Progresistas de salón


‘a diferenza entre un revolucionario e un esquerdista
na intervención política e a mesma existente
entre o coito e a masturbación’

Rodney Arismendi.
historico comunista Uruguaio



Xoán Hermida

O primeiro ‘progresista de salón’ documentado na historia contemporánea foi un tal Friedrich Engels, ese bastago da burguesía industrial que despilfarraba os beneficios das empresas familiares para financiar de xeito altruísta a un tal Karl Marx; outro ‘progresista de salón’ ou ben poderiamos dicir ‘progresista de biblioteca’ - que aínda é peor! -, que se adicaba a estudar e a ler para desenvolver o análise científico máis completo que temos do sistema no que nos tocou vivir e para elaborar a ‘filosofía da praxe’ que ten xerado falsas esperanzas a millóns de seres pensando que era posible saír da extrema pobreza e da ignominia.

Pero xa existían precedentes cincuenta e nove anos antes de que estes dous ‘progres de salón’ escribiran un manifesto que cambio o rumo da historia. Non debemos esquecer que outros precursores deste estilo do progresismo de salón como Marat ou Danton tiveron a ousadía de facer a maior revolución da historia pola maña e darse baños ‘cheirosos’ pola tarde namentres escribían os seus escritos.

Pero non remata aquí esta casta de ‘progres de salón’. A principio do século pasado outro grupo desta calaña se lles ocorreu enganar as masas para cargarse a tiranía do Zar Nicolas II, que xa se sabe que non era un ‘progre de salón’.

Estes tipos que están documentados con nomes tan de salón como Trotski, Kamenev, Zinoviev, Kollontai ou Bujarin, liderados por un dos ‘progres de salón’ máis perigosos - un tal Lenin- que namentres no cambio finisecular algúns activistas esquerdistas querían levar adiante unha revolución obreira nun pais agrario este tipo frecuentaba cenáculos e bibliotecas alemáns pensando en como modificar a realidade partindo dela (incrible!)

Pero houbo máis. Na Alemaña de inicios do século XX unha tal Rosa Luxemburg e un tal Karl Liebknecht, tamén se adicaron a frecuentar salóns, menos mal que o obreirista e socialdemócrata Gustav Noske , apoiado polos pistoleiros dos Freikorps, liberaron a Alemaña desa calaña.

A historia esta plagada de ‘progres de salón’ de clase media que habitualmente pululan pola historia distorsionando o verdadeiro imaxinario da clase obreira.

En Europa Georg Lukács ou Max Horkheimer, En América Ernesto Guevara ou José Carlos Mariátegui e mesmo en África ou Asia temos coñecemento dun tal Ho Chi Minh ( poeta!) ou de Nelson Mandela. Neste último caso o goberno surafricano coñecedor do gusto polos salóns enviouno 27 anos a un salón privado na residencia ‘Robben Island’

E non pensedes que a nosa terra escapase a esa caterva. Aquí poderiamos definilos como ‘señoritos’ e hai unha longa tradición que vai de Castelao a Beiras.

A min esa xente aburguesada non me gusta nada. Non son fillos directos da clase obreira, teñen os seus vicios inconfesables e sobre todo – e isto e o que máis me molesta – teñen ‘a funesta manía de pensar’.

Son fillos da ilustración e de Satanas – por exemplo o anteriormente citado Karl Marx non se lle ocorreu mellor idea que formar parte dun club chamado ‘amigos da esmorga’.

Eu fíome máis da esquerda ‘autentica’. Non precisa ler para saber, non necesita pensar para actuar, e sobre todo é coherente en todo momento. Saben o que hai que facer sen vacilar. Son un exemplo a seguir.

Sei que hai teorías por aí que afirma que estas persoas traballan indirectamente a favor dos intereses dos máis poderosos. Mesmo insinúan que algúns directamente e a soldo. Que grande mentira!

Simplemente son xente de principios:

- Son fillos da clase obreira e saben xestionar os seus recursos. A diferenza dos ‘progres de salón’ que despilfarran o seu patrimonio familiar - e nalgún caso mesmo acaban na pobreza- , estes empezan de pobres e acaban atesourando grandes fortunas.

- Teñen unha moralidade que roza o estoicismo. Nada que ver coas tendencias libertinas dos ‘progres de salón’ que se divirten, fornican e gozan das relacións humanas.

- Son defensores da familia. Colocan aos seus parentes en postos clave cando están no goberno ou en organizacións sindicais e partidarias cando aínda están na oposición. Iso que algúns chaman nepotismo eu creo que amosa un claro exemplo de lealdade e de compromiso.

- Están sempre alerta na tarefa da limpeza revolucionaria. Todos sabemos cantos arribistas, fofos e ‘progres de salón’ se unen aos movementos para desvialos da súa misión emancipadora por iso é necesario estar alerta, expulsar, difamar e denigrar ao ‘disidente’ -mesmo se fai falla cun piolet que se encontre a man - . Posteriormente perpetúan as revolucións a un baixo custe de aniquilar a miles de compatriotas.

- Son escolásticos -e isto a min particularmente é o que me gusta máis -. Non se deixan persuadir pola lectura directa e miuda, prefiren usar un catecismo ‘ideolóxico’ que conteña tódalas receitas para un mundo mellor aínda que nel se citen algúns profetas que no seu momento foron tachados de ‘progres de salón’. Xa todos sabemos que as conversión como as de Saulo de Tarso camiño de Damasco ou do libertino Agostiño de Hipona son posibles, sempre e cando as recoñeza a doutrina oficial e expiren os seus pecados.

Por favor! Persoas decentes e honestas, escapade deses ‘progres de salón’, hoxe camuflados en ONGs ou grupos ecoloxistas, que o único que perseguen é confundiros con complicadas interpretacións e análises.

Sempre será mellor un fascista coñecido que un ‘progre de salón’ por coñecer.

E por favor nada de contacto físico con eles. Son luxuriosos. Mesmo aman aos ‘animais non humanos’. De seguro que practican a zoofilia.

Comentários

  1. :D Moi bo, Xoán

    ResponderEliminar
  2. Esquece a un dos nosos progristas de salón máis queridos; Gramsci, de salón carcelario, pero xa se sabe que algún por non traballar polo proletariado auténtico está disposto mesmo a ir ao cárcere.

    Conserva o teu bo humor e a ironía, fainos felices a moitos/as.

    ResponderEliminar
  3. OLA XAN!!
    FRANCAMENTE XENIAL!! MOI OCURRENTE E RETRANQUEIRO. DI TODO MOI MOI CLARO PARA ACALAR A VISION TOTALITARIO DALGUNHA XENTE CON TITULO AMPLIADO DE ESQUERDAS, AS ACCIÓNS SON AS QUE FALAN NON SO AS PALABRAS.
    APERTAS. ANA RODRIGUEZ.

    ResponderEliminar
  4. Non entendo, falas da socialdemocracia, os verdes, os sindicatos ou eses que están en loita da CGT e a CUT? Moita retranca pa min...
    Fai rir como a CGT ten máis presenza na rede por meterse con Amarante que por facer sindicalismo en Inditex... Vergoña de traidores a CNT... Da CUT, pois moi noviños aínda, cando "depuren" aos que tratan de medrar...

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas