15 de janeiro de 2012

Good bye, Fraga!


Xoán Hermida

O fraguismo so se desmantelará en Galicia cando se de-construían un a un tódolos mecanismos, estruturas e ferramentas creadas durante esa etapa. Tanto se estiveron ao seu servizo como se foron contrarios ao mesmo forman parte dun modelo político-institucional pasado que, lamentablemente, aínda sigue vixente.

A Galicia de hoxe é froito de múltiples factores antropolóxicos, económicos, sociais, culturais e políticos que de xeito transversal nos teñen convertido en algo diferente e poliédrico.

A Galicia político-institucional de hoxe, pola contra, é froito do esquema dun ‘conducator’, Don Manuel, con dous obxectivos claros e complementarios: construír un modelo político limitado e reducionista seguindo a súa teoría da maioría natural e do sistema de partidos bipartidista británico e de paso construír un neo-rexionalismo que destruíra a nación na que ás veces Galicia parecería querer converterse.

Moito se ten falado sobre o porque da obsesión de Fraga coa barreira electoral do 5% nas eleccións autonómicas. Que se era para impedir o xurdimento de futuras escisións na dereita galega. Que se ben era para destruír a esquerda galega moderna e impedir construír unha hexemonía alternativa.

Fraga chegou a Galicia precedido pola fama de estadista e coa convición da necesidade dunha cobertura ‘galeguista’ se quería liderar unha maioría conservadora, que aínda que hoxe pareza incrible, pasárase a transición dividida e mesmo enfrontada.

Na primeira metade da década dos noventa o PPdeG coa entente Cuíña/Cacharro/Victorino a fronte e tutelados por Fraga tratou de culminar o proceso de galeguización que xa noutros tempos intentara Xosé Luís Barreiro; non exento de oposición no feudo máis tradicional - A Coruña de Romai -.

Iniciou unha serie de políticas destinadas a reforzar esa imaxe rexionalista, aprobando políticas de ‘galeguización limitada’ no lingüístico ou no cultural.

Os seus conselleiros estrelas eran Xosé Cuiña, encargado de vertebrar e modernizar Galicia e ‘superar o seu illamento secular’, e Jesús Pérez Varela, técnico de agit-prop, autentico animador dos seráns estivais, inventor do fenómeno Xacobeo e impulsor dun lobby de folclóricos que machaconamente nos recordaban que Galicia era ‘diferent’. Daqueles anos é o boom do ‘Luar’ que se ten convertido na imaxe da Galicia cultural do fraguismo.

Ata o propio Jordi Jujol chegou a loubar a proposta da Administración Única de Fraga, e este a súa vez copiou o modelo pactado de transferencias - mesmo aproveitando os resortes que o Estado ofrece o proxecto economicista e empresarial da Europa rexional - Eixo Atlántico/Países Cataláns ...

Esa primeira etapa galeguista-rexionalista deu paso, tras a defenestración do permanente ‘delfín’, Xosé Cuiña, a unha nova dereita onde o factor galeguista pasou a ser un compoñente máis, marxinal, dun grande entramado hexemónico.

Alguén podería crer que dada a inquina coa que o PP de Feijoo trata a Galicia, a etapa de Fraga é para botala de menos. Nada máis impreciso.

A Galicia política de hoxe está construída a imaxe e semellanza do pensamento e a acción política de Don Manuel.

A anorexia política existente foi conscientemente deseñada desde os laboratorios de ideas da dereita na rúa do Hórreo e mediático do polígono de Sabón. Era unha anorexia construída non para liquidar a dereita galeguista ou a esquerda innovadora senón fundamentalmente para poñer de xeonllos ao pais e deixalo sen alternativa por anos.

O reducionismo institucional deseñado na administración única e cuxa máxima expresión é a última remodelación de goberno da Xunta de Galicia non tiña como obxectivo mellorar a eficacia do goberno e a eficiencia da administración pública senón situar a Galicia lonxe das realidade das comunidades nacionais catalá e vasca e incorporala no espazo uniforme da España rexional.

As posibilidades de construír unha dereita nacional evitounas Fraga nos seus decenios de goberno desmantelando, un por un, os sectores estratéxicos da nosa economía, a maioría das veces coa complicidade do goberno central e coa ‘escusa’ do mercado común europeo. O esperpéntico periplo da transformación de varias caixas de aforro nunca entidade bancaria en ruína é a guinda deste proceso.

As posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica liquidounas por medio dun dobre xogo: favorecer o españolismo vazquista no PSdG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido ‘marxista-leninista’ (por favor prego non confundir co pensamento de Lenin e moito menos co de Marx! ).

Ás posibilidades de crear un pensamento científico e crítico asestóuselle un golpe de graza cando se desmantelou a única universidade galega con posibilidades de campus especializados e departamentos con recursos e pasouse a construír tres universidades rexionais competitivas entre elas e cunha crecemento xeométrico de fondos para administración namentres que un estancamento de inversións para docencia e investigación.

O fraguismo tivo en Galicia consecuencias moi perniciosas pero –quizais- a maior delas foi a construción dunha sociedade clientelar regada por subvencións que aniquilou a necesaria burguesía produtiva que levantase a nosa economía e vertebrara a nosa identidade nacional e que adocenou a sociedade civil para que non puidera cohesionar a defensa dos valores materiais -sanidade, ensino, políticas sociais, recursos naturais,…- e espirituais – cultura, lingua, felicidade, cooperación.. - do ben común.

Por iso, fronte aos falsos reflexos que o paso do tempo poida ter sobre nós, sen animadversión ningunha, so se me ocorre dicir “Good bye, Fraga!”, desexando infrutuosamente que con el se marche todo a súa negativa herdanza, e sobre todo lamentando que Isaac Díaz Pardo non o sobrevivira.


(publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9466.html)

5 de janeiro de 2012

In memoriam


Isaac Díaz Pardo
In Memoriam 1920-2012

O país non se pode permitir o luxo de seguer a perder bos e xenerosos en favor
da causa galeguista e do Ben Común sen que xurdan novos referentes.

3 de janeiro de 2012

O grande erro da esquerda


Xoán Hermida

Hai uns días o profesor Vicenç Navarro publicaba un artigo co titulo ‘O grande erro da socialdemocracia’. Sen querer puntualizar nin o máis mínimo o correcto argumentario de dito artigo onde se analizan as dúas visións na socialdemocracia alemá e por extensión a europea, creo non obstante que o erro da socialdemocracia, e da esquerda en xeral, hai que buscalo máis aló daqueles puntuais que esta teña cometido na última década.

A esquerda en xeral, socialdemócrata ou radical, leva varias décadas en crise ao non ter construído unha alternativa crible e aceptable pola maioría, situándoa non máis aló da mera xestión progresiva do capitalismo.

Tras a caída do muro de Berlín, co colapso económico e social do modelo burocrático e totalitario staliniano, era cuestión de anos que o modelo socialdemócrata tamén entrara en crise.

O modelo de Bretton Woods, deseñado nas postrimerías da 2ª Guerra Mundial, atopábase con dúas eivas para poder globalizarse: unha de cuestión política, a existencia dunha alternativa ao modelo de comercio internacional, e unha segunda de carácter técnico, a ausencia de tecnoloxía da comunicación que permitira facer transaccións comerciais ao instante que permitira pasar dun capitalismo produtivo-industrial a un capitalismo especulativo-financeiro. A finais da década dos noventa do século pasado coa caída do bloque soviético e coa revolución científico-técnica estas dúas eivas estaban resoltas e as ‘forzas do mal’ tiñan preparado o camiño para globalizar o seu modelo.

Máis dunha década despois, e coa primeira crise sistémica en plena efervescencia, as propostas son igual de erráticas formúlense desde a esquerda moderada ou desde a radical. Desde a esquerda máis pragmática simplemente se asume que non hai alternativa e que temos que aceptar o discurso dominante de recortes e contención do déficit. Desde a esquerda máis radical se intenta recuperar modelos fracasados ou ben se fai fincapé na defensa dun modelo de estado de benestar imposible de volver a reinstaurar.

