15 de dezembro de 2009

Para que queremos un novo partido? Para ter unha nova decepción ?

Xóan Hermida

“Non se pode ser á vez Lenin e Castelao”

A iniciativa coñecida coma Rolda de rebeldía é máis que apropiada nos tempos que corren, aínda que tamén, e sería desexable equivocarse, os seus froitos van ser escasos por varios motivos:

- A falla de compromiso das forzas políticas (partidarias), un posible obxectivo da rolda. Unhas, porque a iniciativa non é deles, e unha parte do propio Encontro Irmandiño porque mira con recelo toda iniciativa que poña en entredito o seu actual “status quo”.

- A falla de vertebración social galega organizada e con influencia social e incidencia institucional que podería demandar algún paso neste sentido.

- Os recelos que unha iniciativa que xurda dunha estrutura partidaria pode xerar nun movemento social escaldado da instrumentalización, a maiores cando EI volve participar do estabilisment do BNG.

En todo caso, como son un optimista no senso gramsciano do termo, vou tentar achegar algunhas reflexións a esta Rolda de rebeldía xa que é o máis interesante que se nos ofrece nos últimos tempos.

Partimos dun punto común: esta iniciativa xorde porque o BNG entrou nunha deriva que non satisface nin a unha parte dos que foron membros da organización nin a unha parte que, sen selo, nalgún momento interpretamos que era o máis parecido a unha forza de esquerdas galega que existía no país.

Pero cometeriamos un erro se compracentemente pensásemos que todo ía ben ata o ano 2001 e as cousas empezaron a torcerse coa chegada do BNG aos gobernos municipais das grandes cidades, co cambio de liderado ou con algunha outra cuestión que se queira sumar ás anteriores.

Debemos de ser claros na análise se queremos non volver equivocarnos: o proceso de “inserción no sistema” do BNG non se realiza nun acto único senón que é froito dun proceso “evolutivo” que ten nas súas orixes algúns dos elementos clave na posterior evolución, en especial un elemento central como a relación da organización política cos movementos sociais, sempre entendida nun papel de subordinación. Non debemos esquecer que moito antes de que o BNG instrumentalizase NUNCA MÁIS, asaltase ADEGA ou tentase tomar o SLG, desfixo o único sindicato obreiro galego independente (CXTG), imposibilitou unha GALIZA NOVA autónoma ou quebrou a unidade na MESA para a Normalización Lingüística.

Moito antes de que gobernase as grandes cidades xa amosara máis interes en achegarse ao poder creando maiorías sociais “neutras”.

Moito antes de abandonar o asemblearismo democrático, a estrutura frontista puxérase ao servizo de lobbies de poder (partidos) en lugar da militancia.

Seguramente non sexa fácil poñernos dacordo sobre estes aspectos e, aínda que teñen importancia para non repetir erros, o máis importante é poñernos de acordo cara ao futuro.

Cales son os elementos centrais para construír un proxecto?

Este poden ser algúns dos nós gordianos que impidan ou permitan avanzar:

- Unha estratexia de cambio clara. Unha estratexia clara ao servizo da cal estea unha táctica precisa, e non ao revés. A subalternidade do partido aos movementos sociais ou, dito doutro xeito, a subordinación da táctica á estratexia. O “principismo” ten sido paralizante para os movementos sociais e as súas dinámicas de cambio, pero ten sido aínda peor o tacticismo, sobre todo nun momento en que os partidos renuncian á política, aséntanse na xestión e sitúan aos movementos sociais como correas de transmisión ao servizo dunha táctica electoral conxuntural.

