24 de março de 2011

Notas críticas sobre a esquerda e Libia


Xoán Hermida

Partidos da esquerda Europea como PCP, IU ou BNG teñen votado contra a intervención militar en Libia.

Outros partidos de esquerda, algún mesmo de grande tradición pacifista, como ICV, ERC, Nafarroa Bai, Bloco de Esquerdas ou Die Linke teñen votado a favor.

Isto indicaría, que máis aló da socialdemocracia oficial, a esquerda movese aínda entre o novo que tarda en nacer e o vello que se resiste a morrer.

A cuestión está en saber diferenciar o importante do central. É o central e que por primeira vez desde 1848 hai un movemento de liberdade con globalidade nunha rexión e a esquerda non debería caer na trampa, unha vez máis, en defender ao 'noso antiimperialista’ de ocasión.

Ese modelo bipolar, herdado da guerra fría, ten desarmado politicamente a unha esquerda que en lugar de crear un proxecto alternativo ten pasado o tempo elixindo entre o malo e o peor, máis preocupado en exercer de espectador ‘hooligan’ que en actor ‘transformador’.

Eu non comparto, seguramente ninguén desde a esquerda, os motivos -existentes ou non- da intervención dos ‘aliados’.

Pero creo que esta a haber un erro de enfoque.

Digo isto porque o retraso na intervención, a descoordinación e o desplante dalgunhas pezas clave como Alemaña ou Italia indican que ao mellor as motivacións non son as que pensamos. Todo apunta a que os gobernos do Norte non tiñan interese en entrar en Libia e soamente a presión da opinión publica e o desastre nuclear de Xapón os teñen forzado.

Hai algún tempo Ignacio Ramonet analizaba os mecanismos internacionais da globalización sinalando que un dos cambios producidos era o novo concepto do valor estratéxico. Xa non se trata so de controlar unha vía de comunicación natural ou comercial ou a dominación territorial por interese das súas riquezas como antaño, agora aparece un novo factor: o elemento de desestabilización. Isto foi así en Kosovo ou Afganistan

Desde logo o factor de desestabilización rexional ten unha incidencia enorme no caso que nos ocupa. Todo o proceso de revoltas non países arabés ten collido por sorpresa aos gobernos dos países do Norte, ata tal punto que foi Israel o máis empeñado nun primeiro momento en que nada se movera.

Por outra banda, hai que recordar que o efecto domino esta en parte na existencia dun único pobo árabe. As fronteiras artificiais creadas polo colonialismo son visibles en países como Libia con dous polos políticos - Trípoli e Bengasi - e cunha poboación con maior apoio aos gobernantes na primeira e un desapego, froito da marxinación, no caso da segunda.

Agora ben, tras ese primeiro momento de incertidume vai a haber un intento dos poderes do Norte por reconducir os procesos, aínda que dado o descoñecemento amosado da realidade podeselle tornar unha tarefa máis que complicada.

A nosa aposta debería ser apoiar sen fisuras aos cidadáns arabés.

Temos unha obriga moral cos pobos que sofren unha represión con armas compradas polos sátrapas a multinacionais do norte e mesmo nalgún como Gaddafi participando no accionariado desas empresas armamentísticas (O BBVA, tal como se denunciou recentemente, participou cun montante de 78 millóns de dólares en outubro de 2008 nunha emisión de accións de Finmeccanica, empresa armamentística italiana, participada nun 2,01% pola Libian Investment authority –LIA- do goberno libio, que realizou recentes e suculentos negocios co goberno de Gaddafi).

Debemos respectar a un pobo que esta a levar adiante o cambio mais radical no ultimo século no planeta.

Gaddafi é un monstro creado polo capital da dereita económica e política pero tamén polos delirios do esquerdismo. Como ben apuntaba Immanuel Wallerstein nun clarificador artigo Gaddafi é un grande obstáculo para a esquerda árabe, e tamén do resto do mundo. ( como anteriormente foron outros, engadiría eu ).

