29 de junho de 2011

Os abaixo asinantes

Xoán Hermida

Como ben sendo habitual, tras unhas eleccións onde a derrota da esquerda é máis que evidente, póñense en marcha manifestos dos ‘abaixo asinantes’ que no mellor dos casos fan unha diagnose clara sobre o que esta a acontecer ou advirten dos perigos, varios e múltiples, que nos asexan aos cidadáns e as cidadás no caso de que o rumbo non se enderece por parte dos patróns ao mando das embarcacións da esquerda ‘oficial’.

Tamén soe pasar, que co tempo as augas volven a normalidade, e os aparatos dos partidos se fan co mando ata un novo naufraxio e na espera de que o seguinte non sexa o último.

Eu mesmo veño de asinar xunto con outro grupo de cidadáns e cidadás do que poidamos chamar ‘esquerda sufridora’ un novo chamamento e avalar unha nova iniciativa.

BenComún, que así se chama, nace no medio dun naufraxio particular, pois o vendaval esta vez non ven provocado pola dereita senón por unha cidadanía disposta a que esta situación non sexa unha máis.

E así debe ser, pois de seguro que esta pode converterse na última oportunidade para cambiar o rumbo e amosariamos moita miopía se nos deixásemos enfeitizar polos cantos de serea que saen dos aparatos e/ou aparatiños.

De seguro que haberá un antes e un despois do 15-M, xa o esta a haber, o que queda por ver e se haberá un antes ou un despois na esquerda, ou dito de xeito máis directo e interpelando aos meus compañeiros e compañeiras de travesía, se desta vez poñemos en marcha unha iniciativa política, con misión, obxectivos e accións que teñan incidencia na sociedade e polo tanto influencia nos diversos ‘sttaf’, ou simplemente somos un novo berro na néboa advertindo dos perigos que asexan.

Dous serían, segundo ao meu entender, os erros máis importantes que poderiamos cometer, supoñendo xa que non queremos ser so portadores de malas novas senón construtores do futuro.

O primeiro, é pensar que a dereita non pode gobernar ou que se o fai é un desastre para a democracia. Esta idea seria negar a posibilidade mesma da democracia, pois invalidaría a propia posibilidade de que os ‘outros’, os que non son ‘os nosos’, gobernen e polo tanto poida existir alternancia partidaria nas institucións. Por outra banda, tal como di o decálogo de BenComún, “ O medo á dereita non é ningunha proposta, as forzas políticas deberan pensarse alén de instrumentos para gañar eleccións como ferramentas de cambio social. Non somos alternancia, somos alternativa.”

O medo á dereita é unha excelente coartada para que os que gobernan desde instrumentos catalogados como de esquerdas teñan un cheque en branco para facer precisamente políticas de dereitas de luva de seda.

O segundo, é pensar que a esquerda renovase cun ‘lifting’, aínda mesmo que sexa integral, pois senón abordamos a fondo os problemas da hexemonía social e cultural e senón reconstruímos, polo tanto, estratexias de cambio máis aló das citas electorais e pensando unicamente nelas.

Esa visión de reconstrución dos instrumentos e non das estratexias, ademais de ser un erro de calculo mesmo en termos electorais, comporta non so á hexemonía da dereita senón o que é peor, a existencia de dereitas ‘totalitarias’ e hiperliberais como as que nos toca padecer.

Un xiro estratéxico da esquerda, demandado desde a cidadanía, non so permitiría á mesma recuperar espazos de hexemonía perdidos desde hai décadas, senón que posibilitarían crecementos electorais ou no peor dos casos a existencia de dereitas máis democráticas e máis ‘civilizatorias’, demandadas polo seus propios ‘indignados’.

Agora ben, a construción de políticas de esquerda non é tarefa fácil, toda vez que a maioría das esquerdas ‘oficiais’ teñen renunciado a elas en Europa desde finais da segunda guerra mundial, nun caso como a socialdemocracia construíndo un estado de benestar ‘cercado’ fronte aos países do Sur, noutro como o comunismo limitándose para si a un papel de predicadores dun ‘paraíso’ reservado a outras latitudes.

