20 de maio de 2010

Soberanía Intelectual

Xoán Hermida

No proceso de mimetización e reprodución de estruturas alleas en Galicia ata o de agora íase salvando o terceiro sector. Quizás pola escaseza orzamentaria das nosas administracións públicas ou quizais porque se trataba de espazos aínda non explorados.

Era moi difícil, agás ás grandes multinacionais da solidariedade ou a ecoloxía, ver en Galicia organizacións sociais transformadoras foraneas.

De hai un tempo a esta parte iniciouse a colonización social do país. E ademais co "caballo de troya" de algunhas organizacións sociais minúsculas que non tiveron a capacidade de volverse influentes.

A soberanía alimentar é necesaria por suposto, ao igual que a soberanía económica ou política, pero a que máis se bota en falla é a soberanía intelectual. Seguimos pensando que calquera iniciativa ou reflexión por vir de fora é boa e desprezamos os nosos recursos humanos e intelectuais como país.

Lamentablemente teremos que acabar elixindo entre correas de transmisión de partidos nacionais e correas de transmisión de partidos foráneos.

En fin. So nos queda nestes tempos de escuridade e zozobra desexar novamente boas noites e boa sorte.

18 de maio de 2010

As tres batallas de Feijóo e a alternativa. Entre a paranoia e a esquizofrenia ( e 2 )

Xoán Hermida

Atopámonos pois nun momento no que non existe, que se puidera denominar como tal, unha verdadeira oposición institucional pero ademais, e o que é peor a medio e longo prazo, podemos atoparnos sen unha alternativa nacional de esquerdas á actual hexemonía da dereita.

E digo peor, porque no primeiro caso xa non ten moito remedio durante a presente lexislatura tal e como se moven os partidos da oposición e debido ao baixo rateo señoría/intelixencia que poboa os escanos da oposición no parlamento galego. Namentres que no segundo, senón xurde unha alternativa ao marxe das actuais estructuras partidarias moito me temo que teremos Feijooismo para moito máis tempo que tivemos Fraguismo.

Así as cousas, conviría saber cantas persoas parten desta mesma reflexión ( sobre a situación critica da esquerda política ) e conclusión ( necesidade da vertebración dunha nova alternativa ).

Particularmente cheguei a pensar que era un becho raro. O feito de que dende fai moito tempo non me vexa reflectido en ningún dos proxectos partidarios existentes fixo que pendurara de entre os existentes pero sen maior entusiasmo e soamente como mal menor diante dunha dereita reaccionaria e con difícil homologación europea. Ademais un día un amigo díxome: “eu non coñezo ningún ecosocialista en Galicia aparte de ti”.

Non obstante, eu xa comprobara que durante os últimos anos como ía crecendo o número de persoas que cun alto nivel de conciencia política priorizaban nas organizacións sociais a súa militancia a medida que abandonaban a súa participación partidaria. Tamén se volveu fácil atopar un cada vez maior número de votantes de esquerda que no mellor dos casos achegábanse sen moita convicción ás furnas nas convocatorias electorais que valorarían positivamente de que xurdira unha nova opción diferente ás xa coñecidas.

En todo caso máis alá dos termos semánticos: ecosocialista, ecocomunista, nova esquerda, altermundista,.... hai elementos comúns en todas esas persoas á hora de abordar o proxecto político referido:

- claramente antisistemico pero pensado en clave de minorías influentes e non necesariamente marxinais nin marxinalizadas;

- que antepoña a estratexia a posicionamentos tácticos, e polo tanto que resitúe aos movementos sociais o seu papel e a súa importancia;

- que teña unha perspectiva actual do suxeito revolucionario con toda a súa amplitude e complexidade, fuxindo de inexplicables corporativismos;

- que actualice o proxecto nacional tendo igualmente en conta a crise dos estados-nación e os procesos de converxencia, situando no soberanismo a fase política dun proxecto de autodeterminación que ten evolucionado desde o rexionalismo, sendo definido nas pasadas décadas como nacionalismo;

- que asegure a prioridade dos elemento do ecoloxismo social nunha etapa na que se fai mais real que nunca a autodestrución global poñendo de actualidade a dicotomía de “socialismo ou barbarie”;

- escrupulosamente democrático no que as persoas sexan as donas do instrumento político sen a innecesaria intermediación de grupos que interpretan previamente a vontade do colectivo.

Entón onde está a cuestión.

A cuestión está nas direccións das forzas políticas que teñen secuestrado os proxectos da esquerda partidaria e intentan reiteradamente asaltar as organizacións da esquerda social.

Estas cúpulas teñen ido sufrindo ao longo dos últimos anos un proceso de degradación cultural e intelectual froito do desencanto das persoas máis preparadas, e a súa vez se teñen dado dous procesos que poderían denominarse en termos clínicos ( case necesarios neste momento ) como paranoia e esquizofrenia.

A paranoia dáse en grupos que diante da súa imposibilidade de conectar con mínimos sectores sociais, ao non ser capaces de analizar obxectivamente os cambios producidos na estructura económico-social ou política-cultural, acaban desconfiando da sociedade e nun proceso de endogamia retroalimentada ben conspiracións ou conspiradores nas persoas que reflexionan con autonomía e honradez ( mesmo equivocándose ) sobre o que esta acontecer en Galicia e no planeta.

A esquizofrenia avanza en sectores que noutra hora mantiñan posicionamentos claramente superadores do capitalismo perderon a relación espazo-temporal e mantendo no plano teórico ese discurso antisistémico son capaces de xestionar coa maior devoción o actual “status quo” e ademais acusar aos antigos camaradas de loita de traidores.

Non é un problema de inxenuidade política. Se sabe que as cousas no xogo democrático electoral son do seguinte modo: imos a modificar os nosos programas e os nosos plantexamentos co obxectivo de entrar en novos nichos electorais ou, pola contra, aquelas cuestións estratéxicas que afectan á misión e principios non se cuestionan en función de intereses electorais.

No primeiro caso tódalas experiencias, incluída a recente do bipartito, nos indican que cando renuncias ao teu proxecto tes máis posibilidades de perder nos teus nichos electorais que gañar nos do adversario. No segundo caso é obvio que o avance é mais lento pero se poden configurar minorías suficientemente amplas para condicionar as políticas gobernamentais.

En todo caso as dúas estratexias son lexitimas pero igualmente incompatibles. E sobre todo faise necesario ter a honradez suficiente para dicir os pros e contras de cada un dos camiños escollidos, senón queremos que a esquizofrenia e a paranoia política tan presente nos dirixentes actuais da esquerda partidaria acaben contaxiando a súa base social e aos sectores máis dinámicos, necesarios para a mudanza necesaria e posible.

As organizacións sociais están chamadas a xogar un papel cada vez máis importante, pero a situación actual de inexistencia de correlato partidario pode chegar a provocar unha situación inevitable de declive que leve a deserción da cidadanía activa ben por cansazo nuns casos ben por cinismo noutros.

Nos últimos meses temos asistido a interesantes iniciativas como a Rolda de Rebeldía, pero estamos nun momento, global e local, que se necesita da toma de iniciativa común que permita ás persoas de esquerdas volver a levantar a cabeza con dignidade.

Boa sorte.

12 de maio de 2010

As tres batallas de Feijóo. Entre a paranoia e a esquizofrenia ( 1 )

Xoán Hermida

Cando o Sarkozy galego e o seu grupo neocom se instalou no goberno da Xunta de Galicia, ou como lle gusta dicir a Xosé Manuel Beiras “o grupo de demolición e limpeza étnica instalouse en San Caetano”, sabia que no horizonte próximo tiña tres batallas.

Unha de caracter interno, na procura da homologación partidaria dun PP neoliberal no que foran eliminados os últimos vestixios do “populismo” rural do grupo da boina. Unha segunda de caracter económico-financeiro para apuntalar o modelo especulativo de Caixa Galicia no proceso de reestruturación da banca española. E unha terceira de caracter cultural nun combate contra a resistencia ética que non está a permitir que se arraxe coa biodiversidade lingüística e humanística que supón o noso máximo elemento identificador: o idioma.

Para as tres batallas contaba a priori con varias vantaxes: unha maioría parlamentar suficiente para impoñer ás súas políticas e os seus caprichos; unha oposición desnortada e descabezada física e intelectualmente; e un lobby empresarial e mediático con centro no polígono de Sabón que xa lle prestará grandes servizos durante a última campaña electoral.

Así que parecía que as tres batallas se ían a gañar case sen iniciarse, nun autentico paseo militar. Pero as cousas comezaron a torcerse pronto.

A batalla interna por homologar o PP, deixando no esquecemento aquela imaxe do outra hora poderoso Xosé Cuiña rachando o carné do PP estatal e repartindo carnés do PPdG, parecía sinxela polo que foi a primeira en dar.

Tratábase de reducir a cinzas o feudo ourensá de Baltar ( pai ). Para elo contaba co apoio do aparato do PP estatal e do propio Mariano Rajoy. Mesmo conqueríu un candidato propio que tivera o aval dalgún deputado autonómico da provincia.

Uns días antes da celebración do congreso provincial “La Voz de Galicia” anunciaba como se ían producindo desercións en masa do campo baltariano e anunciaba que as posibilidades de Baltar ( fillo ) eran escasas trala perda da elección de compromisarios en Ourense cidade.

Minusvalorouse a capacidade de control e de manobra que a estrutura de Baltar, herdada de Victorino Nuñez e allea ao modelo liberal urbano do PP, tiña na Galicia interior.

Así as cousas, Feijóo tivo que asistir, con cara de poucos amigos, ao acto de peche dun congreso provincial onde a familia Baltar e o modelo “centristas de Galicia” impúñase ao modelo PP.

A segunda batalla iniciouna directamente “La Voz de Galicia”, sabedora dos problemas financeiros de Caixa Galicia e aproveitando a reestruturación bancaria a nivel estatal.

Para elo necesitaban un verniz de “pseudogaleguismo” e ocultar ao verdadeiro interesado na fusión: Caja Madrid.

Diante das resistencias de Caixa Nova, representante nítido do sector empresarial produtivo fronte ao especulativo da caixa do norte, houbo que poñer en marcha a artillería patriótica e utilizar ao equipo dirixente dun BNG necesitado de trunfos como aval ideolóxico da operación. Así nun tramite de urxencia, coma non recorda o parlamento galego, PP e BNG aprobaron un nova lei de caixas nun prazo record de mes e medio.

Se os dirixentes do BNG houberan lido algo máis a Marx ( en lugar de proclamalo ) e estudado algo de economía política saberían que: o proceso de fusións de caixas enmarcase nun camiño de bancarización das mesmas; que a lei de caixas aínda que non fora recorrida polo goberno central ía ter pouco percorrido diante dun pacto PP-PSOE pola destrución do modelo de caixas tal como o coñecemos ata agora; que aínda que as dúas caixas non son alleas a este proceso de bancarización foi Caixa Galicia quen foi máis aló no proceso especulativo financeiro e polo tanto máis alonxado do tecido produtivo do noso país; e por último, que detrás do discurso “galeguista” do goberno existía unha operación máis ampla de absorción das nosas caixas por Caja Madrid.

A situación financeira de Caixa Galicia desaconsellou a operación de fusión a tres bandas e a partir de aí , e co beneplácito do Banco de España, Caixa Nova empezou a marcar a dirección da mesma.

Aínda así, o tándem PP-BNG dirixidos polo Grupo Voz intentaron unha última táctica de desacreditar ao presidente de Caixa Nova, Julio Gayoso, sinalándoo como o causante dun posible fracaso da fusión.

O que non podían imaxinar Feijóo e os seus acompañantes e que o pacto Rajoy-Zapatero para acabar coas caixas ía a ter un agasallo envelenado: o reparto de influencias entregando Caja Mediterránea ao PP e Caixa Galicia a Caixa Nova.

Así que o tan vilipendiado Gayoso presidirá a nova caixa galega e a súa sede financeira estará na súa xurisdición. Nova derrota de Feijoo.

A terceira batalla era, a priori, a máis fácil de gañar: a da defensa do noso idioma e patrimonio cultural. E era fácil de gañar porque a maioría dos galegos, tal como teñen amosado diversas consultas sociolóxicas, non se teñen crido a infamia de que o galego se esta a impoñer e segundo porque ninguén pode entender, nin tan sequera os votantes do PP, que tal como novamente con lucidez ten descrito Xosé Manuel Beiras, exista un goberno no mundo con políticas de analfabetización.

En todo caso esta batalla, como digo a priori a máis fácil de gañar, teño as miñas dubidas de que se gañe en termos políticos. A ela se chega cos movementos cidadás desarticulados e postos ao servizo de intereses partidarios – a MESA é un claro exemplo deles – e a segunda é que a estratexia miope do BNG neste campo está centrada no rédito electoral – tal como no seu día fixeron con NUNCA MAIS – en lugar de no rédito político e nos intereses nacionais.

A dirección estratéxica da defensa do idioma é feble, soamente compensada pola aparición do colectivo PROLINGUA que non obstante non se atreveu aínda a dar un paso adiante e converterse no vertebrador social necesario da defensa plural do noso idioma.

En todo caso, e aínda que esta batalla tamén a perdera Feijóo, todo apunta a que a guerra a ten gañada.

A inexistencia primeiro dunha oposición institucional que mereza tal nome e posteriormente dunha alternativa política nacional e de esquerdas facilitan que durante este último ano os temas importantes: a calidade da educación, a defensa da sanidade pública, a preservación do noso habitat, a destrución dos sectores estratéxicos da nosa economía,... pasaran desapercibidos.

Por certo alguén se lembra do tema do novo estatuto, esvaiuse da axenda coa mesma facilidade que esvaiuse a herdanza do bipartito.

10 de maio de 2010

As veces a verdade necesita un tempo para saír a luz

Xoán Hermida

Para moitas persoas desencantadas foi a primeira vez que vían unha actuación tan claramente de dereitas nun gobernante do BNG, para outros a problemática estaba en entrar no circulo de políticas "populistas" con transversalidade que rachan a dinámica esquerda/dereita e co tempo, tal como se puido comprobar un ano despois, favorecen electoralmente á dereita nas furnas e o que é peor, nas conciencias.

Daqueles días de abril do 2008 é esta crónica:


"Amarante, Asemblea de Mulleres, Asociación Arxentinos/as Rincón Criollo, Asociación Galega de Animación e Intervención Social, Asociación Inclusión, Asociación Socio Cultural Inzar, Briga, CGT, CNT-AIT, Fundación Emaus, Mulleres Cristiás, A Revira, Rexurdir Provincial, Secretariado Xitano e Verdegaia , xunto cun grupo de veciños de Monte Porreiro e expertos en temas de integración social impulsaron, ante a polémica xurdida en Pontevedra polo realoxo de catro familias xitanas en Monte Porreiro, a plataforma PONTEVEDRA INTERCULTURAL contra o racismo e a favor dunha vivenda digna para todos e todas. A través da sinatura do manifesto, tanto a nivel individual como colectivamente, a cidadanía pontevedresa expresa a súa preocupación sobre os comportamentos amosados por parte principalmente dos medios de comunicación e da representación política por mor do realoxamento das familias de etnia xitana en Monte Porreiro alén doutros lugares da comarca.

Na presentación da iniciativa o portavoz da Plataforma Pontevedra Intercultural, Xoán Hermida, presentou a mesma como un paso adiante para rachar coa espiral do silencio que fai aparecer a unha minoría como maioritaria ante o silencio da maioría”. “estamos aquí, recalcou, por dignidade cívica e para que nin Pontevedra , nin Monte Porreiro súmense a triste lista de poboacións racistas como El Egido ou Marsella”.

