20 de março de 2011

O tempo da mimosa esta por chegar


En memoria de Miguelito e Loli,
Os rostros amables da xeración mimosa


Xoán Hermida

O pasado venres 18 de marzo celebrouse un acto de recordo a Miguel Munín ‘Miguelito’ na Facultade de Económicas e Empresariais que tivo a ‘maxia’ de facernos retroceder as asembleas estudantís dos anos oitenta.

No acto interveu o que fora o primeiro reitor nacionalista, Ramón Villares, que recordou que a loita estudantil contra a carestía da vivenda dos oitenta fora moi superior en intensidade das revoltas do 68 na Universidade de Santiago de Compostela e que os CAF supuxeran o verdadeiro cambio xeracional da esquerda desde a guerra.

Tiven ocasión hai un ano, con motivo dunha xuntanza onde nos viramos varios compañeiros daquela época, de escribir un artigo titulado ‘Xeración Mimosa’ que transitaba como sigue:

“Hai algún tempo alguén falou da xeración CAF para lembrar a toda aquela xente que na década dos oitenta tivemos a ocasión e participar naquel proxecto tan interesante como contraditorio que se chamaban Comités Abertos de Facultade (a E de escolas viría despois) e que supuña unha renovación xeracional na esquerda galega.

Eu prefiro recordala como Xeración Mimosa, porque ese era o seu símbolo, a pesar de que, tal como nos recordaban algúns membros da corte da rosa, esta era de importación australiana e polo tanto pouco patriótica. En todo caso aqueles que temos unha visión plural da nación entendemos que na súa biodiversidade tamén teñen acollida especies orixinarias doutras partes namentres non sexan destrutivas coma o eucalipto.

Recentemente puiden atoparme nunhas xornadas de debate e reflexión, desas que tanto aos pragmáticos coma aos dogmáticos lles molesta, a Manolo Barreiro, Goretti Sanmartín, Alba Nogueira, Emilio Insua,... e algúns outros que xunto comigo e a outras persoas formamos parte daquela xeración.

Como non tamén me lembrei de Miguelito e de Marcelo, de Bernaldo Lorenzo, de Emilio Martínez, de Isabel G. Avión, de Hector Silveiro, de Pilar Candocia, de Ramón Faraldo, ... e tamén, con moita saudade, da miña querida compañeira Loli que coa súa frescura convenceu a algún compañeiro que hoxe esta na UPG da necesidade de participar nos comités, mesmo na posibilidade de ser ‘contaminado’, coma así ocorreu, polo nacionalismo ideolóxico.

Aquela xeración encabezou as mobilizacións contra un reitorado e un goberno que a pesar de chamarse socialista empezaba a mostrar unha faz liberal e a iniciar un proceso de elitización da universidade ( ademais de meternos na OTAN tras prometernos que de entrada non ). Aquela xeración tamén tivo o seu primeiro vicereitor alumno e posteriormente mesmo decanos e ata un reitor, que tamén recordo como unha mini frustración a pesar de ser unha das cabezas máis amobladas da historiografía hispánica. Lembro aquel primeiro lema de ‘pasou o tempo da rosa, chegou o da mimosa’.

Pero se algún valor tivo aquela xeración foi a de ser un fervedoiro de ideas e de resistencia fronte ao dogmatismo. Aquela nova xeración de mozos e mozas tan plural no político tiñamos en común a necesidade de (re) crear a esquerda galega para liberala dos seus comisarios políticos.

Sufrimos a primeira derrota e cós CAF tomados tivemos que reinventar os MEU. Posteriormente virían outras derrotas: CXTG, NUNCA MÁIS, ADEGA, a MNL,..

Pero tivemos unha grande vitoria. Fomos capaces de construír espazos de liberdade e sobre todo ideas propias sen necesidade de recorrer, tal como responderan os da escola de tauromaquia a Fernando VII cando pechou as universidades a aquela sentencia de ‘lejos de nosotros la funesta manía de pensar’.

Tocounos, tócanos, vivir unha etapa global de transición, por iso dura pero tamén por iso fermosa.”

Cando escribín ese artigo estaba convencido de que a Xeración Mimosa xa intentara facer todo o posible por construír un novo xeito de entender a esquerda e o nacionalismo en Galicia e que ese modelo plural e aberto, racionalmente transgresor e radicalmente democrático fracasara. Que encaiara na dinámica do posible. Que o seu tempo lamentablemente pasara.

Agora, tras un ano onde a crise da esquerda política se ten agravado e a debilidade da esquerda social se ten agudizado, estou convencido de que non é así.

Nesa perspectiva, as diversas apostas políticas e/ou sociais non teñen sido máis que experiencias necesarias no traxecto de maduración, político e intelectual, e que o papel da ‘Xeración Mimosa’ aínda esta por escribir.

Pronto asistiremos a procesos de recreación e/ou refundición dos mecanismos políticos e sociais de transformación e hai de seguro que teremos moito de dicir.

Sem comentários:

Enviar um comentário