- Unha política de alianzas acorde co anterior. É necesario poñer a estratexia por diante da táctica, reinventar a folla de ruta da transformación social e, sobre todo, poñer aos partidos de reforma do sistema (socialdemócratas e/ou nacionalistas progresistas) ao servizo dos movementos sociais para trazar unha aposta de cambio. O problema non está en facer alianzas políticas con outras forzas –mesmo que poidan estar inseridas no sistema– o problema é con que niveis se participa á hora de gobernar. As coalicións de goberno teñen como dificultade poder seguir desenvolvendo unha política crítica co sistema á vez que se goberna. Por outra banda, se o papel que se dá é o de seguir na oposición, a propia coalición de goberno se debilita e aparece como un co-goberno ou un bigoberno, aproveitando isto a dereita. A opción está en seguir mantendo como prioritarias as alianzas coa cidadanía e, polo tanto, mesmo posibilitando a gobernabilidade por acordos políticos, non entrar a formar parte do equipo de goberno.

- O seu carácter plural e democrático. Debera ser unha forza plural pero claramente antisistémica e, polo tanto, que constrúa unha táctica electoral ao servizo dun proxecto estratéxico de cambio. Nese senso, o nacionalismo político necesario (en termos de defensa da soberanía nacional) non pode ser como ata agora un nacionalismo ideolóxico que curtocircuíte a incorporación de novos sectores de esquerda “laicos” nin que sirva de coartada para crear espazos xa existentes nun país onde os espazos son tan achicados. A forza de reforma do sistema xa existe (PSdG) e a forza da dereita tamén (PP), independentemente da maior ou menor galeguidade que adquiran nun momento ou noutro.

Debera ser asembleario e plural, pero este frontismo político debe construírse arredor da cidadanía e dos movementos sociais, e non arredor dos partidos políticos con cotas de poder, e indispensables compañeiros de viaxe dun partido vangarda que marca a súa orientación. Se non nos serven os partidos clásicos tampouco nos pode servir unha fronte alternativa na que as partes que a conforman sexan partidos clásicos.

Construír un proxecto unitario e democrático, lonxe dos partidos monolíticos clásicos e das frontes onde un partido hexemónico domina o resto (unha persoa = un voto).

- Un proxecto revolucionario (non interclasista) pero entendendo que o “suxeito revolucionario” nos inicios do século XXI é plural na súa composición social e cultural –clase obreira, pequenos labreg@s, mocidade transformadora, sociedade civil antisistémica–. Un dos elementos centrais dunha nova esquerda transformadora é precisamente entender o suxeito revolucionario como un espazo complexo, plural e dinámico ,desprazando do centro de gravidade o proletariado.

E isto non porque a clase obreira sexa “en si” unha clase reformista ata que adquire o papel de clase “para si”, nin tan sequera porque os sindicatos leven desde a metade do século XX sen actualizar a súa misión, senón porque obxectivamente é a clase operaria a que máis contradicións ten para poñerse á fronte da superación do sistema.

Posición de obreiros e as súas centrais sindicais defendendo os postos de traballo dunha empresa altamente contaminante son habituais, pero indo mais aló, agora que o sistema demostra as contradicións cos limites do crecemento ou do modelo de desenvolvemento industrialista.

Hoxe existen amplos sectores sociais enfrontados coa globalización capitalista, tanto nos seus aspectos sociais coma na defensa de diversas soberanías: ambientais, alimentarias, produtivas, lingüísticas...

- Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o desenvolvemento económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Trátase de elaborar políticas globais de concreción local e políticas locais globalizadoras. E, sobre todo, deben ser propostas de cambio de sistema concretas que non poidan ser asimiladas polo sistema.

Unha proposta soberanista. No proceso de globalización e internacionalización, mesmo coa desaparición de boa parte das antigas competencias dos estados-nación nados no século XVIII, a proposta non pode ser a independencia tal como se concibía hai medio século. A opción da soberanía no marco de co-soberanías globais é unha aposta avanzada para superar o modelo de estado autonómico actual. Propostas como o federalismo asimétrico, a co-soberanía no marco europeo ou outras nesa dirección son vangardistas e permiten facer política arredor do carácter nacional de Galicia. Un proxecto galego –nacional–, se preferides nacionalista, politicamente que formule a soberanía nacional no marco dun neointernacionalismo –lonxe de construccións idealistas da nación.