O estado de benestar, tal como o coñécemos en Europa nos últimos cincuenta anos baseábase en tres fundamentos xa desaparecidos.

O primeiro, a existencia dun modelo alternativo que necesariamente obrigaba aos grandes oligopolios a facer concesións para manter a súa hexemonía

Un segundo elemento era un pacto social entre empresarios e fortes centrais sindicais asentadas en fabricas cun modelo de produción fordista onde os traballadores se encontraban unidos e facilmente organizables.

En terceiro lugar, a existencia dun ‘gueto’ de progreso no medio dun mundo global de inxustiza, onde os habitantes do Sur renunciaban a favor dun poucos privilexiados do Norte aceptando para iso réximes ditatoriais e condicións de vida miserables.

Todo isto ten voado polos aires: nin existe modelo alternativo, nin as centrais sindicais teñen a forza de antaño, nin a cidadanía do Sur está disposta -tal como se mostrou coas revolucións árabes- a renunciar a formas de vida máis dignas.

O socialismo do século XXI vai ser por forza diferente aos modelos corporativos, produtivistas, burocráticos e/ou totalitarios do século XX.

Non é posible construír o socialismo nos parámetros no que o intentan as actuais forzas políticas. Tampouco se trata de engadir múltiples cualificativos ao gusto do consumidor: democrático, ecolóxico, feminista, ...

Tratase de reconstruír un novo modelo integral –ecosocialista- que pivote sobre a radicalidade democrática, o desenvolvemento autocentrado e autosostible, e a xustiza social global.

A crise ten posto de relevo no capitalismo, o que xa se comprobara cos modelos estatalistas no pasado, que a democracia non esta ligada necesariamente a ningún réxime económico-social, que o socialismo pode ser cástrante e totalitario do mesmo xeito que o maior liberalismo económico funciona perfectamente nos réximes militares mais sanguinolentos. Así que a democracia pasa a ser un elemento central da alternativa. Democracia Real no político, como se esixe desde a sociedade civil, e democracia económica impulsando propostas de economía social, de cooperativismo ou de pequena explotacións agrarias biosustentables.

A construción dunha grande alianza antimonopolista esixe unha complexa iniciativa que constrúa dialecticamente unha política de alianzas nacionais xunto con redes rexionais de maior escala. Obviamente iso no marco dun estado plurinacional como o español incrementa as dificultades da mesma, ou si se quere unha lectura positiva esixe unha maior intelixencia e creatividade, para combinar os proxectos nacionais necesarios xunto co traballo de escala -estatal e europea- imprescindible para dar unha resposta eficaz as grandes corporacións transnacionais.

A xustiza global so vai ser posible cunha alianza altermundista entre todos os actores que actúan a favor do cambio: movementos sociais, gobernos post-neoliberais de América Latina, cidadanía emerxente dos países árabes e do Sur, e novos partidos políticos que xurdan no Norte.

Non se trata agora de recuperar falsas dicotomías propias de debates eurocentricos entre reforma ou revolución, nacionalismo ou globalidade, desenvolvemento ou medioambiente,… Tratase de construír un modelo para inicios do século XXI, diferente necesariamente ao construído pola socialdemocracia e o comunismo na primeira metade do século XX.

Farán falla programas de reformismo forte que necesariamente conduzan a un cambio sistémico, farán falla proxectos nacionais que permitan construír unha hexemonía social para un cambio global, serán necesarios proxectos de desenvolvemento sustentable que permitan unha harmonía coa natureza.

Hai cinco séculos o modelo aristotelico-ptolemaico observábase como perfecto, parecía que non existían fisuras. Copérnico introduciu un xiro radical na visión do universo, situándose simplemente nuns parámetros diferentes.

Estamos a falar dunha nova etapa que require de novas ferramentas. A esquerda plural non pode permitirse seguir vivindo nunha melancolía decadente de ‘gloriosos’ tempos pasados nin tampouco pode estar buscando as impenetrables fisuras do réxime.

Hai que trasladarse a outras coordenadas, reinventandose e dando o seu necesario xiro copernicano.


(publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9549.html)