15 de dezembro de 2009

Para que queremos un novo partido? Para ter unha nova decepción ?

Xóan Hermida

“Non se pode ser á vez Lenin e Castelao”

A iniciativa coñecida coma Rolda de rebeldía é máis que apropiada nos tempos que corren, aínda que tamén, e sería desexable equivocarse, os seus froitos van ser escasos por varios motivos:

- A falla de compromiso das forzas políticas (partidarias), un posible obxectivo da rolda. Unhas, porque a iniciativa non é deles, e unha parte do propio Encontro Irmandiño porque mira con recelo toda iniciativa que poña en entredito o seu actual “status quo”.

- A falla de vertebración social galega organizada e con influencia social e incidencia institucional que podería demandar algún paso neste sentido.

- Os recelos que unha iniciativa que xurda dunha estrutura partidaria pode xerar nun movemento social escaldado da instrumentalización, a maiores cando EI volve participar do estabilisment do BNG.

En todo caso, como son un optimista no senso gramsciano do termo, vou tentar achegar algunhas reflexións a esta Rolda de rebeldía xa que é o máis interesante que se nos ofrece nos últimos tempos.

Partimos dun punto común: esta iniciativa xorde porque o BNG entrou nunha deriva que non satisface nin a unha parte dos que foron membros da organización nin a unha parte que, sen selo, nalgún momento interpretamos que era o máis parecido a unha forza de esquerdas galega que existía no país.

Pero cometeriamos un erro se compracentemente pensásemos que todo ía ben ata o ano 2001 e as cousas empezaron a torcerse coa chegada do BNG aos gobernos municipais das grandes cidades, co cambio de liderado ou con algunha outra cuestión que se queira sumar ás anteriores.

Debemos de ser claros na análise se queremos non volver equivocarnos: o proceso de “inserción no sistema” do BNG non se realiza nun acto único senón que é froito dun proceso “evolutivo” que ten nas súas orixes algúns dos elementos clave na posterior evolución, en especial un elemento central como a relación da organización política cos movementos sociais, sempre entendida nun papel de subordinación. Non debemos esquecer que moito antes de que o BNG instrumentalizase NUNCA MÁIS, asaltase ADEGA ou tentase tomar o SLG, desfixo o único sindicato obreiro galego independente (CXTG), imposibilitou unha GALIZA NOVA autónoma ou quebrou a unidade na MESA para a Normalización Lingüística.

Moito antes de que gobernase as grandes cidades xa amosara máis interes en achegarse ao poder creando maiorías sociais “neutras”.

Moito antes de abandonar o asemblearismo democrático, a estrutura frontista puxérase ao servizo de lobbies de poder (partidos) en lugar da militancia.

Seguramente non sexa fácil poñernos dacordo sobre estes aspectos e, aínda que teñen importancia para non repetir erros, o máis importante é poñernos de acordo cara ao futuro.

Cales son os elementos centrais para construír un proxecto?

Este poden ser algúns dos nós gordianos que impidan ou permitan avanzar:

- Unha estratexia de cambio clara. Unha estratexia clara ao servizo da cal estea unha táctica precisa, e non ao revés. A subalternidade do partido aos movementos sociais ou, dito doutro xeito, a subordinación da táctica á estratexia. O “principismo” ten sido paralizante para os movementos sociais e as súas dinámicas de cambio, pero ten sido aínda peor o tacticismo, sobre todo nun momento en que os partidos renuncian á política, aséntanse na xestión e sitúan aos movementos sociais como correas de transmisión ao servizo dunha táctica electoral conxuntural.

- Unha política de alianzas acorde co anterior. É necesario poñer a estratexia por diante da táctica, reinventar a folla de ruta da transformación social e, sobre todo, poñer aos partidos de reforma do sistema (socialdemócratas e/ou nacionalistas progresistas) ao servizo dos movementos sociais para trazar unha aposta de cambio. O problema non está en facer alianzas políticas con outras forzas –mesmo que poidan estar inseridas no sistema– o problema é con que niveis se participa á hora de gobernar. As coalicións de goberno teñen como dificultade poder seguir desenvolvendo unha política crítica co sistema á vez que se goberna. Por outra banda, se o papel que se dá é o de seguir na oposición, a propia coalición de goberno se debilita e aparece como un co-goberno ou un bigoberno, aproveitando isto a dereita. A opción está en seguir mantendo como prioritarias as alianzas coa cidadanía e, polo tanto, mesmo posibilitando a gobernabilidade por acordos políticos, non entrar a formar parte do equipo de goberno.

- O seu carácter plural e democrático. Debera ser unha forza plural pero claramente antisistémica e, polo tanto, que constrúa unha táctica electoral ao servizo dun proxecto estratéxico de cambio. Nese senso, o nacionalismo político necesario (en termos de defensa da soberanía nacional) non pode ser como ata agora un nacionalismo ideolóxico que curtocircuíte a incorporación de novos sectores de esquerda “laicos” nin que sirva de coartada para crear espazos xa existentes nun país onde os espazos son tan achicados. A forza de reforma do sistema xa existe (PSdG) e a forza da dereita tamén (PP), independentemente da maior ou menor galeguidade que adquiran nun momento ou noutro.

Debera ser asembleario e plural, pero este frontismo político debe construírse arredor da cidadanía e dos movementos sociais, e non arredor dos partidos políticos con cotas de poder, e indispensables compañeiros de viaxe dun partido vangarda que marca a súa orientación. Se non nos serven os partidos clásicos tampouco nos pode servir unha fronte alternativa na que as partes que a conforman sexan partidos clásicos.

Construír un proxecto unitario e democrático, lonxe dos partidos monolíticos clásicos e das frontes onde un partido hexemónico domina o resto (unha persoa = un voto).

- Un proxecto revolucionario (non interclasista) pero entendendo que o “suxeito revolucionario” nos inicios do século XXI é plural na súa composición social e cultural –clase obreira, pequenos labreg@s, mocidade transformadora, sociedade civil antisistémica–. Un dos elementos centrais dunha nova esquerda transformadora é precisamente entender o suxeito revolucionario como un espazo complexo, plural e dinámico ,desprazando do centro de gravidade o proletariado.

E isto non porque a clase obreira sexa “en si” unha clase reformista ata que adquire o papel de clase “para si”, nin tan sequera porque os sindicatos leven desde a metade do século XX sen actualizar a súa misión, senón porque obxectivamente é a clase operaria a que máis contradicións ten para poñerse á fronte da superación do sistema.

Posición de obreiros e as súas centrais sindicais defendendo os postos de traballo dunha empresa altamente contaminante son habituais, pero indo mais aló, agora que o sistema demostra as contradicións cos limites do crecemento ou do modelo de desenvolvemento industrialista.

Hoxe existen amplos sectores sociais enfrontados coa globalización capitalista, tanto nos seus aspectos sociais coma na defensa de diversas soberanías: ambientais, alimentarias, produtivas, lingüísticas...

- Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o desenvolvemento económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Trátase de elaborar políticas globais de concreción local e políticas locais globalizadoras. E, sobre todo, deben ser propostas de cambio de sistema concretas que non poidan ser asimiladas polo sistema.

Unha proposta soberanista. No proceso de globalización e internacionalización, mesmo coa desaparición de boa parte das antigas competencias dos estados-nación nados no século XVIII, a proposta non pode ser a independencia tal como se concibía hai medio século. A opción da soberanía no marco de co-soberanías globais é unha aposta avanzada para superar o modelo de estado autonómico actual. Propostas como o federalismo asimétrico, a co-soberanía no marco europeo ou outras nesa dirección son vangardistas e permiten facer política arredor do carácter nacional de Galicia. Un proxecto galego –nacional–, se preferides nacionalista, politicamente que formule a soberanía nacional no marco dun neointernacionalismo –lonxe de construccións idealistas da nación.

- Un proxecto radical no político pero non no ideolóxico. A ideoloxía como ben a definía Marx é a supraestrutura suxectiva sobre a que se esconden aqueles que queren manter o status quo –polo tanto, é o máis antitransformador–. Coñecemos moitos partidos radicais ideolóxicos pero poucos radicais políticos. Unha forza moderna que entronque cos movementos sociais e cos novos suxeitos antisistémicos altermundialistas (ecoloxismo, neointernacionalismo, antipatriarcalismo, interculturalismo...) e respectuoso coa súa independencia e co seu carácter estratéxico, que os sitúa como referentes centrais na actuación política diaria. Que mire á mocidade sen paternalismos –que nin se lle pase pola cabeza ter unhas mocidades.

Pero se todo isto é importante para configurar un proxecto político a pregunta que temos que facernos (e que se está a facer moita xente) é a seguinte:

Fai falla unha nova forza política? E se fai falla, que tipo de forza política e con que vimbios temos que construíla?

Empezando pola primeira pregunta. A necesidade dunha forza política ou non vai depender de que exista un espazo político que cubrir.

A priori dubido de que teñamos marxe para a esperanza, sexa socialdemócrata (+BNG) ou altermundista (EI), pero o que non teño dúbidas é que non temos a día de hoxe un referente claro de esquerda nas institucións.

Hoxe parece que cada vez hai máis sectores sociais e persoas que demandan un proxecto político galego de esquerdas, plural e con vontade transformadora.

Agora ben, esta demanda non esta cuantificada e non sabemos se no fondo tería o espazo electoral mínimo para non ser unha forza marxinal cun espazo electoral residual.

Isto fai que moitas das persoas que poidan formular esta necesidade non se atopen con forzas para poñer en marcha un proceso constituínte.

Por outra banda, as organizacións e movementos sociais que puidesen ser outro dos elementos de empuxe son moi débiles politicamente e están desvertebrados organizamente, ademais, teñen un nivel enfermizo de parcelarismo.

Os partidos e forzas políticas teñen uns ritmos marcados polas convocatorias electorais e xogan dentro do sistema. Mesmo aquelas forzas máis radicais (que se sitúan noutras partes de Europa arredor dun 10% electoral) están marcadas por contradicións á hora de abordar a súa participación en parcelas de poder provocadas a partir dun certo nivel de “éxito” electoral.

Se existise un movemento social independente, político e forte non sería nin tan sequera problema que o partido por onde canalizar as demandas fose un partido de reforma ou “socialdemócrata”.

Pero este non é o problema. O problema é que todos os intentos por crear unha forza política galega no espazo da socialdemocracia fracasaron.

A intención de crear un socialismo galego no espazo da socialdemocracia é unha quimera contra a que se bate en diversas décadas. Nos setenta fracasou o proxecto do PSG de X. M. Beiras, nos oitenta acabou naufragando a EG de Camilo Nogueira, nos noventa EdG nin tan sequera chegou a nacer, abortando nunha operación de pura supervivencia, na época actual vén de fracasar de xeito contundente a operación de Anxo Quíntana, mesmo utilizando as institucións como trampolín para a súa construción.

De igual xeito fracasará electoralmente o proxecto +BNG, porque o espazo socialdemócrata, neste país e nas actuais condicións socio-políticas, o ten e o vai seguir tendo o PSOE.

Pero entón, a seguinte pregunta sería: existe espazo político para unha forza antisistémica clara?

Tal e como demostran as experiencias do noso contorno parecería que é posible, aínda que a enfermidade infantil da esquerda en Galicia, o sectarismo, parece demostrar o contrario.

Por outro lado, un proxecto político non ten por que ser, durante unha etapa determinada, un proxecto electoral.

Así que se un proxecto de corte “socialdemócrata “ está abocado ao fracaso e se a posibilidade dun espazo de esquerdas alternativa (sexa ecosocialista ou outra formulación similar) é máis que dubidoso, non nos quedaría outra opción que vertebrar unha forza política que desenvolvese o seu proxecto á marxe das citas electorais ou, mellor dito, onde os seus membros participasen nas forzas políticas de esquerda existentes (BNG, PSdG...) ou nos movementos sociais, converténdose nunha corrente non dunha forza política senón dun país.

Non obstante, como estas son meras reflexións, apunto finalmente algúns dos pasos posibles –e fáciles– para comezar a refundar a esquerda galega:

- Constituír un colectivo político que funcione como lobbie en favor do país sen adscrición partidista concreta. Este papel podería xogalo EI e de non ser posible un novo colectivo que nacese desta Rolda de rebeldía.

- Favorecer a converxencia das forzas políticas soberanistas e de esquerdas existentes hoxe fóra do BNG e que practicamente non teñen diferenzas políticas ou ideolóxicas –MPB, FPG, PCPG...–

- Apoiar e fortalecer a Rede Anticapitalista, así como apoiar o puñado de colectivos con capacidade de aglutinar arredor de si espazos concretos fortes e independentes –Amarante no internacionalismo, Verdegaia no ecoloxismo, SLG no sindicalismo agrario, Foro da Inmigración na interculturalidade,...–

- Propiciar un encontro de interesados en traballar sen sectarismos nin apriorismos, nunha reflexión ligada a un traballo político urxente.

Estas son algunhas ideas, que non deixan de ser ideas rebatibles todas e cada unha.

Construír un novo referente político é moi complicado pero ollo, (e volvo ao título da miña achega) se temos un novo partido teremos, nalgún momento, seguramente, unha nova decepción... ou non.

En todo caso se abrimos algún proceso necesitará de moito traballo, pouco prexuízo e altas doses de xenerosidade.