O ano da morte de Bin Laden


Xoán Hermida

Bin Laden non morreu, como poida pensar a opinión pública, o 1 de maio de 2011.

Ese día so se produciu a súa execución seguindo os pasos da ‘cultura’ norteamericana forxada no ‘lonxano oeste’ onde o sherif borracho aforcaba ao pistoleiro sen que mediara esas cousas tan engorrosas do dereito como tribunais, xurado, defensa e xuízo xusto.

Pero Osama xa morrera varios meses antes.

Fora vítima das revolucións democráticas árabes, morrera o 17 de decembro de 2010, data de inicio das mobilizacións cidadáns da ‘Revolución dos Xasmíns’ tunesina e foi rematado no comezo da ‘Revolución Branca’ o 25 de xaneiro de 2011 na Praza Tahrir de Exipto.

Resulta ‘curioso’ que tras dez anos dos atentados das torres xemelas, incluida a invasión de dous países e a guerra sucia noutros, se carguen a Bin Laden cando xa estaba amortizado para os intereses americanos.

O inicio das revolucións árabes, que como xa teño comentado noutros artigos pillou a contrapé aos servizos de intelixencia israelí e norteamericana, abría unha nova etapa de loita pola cidadanía global e deixaba ao descuberto unha estratexia de nova guerra fría co mundo árabe baseada na intoxicación publicitaria e alimentada por tópicos etnocéntricos.

Nesa nova situación Bin Laden era un estorbo do que tarde ou cedo había que desfacerse.

Pero a súa morte sen xuízo non creo que sexa unicamente froito da ‘cultura’ da violencia norteamericana, quizais o matan para que non ter que estar expostos durante un tempo as posibles preguntas sobre a súa formación, preparación e aliado, obxectivo ou subxectivo, dos intereses norteamericanos e isralies na rexión e no mundo.

Que non se recorde máis tempo do debido que era un produto deles e namentres lles interesou, primeiro contra os soviéticos e despois para xustificar unha nova orde internacional, o deixaron andar ás súas anchas, residindo nun dos países aliados da zona coma é Paquistán.

Hai uns días, Hamas e Fatah alcanzaron un acordo para a formación dun goberno transitorio de unidade con vistas á celebración de eleccións presidenciais e lexislativas dentro dun ano en Palestina. O escollo final na estratexia do terror desmoronábase. Quizais chegara o momento de poñer ao mercenario da CIA, Bin Laden, fora da circulación.

Pero, e si Osama non exstsira e so fora un heterónimo máis dun único personaxe real, que ao igual que os heterónimos de Fernando Pessoa teñen un contexto histórico, un ano para a súa morte: o 2011.

O 14 de xaneiro morreu o heterónimo Ben Ali, o 14 de febreiro fixoo o heterónimo Osmi Mubarak, agora tocoulle a quenda, neste caso de morte física, do heterónimo Bin Laden. Para cando a morte política dos heterónimos Muammar Gaddafi, Ali Saleh, Al Assad, Mohamed VI, Hamad bin Isa, Abdullah Al-Saud, ...

De seguro que máis cedo que tarde.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas