É posible un ecosocialismo galego


a Loli Mariño
que nos ensinou o valor da ecoloxía
nun tempo en que as pequenas
cousas aínda nos soaban excéntricas


Xoán Hermida

Tiven a ousadía no ano 1997 de publicar un artigo en 'El Correo Gallego' onde se mencionaba por primeira vez en Galicia o termo ecosocialismo.

En realidade aínda faltaban tres anos para que Joel Kovel e Michael Löwy publicaran o manifesto ecosocialista, pero iso non quere dicir que eu estivera a inventar algo novo, pois xa algunhas forzas políticas de Europa e social de Latinoamérica xa comezaban a utilizar esa denominación.

Así que a ousadía se debía máis a que sendo eu o primeiro en utilizar esa terminoloxía sabia que ía a atoparme con dúas cuestións que no debate político se dan moito na nosa terra. A primeira é algo que se podería expresar na conceptualización 'iso é moi moderno, non ten nada que ver con nos’. A segunda, ligada á primeira, exprésase en algo así como ' Galicia é diferente, esa formulación pode valer para Catalunya ou Euskadi, inseridas máis na Europa'.

Esta visión non ten nada que ver co nacionalismo moderno e universalista que encarnou a xeración NÓS e tería moito mais que ver co discurso nacionalista pechado español expresado en 'que inventen ellos' ou 'spain is diferent'.

Hai un terceiro prexuízo que este xa tería que ver máis co contido que co formal e que amosa o nivel raquítico no que se move o debate a nosa esquerda nalgúns círculos: “iso do ecosocialismo en realidade é o socialismo cun verniz verde para captar novos votos e simpatías”.

Nada máis lonxe que dunha operación cosmética ou dunha táctica electoralista.
En realidade ecosocialismo é unha das múltiples definicións que poderiamos aplicarlle á esquerda da etapa da globalización neoliberal e do perigo do 'infarto ecolóxico’ do planeta, onde as novas contradicións entre a natureza e o comportamento do ser humano na súa forma capitalista de producir, distribuír e consumir as materias primas e a enerxía pasan a un primeiro plano.

Cando Karl Marx di “a natureza é o corpo non orgánico do home” ou Rosa Luxemburg advírtenos sobre a dicotomía “capitalismo ou barbarie” xa están alertando do perigo que a nosa actuación económica e política ten para o planeta.

Lamentablemente esta visión dialéctica e naturalista da esquerda non foi a que se asentou na metade do século XIX, senón unha visión dogmática e industrialista.

Somos herdeiros - para o bo e sobre todo para o malo- da II internacional e da socialdemocracia alemá constituída arredor do programa de unificación de Ghota e iso ten marcado durante algo máis dun século unha forma de entender o desenvolvemento económico, as relacións humanas, o sentido da democracia política e tamén a relación da humanidade coa natureza.

Tratase de repensar en clave de futuro a esquerda. E o futuro na actual conxuntura adquire non so un sesgo programático senón mesmo existencial: a propia existencia de futuro en si.

Tratase de sinalar ao novo “suxeito revolucionario”, pero antes temos que sinalar o propio suxeito político e mesmo filosófico.

Para a concepción clásica e tamén para os ilustrados o suxeito filosófico era o home -e digo ben o home porque a muller estivo excluída desa concepción ata hai ben pouco-. Agora tratase de concibir o suxeito político-filosófico de xeito máis amplo. Tratase de entender o suxeito ontolóxico na súa máxima amplitude unha vez que nin a alma, nin a intelixencia, nin a cultura son xa raias delimitadoras.

Tratase de entender o suxeito -no sentido filosófico- composto polos “animais humanos” e tamén polos “animais non humanos”, entendidos desde unha aposta colectiva de biodiversidade e harmonía.

E sobre o “suxeito revolucionario” que dicir. Toda vez que as grandes diferenzas téñense amortecido nunha combinación de melloras sociais e integración no sistema, xa non é a clase obreira en exclusiva a punta de lanza do movemento de cambio antisistémico, tampouco xa o son as mulleres coma se planificou nos setenta, nin outros sectores que a longo do século XX se lle foron idealizando características “revolucionarias” a medida que declinaba a luz do proletariado.

Vivimos na globalización, na fase final do que xa Lenin apuntara como fase imperialista do capitalismo. Son tempos de control monopolista, de concentración de capitais e de privatización de recursos naturais en mans duns poucos oligopolios. Nese contexto todas aquelas persoas afectadas por un sistema cada máis inxusto e desequilibrado ou interpeladas pola necesidade dun mundo mellor somos “suxeitos revolucionarios”.

A nova fase do capitalismo require a construción de novas ferramentas políticas de actuación. Non se trata de pintar de verde a esquerda tratase de construír unha alternativa socialista no económico e sustentable no social e viceversa,... e por suposto radicalmente democrática.

Esta aposta, que vale para o mundo, tamén ten que valer para o noso país. Así que é posible un ecosocialismo galego, por suposto!. Pero de seguro que se terá que construír fora das actuais estruturas políticas institucionalizadas.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas