Con motivos pero desmotivados
Ao igual que nas eleccións onde todos gañan o mesmo pasou coa folga xeral. As centrais sindicais promotoras porque salvaron os mobles. O PP porque desgastou algo máis o goberno. O goberno porque a folga fracasou no seu xusto punto, o suficiente como para non deixar tocados os seus nichos electorais ( CC.OO e UGT ). E sobre todo a dereita económica porque cunha esquerda que non sae dos esquemas do século XIX seguirá avanzando na demolición do estado do benestar e das conquistas sociais.
Máis a pregunta que cabería hoxe facerse é: porque habendo motivos máis que xustificados para unha folga xeral esta ten tido menos impacto e forza que as anteriormente realizadas?
E verdade que, e isto xa é un clamor, a folga chega tarde. Eu mesmo comentaba nun artigo coincidindo coa folga do funcionariado que “en plena crise sistémica, e cunhas centrais sindicais inseridas no sistema, a resposta das mesmas ten sido totalmente ridícula ata o momento e a partir de agora, cando estamos na fase non das causas (etapa na que os gobernos refinanciaron a economía dos poderosos e “refundaron” o capitalismo) senón das consecuencias (recortes de dereitos laborais e sociais) todo apunta a que a resposta vai ser unicamente para cubrir o expediente”.
Pero quedariámonos na superficie se ese fose a única conclusión.
Tamén é certo, e xa ten sido apuntado por moitos analistas, a falla de claridade política e de obxectivos da propia folga. Eu mesmo comentaba no mencionado artigo:
”Inseridos como estamos nunha crise global a resposta da esquerda en xeral e das centrais sindicais en particular non pode cinguirse a unha xornada de paro con contidos políticos minguados e no que os únicos obxectivos reais a alcanzar sexan: perder o salario do día por parte dos participantes na mesma e facilitar aínda máis o retorno da dereita tralas próximas eleccións coa mesma política neoliberal do actual goberno pero elevado ao cubo”.
”Unha folga xeral unicamente adquire pleno sentido no marco dunha estratexia antisistemica clara, isto é que poña en cuestión as causas máis que as consecuencias da crise.
Unha folga xeral unicamente adquire pleno sentido se ten un marco global europeo onde se está a dar o actual escenario de loita política.
Unha folga xeral unicamente adquire pleno sentido se mais aló das consignas de sempre existen obxectivos políticos e económicos conqueribles trala mobilización.
Se isto non é así, a frustración posterior virase a sumar ao escepticismo xa reinante entre amplos sectores sociais...”
Agora ben, o máis importante desde o meu punto de vista e que condiciona non so esta senón as futuras mobilizacións dos traballadores e das traballadoras esta na propia renovación e actualización das centrais sindicais que levan desde a metade do século XX sen modificar a súa misión.
Tres son os elementos centrais para abordar a renovación e actualización dos sindicatos desde unha perspectiva de esquerdas:
O primeiro é a despolitización ( algúns prefiren falar de desideoloxización pero este é un termo que a min non me gusta utilizar pois a ideoloxía non pasa de ser outra das trampas supraestructurais da elite dominante ). En todo caso este elemento é o que menos me interesa pois xa se ten escrito moito sobre como as centrais sindicais se converteron nos últimos anos en departamentos de xestión e/ou departamentos de formación e reciclaxe, facéndose cargo dunha tarefa externalizada desde a administración pública.
O segundo tema é o corporativismo. Tendencia a que se ve empuxada o movemento sindical polo propio mecanismo de representación que fai primar máis a defensa dos intereses de certos sectores ( traballadores de grandes empresas industriais, funcionariado,... ) que a outros máis difíciles de organizar e que no computo institucional non xeran “rendibilidade”.
Isto ademais agravase nunha sociedade como a actual onde a composición da clase obreira e moi complexa e plural non so con respecto á produción senón as formas que teñen de relacionarse coa mesma ( relacións de produción ). Así é imposible, como ben ocorrendo, que as persoas paradas ou os traballadores “free lance” dos novos sectores produtivos ou de servizos, cada vez máis numerosos, conecten coa oferta sindical.
O terceiro tema, relacionado co anterior, é o “obreirismo”. Pode parecer contraditorio que isto sexa un problema para as centrais sindicais pero así é.
As comisións obreiras que se forxaron na loita dos últimos anos do franquismo tiñan claro a súa liña “socio-política” que incardinaba ás reivindicacións laborais nunha loita política máis global, naquela a loita contra a ditadura, que con posterioridade se perdeu.
No fondo tratábase dunha lectura política acertada pois vinculaba os dereitos da clase obreira cos dereitos da sociedade en xeral. Buscábase crear unha alianza de clases con outros sectores sociais – labregos, intelectuais, pequenos empresarios,... – contra un proceso de monopolización constante. Unha vez máis, e xa me vou volvendo pesado, recomendo a lectura da “Critica ao programa de Ghota” onde precisamente Karl Marx critica que na fusión da socialdemocracia alemán primen visións sectarias que o único que fan e aillar á clase obreira fronte aos grandes monopolios.
É lamentable observar como en tempos onde o proceso de monopolización é brutal algúns supostos activistas de esquerdas, mesmo algúns que se din seguidores das teorías marxistas, pensan que un autónomo é un “capitalista” ou un profesional é unha persoa descastada. Moitas veces algunhas das accións deste sindicalismo quebran o noso tecido produtivo autóctono, favorecendo en última instancia a monopolización e concentración do capital e de paso a súa deslocalización económica e fiscal.
Vivimos nunha sociedade postfordista onde a clase obreira non traballa xa en grandes naves cóbado con cóbado senón en espazos compartimentados que dificulta a conciencia de pertenza de clase.
Namentres os sindicatos non se dean conta de isto so serán capaces de mobilizar aos obreiros da industria clásica e o transporte e estarán imposibilitados para crear unha estratexia primeiro de resistencia e posteriormente de cambio.
Sen dubida vivimos tempos dun acoso da dereita máis reaccionaria contra a propia existencia dos sindicatos, pero por elo mesmo ocultar estas deficiencias endóxenas non nos van a fortalecer para afrontar os ataques exóxenos.
Sobre a unidade sindical: a unidade como elemento central de fortaleza é incuestionable, pero para que o sindicalismo nacionalista xogue un papel estratéxico é tan errado convocar polo seu lado como sumarse acriticamente a outra convocatoria. Pódese ( e debese ) ir do brazo de CC.OO e UGT sempre que se plantexe a “contraprestación” do papel que se vai a xogar na posterior xestión do conflito ( na postfolga neste caso ), senón é mellor como fixo ELA-STV e LAB ter o teu propio calendario.
Alén de UGT, CC.OO e CIG: A existencia de forzas sindicais con discurso máis radical que o mantido por CC.OO. ou UGT, e mesmo pola CIG, amosa que existe un descontento de como se xestiona a loita e a mobilización, pero coidado porque ademais de contar coas mesmas eivas que as grandes centrais poden chegar a ser un factor manipulable polo propio sistema en momentos de crise.
Persoalmente, considero que a maior presión que se pode axercer na actualidade por parte da cidadanía é por parte do consumidor, non polo traballador (aínda que ambas figuras coindidan en boa medida).
ResponderEliminarFai moito tempo que o capital acumula máis plusvalía polo exceso de consumo que polo traballo dos seus empregados (todo suma, claro, e todo o queren, por suposto).
Aledóume ver rexeitamento social aos establecementos abertos o día da folga do 29S. Esa é a protesta máis efectiva: non comprar. Debemos realizar unha aposta seria polo decrecemento e polos movementos que o promoven. Estes poden ser máis desivos na presión que se exerce sobre as empresas que os sindicatos.