Agora, caído o muro de Berlín e na primeira crise sistémica da globalización, non podemos volver a entrar nos absurdos e paralizantes debates de ‘reforma versus revolución’, ‘liberdade versus igualdade’, … Querémolo todo e querémolo xa, sabendo que para elo imos ter que pelexar pola parte e aos tempos.

Se estamos nunha nova etapa necesitamos debuxar novas estratexias. A lóxica traerá os novos instrumentos.

Onte, cando se cumpría o aniversario da aprobación do ‘estatuto do 36’ ven de pecharse o único xornal en galego. A noticia desalentadora é sen dubida unha máis nun longo camiño de derrotas desde hai dous anos, pero tamén pode ser o anuncio da necesidade de novos instrumentos, tamén no xornalístico, que non nacerán agás que xurdan novas estratexias. Se isto ocorre, entón non será unha derrota máis, senón unha nova preocupación para Feijóo e o que el representa.

O nacionalismo dos anos trinta foi vangardista en tanto en canto centrou nas novas reivindicacións nacionais a súa estratexia. O nacionalismo do post-franquismo foi quen de pivotar sobre as cuestións sociais o seu discurso se ter renunciado ao primeiro dándolle un novo contido. O neogaleguismo terá que incorporar as reivindicacións nacionais e sociais nun conxunto de novos dereitos democráticos, ambientais e emocionais das persoas, se quere volver a recuperar espazos sociais, e tamén electorais, nesta nova etapa.

So así terán sentido ‘os abaixo asinantes’.

16 de junho de 2011

O que fai falta


Xoán Hermida

Cústanos a todas e todos, cidadanía, medios de comunicación, organización sociais, e sobre todo aos partidos políticos entender o que esta a ocorrer.

Algúns aínda están preguntándose os porqués desta rebelión cívica dos mozos e mozas iniciada o 15M. Algúns aínda están buscando aos conspiradores.

Pois, voulles a dicir a verdade, si houbo conspiración. Lévanse reunindo ano tras ano en Dávos, nos cumios do G-8, nas executivas do FMI e do Banco Mundial, nos reservados das reunións da Organización Mundial do Comercio.

Conspiran contra a democracia, baleirándoa de contido e decidindo as entidades financeiras e as grandes corporacións a gobernanza do mundo, os destinos de todos e todas.

Conspiran contra a humanidade e contra o planeta.

Estamos nunha nova etapa e cumpre afrontala cunha nova mentalidade, caracterizada pola apertura, a xenerosidade e a actitude de indagar, crear e innovar.

Os cidadáns e as cidadás da esquerda política e social, ata agora preocupados e a partir de agora ocupados, temos que construír unha AXENDA COMUN: contribuír a renovación profunda e medular da esquerda nacional galega para que existan alternativas ao actual dominio da dereita política e o que é máis importante para que existan alternativas no campo do debate cultural.

Estamos diante dunha grande oportunidade: os muros caeron, que hoxe non é posible pechar os debates nas forzas políticas intramuros, os partidos teñen que entender que non son un club privado e que teñen que dar conta aos que están extramuros e os interpelan senón queren seguir illándose máis

A nosa rebeldía cívica non é contra os partidos. Nin contra o PSdG, nin contra o BNG, nin contra EU ou outros partidos existentes. Nin tan sequera contra ese novo partido que din que se vai a crear.

A nosa rebeldía vai contra o escurantismo e a falla de transparencia, contra o dogmatismo e a burocracia, contra a privacidade do debate e contra a corrupción política e moral.

Non é un problema unicamente programático e un problema metodolóxico e medular.

Necesitamos practicar un transplante de medula que afecte ao ADN dos actuais partidos como interfaces de representatividade.

Necesitase un manual de estilo ‘democrático’ que permita reconstruír novas relacións coa cidadanía

Necesitase construír novos programas que respondan as novas preocupacións da xente. A esquerda e o nacionalismo, a esquerda nacional, pivotou na etapa anterior o seu programa sobre os dereitos sociais e nacionais, e debe seguir facéndoo, pero debe incorporar con forza as novas demandas: a da radicalidade democrática, a medioambiental nun país mil veces agredido, as necesidades afectico-emocionais das persoas, a cultura da paz e do dialogo,...

Hai dúas formas de enfrontarse a esta onda de indignación e rebeldía cívica. Esperar calados a que baixe a onda e todo volva a normalidade, nunha especie de pacto de silencio -craso erro xa que hai un antes e un despois e sería o suicidio da esquerda e do nacionalismo- e a outra é a da axitación e a da voz rotunda e transparente no debate público iniciado -esta debe ser a aposta de que quere desentaponar, desbloquear, crear condicións para o dialogo, para novas converxencias-.

O país á esquerda ten moitas potencialidades secuestradas, desde hai tempo, que compre liberar se queremos construír unha nación moderna

Son dos que penso que aínda estamos na etapa da diagnose e polo tanto non é, o momento procesual, de plantexar as propostas.

Simplemente se os aparatos dos partidos da esquerda aceptaran que existe un problema en lugar de instalarse na autosatisfacción xa teriamos algo avanzado.

En todo caso para aqueles que buscan respostas, eu que xa confeso que non as teño, vou facer un listado do que me gusta (como cando pinchas no muro de Facebook) e o que non me gusta.

Quizais poida sirva para crear o novo dicionario terminolóxico da esquerda galega do século XXI ou cando menos para compartillar con vos algúns tags.

Gústame (+):

  1. O neogaleguismo cívico
  2. O ecosocialismo (sector neocomunista)
  3. Os escritos de Karl Marx e Friedrich Engels, de Lenin e Gramsci
  4. A filosofía da praxe e o empirismo dialéctico
  5. O radicalismo cívico e a (r)evolución
  6. ‘Hai que botalos’ unha vez máis
  7. A democracia real e o amor libre
  8. O patrimonio inmaterial da humanidade
  9. As organizacións con paredes de vidro
  10. Os axitadores de masas e as activistas da esperanza
  11. Os optimistas da vontade
  12. A intelixencia e o pensamento autónomo
  13. A retranca e a risa
  14. Os ‘grundrisse’, a transversalidade e as labregas
  15. A intersuxeitividade animal e a harmonía coa natureza
  16. As mulleres decididas buscando a súa cadeira
  17. O altermundismo e a solidariedade
  18. A politización do cotiá e o consumo responsable
  19. O comercio xusto e a soberanía alimentar
  20. As finanzas éticas e o cooperativismo
  21. A sensibililidade e a empatía

Non me gusta (-):

  1. O nacionalismo populista
  2. O paleocomunismo e a socialdemocracia clásica
  3. O marxismo [guión] leninismo
  4. O pragmatismo curtopracista e o principismo estéril
  5. O fanatismo ideolóxico e a liturxia
  6. A ‘novísima’ dereita e a vella esquerda
  7. A ditadura do partido e a intolerancia
  8. Os catecismos e os prospectos
  9. Os clubs privados
  10. Os comisarios políticos e os profesionais da desilusión
  11. Os resentidos e os que alimentan o resentimento
  12. O dogmatismo e a imbecilidade orgánica
  13. O cinismo e os descridos
  14. O programa de Ghota, o obreirismo e o corporativismo
  15. O industrialismo e o desarrollismo
  16. A real academia galega
  17. Os localismos e os guetos
  18. O consumismo e o carrefour
  19. A organización mundial do comercio e os tratados de libre comercio
  20. A nova caixa galega banco
  21. A mirada turbia e a corrupción moral

11 de junho de 2011

O espírito de Kruschev



Xoán Hermida

Pasaron seis meses desde o inicio das revolucións democráticas árabes e algúns aínda están buscando a orixe da conspiración.

Un mes despois de que as rúas se encheran de xente reclamando democracia real, os departamentos de control dos partidos de esquerda (e tamén por suposto da dereita) aínda non acaban de entender o que esta a pasar.

Tras uns primeiros momentos de confusión, e visto que as campañas de descrédito non facían o efecto desexado, acharon a solución: deixar que a onda pase e que baixe a marea da indignación.

Esta non é unha táctica nova pero eu aconsellaríalles non apostaran tódalas súas bazas á mesma porque poden levarse algunha nova sorpresa.

Primeiro, en clave global, porque estamos a vivir a segunda onda de cambios tralo inicio da globalización e estes que se están a producir no mundo árabe, a diferenza da primeira onda que se iniciou hai unha década en América Latina , dáse nun contexto de crise sistémica e de fartazgo que posibilitan que se estenda sen control.

