14 de janeiro de 2011

Problemas reais, solucións erradas


Xoán Hermida

“Nos anos vinte, Korch, Gramsci e eu mesmo intentamos, cada un ao seu modo,
enfrontarnos co problema da necesidade social e coa súa interpretación mecanicista,
herdada da II internacional. Herdamos o problema pero ningún de nos – nin tan sequera
Gramsci que era o mellor dotado dos tres – soubo resolvelo.”
Georg Lukács

A un ano da celebración da Rolda de Rebeldía, e como parte do proceso de apertura á sociedade, celebrase a III Asemblea do Encontro Irmandiño. Unha nova cita para a esperanza nunha situación cada día máis complicada para a esquerda galega.

A esquerda galega despois dunha traxectoria difícil na transición (PSG/UPG - BNPG-PSG/UG/PCG - BNG/PSG-EG - BNG/EU-EG ) chegou a finais dos anos noventa a un alto grado de unidade e a unha importante capacidade de incidencia política e influencia institucional no sistema partidario galego.

A unidade respondeu a factores internos pero tivo moito que ver con ‘esixencias’ externas ( o modelo de democracia ‘fraguiana’ necesitaba para funcionar da máxima anorexia e a mínima pluralidade política). A incidencia e influencia respondeu a unha estratexia perfectamente elaborada desde o interior ( aínda que tamén foi favorecida polo descalabro dun PSdG falto de proxecto nacional e sen o propulsor que durante algún tempo representou o ‘felipismo’ ).

En todo caso o BNG convertese a finais da década dos noventa no referente plural da esquerda, mesmo para aqueles que non o votabamos, e creou expectativas importantes de cambio nos sectores máis dinámicos socialmente (labregos, traballadores, pequenos empresarios, profesionais liberais,... ), xeograficamente ( cun despegue clave nas grandes cidades chegando a gobernar tres e co-gobernar cinco das sete cidades galegas ) e tamén xeracionalmente ( claramente hexemónico entre a mocidade ).

Tras o ‘sorpasso’ algúns dirixentes do BNG e diversas personalidades da esquerda comezaron a albiscar un cambio de ciclo político e a necesidade de abordar un proceso irremediable de renovación do proxecto botado a andar no ano 82.

Evidentemente os problemas eran reais, pero a solucións foron erradas.

Hoxe a esquerda partidaria, de volta na oposición, perdeu a capacidade de creación de proxecto alternativo, distanciouse da súa base sociolóxica e, o que é peor, rachou as amarras que tiña cunha sociedade civil cada vez máis complexa e madura, e polo tanto máis esixente.

O BNG non é alleo á crise que a esquerda alternativa a nivel planetario ten e de seguro que os seus dirixentes non son responsables de todo o problema.

Para un psicanalista, que busca na infancia os problemas posteriores de desenvolvemento, a crise da esquerda tería ( e por suposto ten ) que ver co modelo de esquerda fraguado no programa de Gotha en 1875 para a fusión da socialdemocracia alemá e posteriormente exportado a todo o continente e mesmo alén do mar.

Pero nin tan sequera este modelo de esquerda eurocentrista, obreirista, corporativista e industrialista, foi impedimento para que coa lucidez dos dirixentes bolxeviques e nun acto de heterodoxia se levara adiante a máis grande e ambiciosa revolución da historia da humanidade corenta e dous anos despois.

Así que botando man da psicoloxía condutista-cognitiva deberiamos atopar os problemas en épocas moito máis recentes.

Sen dubida o papel que a esquerda alternativa, nomeadamente os partidos comunistas, teñen xogado desde o final da guerra mundial nun mundo bipolar este-oeste onde estiveron máis ocupados en manter o ‘status quo’ fora no este ou no oeste, no norte ou no sur , que en abrir procesos de renovación política interna e social é clave. O punto alxido deste papel 'conservador' foi a actitude defensiva coa que acolleron no pasado o movemento setentaoitista ou hoxe o movemento altermundista.

Pero tampouco imos a ir tan lonxe, pois aínda que moitos dos problemas que a esquerda a nivel global ten deberíase abordar solucionando estes precedentes, do que se trata de resolver son os problemas concretos que temos aquí e agora, e seguir reflexionando e abordando globalmente os que ten a esquerda a nivel global desde fai tempo e que se revelaron con toda a súa crueza coa caída do muro de Berlín.

Así que como diciamos máis arriba os problemas eran reais máis non o foron as solucións.

E cales eran eses problemas e que solucións erradas se lles deu?

O primeiro problema era do propio xenoma do BNG. Ao igual que os organismos modificados xeneticamente, basta un mínimo porcentaxe de introdución dun ADN diferente para que nese corpo se comecen a dar mutacións que afectan ao conxunto da súa estrutura.

Así, o modelo político e organizativo parecía funcionar pero unha minoría de ADN estaba a corromper o resto.

Cando na Rolda de Rebeldía, agora fai un ano, falei do sectarismo como ‘enfermidade infantil da esquerda galega’ parafraseando a Lenin, precisamente apuntaba a que o proxecto do BNG contiña na súa orixe corpos éstranos que o impedían relacionarse con naturalidade coa sociedade ata o punto de que todas as escisións xurdidas nestes anos do BNG actuaban como elementos autodestrutivos e destrutivos entre aliados próximos.

O segundo problema tiña que ver co papel da esquerda a hora de gobernar e construír maiorías. E máis que curioso que o líder do BNG naquel momento, Xosé Manuel Beiras, sexa as veces criticado por radical e outras veces por socialdemócrata.

O ‘sorpasso’ situou á esquerda en condicións de exercer á hexemonía e liderar o cambio, pero aquí deuse unha confluencia de intereses para que isto non ocorrera: intereses externos, de sectores monopolistas que non podían aceptar que houbera un goberno progresista encabezado pola esquerda, e intereses internos, sectores puristas máis preocupados en manter unha pose atractiva que en xerar un cambio.

O que non entendían - nin entenden - é que Xosé M. Beiras era á vez socialdemócrata e radical.

De seguro que si houberan lido a Gramsci houberan entendido como se constrúe un proxecto hexemónico nacional desde a esquerda ou como – isto é un interpretación libre miña – como se edifica un proxecto reformista táctico e estratexicamente revolucionario.

É curioso observar ao longo do tempo como autores coma Engels, Gramsci, Mariátegui ou Lucáks son utilizados coa mesma insolencia por reformistas que por esquerdistas, non entendendo en ningún dos dous casos a complexidade da súa poliédrica obra intelectual.

O terceiro problema ten que ver coa necesaria dimensión nacional dun proxecto transformador. Efectivamente o nacionalismo en termos ideolóxicos converteuse chegado un momento nunha lousa o suficientemente pesada como para non integrar as diversas sensibilidades de entender o país, pero unha vez máis – craso erro – en lugar de construír un proxecto nacional ‘soberanista’ desde a esquerda – descafeinouse a alma nacional do mesmo cun discurso ‘galeguista’. O termo máis confuso existente neste pais e no que teñen cabida desde os pais e nais da patria enterrados en Bonaval ata Fraga ou Baltar, pasando pola condesa de Fenosa ou Filgueira Valverde.

O cuarto problema era ( é ) de modernización do proxecto. A esquerda galega aínda ten que dar o paso de pobo a cidadanía, entendendo os seus intereses diversos e as súas preocupacións ecolóxicas, emocionais, afectivo-sexuais, solidarias, vitais,... non é unha cuestión de salarios ou de condicións materiais de vida, hoxe se trata de necesidades humanas diversas que impidan a alienación das persoas ( ‘a insoportable levedade do ser’ nunha sociedade post-industrialista e consumista ).

Ese é o gran reto da esquerda: o de conxugar a infinita liberdade individual coa máxima igualdade social.

Namentres isto non ocorra teremos un esquerda parlamentaria desorientada e unha esquerda radical fanatizada. Un por outro e a casa sen varrer.

Seguimos atentos

Sem comentários:

Enviar um comentário