Se houbera unha sociedade vertebrada desde a esquerda como hai setenta anos, desde Europa estariamos enviando brigadistas internacionais como fixeron no 36 para apoiar a república española. Por certo é moi ilustrativo que Gaddafi dixera hai uns días que ‘ía entrar en Bengasi como Franco en Madrid no 39’.

A revolución democrática e cidadá árabe é o máis bonito que lle ocorreu a esquerda desde a revolución soviética. As revolucións democráticas do pobo árabe son unha boa oportunidade para que a esquerda volva a ter un proxecto emancipador propio, senón encallamos nas filias e fobias coma sempre.

Afortunadamente coñezo militantes da esquerda marroquí, algún deles que se pasou sete anos na cadea e hoxe están ilusionados. Ese é o bosque, as arbores da OTAN non me van a impedir saber a quen quero e teño que apoiar.

20 de março de 2011

O tempo da mimosa esta por chegar


En memoria de Miguelito e Loli,
Os rostros amables da xeración mimosa


Xoán Hermida

O pasado venres 18 de marzo celebrouse un acto de recordo a Miguel Munín ‘Miguelito’ na Facultade de Económicas e Empresariais que tivo a ‘maxia’ de facernos retroceder as asembleas estudantís dos anos oitenta.

No acto interveu o que fora o primeiro reitor nacionalista, Ramón Villares, que recordou que a loita estudantil contra a carestía da vivenda dos oitenta fora moi superior en intensidade das revoltas do 68 na Universidade de Santiago de Compostela e que os CAF supuxeran o verdadeiro cambio xeracional da esquerda desde a guerra.

Tiven ocasión hai un ano, con motivo dunha xuntanza onde nos viramos varios compañeiros daquela época, de escribir un artigo titulado ‘Xeración Mimosa’ que transitaba como sigue:

“Hai algún tempo alguén falou da xeración CAF para lembrar a toda aquela xente que na década dos oitenta tivemos a ocasión e participar naquel proxecto tan interesante como contraditorio que se chamaban Comités Abertos de Facultade (a E de escolas viría despois) e que supuña unha renovación xeracional na esquerda galega.

Eu prefiro recordala como Xeración Mimosa, porque ese era o seu símbolo, a pesar de que, tal como nos recordaban algúns membros da corte da rosa, esta era de importación australiana e polo tanto pouco patriótica. En todo caso aqueles que temos unha visión plural da nación entendemos que na súa biodiversidade tamén teñen acollida especies orixinarias doutras partes namentres non sexan destrutivas coma o eucalipto.

Recentemente puiden atoparme nunhas xornadas de debate e reflexión, desas que tanto aos pragmáticos coma aos dogmáticos lles molesta, a Manolo Barreiro, Goretti Sanmartín, Alba Nogueira, Emilio Insua,... e algúns outros que xunto comigo e a outras persoas formamos parte daquela xeración.

Como non tamén me lembrei de Miguelito e de Marcelo, de Bernaldo Lorenzo, de Emilio Martínez, de Isabel G. Avión, de Hector Silveiro, de Pilar Candocia, de Ramón Faraldo, ... e tamén, con moita saudade, da miña querida compañeira Loli que coa súa frescura convenceu a algún compañeiro que hoxe esta na UPG da necesidade de participar nos comités, mesmo na posibilidade de ser ‘contaminado’, coma así ocorreu, polo nacionalismo ideolóxico.

Aquela xeración encabezou as mobilizacións contra un reitorado e un goberno que a pesar de chamarse socialista empezaba a mostrar unha faz liberal e a iniciar un proceso de elitización da universidade ( ademais de meternos na OTAN tras prometernos que de entrada non ). Aquela xeración tamén tivo o seu primeiro vicereitor alumno e posteriormente mesmo decanos e ata un reitor, que tamén recordo como unha mini frustración a pesar de ser unha das cabezas máis amobladas da historiografía hispánica. Lembro aquel primeiro lema de ‘pasou o tempo da rosa, chegou o da mimosa’.

Pero se algún valor tivo aquela xeración foi a de ser un fervedoiro de ideas e de resistencia fronte ao dogmatismo. Aquela nova xeración de mozos e mozas tan plural no político tiñamos en común a necesidade de (re) crear a esquerda galega para liberala dos seus comisarios políticos.

Sufrimos a primeira derrota e cós CAF tomados tivemos que reinventar os MEU. Posteriormente virían outras derrotas: CXTG, NUNCA MÁIS, ADEGA, a MNL,..

Pero tivemos unha grande vitoria. Fomos capaces de construír espazos de liberdade e sobre todo ideas propias sen necesidade de recorrer, tal como responderan os da escola de tauromaquia a Fernando VII cando pechou as universidades a aquela sentencia de ‘lejos de nosotros la funesta manía de pensar’.

Tocounos, tócanos, vivir unha etapa global de transición, por iso dura pero tamén por iso fermosa.”

Cando escribín ese artigo estaba convencido de que a Xeración Mimosa xa intentara facer todo o posible por construír un novo xeito de entender a esquerda e o nacionalismo en Galicia e que ese modelo plural e aberto, racionalmente transgresor e radicalmente democrático fracasara. Que encaiara na dinámica do posible. Que o seu tempo lamentablemente pasara.

Agora, tras un ano onde a crise da esquerda política se ten agravado e a debilidade da esquerda social se ten agudizado, estou convencido de que non é así.

Nesa perspectiva, as diversas apostas políticas e/ou sociais non teñen sido máis que experiencias necesarias no traxecto de maduración, político e intelectual, e que o papel da ‘Xeración Mimosa’ aínda esta por escribir.

Pronto asistiremos a procesos de recreación e/ou refundición dos mecanismos políticos e sociais de transformación e hai de seguro que teremos moito de dicir.

17 de março de 2011

Progresistas de salón


‘a diferenza entre un revolucionario e un esquerdista
na intervención política e a mesma existente
entre o coito e a masturbación’

Rodney Arismendi.
historico comunista Uruguaio



Xoán Hermida

O primeiro ‘progresista de salón’ documentado na historia contemporánea foi un tal Friedrich Engels, ese bastago da burguesía industrial que despilfarraba os beneficios das empresas familiares para financiar de xeito altruísta a un tal Karl Marx; outro ‘progresista de salón’ ou ben poderiamos dicir ‘progresista de biblioteca’ - que aínda é peor! -, que se adicaba a estudar e a ler para desenvolver o análise científico máis completo que temos do sistema no que nos tocou vivir e para elaborar a ‘filosofía da praxe’ que ten xerado falsas esperanzas a millóns de seres pensando que era posible saír da extrema pobreza e da ignominia.

Pero xa existían precedentes cincuenta e nove anos antes de que estes dous ‘progres de salón’ escribiran un manifesto que cambio o rumo da historia. Non debemos esquecer que outros precursores deste estilo do progresismo de salón como Marat ou Danton tiveron a ousadía de facer a maior revolución da historia pola maña e darse baños ‘cheirosos’ pola tarde namentres escribían os seus escritos.

Pero non remata aquí esta casta de ‘progres de salón’. A principio do século pasado outro grupo desta calaña se lles ocorreu enganar as masas para cargarse a tiranía do Zar Nicolas II, que xa se sabe que non era un ‘progre de salón’.

Estes tipos que están documentados con nomes tan de salón como Trotski, Kamenev, Zinoviev, Kollontai ou Bujarin, liderados por un dos ‘progres de salón’ máis perigosos - un tal Lenin- que namentres no cambio finisecular algúns activistas esquerdistas querían levar adiante unha revolución obreira nun pais agrario este tipo frecuentaba cenáculos e bibliotecas alemáns pensando en como modificar a realidade partindo dela (incrible!)

Pero houbo máis. Na Alemaña de inicios do século XX unha tal Rosa Luxemburg e un tal Karl Liebknecht, tamén se adicaron a frecuentar salóns, menos mal que o obreirista e socialdemócrata Gustav Noske , apoiado polos pistoleiros dos Freikorps, liberaron a Alemaña desa calaña.

A historia esta plagada de ‘progres de salón’ de clase media que habitualmente pululan pola historia distorsionando o verdadeiro imaxinario da clase obreira.

En Europa Georg Lukács ou Max Horkheimer, En América Ernesto Guevara ou José Carlos Mariátegui e mesmo en África ou Asia temos coñecemento dun tal Ho Chi Minh ( poeta!) ou de Nelson Mandela. Neste último caso o goberno surafricano coñecedor do gusto polos salóns enviouno 27 anos a un salón privado na residencia ‘Robben Island’

E non pensedes que a nosa terra escapase a esa caterva. Aquí poderiamos definilos como ‘señoritos’ e hai unha longa tradición que vai de Castelao a Beiras.

A min esa xente aburguesada non me gusta nada. Non son fillos directos da clase obreira, teñen os seus vicios inconfesables e sobre todo – e isto e o que máis me molesta – teñen ‘a funesta manía de pensar’.

Son fillos da ilustración e de Satanas – por exemplo o anteriormente citado Karl Marx non se lle ocorreu mellor idea que formar parte dun club chamado ‘amigos da esmorga’.

Eu fíome máis da esquerda ‘autentica’. Non precisa ler para saber, non necesita pensar para actuar, e sobre todo é coherente en todo momento. Saben o que hai que facer sen vacilar. Son un exemplo a seguir.

Sei que hai teorías por aí que afirma que estas persoas traballan indirectamente a favor dos intereses dos máis poderosos. Mesmo insinúan que algúns directamente e a soldo. Que grande mentira!

Simplemente son xente de principios:

- Son fillos da clase obreira e saben xestionar os seus recursos. A diferenza dos ‘progres de salón’ que despilfarran o seu patrimonio familiar - e nalgún caso mesmo acaban na pobreza- , estes empezan de pobres e acaban atesourando grandes fortunas.

- Teñen unha moralidade que roza o estoicismo. Nada que ver coas tendencias libertinas dos ‘progres de salón’ que se divirten, fornican e gozan das relacións humanas.

- Son defensores da familia. Colocan aos seus parentes en postos clave cando están no goberno ou en organizacións sindicais e partidarias cando aínda están na oposición. Iso que algúns chaman nepotismo eu creo que amosa un claro exemplo de lealdade e de compromiso.

- Están sempre alerta na tarefa da limpeza revolucionaria. Todos sabemos cantos arribistas, fofos e ‘progres de salón’ se unen aos movementos para desvialos da súa misión emancipadora por iso é necesario estar alerta, expulsar, difamar e denigrar ao ‘disidente’ -mesmo se fai falla cun piolet que se encontre a man - . Posteriormente perpetúan as revolucións a un baixo custe de aniquilar a miles de compatriotas.

- Son escolásticos -e isto a min particularmente é o que me gusta máis -. Non se deixan persuadir pola lectura directa e miuda, prefiren usar un catecismo ‘ideolóxico’ que conteña tódalas receitas para un mundo mellor aínda que nel se citen algúns profetas que no seu momento foron tachados de ‘progres de salón’. Xa todos sabemos que as conversión como as de Saulo de Tarso camiño de Damasco ou do libertino Agostiño de Hipona son posibles, sempre e cando as recoñeza a doutrina oficial e expiren os seus pecados.

Por favor! Persoas decentes e honestas, escapade deses ‘progres de salón’, hoxe camuflados en ONGs ou grupos ecoloxistas, que o único que perseguen é confundiros con complicadas interpretacións e análises.

Sempre será mellor un fascista coñecido que un ‘progre de salón’ por coñecer.

E por favor nada de contacto físico con eles. Son luxuriosos. Mesmo aman aos ‘animais non humanos’. De seguro que practican a zoofilia.

13 de março de 2011

É posible un ecosocialismo galego


a Loli Mariño
que nos ensinou o valor da ecoloxía
nun tempo en que as pequenas
cousas aínda nos soaban excéntricas


Xoán Hermida

Tiven a ousadía no ano 1997 de publicar un artigo en 'El Correo Gallego' onde se mencionaba por primeira vez en Galicia o termo ecosocialismo.

En realidade aínda faltaban tres anos para que Joel Kovel e Michael Löwy publicaran o manifesto ecosocialista, pero iso non quere dicir que eu estivera a inventar algo novo, pois xa algunhas forzas políticas de Europa e social de Latinoamérica xa comezaban a utilizar esa denominación.

Así que a ousadía se debía máis a que sendo eu o primeiro en utilizar esa terminoloxía sabia que ía a atoparme con dúas cuestións que no debate político se dan moito na nosa terra. A primeira é algo que se podería expresar na conceptualización 'iso é moi moderno, non ten nada que ver con nos’. A segunda, ligada á primeira, exprésase en algo así como ' Galicia é diferente, esa formulación pode valer para Catalunya ou Euskadi, inseridas máis na Europa'.

Esta visión non ten nada que ver co nacionalismo moderno e universalista que encarnou a xeración NÓS e tería moito mais que ver co discurso nacionalista pechado español expresado en 'que inventen ellos' ou 'spain is diferent'.

Hai un terceiro prexuízo que este xa tería que ver máis co contido que co formal e que amosa o nivel raquítico no que se move o debate a nosa esquerda nalgúns círculos: “iso do ecosocialismo en realidade é o socialismo cun verniz verde para captar novos votos e simpatías”.

Nada máis lonxe que dunha operación cosmética ou dunha táctica electoralista.
En realidade ecosocialismo é unha das múltiples definicións que poderiamos aplicarlle á esquerda da etapa da globalización neoliberal e do perigo do 'infarto ecolóxico’ do planeta, onde as novas contradicións entre a natureza e o comportamento do ser humano na súa forma capitalista de producir, distribuír e consumir as materias primas e a enerxía pasan a un primeiro plano.

Cando Karl Marx di “a natureza é o corpo non orgánico do home” ou Rosa Luxemburg advírtenos sobre a dicotomía “capitalismo ou barbarie” xa están alertando do perigo que a nosa actuación económica e política ten para o planeta.

Lamentablemente esta visión dialéctica e naturalista da esquerda non foi a que se asentou na metade do século XIX, senón unha visión dogmática e industrialista.

Somos herdeiros - para o bo e sobre todo para o malo- da II internacional e da socialdemocracia alemá constituída arredor do programa de unificación de Ghota e iso ten marcado durante algo máis dun século unha forma de entender o desenvolvemento económico, as relacións humanas, o sentido da democracia política e tamén a relación da humanidade coa natureza.

Tratase de repensar en clave de futuro a esquerda. E o futuro na actual conxuntura adquire non so un sesgo programático senón mesmo existencial: a propia existencia de futuro en si.

Tratase de sinalar ao novo “suxeito revolucionario”, pero antes temos que sinalar o propio suxeito político e mesmo filosófico.

Para a concepción clásica e tamén para os ilustrados o suxeito filosófico era o home -e digo ben o home porque a muller estivo excluída desa concepción ata hai ben pouco-. Agora tratase de concibir o suxeito político-filosófico de xeito máis amplo. Tratase de entender o suxeito ontolóxico na súa máxima amplitude unha vez que nin a alma, nin a intelixencia, nin a cultura son xa raias delimitadoras.

Tratase de entender o suxeito -no sentido filosófico- composto polos “animais humanos” e tamén polos “animais non humanos”, entendidos desde unha aposta colectiva de biodiversidade e harmonía.

E sobre o “suxeito revolucionario” que dicir. Toda vez que as grandes diferenzas téñense amortecido nunha combinación de melloras sociais e integración no sistema, xa non é a clase obreira en exclusiva a punta de lanza do movemento de cambio antisistémico, tampouco xa o son as mulleres coma se planificou nos setenta, nin outros sectores que a longo do século XX se lle foron idealizando características “revolucionarias” a medida que declinaba a luz do proletariado.

Vivimos na globalización, na fase final do que xa Lenin apuntara como fase imperialista do capitalismo. Son tempos de control monopolista, de concentración de capitais e de privatización de recursos naturais en mans duns poucos oligopolios. Nese contexto todas aquelas persoas afectadas por un sistema cada máis inxusto e desequilibrado ou interpeladas pola necesidade dun mundo mellor somos “suxeitos revolucionarios”.

A nova fase do capitalismo require a construción de novas ferramentas políticas de actuación. Non se trata de pintar de verde a esquerda tratase de construír unha alternativa socialista no económico e sustentable no social e viceversa,... e por suposto radicalmente democrática.

Esta aposta, que vale para o mundo, tamén ten que valer para o noso país. Así que é posible un ecosocialismo galego, por suposto!. Pero de seguro que se terá que construír fora das actuais estruturas políticas institucionalizadas.

11 de março de 2011

Intervención na Xunta de Accionistas do BBVA 2011 “Campaña BBVA sen armas”


Jordi Calvo

Bos días señores e señoras accionistas do BBVA, o meu nome é Jordi Calvo Rufanges e fálolles como membro do Centro Delàs de estudos pola paz en representación de diversos accionistas e da ‘Campaña BBVA sen armas’ integrada polas organizacións, Xustiza e Pau de Barcelona, o Observatorio da Débeda na Globalización e a Federación SETEM.

A miña intervención é para mostrarlles que o BBVA é o banco español que máis inviste en armamento controvertido: armas nucleares, bombas de acio e armas de uranio empobrecido.

O BBVA di ter unha normativa interna para limitar as operacións coa industria
armamentística. É certo, pero de acordo coas nosas investigacións, sabemos que os fondos de investimento xestionados polo BBVA inclúen accións e bonos de 16 empresas que fabrican armas controvertidas, que o BBVA concedeu préstamos a 8 destas compañías desde 2006 e deu apoio a 4 delas na emisión de bonos e accións. Isto mostra que a súa normativa interna de financiamento do sector defensa non só é insuficiente, senón tamén un engano aos seus accionistas, traballadores e á opinión pública, vista a longa de lista de compañías do sector militar que o BBVA continúa financiando.

Vexamos en detalle de que operacións estamos a falar e que tipo de armas fabrican as empresas financiadas polo BBVA, para que comprendan a gravidade da situación:

- O BBVA xestiona fondos de investimento por valor de 26,85 millóns de euros de empresas produtoras de mísiles nucleares, como BAE Systems, EADS e Boeing que ademais fabrica avións de guerra. O BBVA xestiona tamén fondos de investimento de L-3 Communications, empresa que produce compoñentes cruciais de municións de acio, de Lockheed Martin, unha das grandes produtoras de bombas de acio, cuxo produto estrela é a bomba de acio M30, cun alcance de 70 km e que está involucrada xunto a Northrop Grumman (tamén cliente do BBVA) na produción dos mísiles nucleares intercontinentais Minuteman III. Nesta macabra lista aparece tamén McDermott International, empresa involucrada actualmente na produción de bombas
nucleares, cuxa experiencia provén da súa participación no Proxecto Manhattan que
desenvolveu as bombas atómicas que foron lanzadas sobe Hiroshima e Nagasaki; e Textron, que produce municións de acio utilizadas na guerra de Iraq.

- O BBVA participou cun montante de 78 millóns de dólares en outubro de 2008 nunha emisión de accións de Finmeccanica, empresa armamentística italiana, participada nun 2,01% pola Libian Investment authority (LIA) do goberno libio, que realizou recentes e suculentos negocios co goberno de Gadafi, cuxas armas foron moi probablemente utilizadas na represión da poboación civil deste país das pasadas semanas.

- O BBVA asistiu durante 2009 a Boeing, EADS e Xeral Dynamics na emisión de bonos destas compañías por un valor total de 104,2 millóns de euros. Xeneral Dynamics (de quen tamén se xestionan fondos de investimento) destaca pola súa implicación na produción de armas nucleares e armas de uranio empobrecido, moitas delas usadas nas guerras de Oriente Medio. Esta empresa foi unha das produtoras máis importantes de bombas de racimo.

- O BBVA é propietaria de bonos de EADS e Thales a través de fondos de investimento por un valor de 310.000 euros. Estas dúas empresas están a desenvolver o destrutivo mísil M51 que pode ser lanzado sobre un obxectivo de máis de 6.000 quilómetros, o que a converte, evidentemente, nunha arma ofensiva.

- No últimos cinco anos o BBVA participou en créditos sindicados que están pendentes de devolución a un gran número de empresas que fabrican armas controvertidas, como as mencionadas anteriormente (Boeing, EADS, Finmeccanica, Xeneral Dynamics e Lockheed Martin, aínda que a esta última o crédito foille cancelado en aplicación da normativa interna do BBVA en febreiro de 2010) e outras como Honeywell International, Larsen & Toubro e McDermott, produtoras de armas nucleares.

Desde a aplicación oficial da súa normativa interna o BBVA axuda con variadas operacións financeiras que superan os 1.000 millóns de euros no últimos cinco anos á produción de bombas de racimo, bombas nucleares e armas de uranio empobrecido, moitas delas probablemente usadas nalgúns dos conflitos armados dos últimos anos, co que constatamos que a normativa do BBVA sobre armamento non serviu para reducir os seus investimentos na industria militar máis cuestionable.

Sr. Presidente, quixésemos saber que parte dos seus 4.606 millóns de beneficios anunciados para o exercicio 2010 proveñen dos seus negocios co sector armamentístico e en concreto da produción de armas nucleares, municións de acio ou de uranio empobrecido. De sabelo, poderían valorar os seus accionistas se prefiren seguir lucrándose do negocio das armas, ou se como a gran maioría da sociedade española rexeita os beneficios provenientes de negocios ilexítimos e reprobables como os relacionados coa produción de armamento tan controvertido como o aquí
exposto.

Non importa o tipo de operación financeira de que se trate, non valen escusas, vostede Sr. González é o principal responsable de que o BBVA faga negocios con empresas de armas rexeitadas socialmente e prohibidas por tratados internacionais.

Esixímoslle que cancele totalmente as súas operacións coas empresas de armamento, especialmente coas aquí expostas. De non facelo, debe vostede saber que seguiremos denunciando desde a Campaña BBVA sen armas como o BBVA se lucra dunha industria que xera violencia armada, destrución e miles de mortos en todo o mundo.

Grazas pola súa atención.

3 de março de 2011

A imparable marcha da liberdade


Xoàn Hermida

Recoñezámolo. estabamos nos biosbardos!

Dez anos de constante intoxicación conseguiron que mesmo aqueles que pensabamos que 'outro mundo é posible’ aceptaramos como interpretación do que estaba a ocorrer nos países árabes a versión interesada impulsada polos poderes políticos e económicos acompañado polos grandes ‘mass media’ e por unha pléiade de articulistas, comentaristas, tertulianos,...

Pois non!. Non era o islamismo radical, nin tan sequera era o islam, o ‘construtor’ dunha nova sociedade para aqueles cidadáns fartos de ver como a súa dignidade e liberdade vese asoballada por sátrapas interpostos polos poderes do norte.

Falamos de choque de civilizacións, pero no fundo estabamos a pensar en choques de relixións.

E aínda que é evidente que hoxe tócalle ao mundo musulmán pasar a súa peculiar idade media que a Europa lle tocou padecer ata hai cinco séculos, a verdade é que a relixión islámica nunca tivo as contradicións que o cristianismo tivo coa ciencia. Outra cousa é a súa similitude no tema de usos e costumes morais.

E non é por un problema de maldade intrínseca que fai peor a relixión cristiá que ao islam. Non !

Se oriente non tivo o debate convulso entre ciencia e relixión que durante séculos tivemos en Europa é porque as súas fontes filosóficas son dualistas e dialécticas namentres que en occidente herdamos un pensamento monista, representado na tradición da ontoloxía da inmobilidade de Parmenides e do idealismo de Platon.

Así que penetrados polo discurso oficial viviamos acazapados esperando as accións terroristas das células durmintes e os avances das masas fanatizadas.

En troques, chegou a mocidade con niveis culturais altos e con gañas de vivir digna e libremente.

Descolocaron aos servizos de 'intelixencia’ que bastante chollo tiñan xa con vixiar os refuxios paquistanís e iranianos de al-Qaeda. Deixaron fora de xogo a Bin Laden, ese mercenario de familia rica adestrado pola CIA para combater o comunismo, que leva sen dicir ni un palabra do que esta a acontecer desde o comezo. Porque ao igual que nos poderosos círculos de occidente, onde adquiriu a súa formación 'intelectual’, non estaba preparado para a liberdade.

E o máis lamentable, pillou a contrape á esquerda - se existise ou existira - máis preocupada na pose e na liturxia que na acción e na reflexión.

Seguramente non entendan porque nas revolucións árabes non se rompen colectores ou se levan bandeiras negras e vermellas cunha A no medio dun circulo; porque son familias enteiras as que se mobilizan e ademais se organizan para despois limpar a praza que tomaron ou organizar o reparto de alimentos ou a asistencia aos feridos.

Non o poden entender porque do que se trata e de facer a revolución, non falar dela. Porque o que se trata é de dar resposta a ampla base da pirámide social e non so a un grupusculo de visionarios.

Ollo! E mal faría esa esquerda, ausente e incapaz de artellar nada cun mínimo de sentido practico no Norte, en buscar agora ditadores de esquerda ou ditadores de dereita, dividir aos criminais en amigos e inimigos. Porque inimigos da liberdade e da xustiza o son todos.

Por suposto que existen moitas interrogantes sobre o futuro das revolucións da cidadanía árabe, mesmo e posible que ao final sexan reconducidas polos poderes do Norte, pero non deberiamos botar nin unha mínima sombra ou dubida sobre o seu caracter democrático e emancipador, e en todo caso estou de acordo con Nicholas Kristof cando di que “todos aqueles que neste momento arriscan a súa vida e a dos seus en nome da liberdade e da democracia merecen cando menos un mínimo de respecto!"

Conviría, pois, desbrozar para liberarnos dalgúns dogmas e prexuízos.

Que as arbores non nos impidan ver o bosque, ... nin que o velo das mulleres árabes nos impidan ver a realidade.

O islam non e o problema, nin tan sequera na cuestión da discriminación da muller (significado nestes días, nun exercicio de intolerancia cultural, no hiyab dunha rapaza árabe de Arteixo) senón a construción da modernidade e da vertebración democrática. E ao mellor, nos tan etnocéntricos, neste tema imos ter que estar a dicir cousas moi diferentes dentro duns anos.

En todo caso, segue sendo o Sur, igual que hai dez anos fora en Latino América, o que ten capacidade de plantexar alternativas e defendelas.

Namentres, en Europa deberiamos abrir as xanelas porque hai tempo que algo cheira a podre. E de paso que sentimos a brisa que ven do outro lado do océano ou do mar, podemos ler as fermosas paxinas do pequeno manifesto do ancián Stéphane Hessel: 'Indignez-Vous'.