27 de janeiro de 2011

A esquerda moderna e a campá de Gauss


‘Aquel que entenda ao babuíno contribuirá
á metafísica máis que John Locke’
Charles Darwin, cuaderno D, agosto de 1838



Xoán Hermida
Calquera que estude con algo de detemento a lóxica da dialéctica materialista, principal instrumento de análise e intervención política que teña construído a esquerda, e observe como se ten desenvolvido a física moderna desde o xurdimento da termodinámica, darase conta da incrible coincidencia entre a dialéctica empirista marxiana e a física da complexidade.

Esta coincidencia non predispón, obviamente, a favor ou en contra do pensamento social de Marx e Engels pero si avala a súa metodoloxía ‘científica’ de interpretación e análise.

A física non pode responder a tódolos enigmas da humanidade xa que elo nos levaría a un ‘cientifismo’ determinista e idealista, alonxado do seu razoamento materialista, ademais de poder ser cuestionado por posteriores averiguacións científicas.

Non obstante, o que si nos sitúa a física da complexidade son os limites polos que non deberiamos tentar deambular, salvo que nos expoñamos a imposibles que en termos sociais xerarían frustración e retrocesos.

Sen dubida unha das incorporacións máis importantes que se ten dado coa mecánica cuántica e os avances da ciencia ten sido a teoría da probabilidade (en base a elementos estatísticos matemáticos) para resolver problemas complexos.

Un destes mecanismos incribles é a ‘función gaussiana’, coñecida como ‘campá de Gauss’ en honor ao nome do matemático que formulou dita teoría.

O que nos di a formulación de Carl Friedrich Gauss é tan sinxelo como que a distribución normal é a distribución de probabilidade que con máis frecuencia aparece en estatística. E ademais, que esta configura unha gráfica en forma de campá porque estatisticamente os elementos ( e tamén os individuos e as súas posicións, engadiría eu) tenden a incorporarse de xeito equilibrado arredor dun eixo central de maior concentración de posicionamentos.

E aquí, é onde entra unha boa parte dos problemas que ten a esquerda.

Estamos atentos realmente as necesidade actuais dos cidadáns e das cidadás ou seguimos con esquemas da metade do século pasado?

E en función de iso, construímos estratexias de cambio ou nos conformamos con ter unha actitude postural estéril?

Co remate do franquismo, nos primeiros anos da transición, todo parecía indicar que o PCE, que durante a ditadura xogara un papel clave na resistencia e ademais tiña un forte tecido asociativo, ía ser predominante na esquerda nas primeiras eleccións fronte a un PSOE que se tomara unhas vacacións desde o 36 e que ademais non tiña presenza militante. Chegaron as primeiras eleccións e para sorpresa de todos o PSOE arraxou e o PCE sacou uns resultados menores.

A cultura anticomunista inculcada no franquismo e o financiamento alemá da socialdemocracia de seguro que tiveron algo que ver nos resultados, pero non explica nin a distancia entre ambos nin que nas sucesivas eleccións a diferenza se agrandara cada vez máis.

As voces se alzaron contra D’Hont e a lei electoral pero en realidade o culpable da derrota do PCE foi Gauss e a súa campá.

Poño este exemplo porque é moi clarificador, pero sen lugar a dubidas podería aplicárselle ao BNG na actualidade ou a calquera forza que perde o eixo central.

Fronte a frustración pódese pensar, como xa o fixeron moitos e moitas: a centrarse e a incorporarse á maioría silenciosa que esta próxima ao eixo da gráfica !

Non deixa de ser unha solución persoal pero isto significa renunciar a transformar a sociedade e cambiar o sistema, elemento central da esquerda.

Entón, que podemos facer para que o ‘príncipe das matemáticas’ non nos arruíne a revolución?

Aplicar unha estratexia que metodoloxicamente permita construír un maioría social para o cambio definindo as propostas económicas, políticas e culturais, que sexan susceptibles de mellorar a vida das persoas e de ser asumidas por unha maioría social.

