A esquerda moderna e a campá de Gauss


‘Aquel que entenda ao babuíno contribuirá
á metafísica máis que John Locke’
Charles Darwin, cuaderno D, agosto de 1838



Xoán Hermida
Calquera que estude con algo de detemento a lóxica da dialéctica materialista, principal instrumento de análise e intervención política que teña construído a esquerda, e observe como se ten desenvolvido a física moderna desde o xurdimento da termodinámica, darase conta da incrible coincidencia entre a dialéctica empirista marxiana e a física da complexidade.

Esta coincidencia non predispón, obviamente, a favor ou en contra do pensamento social de Marx e Engels pero si avala a súa metodoloxía ‘científica’ de interpretación e análise.

A física non pode responder a tódolos enigmas da humanidade xa que elo nos levaría a un ‘cientifismo’ determinista e idealista, alonxado do seu razoamento materialista, ademais de poder ser cuestionado por posteriores averiguacións científicas.

Non obstante, o que si nos sitúa a física da complexidade son os limites polos que non deberiamos tentar deambular, salvo que nos expoñamos a imposibles que en termos sociais xerarían frustración e retrocesos.

Sen dubida unha das incorporacións máis importantes que se ten dado coa mecánica cuántica e os avances da ciencia ten sido a teoría da probabilidade (en base a elementos estatísticos matemáticos) para resolver problemas complexos.

Un destes mecanismos incribles é a ‘función gaussiana’, coñecida como ‘campá de Gauss’ en honor ao nome do matemático que formulou dita teoría.

O que nos di a formulación de Carl Friedrich Gauss é tan sinxelo como que a distribución normal é a distribución de probabilidade que con máis frecuencia aparece en estatística. E ademais, que esta configura unha gráfica en forma de campá porque estatisticamente os elementos ( e tamén os individuos e as súas posicións, engadiría eu) tenden a incorporarse de xeito equilibrado arredor dun eixo central de maior concentración de posicionamentos.

E aquí, é onde entra unha boa parte dos problemas que ten a esquerda.

Estamos atentos realmente as necesidade actuais dos cidadáns e das cidadás ou seguimos con esquemas da metade do século pasado?

E en función de iso, construímos estratexias de cambio ou nos conformamos con ter unha actitude postural estéril?

Co remate do franquismo, nos primeiros anos da transición, todo parecía indicar que o PCE, que durante a ditadura xogara un papel clave na resistencia e ademais tiña un forte tecido asociativo, ía ser predominante na esquerda nas primeiras eleccións fronte a un PSOE que se tomara unhas vacacións desde o 36 e que ademais non tiña presenza militante. Chegaron as primeiras eleccións e para sorpresa de todos o PSOE arraxou e o PCE sacou uns resultados menores.

A cultura anticomunista inculcada no franquismo e o financiamento alemá da socialdemocracia de seguro que tiveron algo que ver nos resultados, pero non explica nin a distancia entre ambos nin que nas sucesivas eleccións a diferenza se agrandara cada vez máis.

As voces se alzaron contra D’Hont e a lei electoral pero en realidade o culpable da derrota do PCE foi Gauss e a súa campá.

Poño este exemplo porque é moi clarificador, pero sen lugar a dubidas podería aplicárselle ao BNG na actualidade ou a calquera forza que perde o eixo central.

Fronte a frustración pódese pensar, como xa o fixeron moitos e moitas: a centrarse e a incorporarse á maioría silenciosa que esta próxima ao eixo da gráfica !

Non deixa de ser unha solución persoal pero isto significa renunciar a transformar a sociedade e cambiar o sistema, elemento central da esquerda.

Entón, que podemos facer para que o ‘príncipe das matemáticas’ non nos arruíne a revolución?

Aplicar unha estratexia que metodoloxicamente permita construír un maioría social para o cambio definindo as propostas económicas, políticas e culturais, que sexan susceptibles de mellorar a vida das persoas e de ser asumidas por unha maioría social.

Construír unha alternativa desde a esquerda pero para a atraer culturalmente á maioría, saltando da función gaussiana á hexemonia gramsciana.

Desterrando o sectarismo, o corporativismo e a marxinalidade na que se move a esquerda.

Construíndo unha esquerda moderna.

Poderáseme dicir, e non sen razón, que o termo moderno é etéreo. Así que tratarei de definilo.

Unha esquerda centrada na xustiza social da abundancia dos dereitos, unha esquerda liberadora da alienación das persoas, unha esquerda radicalmente democrática e de valores republicanos, unha esquerda enraizada nos retos ecolóxicos do planeta, unha esquerda incardinada nos intereses nacionais do noso pais.

Unha esquerda radicalmente emancipadora á vez que respectuosa coas persoas e a súa liberdade de conciencia.

Unha esquerda avanzada no ético e no estético. Disposta a escoitar e a aprender.

O nacionalismo galego ( ou sexa a esquerda en Galicia ) tivo nos anos trinta da man do Partido Galeguista de Castelao unha etapa de experimentación e innovación creativa que o situou nunha dinámica de hexemonía impensable. Nos noventa da man do BNG de Beiras cun crecemento espectacular case acada o obxectivo de gobernar e cambiar o pais ( non puido ser por factores internos e externos que se teñen comentado en máis dunha ocasión ). Agora compre construír o nacionalismo do futuro e para elo aqueles que estean dispostos a vertebralo deben ter en conta a experiencia recente, pero sobre todo a campá de Gauss.

O pensamento político ten marxe para a intervención pero esta non debería intentar poñer en cuestión a ‘lei da gravidade’ pois simplemente estaría abocado ao fracaso.

Comentários

  1. :-D Ademais da campá de Gauss cómpre ter en conta a curva de Hubbert, que se lle parece pero non é o mesmo!

    http://casdeiro.info/textos/index.php/2010/12/30/es-urgente-que-la-izquierda-comprenda-las-implicaciones-del-cenit-del-petroleo/

    ResponderEliminar
  2. Acho non demasiado atinado isto.

    A curva normal nos di que hai unha media, e que entorno a esa media están o 95 % dos suxeitos. Pero isto é por leis estadísticas e dependendo da variabilidade. Para que o teu razoamento fose certo, a media tería que ser o "centro".

    Podes facer unha curva normal do que queiras "Opinión sobre zapatero"; "Grao de nacionalismo"; "Número de palabras machistas na linguaxe que emite unha persoa por minuto"... Pero a media de todas estas medidas, virá dada polos suxeitos e non por un "centro" apriorístico.

    Por esa razón, as túas conclusións son moi compartibles, pero coido que non teñen nada que ver cos teus argumentos.

    ResponderEliminar
  3. Para entender as dudas que plantexas, ao mellor é máis interesante os estudos de Moscovici.

    Estudou como se comportantan os grupos maioritarios e os minoritarios. Como son estes últimos o motor do cambio social e cómo, se hai unha tendencia ao conformismo e á homoxeneidade, cómo poden ter influencia os grupos minoritarios.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Sinceiramente, ainda que concordo com o dito, parez-me tudo palavras vazias... em que se materializa tudo isso? há alguma força que o representa nalgum lugar do mundo? Há alguma força política à que nos poidamos somar para fazer isso? Nao há nada feito no mundo? Se a resposta ser esta última, mal vamos, então...
    Em todo caso, materialicemos tudo isto... num partido, numa plataforma, numa aliança, numa coaligaçao... jeitos de trabalhar, de relacionar-nos...
    Estaria o pacto com todos os sectores sociais na base do discurso? Ou só pactariamos com os mais "achegados"?
    Por último, o Partido Galeguista, tão idealizado, não tinha implantaçao nenhuma. É mais, este (como muito bem tem posto em alça Camilo Nogueira) é o periodo da história contemporânea do nosso País no que mais nacionalistas galegos há (nem só em número, mas percentualmente). Mentras na Catalunha a ERC era majoritária, e na Euskadi o PNV também, cá o PG teve de se coaligar na Fronte Popular para poder ter dous escanos nas Cortes de Madrid. Não esquezamos que a geraçao Nós era a dos "incomprendidos". Eles erão estrangeiros no seu país. O PG foi vangarda, sim, mas mais o é o nacionalismo galego na atualidade e, muito particularmente, o sindicato de classe CIG (este sim verdadeiramente estendido por toda a Galiza). É dele de quem devemos de aprender e n~åo de outros. E não tanto pela sua ideologia, mas pela questão que afinal importa: fazem o que disseram que iam fazer e o que devem de fazer.

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas