27 de maio de 2011

Tres apuntes post-electorais necesarios

“Juntáronse los ratones,
para librarse del gato,
y después de un largo rato
de disputas y opiniones,
Dijeron que acertarían
en ponerle un cascabel;
que, andando el gato con él,
librarse mejor podían.
Salió un ratón barbicano,
colilargo, hociquirromo,
y encrespando el grueso lomo,
dijo al senado romano,
después de hablar culto un rato:
“¿Quién de todos ha de ser
el que se atreva a poner
ese cascabel al gato?”


Lope de Vega




Xoán Hermida

Necesaria reflexión estratéxica

A pretensión de culpabilizar á sociedade civil da derrota por parte do aparato dos partidos de esquerda resulta irrisorio.

O movementos estratéxicos de fondo poden afectar conxunturalmente de xeito negativo pero a longo prazo son necesarios, ademais de xustos.

Nese tacticismo conxuntural equivocábanse os que no ano 1933 non querían conceder o voto ás mulleres porque beneficiaba electoralmente á dereita.

Aparentemente tiñan razón, pois a dereita gañou.

Pero negar un dereito ou desprestixiar unha razón sen abordar as motivacións que a promoven é a todas luces inmoral desde un punto de vista ético. Ademais de ser un erro, pois aqueles que en función do curtopracismo parece que tiñan razón non a tiñan. No ano 36, dous anos despois da inaugurar o voto feminino, a esquerda volveu a gañar e esta vez co apoio das mulleres.

Outra cousa é iniciativas sectarias que non responden a un interese colectivo amplo e que como no caso de certas candidaturas residuais electoralmente o único que consigue é favorecer á dereita. Aínda mesmo que neste caso a xente ten dereito a facelo.

Os staff do PSOE e BNG que reflexionen porque desconectaron coa sociedade en lugar de buscar chibos expiatorios e IU que reflexione porque non recolleu máis que unha ínfima parte dos descontentos cos anteriores en lugar de situar nunha lei electoral inxusta as súas carencias.

A esquerda vence á esquerda?

Nun artigo publicado hoxe en El Pais polo sociólogo Fermín Bouzas faise unha análise dos resultados electorais do pasado domingo.

Non vou a entrar a valorar dito análise que en parte podo compartir, aínda que a maioría das veces as análises feitas por Bouzas parécenme non de todo consistentes e teño a sensación que algo rechía, como se me quixeran vender algo que non acabo de albiscar.

En todo caso o autor afirma ( cito textualmente ): "Castigar algo (políticas do PSOE neste caso) para lo que no había alternativa real es un acto de irracionalidad.Los votantes de izquierda que se han abstenido en sus diversas modalidades han tenido una conducta electoral muy irracional."

Tres comentarios necesarios:

1. A esquerda que desertou do BNG ou PSOE non se abstivo, maioritariamente votou branco ou nulo. A abstención como refuxio explicativo non ten forza desde o momento que elección tras elección a participación non para de medrar.

2. Negar a existencia de alternativa ( "no hay alternativa real") é negar a propia existencia da esquerda. Ao mellor é por iso mesmo polo que a xente non os vota, porque renunciaron a propostas de esquerda.

3. É posible que o electorado de esquerda se comporte - nos comportemos - de forma irracional, pero acaso os dirixentes dos partidos da esquerda non o levan facendo bastante tempo ?

Hai que poñerlle o cascabel ao gato. Alguén se apunta?

Desde hai anos a indignación medra entre as persoas de esquerda que, formando ou non parte da súa base asociativa, compoñemos a súa base sociolóxica e electoral.

As últimas eleccións teñen demostrado que existe unha corrente de fondo que transversalmente percorre a todas as forzas. Non so se castiga a quen goberna con políticas de dereitas ou de costas á cidadanía, tampouco se fai por desconfianza ás forzas que desde a súa esquerda poderían recoller o descontento xerado.

A dous anos das autonómicas e se ninguén o remedia o actual binomio PSOE-BNG non vai a ser capaz non so de derrotar á 'nova dereita’ de Feijoo, analizada detalladamente por Manolo Barreiro, senón que nin tan sequera van a xerar unha posible alternativa crible para o futuro a medio/longo prazo.