Construír unha alternativa desde a esquerda pero para a atraer culturalmente á maioría, saltando da función gaussiana á hexemonia gramsciana.

Desterrando o sectarismo, o corporativismo e a marxinalidade na que se move a esquerda.

Construíndo unha esquerda moderna.

Poderáseme dicir, e non sen razón, que o termo moderno é etéreo. Así que tratarei de definilo.

Unha esquerda centrada na xustiza social da abundancia dos dereitos, unha esquerda liberadora da alienación das persoas, unha esquerda radicalmente democrática e de valores republicanos, unha esquerda enraizada nos retos ecolóxicos do planeta, unha esquerda incardinada nos intereses nacionais do noso pais.

Unha esquerda radicalmente emancipadora á vez que respectuosa coas persoas e a súa liberdade de conciencia.

Unha esquerda avanzada no ético e no estético. Disposta a escoitar e a aprender.

O nacionalismo galego ( ou sexa a esquerda en Galicia ) tivo nos anos trinta da man do Partido Galeguista de Castelao unha etapa de experimentación e innovación creativa que o situou nunha dinámica de hexemonía impensable. Nos noventa da man do BNG de Beiras cun crecemento espectacular case acada o obxectivo de gobernar e cambiar o pais ( non puido ser por factores internos e externos que se teñen comentado en máis dunha ocasión ). Agora compre construír o nacionalismo do futuro e para elo aqueles que estean dispostos a vertebralo deben ter en conta a experiencia recente, pero sobre todo a campá de Gauss.

O pensamento político ten marxe para a intervención pero esta non debería intentar poñer en cuestión a ‘lei da gravidade’ pois simplemente estaría abocado ao fracaso.

14 de janeiro de 2011

Problemas reais, solucións erradas


Xoán Hermida

“Nos anos vinte, Korch, Gramsci e eu mesmo intentamos, cada un ao seu modo,
enfrontarnos co problema da necesidade social e coa súa interpretación mecanicista,
herdada da II internacional. Herdamos o problema pero ningún de nos – nin tan sequera
Gramsci que era o mellor dotado dos tres – soubo resolvelo.”
Georg Lukács

A un ano da celebración da Rolda de Rebeldía, e como parte do proceso de apertura á sociedade, celebrase a III Asemblea do Encontro Irmandiño. Unha nova cita para a esperanza nunha situación cada día máis complicada para a esquerda galega.

A esquerda galega despois dunha traxectoria difícil na transición (PSG/UPG - BNPG-PSG/UG/PCG - BNG/PSG-EG - BNG/EU-EG ) chegou a finais dos anos noventa a un alto grado de unidade e a unha importante capacidade de incidencia política e influencia institucional no sistema partidario galego.

A unidade respondeu a factores internos pero tivo moito que ver con ‘esixencias’ externas ( o modelo de democracia ‘fraguiana’ necesitaba para funcionar da máxima anorexia e a mínima pluralidade política). A incidencia e influencia respondeu a unha estratexia perfectamente elaborada desde o interior ( aínda que tamén foi favorecida polo descalabro dun PSdG falto de proxecto nacional e sen o propulsor que durante algún tempo representou o ‘felipismo’ ).

En todo caso o BNG convertese a finais da década dos noventa no referente plural da esquerda, mesmo para aqueles que non o votabamos, e creou expectativas importantes de cambio nos sectores máis dinámicos socialmente (labregos, traballadores, pequenos empresarios, profesionais liberais,... ), xeograficamente ( cun despegue clave nas grandes cidades chegando a gobernar tres e co-gobernar cinco das sete cidades galegas ) e tamén xeracionalmente ( claramente hexemónico entre a mocidade ).

Tras o ‘sorpasso’ algúns dirixentes do BNG e diversas personalidades da esquerda comezaron a albiscar un cambio de ciclo político e a necesidade de abordar un proceso irremediable de renovación do proxecto botado a andar no ano 82.

Evidentemente os problemas eran reais, pero a solucións foron erradas.

Hoxe a esquerda partidaria, de volta na oposición, perdeu a capacidade de creación de proxecto alternativo, distanciouse da súa base sociolóxica e, o que é peor, rachou as amarras que tiña cunha sociedade civil cada vez máis complexa e madura, e polo tanto máis esixente.

O BNG non é alleo á crise que a esquerda alternativa a nivel planetario ten e de seguro que os seus dirixentes non son responsables de todo o problema.

Para un psicanalista, que busca na infancia os problemas posteriores de desenvolvemento, a crise da esquerda tería ( e por suposto ten ) que ver co modelo de esquerda fraguado no programa de Gotha en 1875 para a fusión da socialdemocracia alemá e posteriormente exportado a todo o continente e mesmo alén do mar.

Pero nin tan sequera este modelo de esquerda eurocentrista, obreirista, corporativista e industrialista, foi impedimento para que coa lucidez dos dirixentes bolxeviques e nun acto de heterodoxia se levara adiante a máis grande e ambiciosa revolución da historia da humanidade corenta e dous anos despois.

Así que botando man da psicoloxía condutista-cognitiva deberiamos atopar os problemas en épocas moito máis recentes.

Sen dubida o papel que a esquerda alternativa, nomeadamente os partidos comunistas, teñen xogado desde o final da guerra mundial nun mundo bipolar este-oeste onde estiveron máis ocupados en manter o ‘status quo’ fora no este ou no oeste, no norte ou no sur , que en abrir procesos de renovación política interna e social é clave. O punto alxido deste papel 'conservador' foi a actitude defensiva coa que acolleron no pasado o movemento setentaoitista ou hoxe o movemento altermundista.

Pero tampouco imos a ir tan lonxe, pois aínda que moitos dos problemas que a esquerda a nivel global ten deberíase abordar solucionando estes precedentes, do que se trata de resolver son os problemas concretos que temos aquí e agora, e seguir reflexionando e abordando globalmente os que ten a esquerda a nivel global desde fai tempo e que se revelaron con toda a súa crueza coa caída do muro de Berlín.

Así que como diciamos máis arriba os problemas eran reais máis non o foron as solucións.

E cales eran eses problemas e que solucións erradas se lles deu?

O primeiro problema era do propio xenoma do BNG. Ao igual que os organismos modificados xeneticamente, basta un mínimo porcentaxe de introdución dun ADN diferente para que nese corpo se comecen a dar mutacións que afectan ao conxunto da súa estrutura.

Así, o modelo político e organizativo parecía funcionar pero unha minoría de ADN estaba a corromper o resto.

Cando na Rolda de Rebeldía, agora fai un ano, falei do sectarismo como ‘enfermidade infantil da esquerda galega’ parafraseando a Lenin, precisamente apuntaba a que o proxecto do BNG contiña na súa orixe corpos éstranos que o impedían relacionarse con naturalidade coa sociedade ata o punto de que todas as escisións xurdidas nestes anos do BNG actuaban como elementos autodestrutivos e destrutivos entre aliados próximos.

O segundo problema tiña que ver co papel da esquerda a hora de gobernar e construír maiorías. E máis que curioso que o líder do BNG naquel momento, Xosé Manuel Beiras, sexa as veces criticado por radical e outras veces por socialdemócrata.

O ‘sorpasso’ situou á esquerda en condicións de exercer á hexemonía e liderar o cambio, pero aquí deuse unha confluencia de intereses para que isto non ocorrera: intereses externos, de sectores monopolistas que non podían aceptar que houbera un goberno progresista encabezado pola esquerda, e intereses internos, sectores puristas máis preocupados en manter unha pose atractiva que en xerar un cambio.

O que non entendían - nin entenden - é que Xosé M. Beiras era á vez socialdemócrata e radical.

De seguro que si houberan lido a Gramsci houberan entendido como se constrúe un proxecto hexemónico nacional desde a esquerda ou como – isto é un interpretación libre miña – como se edifica un proxecto reformista táctico e estratexicamente revolucionario.

É curioso observar ao longo do tempo como autores coma Engels, Gramsci, Mariátegui ou Lucáks son utilizados coa mesma insolencia por reformistas que por esquerdistas, non entendendo en ningún dos dous casos a complexidade da súa poliédrica obra intelectual.

O terceiro problema ten que ver coa necesaria dimensión nacional dun proxecto transformador. Efectivamente o nacionalismo en termos ideolóxicos converteuse chegado un momento nunha lousa o suficientemente pesada como para non integrar as diversas sensibilidades de entender o país, pero unha vez máis – craso erro – en lugar de construír un proxecto nacional ‘soberanista’ desde a esquerda – descafeinouse a alma nacional do mesmo cun discurso ‘galeguista’. O termo máis confuso existente neste pais e no que teñen cabida desde os pais e nais da patria enterrados en Bonaval ata Fraga ou Baltar, pasando pola condesa de Fenosa ou Filgueira Valverde.

O cuarto problema era ( é ) de modernización do proxecto. A esquerda galega aínda ten que dar o paso de pobo a cidadanía, entendendo os seus intereses diversos e as súas preocupacións ecolóxicas, emocionais, afectivo-sexuais, solidarias, vitais,... non é unha cuestión de salarios ou de condicións materiais de vida, hoxe se trata de necesidades humanas diversas que impidan a alienación das persoas ( ‘a insoportable levedade do ser’ nunha sociedade post-industrialista e consumista ).

Ese é o gran reto da esquerda: o de conxugar a infinita liberdade individual coa máxima igualdade social.

Namentres isto non ocorra teremos un esquerda parlamentaria desorientada e unha esquerda radical fanatizada. Un por outro e a casa sen varrer.

Seguimos atentos

7 de janeiro de 2011

Dous xeitos curiosos de enfocar os ‘problemas sindicais’


De todos é sabido como o emporio INDITEX é un autentico fortín para as demandas sindicais e laborais, fundamentalmente na súa produción deslocalizada no Sur, pero tamén aquí.

A pesar diso hai pouco a CGT foi quen de incorporarse á representación sindical en ‘Zara Logistica’. Dato este inicialmente positivo.

Curiosamente o pasado 20 de decembro a CGT de Galicia subía a súa web dúas novas aparentemente diferentes tanto na súa dimensión como no seu contido. Pode ser casualidade pero o estilo agresivo nun caso e condescendente noutro non deixa de ser máis que chamativo cando o que se trata é de ser agresivo coa organización AMARANTE Setem que leva tempo sendo molesta para os intereses dos negocios do señor Amancio Ortega.

Non é motivo deste breve Post clarificar as falsidades que xa AMARANTE Setem ten desmentido en diversos comunicados sobre os datos que desde a CGT (e máis da CUT) se verten sobre ela.

En todo caso resulta cando menos pouco estético subir a web no mesmo día dúas novas: unha sobre a ‘explotación patronal’ en Amarante e outra sobre o ‘acordo regulador das condicións laborais’ en Zara Logistica.

Cando menos da que pensar, ou alomenos desde a central sindical deberíase coidar o aspecto estético, tendo en conta que vivimos momentos no que o sindicalismo polo seu corporativismo sofre un grande descrédito entre a cidadanía.

Hai unha cousa que se chama proporcionalidade e a ninguén se lle escapa que de seguro son peores as condicións laborais en ZARA que en AMARANTE; que nos últimos catro meses AMARANTE ten sufrido campañas de intoxicación, concentracións diante dos seus locais, pegada de carteis insultantes, namentres que o amigo Amancio nin tan sequera acaba de notar a nova incorporación no seu comité de empresa.

De seguro que faise necesario urxentemente algo máis que repasar o concepto de plusvalía, que tamén.

ver enlaces do 20 de decembro de 2010 na web da CGT-Galicia

http://www.cgtgalicia.org/2010/12/concentracion-contra-a-explotacion-patronal/

http://cgtzara.blogspot.com/2010/12/acordo-regulador-das-condicions-de.html