8 de novembro de 2010

A proposito da visita de Ratzinger ou sobre o activismo e o pensar




“Non podes resolver un problema coa mesma
clase de pensamento que o produciu”. Albert Einstein



Xoán Hermida


A visita de Benedicto XVI ten posto de releve a existencia dunha sociedade plural, laica e moderna allea á mesma, que nin se mobiliza en masa para escoitar ao sucesor de San Pedro e aínda menos o fai na súa contra.

Isto que non deixa de ser descritivo, pode servir para que reflexionemos uns e outros, cristiáns e ateos ( inclúo neste apartado aos agnósticos aínda que non sei moi ben porque ) sobre o papel de cada quen na sociedade contemporánea.

Resulta obvio que hai motivos suficientes para ser críticos coa evolución do cristianismo desde que deixou de ser a mensaxe teolóxica de Xesús de Nazaret para pasar a converterse noutra proposta.

Non me refiro soamente as desviacións do mensaxe orixinario de Cristo senón en termos filosóficos do materialismo dialéctico ( que profeso e que a estas alturas non sei se é convinte confesalo ) do papel que as filosofías idealistas, e en concreto as relixións, teñen desenvolvido para manter o “statu quo” ou para controlar e dominar aos sectores desfavorecidos da poboación, eliminando do seu imaxinario a posibilidade de cambio en vida e emprazándoos a un mundo mellor despois da morte.

Pero seriamos inexactos se situaramos no cristianismo algúns dos seus elementos conceptuais máis reaccionarios. Os primeiros cristiáns non pasaban de ser unha corrente popular e crítica fronte ao poder teolóxico establecido no seu tempo. A evolución posterior da igrexa ten moito que ver co seu “agiornamento” co poder e sobre todo a súa base filosófica na idade media coa reinterpretación que de Platon e Aristóteles fixeron os escolásticos, en particular Agustín de Hipona e Tomas de Aquino. Igualmente hoxe a base filosófica do papado de Benedicto XVI bebe fundamentalmente do pensamento idealista transcendental de Inmanuel Kant, que paradoxicamente era luterano e non católico.

Pero diante deste plantexamento filosófico a esquerda, e máis concretamente a esquerda que se di marxista e polo tanto materialista no sentido filosófico, que esta a propor ?

A esquerda leva medio século sumida nunha fonda crise política e organizativa. Os modelos sociais que propón non convencen a case ninguén e as estruturas organizativas para o cambio volvéronse inútiles para mudar o sistema.

Isto se ten visualizado con toda a súa crueza nesta etapa de crise sistémica na que estamos inmersos. A esquerda ten abandonado de xeito vergoñento as súas propostas económicas, entendidas estas no senso amplo – sociais, ecolóxicas, urbanísticas, ...- e se refuxia en “batallas” marxinalizadas e en guetos minoritarios que é precisamente onde o sistema quere que estea.

Abandonou fai tempo toda perspectiva de cambio porque, a excepción de América Latina, ten renunciado á lideranza dunha maioría social, onde por suposto entran varios sectores sociais e algúns de tradición e fe cristián.

Quero facer aquí un paréntese para recordar o importante papel que na Italia de posguerra tivo o concepto do “agiornamento” para rachar a hexemonía da dereita nun país onde a Democracia Cristián tiña profundas raíces ou en América Latina o papel clave que esta a xogar a teoloxía da liberación e os movementos cristiás de base nos procesos de mudanza.

Pero volvamos ao tema da crise da esquerda.

O que é máis grave é que desde antes da guerra mundial a esquerda non ten reflexionado a fondo sobre os cambios nas nosas sociedades e nas demandas materiais e espirituais das persoas condicionadas cada vez máis por un modelo desenvolvista e utilitarista.

A esquerda ten sido abandonada polos filósofos.

Os últimos grandes filósofos da esquerda, exceptuando a corrente estruturalista durante o movemento do sesentaoitista, teñen sido os filósofos da praxe, o italiano Antonio Gramsci e o hungaro Georg Lukács, ambos preocupados polo carácter humanista do marxismo e pola hexemonía social e o papel da democracia no socialismo.

Non é de estrañar que con este panorama os filósofos de moda nas facultades de filosofía sexan existencialistas como Martin Heidegger ou Hans-Georg Gadamer.