Faise necesario que as persoas e colectivos da esquerda social, que se estruturan de xeito moi variado, xunto coas persoas e colectivos críticos que participan da esquerda política nos xuntemos para promover unha alianza cívica política ampla que permita reconstruír o espazo da esquerda galega.

Faise necesario seguir a promover contactos, encontros e diálogos, no concreto, para comezar a vertebrar a esquerda nacional (ista) do século XXI.

Hoxe, afortunadamente temos ferramentas que facilitan converter a indignación en proceso propositivo.

Que alguén coordine a comunicación das diversas iniciativas que están xurdindo.

Hai que poñerlle o cascabel ao gato. So así comprobaremos se en realidade cremos no que dicimos ou simplemente teñen razón os aparatos dos partidos en seguir tranquilos.

23 de maio de 2011

Que está a pensar un millón de persoas ?



Xoán Hermida

Un millón de persoas, entre as que non me atopo pero que ben podería ser o caso, decidiron achegarse as furnas onte a depositar un voto sen papeleta (en branco) ou con comentarios críticos (nulos), seguro que algúns merecedores dun libro de ‘haikus’ ou ‘microrelatos’.

As forzas políticas da ‘esquerda’, unha vez máis, e xa van varias, adicanse agora a culpar a estes ‘inconscientes’ da derrota electoral, enrocándose en lugar de analizar a fondo unha derrota sen paliativos a pesar de escasas excepcións baseadas en situacións moi concretas como o populismo localista de Abel Caballero en Vigo, do medo á especulación ‘telmo-urbanistica’ en Pontevedra ou a honorable xestión de Martiño Noriega en Teo ou Félix Juncal en Bueu.

Non creo que sexa necesario perder ni un minuto en argumentar porque nin a Rede GNSV foi a culpable da caída do bipartito nin o Movemento 15M o causante da estrepitosa derrota da esquerda nas eleccións municipais.

E digo estrepitosa porque esta é en Galicia unha derrota moito máis fonda e de máis calado que a que se deu nas eleccións autonómicas de hai dous anos.

Tres elementos así o confirman:

Primeiro, é o conxunto da esquerda a que recibe o castigo. Cando a derrota do bipartito parecía que era un dos dous compoñentes o que perdera o escano decisivo namentres que o outro fixera ben os seus deberes. Neste caso os datos son incuestionables: o PSOE perde 110 concelleiros, tres puntos porcentuais e 67.000 votos, o BNG perde 71 concelleiros, 2,6 puntos porcentuais e 54.000 votos. Pola contra IU queda igual en concelleiros, sube escasamente 0,5 puntos porcentuais e 7000 votos, sendo máis aló de lugares concretos simplemente inexistente.

Segundo, a derrota estendese esta vez, á Galicia urbana homoxeneizando a vitoria do proxecto de Feijoo en todo o territorio nacional. Baixadas xeneralizadas no conxunto das grandes vilas e perdas absolutas en Ferrol, A Coruña, Santiago e Vilagarcía.

Terceiro, é o máis importante, tratase dunha corrente de fondo na sociedade galega que non so despraza case todo o poder cara a dereita senón que sobre todo deixa un panorama con forzas políticas desorientadas pero atrincheiradas, con escasa capacidade interna de critica e renovación, e desligada con novos sectores sociais que se moven.

Pero volvendo a pregunta inicial, que pensa un millón de persoas que criticamente ‘facilitan’ a vitoria da dereita no conxunto do estado. Pois, con detalle non o sei pero de seguro que non algo moi diferente que a rica sociedade civil italiana que despois é gobernada polo neo-fascista de Berlusconi ou do rico movemento civil francés capaz de tombar á constitución europea en referendo pero que despois é gobernada polo ‘petit’ Sarkozi.

Pensarán algo así como: “ata cando teño que seguir apoiando a estes namentres que vexo que me desilusionan unha e outra vez, que se comportan esteticamente como os outros e que en situacións que se lles espera estean a altura cruzan a raia e asumen ser os xestores das políticas que obriga o capital monopolista”.

Pensarán algo así como: “e si aproveito unhas municipais para darlles un toque de atención e así cando cheguen as xerais ou as autonómicas xa teñen feito un proceso de renovación que os permita volver a ser atractivos”.

Pensarán algo así como: “e eu que queres que faga, os responsables son eles por facer as cousas mal e ademais desprezarnos como o faría a dereita, e nos en todo caso os puxemos e nos temos todo o dereito a quitalos".

Seguramente o Movemento 15-M teña pouco percorrido e se desinfle coa mesma facilidade co que medrou, pero ollo, foi unha grande escola de formación política e de seguro que haberá un antes e un despois que interpela directamente ás organizacións políticas de esquerda.

Seria desexable que a baixada do PSOE faga virar a súa política e a opción do aparato (Rubalcaba) quede fulminada polos acontecementos; e que a caída, lenta pero constante desde o 2001, do BNG non pretendan disimulala coa vitoria de Pontevedra.

Que este cambio de ciclo sirva para renovar discursos, ideas e proxectos e non para enrocarse.

Aínda que non albergo moitas esperanzas xa que as veces dubido que haxa vida intelixente no staff deses partidos.

De ser así quizais estamos emprazados, entre os sectores da esquerda social e a esquerda política máis sensible ás demandas da cidadanía, a pular por unha plataforma cidadá coa vista posta nas próximas eleccións de caracter xeral e con referentes éticos coma Xosé Manuel Beiras ou Manolo Rivas como cabezas de cartel.

16 de maio de 2011

Democracia real ? Por suposto !


Xoán Hermida

Os actuais movementos de ‘Democracia Real Ya!’ e ‘No les votes!’ parten dunha realidade obvia coma é a desafección dun importante sector da sociedade co actual modelo de democracia baseada na preponderancia dos partidos políticos, convertidos en estruturas alleas as demandas das súa base social (aínda que non sempre do mesmo xeito xa que a dereita se que responde as demandas da súa base social).

Pero ollo !, pois podemos acabar confundindo os síntomas coa enfermidade.

O movemento ‘Democracia Real, Ya!’ sacou á rúa a miles de persoas en todo o estado cun discurso máis ou menos homoxéneo no rexeitamento do que (na indignación) pero confuso e complexo nas propostas do para que (na rebelión).

Nos próximos meses de seguro que resolveranse varias interrogantes:

1. Manterá a liña critica este movemento unha vez que a dereita gañe e leve ás últimas consecuencias o axuste iniciado polo PSOE?;
2. Que relación terá coa sociedade civil organizada estruturalmente arredor dos movementos sociais;
3. Que interlocución e prioridade de alianzas, manterá cos partidos políticos.

Segundo sexan as respostas a estas interrogantes poderemos saber que futuro lle espera a esta iniciativa u outras similares.

Afortunadamente a experiencia próxima de ‘Nunca Máis’ e da rede ‘Galiza Non Se Vende’ poden servirnos, mutatis mutandis, de exemplo dos erros que non deben cometer estas iniciativas tan necesarias como difíciles de xestionar.

Un análise serio, lonxe de innecesarias idealizacións, é mais que necesario para avanzar.

Desde logo a mocidade que se organiza a través destes novos instrumentos era a mesma que hai catro anos aspiraba a ser funcionario, tiña un modelo de consumo e de vida irracional e falaba con desgana da súa condición de ‘mileuristas’.

A xeración da década dos noventa incorporouse a conciencia política mirando ao Sur, á problemática dos parias da terra e aos desequilibrios planetarios. A actual esta preocupada polas súas condicións de vida e nin tan sequera sitúan no seu ‘programa’ político a solidariedade coas revolucións democráticas árabes ou a causa palestiniana (o maior caso de ignominia contemporánea).

Pero volvamos á comparación con ‘Nunca Máis’ ou coa Rede ‘GNSV’.

Hai dúas formas de que un proxecto tan novidoso fracase e entre en declive.

A primeira é caer na instrumentalización partidaria. De isto xa hai moito escrito e vou a aforrar as lectoras e lectores o traballo de repasar.

A segundo é a radicalización e marxinación provocada por converterse na ‘oposición á oposición’.

Pódese estar preocupado e comprometido coa defensa do medio e da terra sen que por iso teña que ir no mesmo lote o rexeitamento a visita do Papa, o apoio aos okupas ou a loita polo comunismo libertario; mesmo aínda que algúns ou mesmo a maioría estean a favor de esas causas tan nobres. Saber discernir o que une e o que separa é central nas iniciativas cívicas e na vida en xeral.

Por outra banda, e isto é o máis importante, a base sociolóxica a quen se dirixe ditos movementos é a mesma base que posteriormente sustenta eleitoralmente ao BNG ou mesmo ao PSOE, ... e a IU, a ICV, a ERC, a Chunta, a Bildu ou a Aralar.

Bases electorais críticas que anelan unha reorientación de políticas, estruturas e discursos, mesmo que poderían apoiar novas iniciativas se xurdiran, pero que non están dispostas a ‘desertar’ do seu compromiso namentres que o inimigo central sexa outro.

Iniciativas como ‘Democracia Real, Ya !’ ou GNSV son máis que necesarias pero non se poden converter en incompatibles coas estruturas de intermediación que representan hoxe por hoxe as forzas políticas.

Se é así terán longa vida e serán capaces de influír no cambio de modelo político e económico, senón no mellor dos casos convertense nun instrumento táctico que mesmo poden correr o risco de ser utilizados conxunturalmente por intereses espurios.

Xa que logo indignarse é necesario pero rebelarse é imprescindible

3 de maio de 2011

O ano da morte de Bin Laden


Xoán Hermida

Bin Laden non morreu, como poida pensar a opinión pública, o 1 de maio de 2011.

Ese día so se produciu a súa execución seguindo os pasos da ‘cultura’ norteamericana forxada no ‘lonxano oeste’ onde o sherif borracho aforcaba ao pistoleiro sen que mediara esas cousas tan engorrosas do dereito como tribunais, xurado, defensa e xuízo xusto.

Pero Osama xa morrera varios meses antes.

Fora vítima das revolucións democráticas árabes, morrera o 17 de decembro de 2010, data de inicio das mobilizacións cidadáns da ‘Revolución dos Xasmíns’ tunesina e foi rematado no comezo da ‘Revolución Branca’ o 25 de xaneiro de 2011 na Praza Tahrir de Exipto.

Resulta ‘curioso’ que tras dez anos dos atentados das torres xemelas, incluida a invasión de dous países e a guerra sucia noutros, se carguen a Bin Laden cando xa estaba amortizado para os intereses americanos.

O inicio das revolucións árabes, que como xa teño comentado noutros artigos pillou a contrapé aos servizos de intelixencia israelí e norteamericana, abría unha nova etapa de loita pola cidadanía global e deixaba ao descuberto unha estratexia de nova guerra fría co mundo árabe baseada na intoxicación publicitaria e alimentada por tópicos etnocéntricos.

Nesa nova situación Bin Laden era un estorbo do que tarde ou cedo había que desfacerse.

Pero a súa morte sen xuízo non creo que sexa unicamente froito da ‘cultura’ da violencia norteamericana, quizais o matan para que non ter que estar expostos durante un tempo as posibles preguntas sobre a súa formación, preparación e aliado, obxectivo ou subxectivo, dos intereses norteamericanos e isralies na rexión e no mundo.

Que non se recorde máis tempo do debido que era un produto deles e namentres lles interesou, primeiro contra os soviéticos e despois para xustificar unha nova orde internacional, o deixaron andar ás súas anchas, residindo nun dos países aliados da zona coma é Paquistán.

Hai uns días, Hamas e Fatah alcanzaron un acordo para a formación dun goberno transitorio de unidade con vistas á celebración de eleccións presidenciais e lexislativas dentro dun ano en Palestina. O escollo final na estratexia do terror desmoronábase. Quizais chegara o momento de poñer ao mercenario da CIA, Bin Laden, fora da circulación.

Pero, e si Osama non exstsira e so fora un heterónimo máis dun único personaxe real, que ao igual que os heterónimos de Fernando Pessoa teñen un contexto histórico, un ano para a súa morte: o 2011.

O 14 de xaneiro morreu o heterónimo Ben Ali, o 14 de febreiro fixoo o heterónimo Osmi Mubarak, agora tocoulle a quenda, neste caso de morte física, do heterónimo Bin Laden. Para cando a morte política dos heterónimos Muammar Gaddafi, Ali Saleh, Al Assad, Mohamed VI, Hamad bin Isa, Abdullah Al-Saud, ...

De seguro que máis cedo que tarde.