- Un proxecto radical no político pero non no ideolóxico. A ideoloxía como ben a definía Marx é a supraestrutura suxectiva sobre a que se esconden aqueles que queren manter o status quo –polo tanto, é o máis antitransformador–. Coñecemos moitos partidos radicais ideolóxicos pero poucos radicais políticos. Unha forza moderna que entronque cos movementos sociais e cos novos suxeitos antisistémicos altermundialistas (ecoloxismo, neointernacionalismo, antipatriarcalismo, interculturalismo...) e respectuoso coa súa independencia e co seu carácter estratéxico, que os sitúa como referentes centrais na actuación política diaria. Que mire á mocidade sen paternalismos –que nin se lle pase pola cabeza ter unhas mocidades.

Pero se todo isto é importante para configurar un proxecto político a pregunta que temos que facernos (e que se está a facer moita xente) é a seguinte:

Fai falla unha nova forza política? E se fai falla, que tipo de forza política e con que vimbios temos que construíla?

Empezando pola primeira pregunta. A necesidade dunha forza política ou non vai depender de que exista un espazo político que cubrir.

A priori dubido de que teñamos marxe para a esperanza, sexa socialdemócrata (+BNG) ou altermundista (EI), pero o que non teño dúbidas é que non temos a día de hoxe un referente claro de esquerda nas institucións.

Hoxe parece que cada vez hai máis sectores sociais e persoas que demandan un proxecto político galego de esquerdas, plural e con vontade transformadora.

Agora ben, esta demanda non esta cuantificada e non sabemos se no fondo tería o espazo electoral mínimo para non ser unha forza marxinal cun espazo electoral residual.

Isto fai que moitas das persoas que poidan formular esta necesidade non se atopen con forzas para poñer en marcha un proceso constituínte.

Por outra banda, as organizacións e movementos sociais que puidesen ser outro dos elementos de empuxe son moi débiles politicamente e están desvertebrados organizamente, ademais, teñen un nivel enfermizo de parcelarismo.

Os partidos e forzas políticas teñen uns ritmos marcados polas convocatorias electorais e xogan dentro do sistema. Mesmo aquelas forzas máis radicais (que se sitúan noutras partes de Europa arredor dun 10% electoral) están marcadas por contradicións á hora de abordar a súa participación en parcelas de poder provocadas a partir dun certo nivel de “éxito” electoral.

Se existise un movemento social independente, político e forte non sería nin tan sequera problema que o partido por onde canalizar as demandas fose un partido de reforma ou “socialdemócrata”.

Pero este non é o problema. O problema é que todos os intentos por crear unha forza política galega no espazo da socialdemocracia fracasaron.

A intención de crear un socialismo galego no espazo da socialdemocracia é unha quimera contra a que se bate en diversas décadas. Nos setenta fracasou o proxecto do PSG de X. M. Beiras, nos oitenta acabou naufragando a EG de Camilo Nogueira, nos noventa EdG nin tan sequera chegou a nacer, abortando nunha operación de pura supervivencia, na época actual vén de fracasar de xeito contundente a operación de Anxo Quíntana, mesmo utilizando as institucións como trampolín para a súa construción.

De igual xeito fracasará electoralmente o proxecto +BNG, porque o espazo socialdemócrata, neste país e nas actuais condicións socio-políticas, o ten e o vai seguir tendo o PSOE.

Pero entón, a seguinte pregunta sería: existe espazo político para unha forza antisistémica clara?

Tal e como demostran as experiencias do noso contorno parecería que é posible, aínda que a enfermidade infantil da esquerda en Galicia, o sectarismo, parece demostrar o contrario.

Por outro lado, un proxecto político non ten por que ser, durante unha etapa determinada, un proxecto electoral.