Segundo, en clave interna, porque hai tempo que se percibe que o armazón político-institucional e cultural saído da transición tocou teito. O peche en falso da solución federalizante proposta na reforma ‘abortada’ do estatuto de autonomía de Catalunya; a solución do problema da violencia no Pais Vasco e os resultados electorais de Bildu; a entrada en acción dunha nova xeración nacida en democracia e que non se sinte concernida polos acordos da transición ou a novas formas de exercer a cidadanía con instrumentos de mobilización e de expresión como o voto en branco, son algúns dos elementos que marcan un antes e un despois.

Terceiro, en clave política, a incapacidade das estruturas partidarias da esquerda para renovar proxectos, estratexias, actitudes ou mensaxes chocan cunha sociedade civil cada vez máis madura e autoorganizada que non se conforma con mínimos e non renuncia a unha profunda renovación democrática.

Cuarto, en clave electoral, o declive lento pero continuo, do nacionalismo galego desde hai unha década amosa que máis aló de un ciclo electoral estamos a asistir ao final dun xeito de entender o proxecto de Galicia desde a esquerda e que unha nova formulación (ou reformulación) faise necesaria.

Quinto, en clave democrática, as novas tecnoloxías e a nova cultura de dialogo permiten que o debate estease a dar ‘extramuros’ o cal dificulta o control e o acoutamento dos debates e a resolución disciplinaria dos mesmos.

Así as cousas, a aparición hai uns días da Iniciativa BenComún xurde da convicción de que non se pode seguir así e que fronte aos que piden silencio faise necesario facer ruído. Quizais non volvamos a ter pronto unha nova oportunidade para poder airear o hábitat onde se poida asentar unha nova esquerda ou para osixenar a terra onde se semente o nacionalismo do século XXI.

Vivimos co espírito de Kruschev presente.

Hai uns anos alguén emulando ao dirixente soviético golpeou cun zapato nas bancadas do parlamento converténdose no primeiro indignado. Posteriormente ao igual que Kruschev foi desprazado polo comisariado político. Agora tratase de que as areas movedizas da burocracia non afoguen para sempre a renovación necesaria porque de seguro que senón se fai agora, ao igual que ocorreu no seu momento, cando chegue un Gorvachov a cousa non terá remedio.

Necesitamos un novo zapatazo, individual e/ou colectivo.

7 de junho de 2011

Iniciativa BenComún



DESDE A INDIGNACIÓN PREPARANDO O FUTURO NECESITANSE NOVOS ENFOQUES PARA NOVOS HORIZONTES

O movemento cidadán 15-M e os resultados das pasadas eleccións municipais do 22-M puxeron de manifesto unha enorme desafección polas actuais fórmulas de participación política dun sector cada vez máis amplo da poboación. Unha desafección que prexudica unicamente a esquerda, que leva sen renovar practicas políticas, discursos, actitudes e estruturas os últimos vinte anos.

O xurdimento do movemento 15-M, alén do seu alcance concreto, é o síntoma de que algo non vai ben e de que o sector da poboación máis dinámico percibe que a armazón político-representativa e a cultura política xurdidas da transición están esgotadas: precísase de novos espazos de participación e de novos interlocutores para a mediación.

Desde hai anos a indignación medra entre as persoas de esquerda que, formando ou non parte da súa base asociativa, somos parte da súa base sociolóxica e electoral. As últimas eleccións demostraron que existe unha corrente de fondo que percorre transversalmente todas as formacións partidarias. Non só se castiga a quen goberna con políticas de dereitas ou de costas á cidadanía, senón que tamén se pune, por desconfianza e polo descrédito acumulado, ás forzas que desde a esquerda poderían recoller o descontento xerado.

En concreto, a nova derrota da esquerda nacionalista nas pasadas eleccións confirma unha tendencia iniciada hai dez anos, pola que vén perdendo o pulso cidadán naqueles espazos xeográficos e xeracionais cara aos que debería ser máis sensible e onde tería que atopar maior receptividade. Preocúpanos que, de seguiren o mesmo rumbo, a derrota do tándem PSdeG/BNG nas próximas eleccións autonómicas non sexa só unha derrota electoral máis, senón que teña consecuencias irreversibles sobre o futuro da esquerda e do porvir do país no medio e longo prazo.

