27 de fevereiro de 2012

Entrevista sobre EcoGaleguistas

O pasado sábado tivemos o encontro fundacional do proceso EcoGaleguistas. O regreso á política partidaria sempre da un pouco de vertigo pero a amabilidade, intelixencia e o animo da xente é un bo remedio contra a ansiedade.

Vivimos tempos de crise-transición-esperanza e hai miles de homes e mulleres dispostos a traballar por unha Galicia máis xusta nun mundo máis habitable.

Despois do encontro, presidido de xeito integrador por Manuel Dios, e na que estivemos xuntos camaradas de ideas e irmáns de nación fixéronme para Galicia Confidencial a seguinte entrevista que creo achega o espírito co que queremos actuar e partillar con outros e outras.

17 de fevereiro de 2012

Marx, Castelao, Beiras, ... traidores!


‘Queimádeme, que maña, onde prendades a fogueira,
levantará a historia unha estatua para mín.
Eu sei que me condena a vosa demencia suma,
¿por qué? ... Porque as luces busquei da verdade,
non na vosa falsa ciencia que o pensamento atafega
con dogmas e mitos roubados a outra idade,
senón no libro eterno do Universo mundo,
que encerra entre os seus folios de inmensa duración;
os xermes benditos dun porvir fecundo,
baseado na xustiza, fundado na razón.’

A xeito de epitafio, 1600. Giordano Bruno

Xoán Hermida

Un xa viña acostumado a ver como xente de esquerdas era vilipendiada durante a súa vida pola única traizón de ser cidadán e non súbdito, de ter un pensamento propio e pensar diferente ao que decidían os que mandan.

Existe en Galicia, e tamén nas comarcas, notarias que expenden o certificado de nacionalistas e de esquerdistas. Para a súa obtención o funcionario oportuno, ao igual que facía a policía do antigo réxime, pídeche un certificado de penais que obtés no departamento de formación ideolóxica tras pasar un acelerado cursiño catecomunal de marxismo[guión]leninismo en versión política de “el ingles con 1000 palabras”, no que non pode faltar un resume debidamente preseleccionado e apostillado do Sempre en Galiza.

Nunca pensei que puidera chegar a albiscar que eses funcionarios terían a ousadía de tachar a Xosé M. Beiras de anti-nacionalista.

Seica agora é “galeguista, europeísta e burgués”. Pero, iso non era acaso Castelao e Bóveda? galeguistas, europeístas e burgueses. Dende logo Castelao foi aquel ‘traidor’ ao nacionalismo que coordinou esforzos con cataláns e vascos na Galeusca, que posteriormente e diante da chegada da barbarie fascista participou do Fronte Popular coa esquerda española, e por último tivo a mala idea de participar coma ministro no goberno da república no exilio.

Foi Engels o que nunha glosa sobre Marx dixo a propósito dos marxistas que o seu amigo elaborara unha teoría para xigantes e os seus seguidores parecíanse ás pulgas.

Normalmente estes conservadores da orde e fixadores de crenzas ao igual que os antigos escolásticos seguen o proceso de embalsamento dos seus precursores e a súa correspondente momificación doutrinal. Non teñen en conta a evolución do seu pensamento en función das dinámicas evolutivas da vida e fan unha fotografía fixa facendo o necesario proceso de amputación e descontextualización para converter un pensamento poliédrico e elevado nunha caricatura ridícula.

Que fio condutor pode existir entre o ‘Sermón da Montaña’ de Xesús de Nazaret coas encíclicas de Bieito XVI ?, Que teñen en común os manuscritos ‘grundisse’ ou a ‘Crítica ao programa de Ghota’ de Marx coas resolucións dos partidos stalinianos?, Que similitudes pode existir entre o ‘Sempre en Galiza’ de Castelao co documento político da XIII Asemblea do BNG? Absolutamente nada. Como advirten nos créditos dalgún filme que recrea unha realidade ‘as personaxes e as situacións teñen sido cambiadas, calquera parecido coa realidade é pura coincidencia’.

De seguro que de estar vivos arremeterían contra os seus supostos seguidores e secuestradores do seu ideario. Pero por suposto eles están mortos e non teñen dereito de replica.

E que pasa se como o caso de Beiras están vivos?.

Entón a reinterpretación non é posible, o autor pode apostillar aos seus contemporáneos e mesmo ten dereito a autoemendarse se o considera oportuno. A solución está clara: poñer en marcha a maquinaria inquisitorial para baixalo do santoral e de paso, se puidera ser, excomungalo.

Era o propio Marx quen advertía contra o perigo das ideoloxías como elemento supraestrutural subxectivo que podía ser utilizado como corpo doutrinario para defender o status quo.

Nese senso o necesario debate plural de ideas deixa de ser cultural para converterse en ideolóxico e pasar posteriormente a teolóxico.

As ideas nese marco convértense en estruturas ríxidas e impermeables, aderezadas coa súa correspondente liturxia e ornamento e faise imposible un debate de ideas evolutivo que permita unha síntese dialéctica superadora (no sentido hegeliano).

Así, a necesaria cooperación política convertese en competición política entre os supostos aliados.

Faise necesario espazos plurais e amplos fronte aos oligopolios que ditan as súas políticas a favor dunha minoría e en contra da maioría das persoas e do planeta. Pero para elo non poden existir tribunais da inquisición (partidos guía) nin cotas ou espazos de poder estancos.

A política transformadora do século XXI ten que construírse sobre o Cooperativismo Político e sobre o debate cultural e non o ideolóxico.

So así seremos irmáns de nación e camaradas de ideas e non acompañantes nunha viaxe cara ao inferno.

15 de fevereiro de 2012

O espírito do 29 de xaneiro


Xoán Hermida

Non tiven ocasión de vivir o proceso de Riazor’82. Un ano antes xa marchara -en realidade convidaranme a saír- daquel club privado chamado ERGA. Decidín deixar de ser súbdito e adquirir a condición de cidadá a sabendas que a franxa de pensamento autónomo xera algún que outro inconvinte e mesmo, en xente pasional coma min, máis de unha metedura de zoca que a xente de ben te perdoa e a outra anota na folla de penais.

Así que non estou disposto, por nada do mundo, a perderme este novo proceso constituinte da alternativa galega’12.

O pasado 12 de febreiro tiven a ocasión e a honra de asistir a asemblea aberta do Encontro Irmandiño. Non podo dicir coma Henrique Tello que da gusto estar nun sitio onde se saúda todo o mundo pero é comprensible, despois de moitos anos o cancro do sectarismo tamén ten as súas pequenas metástases que teremos que ir curando, e como dicía o propio Tello sen facer moito caso dos comentarios das novas electrónicas. Ao fin e ao cabo un acaba asumindo que a diferenza de Alfredo P. Rubalcaba e algún outro, un é un menxevique e mesmo un menxevique dos menxeviques.

No ambiente excitante e ilusiónante do encontro do pazo de congresos de Compostela había un algo de congreso constituinte, ao igual que o haberá de seguro o 25 de febreiro, o 11 de marzo e o 17 de marzo.

Pero equivocariámonos se nos autocomplaceramos cos centos de persoas que se arrexuntan arredor desta citas. Temos que ir máis aló.

Son dos que penso que o BNG como alternativa política e como referente electoral da esquerda galega esta amortizado hai tempo.

Que ademais o 15M non so veu a certificar a desafección da cidadanía pola política institucionalizada e polos partidos como interfaces, nomeadamente os de esquerda, senón que posibilitou a visibilización da idea que era posible construír novos espazos políticos e que ademais o armazón político-institucional saído da transición estaba esgotado.

No caso de Galicia o estatuto, a súa imposibilidade de renovación, e a estrutura de partidos herdada do fraguismo saltou polos aires.

Así que todo parecía indicar hai algún tempo que era o momento e había masa crítica suficiente para encetar unha nova singradura.

Sendo isto verdade, non é menos certo que na teoría política sobre movementos sociais e transformadores, analizase que para que o cambio se produza necesítanse factores políticos (oportunidades políticas), necesítanse novas ferramentas (estruturas de mobilización) pero igual de necesario son os marcos identificativos (procesos enmarcadores).

Nese senso o traballo realizado por Encontro Irmandiño, + Galiza e outros sectores renovadores do nacionalismo previo a XIII asemblea do BNG non son so plausibles senón foron necesarios para que a xente se encontrara, se recoñecera e se identificara cun constructor alternativo ao dominante no nacionalismo.

Así pois, como hai un antes e un despois do 15 –M en canto á percepción que a cidadanía ten da política, existe un antes e un despois do 29 de xaneiro en tanto en canto se crean as condicións políticas, instrumentais e identificativas para a construción dun novo referente, todo elo ademais reforzado por un liderado moral e ético que ten, nestas complexas circunstancias, estado á altura con xenerosidade e valentía.

Pero equivocaríanse os dirixentes de +Galiza ou de Encontro Irmandiño, de Esquerda Nacionalista ou do PNG, se pensaran que a reconstrución dun espazo estaría feita pola reunificación fora dos seus respectivos seguidores.

Convén ir máis aló.

- Construír un novo espazo nacional (nacionalista no político) que permita incorporar persoas que senten o país, o defenden e o sitúan no centro da súa intervención política e social máis aló das definicións formais.

- Construír un espazo plural e flexible. Amplo pero lonxe dos partidos clásicos convertidos en prolongacións das institucións e combinativo fuxindo do frontismo entendido coma partido guía e grupos satélites ou da mesa de partidos para arrepañar cotas de poder interno.

- Introducir na axenda os elementos de contradición política do século XXI, tanto no que son as novas correntes da esquerda global que sitúan como centro a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social global, nunha versión nova do socialismo lonxe do corporativismo ou do desarrollismo da etapa anterior e os elementos de radicalidade democrática e loita contra a corrupción política que introduciron os novísimos movementos sociais.

E todo iso sen renunciar as luces do pasado pero sinalando con forza as sombras da etapa anterior.

Tempos de crise, tempos de transición, tempos non que os referentes petrificados caen e xorden novos espazos máis líquidos en construción.

Esa é a tarefa de ‘agiornamento’ tal como a foron realizando nos últimos anos o altermundismo e os movementos sociais máis avanzados.

De xeito unitario pero sen esquecer que a unidade sen renovación ademais de pura melancolía leva a parálise e a autodestrución por inanición.

Recordando como dicía Rosalía de Castro que “a quen se muda, deus o axuda”.


( publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/67/o-espirito-do-29-de-xaneiro/ )

4 de fevereiro de 2012

O Sorriso de Feijóo


Xoán Hermida

En Amio e en Sevilla, e cunha semana polo medio, Feijoo ven de asegurarse a reelección en outubro.

Rematados os procesos congresuais do BNG e do PSOE, e toda vez que o que pase no PSdG é xa irrelevante, a única esperanza para o cambio en San Caetano so pode vir da man do nacemento dunha nova forza na esquerda galega.

As citas destas organizacións de esquerda e doutras amosan unha vez máis a incapacidade dos aparatos dos partidos políticos para asomarse ao século XXI con naturalidade.

O 15-M puxo de evidencia a desafección da cidadanía cos partidos políticos en xeral e cos da esquerda en particular. Nunha situación de normalidade todo indicaría que as forzas políticas tomarían nota e mudarían de rumbo, pero moi polo contrario parece que apostan polo suicidio colectivo.

E verdade, tal como afirma o sociólogo catalán Antoni Gutiérrez que os partidos perderon a exclusividade da acción política pero máis aló cabería esperar que non descoidara o seu imprescindible papel de interface institucional. Non parece que ese vaia a ser o camiño, alúmenos a curto prazo

Non obstante destas citas tamén sae un rasquizo para a esperanza pois o resultado das mesmas aplanan o camiño para a constitución dun nova forza da esquerda galega de ampla base.

Forza que vai necesitar do espazo renovador que se aglutinou arredor de Xosé Manuel Beiras na última asemblea do BNG pero que tamén vai necesitar de novos nutrientes dunha esquerda nacional que non ten participado de ningunha das dúas forzas políticas centrais da esquerda galega nos últimos vinte anos.

Tratase de construír unha nova alianza ampla de cambio que recolla o mellor da tradición do BNG e do PSdG pero que a súa vez incorpore aqueles elementos centrais das axendas sociais deste inicio do século XXI, democracia, ecoloxismo e ética, que a permitan converterse nun gran espazo nacional alternativo á hexemonía do PP.

Co tándem Vazquez&Vazquez, Feijóo pode durmir tranquilo e feliz. Necesitamos crear novos espazos que lle quite o soño e borre o sorriso ao ocupante de Monte Pío.


( publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/36/o-sorriso-de-feijoo/ )

3 de fevereiro de 2012

Regreso ao futuro: tempo de silencio (e 2)


tempo de reflexión

tempo de construción

tempo de ….

un novo tempo !

Regreso ao futuro: #goodbyefraguismo (1)

Xoán Hermida

A raíz dos últimos acontecementos nos que Galicia está inmersa poderiamos afirmar que ao noso país parece que lle mirou un torto.

Mesmo poderiamos aplicar dúas frases feitas para a ocasión: “Non hai peor cego que o que non quere ver” e “no pais dos cegos o torto é o rei”. Con ser certo en parte estas sentencias non deberiamos deixarnos levar por unha realidade adversa ou pola melancolía.

Fraga liquidou as posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica por medio dun dobre xogo: favorecer o localismo de corte españolista do vazquismo no PSdeG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido fundamentalista. Con esa combinación a dereita sabe que terá ocupada a Xunta de Galicia a maior parte do tempo e so cando se dean unha condicións extraordinarias coma as que se deron a mediados da década pasada, axudados por unha situación de emerxencia coma a do Prestige, poden ceder temporalmente o seu domino.

Parece que o fraguismo se resiste a morrer !

Así foi e así parece que vai seguir sendo se temos en conta os resultados, por outra parte xa esperados, da última (derradeira ?) asemblea do BNG.

No PSdeG as cousas non pintan mellor, e ou por un cambio radical no PSOE puidérase producir un efecto domino, ou a ausencia de proxecto nacional impedirá que reciba o respaldo maioritario da cidadanía.

Xa hai tres anos nun artigo titulado “non hai partido” explicaba os motivos polos que pensaba que a batalla por renovar e actualizar a esquerda nacional dentro do BNG non tiña posibilidade. Fundamental esa imposibilidade sustentábase en que a base renovadora do BNG xa non estaba dentro senón fora. Aínda así a batalla pola renovación e converxencia da esquerda nacional ten e debe darse en distintos frontes e á vez, e aínda que con todo seguridade a alternativa habería que construíla fora, so cabía agradecer a xenerosidade, a valentía e a supremacía ética coa que estivo a actuar Xosé Manuel Beiras.

Agora ben, toda vez que o BNG abandonou o bloque (no sentido de construción hexemónica), correspóndelle agora ao bloque (histórico) abandonar o BNG (siglas) aínda que sexa con 10 anos de retraso.

Que podemos facer as cidadás e os cidadáns para salvagardar o ben común en primeira instancia e para construír a alternativa en segunda, diante dun BNG disposto a escusarse como alternativa e a un PSdeG que renunciou hai tempo a defender ao país.

Construír a alternativa sobre novos parámetros.

Trala caída do muro de Berlín e despois do fin de etapa dos partidos comunistas, non era máis que unha cuestión de tempo que asistiramos tamén ao fin de etapa dos partidos socialdemócratas tal como os coñécemos ata hoxe.

A esquerda se ten que refundar baixo unhas novas claves de transversalidade e abordando as novas contradicións, fundamentalmente ecolóxicas. O ecosocialismo acaba de darlle o ‘sorpasso’ á socialdemocracia clásica en Finlandia, e probable que ocorra o mesmo en Alemaña. Namentres algúns aquí empéñanse en seguir construíndo a alternativa ao PP sobre proxectos do século XIX.

O capitalismo monopolista pon de manifesto dúas grandes contradicións: a falacia do liberalismo, pois este tal como foi formulada polos seus teóricos non existe; e a propia supervivencia do planeta, pois o lucro carece da sensibilidade mínima para pensar nas xeracións vindeiras e nas outras especies coas que convivimos. Curiosamente diante desas dúas realidades o nacionalismo e a esquerda segue maioritariamente a debaterse entre comunismo ou socialdemocracia, dúas versións da mesma esquerda eurocentrista, etnocentrista, corporativista e industrialista.

Cantos anos teremos que esperar, unha vez máis, para que en Galicia estean presentes as correntes que se moven na esquerda avanzada global ?

Faise necesario abordar a política con novos prismas, cun cambio metodolóxico radical e un cambio epistemolóxico central.

Construír un polo de ecoloxismo político que poña na axenda os elementos fundamentais do noso tempo, unha esquerda renovada que conecte coas demandas de radicalidade democrática da cidadanía.

Pero hai máis. Tamén hai que vertebrar unha alternativa nacional antimonopolista que agrupe á maioría de afectados polas directrices das políticas neocom que saen dos nosos gobernantes ao ditado das grandes corporacións.

Para elo debemos de destruír as dicotomías (sen solución dialéctica) na que temos estado inmersos nos últimos decenios.

  • Reforma versus revolución. Re-evolución. Non é posible cambios estruturais senón se impulsa antes un programa de políticas de reforma forte e reciprocamente non se abordan as reformas necesarias senón se enmarcan nun proxecto de cambio estrutural.

  • Nacionalismo versus non nacionalismo. Nacional. O carácter nacional como punto de encontro daquelas persoas que se recoñecen como parte dunha mesma nación e avogan por avanzar no seu autogoberno. Entre o illacionismo esencialista e o sucursalismo cástrante , cabería apuntarse a construír un proxecto propio en réxime de ‘joint venture’ con outras forzas necesarias para o cambio social e a biodiversidade plurinacional.

  • Desenvolvemento versus conservacionismo.Sustentabilidade. O modelo produtivista da esquerda europea do século XIX ten sido prexudicial para a maioría da poboación que habita nos países do Sur e ten colocado ao planeta ao borde do infarto ecolóxico. Soamente desde a sustentabilidade e a economía eco-social é posible desenvolver un programa global de desenvolvemento que tendo en conta os limites do planeta plantexe novas miradas e novos niveis materiais e espirituais de benestar.

Para elo faise necesario acabar coa herdanza do fraguismo en tódalas súas dimensións (#goodbyefraguismo) e de paso regresar ao futuro.


(publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/9/regreso-ao-futuro-goodbyefraguismo/)