Así que se un proxecto de corte “socialdemócrata “ está abocado ao fracaso e se a posibilidade dun espazo de esquerdas alternativa (sexa ecosocialista ou outra formulación similar) é máis que dubidoso, non nos quedaría outra opción que vertebrar unha forza política que desenvolvese o seu proxecto á marxe das citas electorais ou, mellor dito, onde os seus membros participasen nas forzas políticas de esquerda existentes (BNG, PSdG...) ou nos movementos sociais, converténdose nunha corrente non dunha forza política senón dun país.

Non obstante, como estas son meras reflexións, apunto finalmente algúns dos pasos posibles –e fáciles– para comezar a refundar a esquerda galega:

- Constituír un colectivo político que funcione como lobbie en favor do país sen adscrición partidista concreta. Este papel podería xogalo EI e de non ser posible un novo colectivo que nacese desta Rolda de rebeldía.

- Favorecer a converxencia das forzas políticas soberanistas e de esquerdas existentes hoxe fóra do BNG e que practicamente non teñen diferenzas políticas ou ideolóxicas –MPB, FPG, PCPG...–

- Apoiar e fortalecer a Rede Anticapitalista, así como apoiar o puñado de colectivos con capacidade de aglutinar arredor de si espazos concretos fortes e independentes –Amarante no internacionalismo, Verdegaia no ecoloxismo, SLG no sindicalismo agrario, Foro da Inmigración na interculturalidade,...–

- Propiciar un encontro de interesados en traballar sen sectarismos nin apriorismos, nunha reflexión ligada a un traballo político urxente.

Estas son algunhas ideas, que non deixan de ser ideas rebatibles todas e cada unha.

Construír un novo referente político é moi complicado pero ollo, (e volvo ao título da miña achega) se temos un novo partido teremos, nalgún momento, seguramente, unha nova decepción... ou non.

En todo caso se abrimos algún proceso necesitará de moito traballo, pouco prexuízo e altas doses de xenerosidade.

17 de novembro de 2009

LABREGAS

Xóan Hermida

A Carme e Lidia, exemplos de compromiso

Metidos unha vez máis en mobilizacións agrarias –e xa levamos así varios anos–, acordeime dun brillante artigo do semiólogo italiano Umberto Eco titulado “Ao diaño a clase obreira”. O artigo en cuestión comezaba: “Como se lle pode pedir que se recoñezca como clase, con problemas comúns, a quen, se é que aínda traballa, o fai cada vez menos xunto con outros, durante períodos cada vez máis curtos e ve o traballo non xa como algo que se respecta senón que se soporta?”. Rotundo e claro.

Desde que Karl Marx e Friedrich Engels sentenciaran no seu manifesto que “os proletarios non teñen nada que perder (na revolución) agás as súas cadeas” levan mudado moitas cousas.

A nova clase obreira de inicios do século XXI, complexa, plural e máis diversa ca a de hai 150 anos, ten que perder moitas cousas materiais: a casa (aínda que con carga a unha hipoteca ), o coche... e sobre todo unhas condicións materiais de vida que na medida en que as estamos analizando, desde a óptica dunha filosofía materialista como é a marxista, non deixan de ter a súa importancia.

Namentres, segue a existir unha clase que, ao igual que hai 150 anos, continúa sen ter máis que perder ca as súas cadeas, e esta clase está organizada na nova internacional revolucionaria: Vía Campesiña.

En realidade, este papel de suxeito revolucionario téñeno asumido desde sempre.

E se os fundadores do socialismo sempre imaxinaron os procesos revolucionarios nos países centrais do sistema polo nivel de contradición entre as forzas produtivas e as relacións de produción, a realidade do imperialismo (tal como foi analizada por Lenin) ou da globalización teñen levado á periferia do sistema todo o proceso de cambio.

Rusia, China, Indochina, Cuba ou agora os movementos indixenistas e altermundialistas teñen no campesiñado un dos seus elementos centrais.

O desprezo ao campesiñado por parte dalgúns marxistas ten tido resultados negativos na relación da esquerda con estes.

Son dos que pensa que un dos elementos centrais dunha nova esquerda transformadora é precisamente entender o suxeito revolucionario como un espazo complexo, plural e dinámico desprazando do centro de gravidade ao proletariado.

E isto non porque a clase obreira é “en si” unha clase reformista ata que adquire o papel de clase “para si”, nin tan sequera porque os sindicatos leven desde a metade do século XX sen actualizar a súa misión, senón porque obxectivamente é a clase operaria a que máis contradicións ten para poñerse á fronte da superación do sistema.

Posición de obreiros e as súas centrais sindicais defendendo os postos de traballo dunha empresa altamente contaminante son habituais, pero indo mais aló,agora que o sistema demostra as contradicións cos limites do crecemento ou do modelo de desenvolvemento industrialista: podémonos acaso imaxinar os obreiros á fronte do proceso de recrear o desenvolvemento sostible ou o decrecemento, propondo a reconversión das empresas automobilísticas ou a redución da construción inmobiliaria necesaria para a especulación con dereitos como a vivenda ou claves para a destrución do noso hábitat?

Hoxe existen amplos sectores sociais enfrontados coa globalización capitalista, tanto nos seus aspectos sociais coma na defensa de diversas soberanías: ambientais, alimentarias, produtivas, lingüísticas...

As labregas están a xogar un papel de argamasa indispensable para unha acción global.

Nas últimas mobilizacións agrarias encabezadas polo SLG en Galicia, e pola ECVC en Europa, puidemos comprobar que arredor das compañeiras labregas xuntámonos xente que noutras circunstancias sería difícil que compartise a mesma mesa.

E non esquezamos que os pequenos labregos e labregas, a pesar do proceso de agroindustrialización impulsado polas grandes multinacionais de distribución, son e seguen a ser os que nos dan de comer.

Hoxe a batalla polo cambio social estase a dar fundamentalmente no campo, desde Brasil a Galicia, pasando por Ecuador ou pola India.

O apoio da xente que aspira a outra sociedade máis xusta e equilibrada pasa a ser central. Para crear sindicatos amarelos e/ou correas de transmisións no rural xa están outros.

Acordeime agora ao rematar o artigo que mesmo boa parte da literatura e a arte revolucionaria do século XX xa tiña nos labregos a súa musa. Paga a pena volver ver coa mirada crítica que imprime o tempo o filme Novecento.

11 de novembro de 2009

AUSTERIDADE

Xesús Alvaro Arceo

Nos últimos tempos a palabra Austeridade, ata o de agora en desuso, repítese nos discursos políticos ata a saciedade.

Comezou a ser usada reiteradamente por Feijoo en contraposición ao que el dicía que era a acción política do goberno bipartito. Tanto éxito tivo que agora tamén empeza a ser usada polo Goberno de ZP, que por un lado afirma sen rubor que a I+D nos sacará da crise e polo outro recórtalle un 15% aos orzamentos do 2010 para o Ministerio de Ciencia e Innovación.

O discurso da austeridade empezou, se recordan, un pouco antes da campaña das eleccións galegas. Daquela falouse moito de coches, de mobiliario,... nun discurso que nunca se vira en Galicia. O curioso desa campaña é que o Bipartito renunciou a defenderse: case nin recordou que os gobernos Fraga non compraron un senón dous coches blindados. O Bipartito tampouco quixo acordarse de que a casa de Monte Pío, onde o PP se mostraba escandalizado pola instalación duns cristais, custounos aos contribuíntes máis de 10 millóns de euros, por certo que os daquela partidos da oposición non dixeron ren, coma se un investimento semellante para dito concepto fora o máis normal do mundo. E tamén renunciou a falar doutros gastos inútiles dos gobernos Fraga.

Xa instalado na Xunta de Galicia, Feijoo segue coa súa campaña: “ímonos desfacer de todos os luxos da anterior administración poñendo a venda varios coches” e promovendo unha serie de axustes aquí e acola de cara a conseguir un aforro.

