nos toca padecer.

Un xiro estratéxico da esquerda, demandado desde a cidadanía, non so permitiría á mesma recuperar espazos de hexemonía perdidos desde hai décadas, senón que posibilitarían crecementos electorais ou no peor dos casos a existencia de dereitas máis democráticas e máis ‘civilizatorias’, demandadas polo seus propios ‘indignados’.

Agora ben, a construción de políticas de esquerda non é tarefa fácil, toda vez que a maioría das esquerdas ‘oficiais’ teñen renunciado a elas en Europa desde finais da segunda guerra mundial, nun caso como a socialdemocracia construíndo un estado de benestar ‘cercado’ fronte aos países do Sur, noutro como o comunismo limitándose para si a un papel de predicadores dun ‘paraíso’ reservado a outras latitudes.

Agora, caído o muro de Berlín e na primeira crise sistémica da globalización, non podemos volver a entrar nos absurdos e paralizantes debates de ‘reforma versus revolución’, ‘liberdade versus igualdade’, … Querémolo todo e querémolo xa, sabendo que para elo imos ter que pelexar pola parte e aos tempos.

Se estamos nunha nova etapa necesitamos debuxar novas estratexias. A lóxica traerá os novos instrumentos.

Onte, cando se cumpría o aniversario da aprobación do ‘estatuto do 36’ ven de pecharse o único xornal en galego. A noticia desalentadora é sen dubida unha máis nun longo camiño de derrotas desde hai dous anos, pero tamén pode ser o anuncio da necesidade de novos instrumentos, tamén no xornalístico, que non nacerán agás que xurdan novas estratexias. Se isto ocorre, entón non será unha derrota máis, senón unha nova preocupación para Feijóo e o que el representa.

O nacionalismo dos anos trinta foi vangardista en tanto en canto centrou nas novas reivindicacións nacionais a súa estratexia. O nacionalismo do post-franquismo foi quen de pivotar sobre as cuestións sociais o seu discurso se ter renunciado ao primeiro dándolle un novo contido. O neogaleguismo terá que incorporar as reivindicacións nacionais e sociais nun conxunto de novos dereitos democráticos, ambientais e emocionais das persoas, se quere volver a recuperar espazos sociais, e tamén electorais, nesta nova etapa.

So así terán sentido ‘os abaixo asinantes’.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

Fin de etapa

O espírito do 29 de xaneiro

Non valen escusas