Como en Catalunya

Xoán Hermida

España é o problema, Europa á solución. A frase pronunciada fai case un século por Ortega y Gasset esta moi de actualidade a raíz de diversos acontecementos vividos na escena política.

Hoxe o Parlament de Catalunya ven de aprobar unha proposición de lei, a raíz dunha iniciativa lexislativa popular que mobilizou a 180.000 cataláns, pola que se modifica a lei contra o maltrato animal e se prohibe a celebración de corridas de touros desde xaneiro de 2012.

Hai quen atribuirá o feito ao alto nivel de conciencia da sociedade catala ao respecto da defensa dos seres vivos e haberá quen verá na decisión unha iniciativa identitaria e un paso máis na diferenciación de Catalunya con España.

Ou seguramente ambas á vez.

Pero en todo caso, e por iso o de “Europa é a solución”, Catalunya avanza nunha lexislación que a achega aos países máis avanzados de Europa en políticas medioambientais e de protección dos seres vivos.

Antes de existir a Europa neoliberal e das multinacionais, xa existía unha Europa social, de benestar e de progreso ao que moitos intelectuais españois miraban como exemplo a seguir.

España era o problema: o retraso económico e social, a falla de cultura democrática e federal, a ausencia de culturas activas e de futuro, políticas raquíticas en medioambiente, solidariedade e liberdades. España era o monolinguismo, a charanga a pandereta,... e as touradas.
Que inventen eles!. Afirmaban con orgullo patrio.

Por iso Catalunya que xa era Europa nos aspectos sociais e culturais, tamén nos políticos, hoxe tamén o é en políticas ecolóxicas.

E esa maioría social, e hoxe tamén parlamentaria, arredor dun espectáculo tan cruel e sanguinolento coma as corridas de touros, so é posible forxar cando a mensaxe e claramente ética e de defensa da vida. Cando se activa a cidadanía arredor dun ideal tan nobre como o da defensa dos seres vivos.

En Galiza o debate sobre os touros aínda non ten a extensión e forza que ten adquirido en Catalunya, pero quizais sexa en Pontevedra, único sitio onde existe unha praza de touros e un cartel anual con tradición onde o debate empeza a asomar.

Desde fai varios anos colectivos minorizados teñen comezado a facerse notar coincidindo coas festas da cidade onde o “espectáculo” forma parte do cartel das festas. O rexeitamento sobre este tipo de tortura cos animais é central, pero máis aló porque o tema das touradas en Pontevedra, ao igual que outros temas que teñen agromado nos últimos tempos, marcan claramente a liña divisoria social entre a Pontevedra institucional e de “ben” e a Pontevedra social e transformadora.

O nacemento, fai agora un ano, da Coordenadora Antitouradas de Pontevedra foi un paso decisivo para que se poida canalizar un ampla maioría social silenciosa que non conectaba coa actual dinámica do movemento antitaurino existente ata o momento e conqueriu celebrar a maior manifestación contra as touradas con máis de medio millar de persoas.

A necesidade de situar o maltrato animal como elemento central. A Coordinadora ten como elemento central para a súa convocatoria e existencia o maltrato animal, ao marxe doutras consideracións.

Os seis puntos básicos da Coordinadora son:

- Cese inmediato de axudas encubertas ás touradas por parte de todas as institucións, nomeadamente da Deputación de Pontevedra, principal financiador público.
- Instar á Xunta a aprobar unha Lei de Protección Animal que prohiba as touradas e espectáculos onde se torture ou mate animais.
- Declaración por parte do Concello de Pontevedra como “Cidade Antitouradas” e amiga dos animais.
- Supresión das touradas como reclamo turístico por parte das Institucións públicas, así como dos programas de festas.
- Erradicación do uso de espazos públicos para a promoción das touradas.
- Reconversión da Praza de Touros nun Coliseo para espectáculos culturais e concertos.

Ademais a Coordinadora ten un compoñente plural e de participación persoal que a converte no catalizador e organizador das demandas dos antitaurinos cara ao futuro. Por iso o resto dos colectivos cívicos e sociais que non compartimos a festa “nacional” debemos prestarlle o noso apoio desinteresado, sen entrar en polémicas sectarias.

Lamentablemente este ano, e utilizando como escusa a división do movemento, se ten propiciado unha convocatoria aberta onde conflúen dous intereses que de consolidarse serian letais para o movemento antitaurino.

Aqueles grupos filopartidarios que queren deixar ao goberno municipal ao marxe da critica ( cando son eles os que gobernan e teñen a autoría sobre o cartel das festas ademais de ser os mesmos que gobernaron Galicia durante case catro anos sen dar paso algún para a desaparición deste espectáculo lamentable ) e/ou aqueles grupos que soamente queren focalizar nun problema de “español ou non español” un tema que fundamentalmente é de defensa da vida e dunha concepción da cultura avanzada e progresista.

Os datos reafirman que os pro-taurinos son minoría. Segundo os propios organizadores do evento son máis de 700 as persoas que veñen de fora para ver o espectaculo ( imaxínome que entre eles contan a Pepe Blanco e Mariano Rajoy ), non se cobre todo o tendido e ademais a “festa” so pervive grazas a axudas e subvencións públicas.

Agora ben, esa minoría pode seguir aplaudindo á tortura se os antitaurinos non teñen unha estratexia maioritaria e aberta ... como en Catalunya.

Unha estratexia que por exemplo á socialdemocracia española os faga abandoar o lamentable exemplo de Pepe Blanco e Anton Louro e seguir o exemplo da socialdemocracia nórdica.

Comentários

  1. dende logo é evolución eliminar toda tortura innecesaria a calquer ser vivo; no mundo actual non é preciso maltratar animais e menos como diversión, festa ou como queira denominarse... en coruña tamén se celebran touradas unha vez ó ano, no coliseum, de feito penso que son este mes... bicos, abrazos e aplausos..
    unha equilibrista

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

Fin de etapa

O espírito do 29 de xaneiro

Non valen escusas