A Plataforma esta convencido que aínda que a maioría social non é racista o medo de moitos a problemas como a droga ou o silencio da maioría poden facer incubar o ovo da serpe do racismo e do fascismo.


Nese senso criticaron a actitude irresponsable dos lideres veciñais e a posición reaccionaria coa que se desenvolveron os políticos locais co alcalde de Pontevedra á cabeza. A plataforma solidarizouse co alcalde de Poio, Nito Sobral, que sofreu agresións por parte dun grupo de veciños e veciñas de Monte Porreiro e Caritel. Tamén alabou a actitude das familias xitanas realoxadas que a pesar do acoso ao que foron sometidas non perderon a calma en ningún momento.

En todo caso a aparición da Plataforma ao que nunha semana se teñen sumado medio millar de persoas ten rachado o falso debate entre paios e xitanos coa cortina de fume da droga polo medio e ten sido clave para baixar a tensión e desactivar as iniciativas racistas. "


Tamén daqueles días é o brillante artigo de Manolo Rivas en El País:

"E era a encarnizada verdade. Aqueles homes e mulleres, vellos e nenos, coruñeses todos, veciños da Coruña, cidadáns da cidade onde agromou a Ilustración galega, con Cornide e Lucas Labrada, a cidade de estirpe liberal, de Porlier e Sinforiano López, a cidade solidaria, a que os libertarios chamaban a Barcelona do Atlántico, a cidade que tiña como símbolo o libro da primeira Constitución enriba do faro (un libro subtraído do escudo e que aínda non volveu), a cidade "onde ninguén é forasteiro" (nun atinado lema turístico), esa nosa e miña cidade traizoou toda esa historia en Penamoa. Viu e non viu, oíu e non oíu, sentiu e non sentiu. Ficou na peor das doenzas: a da "suspensión das conciencias". "

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Quen/tira/primeira/pedra/elpepiautgal/20080328elpgal_20/Tes

Agora unha sentencia xudicial bota luz sobre aqueles acontecementos onde os políticos do goberno local PSOE-BNG, e moi especialmente o seu alcalde, puxéronse ao fronte do movemento racista coma se de persoeiros da ultra dereita se tratara. Cristhian Casares asina en La Voz de Galicia deste domingo unha interesante crónica:

"Dicen ahora los portavoces vecinales de Monte Porreiro que la convivencia en el barrio se ha roto. Que se ha echado por tierra el trabajo de décadas de integración. Quizá no ayudó demasiado que no hubiese condenas enérgicas del Concello a un comportamiento reprobable de un considerable número de sus vecinos. Uno de ellos ha sido condenado por aquellos días tristes para la historia de la ciudad. "

http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2010/05/09/0003_8471802.htm

7 de maio de 2010

Día do Comercio Xusto: dúas ideas, dúas filosofías, dúas concepcións

Parece ser que por terceiro ano Amarante, Verdegaia e Sindicato Labrego Galego, xunto con cooperativas de consumo responsable, van facer do día do comercio xusto un acto de reivindicación en favor da soberanía alimentar e neste ano contra o abuso das grandes superficies.

Por outra banda algunhas ongds, baixo o paraugas da CGONGDs, prefiren ocultar as diferenzas e celebrar o comercio xusto sen maior análise crítico diante da sociedade, nun momento en que o propio comercio xusto esta a ser cuestionado como elemento de alternativa ao sistema e moitas empresas, coa colaboración dalgunhas ongds, están a lavar a súa imaxe con puro marqueting social.

http://www.galiciasolidaria.org/novas/dia-do-comercio-xusto--unha-xornada-para-celebrar--todo-o-ano-para-actuar.html


http://www.amarantesetem.org/index.php/component/content/article/60-comercio-xusto/186-o-8-de-maio-celebramos-o-dia-do-comercio-xusto