En todo caso, a evolución do PSdeG responde a coordenadas e parámetros condicionados por iniciativas que se resolven fóra das nosas fronteiras. O problema, aínda que sendo un desastre e actuando como condicionante, é en boa medida alleo a nós. Preocúpanos máis o outro espazo necesario e imprescindible para a construción dunha Galicia autogobernada, sustentable e avanzada: o espazo da esquerda nacional.

Cada un/ha de nós está asistindo ata agora á situación desde lugares diferentes: algunhas persoas estamos na militancia partidaria no nacionalismo, unha boa parte pertencemos a organizacións sociais, outros atopámonos próximos/as a outras forzas de esquerda, a maioría andamos á expectativa de novos proxectos. Desde a expectación o conxunto, desde a resignación unha boa parte. En todo caso, con certeza, todos e todas interesados en que apareza algunha iniciativa en positivo e en que as cousas se desbloqueen.

Nunca a indignación fora tanta e as expectativas tan altas. Pero, lamentablemente, as forzas de esquerda nin están nin ninguén as espera. Os distintos movementos que foron xurdindo, mesmo das correntes criticas e renovadoras internas das organizacións políticas, non pasan de ir máis aló de recompoñer os espazos xa existentes, coma se nada tivera ocorrido.

Isto non pode seguir así. Existen novas realidades que nos interpelan.

Existen novas transversalidades que interconectan e permeabilizan os espazos noutrora estancos.

É a hora da cidadanía.

Asistimos á segunda onda de cambio posglobalización e de nós depende participarmos e contribuírmos a ese cambio desde o noso país ou ficarmos definitivamente á marxe e sermos arrastrados por eles. O noso país mudou substancialmente nas últimas décadas e precisa ser reinterpretado, repensado e inserido nun contexto global altamente interrelacionado e codependente.

Interpelamos as forzas políticas da esquerda e o nacionalismo en particular para que tome nota desta nova situación.

Interpelámolas porque mais aló de sermos afiliados ou non ás ditas forzas, como base sociolóxica e electoral das mesmas, nós tamén estamos a ser interpelados.

Cómpre que as persoas e colectivos da esquerda social, que se estruturan de xeito moi variado, xunto coas persoas e colectivos críticos que participan da esquerda partidaria, nos xuntemos para promover unha alianza cívica e política ampla que permita a creación de espazos comúns de acción política.

Cómpre seguir a promover contactos, encontros e diálogos, no concreto, para comezarmos a vertebrar a esquerda nacional do século XXI.

Hoxe, afortunadamente temos ferramentas que posibilitan transformar a indignación en procesos propositivos.

Non é momento de pequeno apaños, de releos curtos. É a hora da política e da intelixencia, de erguer a vista e mirar máis aló. Con xenerosidade. Abstéñanse resentidos.

Convocámonos e convocamos a todas e a todos os que se sintan interpelados para realizarmos un encontro aberto e plural, ollando cara ao futuro.

A primeira cita o próximo domingo 19 de xuño nas mobilizacións cidadás.

O futuro depende de nós. Indignados e á vez esperanzados. Indignadas e á vez preparando o futuro.

En Trasellas-Teo, a 3 de xuño de 2011

http://bencomun.org/

Promoven esta Iniciativa Transversal Cidadá:

Xosé Ramón Blanco Montero, Pilar Candocia Pita, Filipe A. Diez, Xan Duro Fernández, Ramón Faraldo Pardo, Maite García Portabales, Xoán Hermida González, Bernardo Lorenzo Cuétara, Francisco Xavier Lorenzo Penela, Manuel Martínez Barreiro, Emilio M. Martínez Rivas, Henrique Monteagudo Romero, Carlos Neira Cortizas, Marcos S. Pérez Pena, Xosé Pérez Rei, Coqui Rodríguez Holguin, Ana María Rodríguez López, David Rodríguez Rodríguez, Afonso Sánchez Regueiro, Manoel Santos Díaz, Carolina Silva Méndez, Héctor Silveiro Fernández, Xaime Subiela Pérez