Os filósofos materialistas inexistentes foron sustituidos, e menos mal, por físicos e investigadores científicos como Stephen Hawking.

Perdida a batalla da política económica e da filosofía a tendencia natural é a refuxiarse no cotiá e no activismo “desbordante”.

E si as cousas non foran por aí ?

O activismo necesario require de lectura, reflexión e meditación. Por que en lugar de adicarlle o 80% do tempo ao activismo ( obviamente excluídos deste esquema os esquerdistas de café ou de facebook ) e o 20% á reflexión e o análise, invertemos a tendencia e adicamos o 20% ao activismo e o 80% a pensar. Aínda que so sexa durante o actual período “post-traumatico” que nos tocou viver. Ademais o pensamento crítico tamén é sin dubida un exercicio de activismo.

Vivimos tempos que non parecen propicios para o cambio. Seria eses que na dialéctica chámanse período de acumulación de forzas previo a un futuro novo salto cualitativo ou un período que en física cuántica tería que ver cun estadio anterior a unha “cadea de emerxencia”.

Pensemos que ao mellor ao igual que aos cristiáns o noso marxismo non ten nada que ver cos plantexamentos primixenios nin de Marx nin de Engels.

De non ser así creo que seguiremos por algún tempo máis de vitoria en vitoria ata a derrota final.

2 comentários:

  1. Benquerido Xan,
    Non che vou contestar sobre o que non sei (filosofía marxista) pero sí sobre algunha das inexactitudes que tes sobre a Igrexa.
    Tódalas relixións deberían ser "propostas" porque de non ser, son imposicións. Pero, volvendo a rego, creo que te equivocas ao opinar que a Igrexa se separou da mensaxe de Xesús. Certamente a Igrexa non respetou ao 100% a súa mensaxe, pero historicamente (a pesares dos pecados da inquisición e outros) respectou esta mensaxe.
    Gostaríame que botases a vista atrás e me dixeras quen "inventou" a sanidade pública, ou quen inventou a educación pública ou quen inventou o traballo social.
    É estupendo que os Estados modernos asumirán estes servizos, pero quen viu a necesidade e os comezou a implementar foi a Igrexa (no sentido amplo e correcto do termo, non só da Conferencia Episcopal de turno).
    O mesmo se pode decir da reforma agraría. Comezando por un Basilio Alvarez (inxustamente olvidado por todos) e rematando por un MST, que traballa conxuntamente e sen contradiccións coa CPT (Comisión Pastoral da Terra).
    En fin, esto é todo. Se queres outro día seguimos falando.
    Apertas. Alvaro

    ResponderEliminar
  2. ola,
    eu non me vou meter en marxismo, pero tampouco en cuestións estrictas de igrexa ou da histórica relación entre esta e a política/o poder... iso deixovolo a vós, que estades máis "lidos"...
    creo que hai unha cuestión máis simple ca todo iso e que ás veces esquecemos nos debates en que nos lanzamos datos históricos e feitos concretos os uns ós outr@s...
    as persoas temos unha parte espiritual moi importante para o noso desenvolvemento e moi esquecida nos nosos días... a relixión na súa orixe era a resposta a ese eixo humano, pero hoxe non é iso... digamos que se foi retorcendo o asunto e os intereses persoais e materiais teñen corrompido todo... respecto moito ás persoas que sinten a fe, cos anos dinme conta que como me dixo unha vez unha vella portuguesa moi sabia "necesitas crer en algo", é certo... pero é un camiño persoal , unha viaxe, e sobre todo é unha cuestión íntima, non deberia estar na axenda dun imperio, unha empresa..como a igrexa católica na actualidade... respecto moito a fe, como dicía, pero idolatrar a un señor de blanco porque disque é o representante de deus na terra, elixido por un grupo de poderosos, síntoo pero paréceme puto markéting... ridículo.. e enriba aguantar proclamas discriminatorias con colectivos como o homosexual... hipócrita, sen sentido, síntoo pero non hai por onde collelo...
    non creo que iso teña nada que ver coa fe ou a relixión, cos valores do amor universal e a idea de que todos os seres vivos formamos parte dun todo común...coa espiritualidade da nosa existencia

    ResponderEliminar