Cando chega o momento de elaborar os orzamentos para o ano 2010 a Xunta de Galicia volve a recuperar esa obsesión pola "austeridade", estamos en crise e urxe ser austeros, eliminar gastos prescindibles e imprescindibles, renunciar a concertos de U2, implicar a iniciativa privada nas obras públicas, rebaixar un insubstancial 3% os magníficos soldos dos altos cargos, etc. co obxectivo de gastar cada euro coa maior eficiencia posible. En fin, un discurso co que gran parte da cidadanía pode sentirse identificada, ao fin e ao cabo esta crise provocou un máximo histórico no aforro familiar e é natural, normal e recomendable que os gobernos tamén aforren.

Máis cun orzamento superior aos 11.000 millóns de euros para o ano 2010 prodúcese realmente un aforro importante con estas medidas?

No ano 1833 produciuse a distribución provincial do reino de España. Puidera ser que naquel momento esta distribución, seguindo a lóxica liberal e afrancesada dun estado central con departamentos, tivera algún tipo de lóxica de ordenación territorial (daquela tardábase máis en ir de Verín a Ourense que do que se tarda hoxe en ir de Tui a Ribadeo). Agora ben a día de hoxe, cunhas comunidades autónomas cun alto grao de competencias e cun desenvolvemento de infraestructuras alto ... ten algún sentido manter unhas deputacións que teñen uns orzamentos superiores a 550 millóns de euros anuais?

Sí, máis de 550 millóns de euros invisten as catro deputacións galegas, unha cantidade que en conxunto representa máis do 5% do orzamento da Xunta. Son cartos que se utilizan para pagar soldos, algunha obriña e en teoricamente coordinar aos concellos da súa provincia. Cartos que se poderían usar moitísimo mellor se estiveran xestionados polos propios concellos e/ou pola propia Xunta. As súas funcións poderían repartirse facilmente entre a Xunta e os concellos e a vida seguiría igual. E todos estes cartos nunhas institucións nas que non podemos escoller directamente nin os deputados provinciais nin aos seus presidentes.

O artigo 141 da Constitución establece que “calquera alteración dos límites provinciais terá que ser aprobada polas Cortes Xerais mediante lei orgánica”. É dicir que na próxima reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, que é unha lei orgánica, poderíase modificar os límites provinciais mediante unha fusión provincial para que a efectos legais só existise a provincia de Galicia (como acontece nas CCAA de Asturias, Navarra, Cantabria, La Rioja, Murcia ou Madrid).

Pero moito nos tememos que a reforma vai pasar e a oportunidade tamén. É previsible que se quixeramos eliminar as Deputacións encontraríamos as típicas resistencias nas cidades que son actualmente capital de provincia, seguramente personaxes tan localistas como Paco Vázquez, o anterior alcalde da Coruña, ou Lores, o actual alcalde de Pontevedra, ou outros personaxes “frickies” coma Baltar, o presidente da deputación de Ourense, sacarían a relucir os típicos discursos victimistas. Tamén é previsible a oposición dos principais partidos, ao fin e ao cabo manexan unhas institucións que lles permiten repartir prebendas entre os seus sen case dar conta á sociedade. En fin, unha pena pois con estes aforros incluso se podería compensar ás catro capitais pola perda de tan “magnas” institucións.

Os aforros que se poden producir coas medidas que esta tomando o goberno Feijoo non nos van a sacar da crise. Se estas medidas se toman como exemplos dunha política de austeridade a longo prazo é imprescindible que teñan continuidade con outras máis importantes, entre as cales estaría a supresións das deputacións.

Se se quere apostar por unha política de austeridade hai que impulsar un acordo de país, dos tres grandes grupos políticos, para que ninguén con demagoxia, ou de forma localista, estas reformas necesarias. O contrario, non facer nada, demostraría coma sempre que os discursos e a realidade van por camiños separados.

3 de novembro de 2009

OUTRA AGRICULTURA PARA OUTRO CLIMA

Esther Vivas

O actual modelo de produción agrícola e gandeiro industrial contribúe a afondar na crise ecolóxica global cun impacto directo na xeración de cambio climático. Aínda que a primeira vista non o pareza, a agroindustria é unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Así o puxo de relevo a campaña “Non te comas o mundo”, no marco das mobilizacións destes días con motivo da reunión das Nacións Unidas en Barcelona
sobre a mudanza climática, previa ao crucial cume de Copenhague (COP15) en decembro onde debe aprobarse un novo tratado que substitúa ao de Kyoto.

Segundo a campaña, entre un 44 e un 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro son provocadas polo actual modelo de produción, distribución e consumo de alimentos. Unha cifra resultado de sumar as emisións das actividades estrictamente agrícolas (11-15%), da deforestación (15-18%), do procesamento, transporte e refrixeración dos alimentos (15-20%) e dos residuos orgánicos (3-4%).

E é que non podemos esquecer os elementos que caracterizan a este sistema de produción de alimentos: intensivo, industrial, quilométrico, deslocalizado e petrodependiente. Veámoslo en detalle. Intensivo, porque leva a cabo una sobre-explotación dos chans e dos recursos naturais que acaba xerando a liberación de gases de efecto invernadoiro por parte de bosques, campos de cultivo e pastos. Ao antepor a productividade, por diante do coidado do medio ambiente e a rexeneración da terra, rompe o equilibrio mediante o cal os chans capturan e almacenan carbono, contribuíndo á estabilidade climática.

Industrial, porque consiste nun modelo de produción mecanizado, con uso de agroquímicos, monocultivos, etc. A utilización de grandes tractores para labrar a terra e procesar a comida contribúe á liberación de máis CO2. Os fertilizantes químicos utilizados na agricultura e na gandería moderna xeran unha importante cantidade de óxido nitroso, unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro. Así mesmo, a queima de bosques, selvas... para convertelos en pastos ou monocultivos acaba afectando gravemente á biodiversidade e contribúe á liberación masiva de carbono.

Quilométrico e petrodependiente, porque se trata dunha produción de mercadorías deslocalizada en procura da man de obra máis barata e da lexislación ambiental máis laxa. Os alimentos que consumimos percorren miles de quilómetros antes de chegar á nosa mesa co consecuente impacto ambiental. Calcúlase que na actualidade, a maior parte dos alimentos viaxan entre 2.500 e 4.000 quilómetros antes de ser consumidos, un 25% máis que en 1980. Atopámonos ante unha situación totalmente insustentable onde, por exemplo, a enerxía para mandar unhas leitugas de Almería a Holanda é tres veces superior á utilizada para cultivalas, á vez que consumimos alimentos que proveñen da outra punta do mundo cando moitos destes cultívanse tamén a nivel local.

A gandería industrial é outro dos principais xeradores de gases de efecto invernadoiro e o seu avance significou unha maior deforestación cun 26% da superficie terrestre dedicada a pastos e o 33% á produción de gran para pensos. As súas porcentaxes de emisión equivalen ao 9% das emisións de CO2 (principalmente por deforestación), o 37% das de metano (pola dixestión dos rumiantes) e o 65% do óxido nitroso (polo estrume).

Este modelo de alimentación quilométrica e viaxeira, así como o alto uso de agroquímicos derivados do petróleo, implica unha forte dependencia dos recursos fósiles. En consecuencia, na medida en que o modelo produtivo agrícola e gandeiro industrial depende fortemente do petróleo, a crise alimentaria, a crise enerxética e a crise climática están intimamente relacionadas.

Pero a pesar destes datos, podemos parar o cambio climático e a agricultura labrega, local e agroecolóxica, como sinala o centro de investigación GRAIN, pode contribuír de forma determinante a iso. Trátase de devolverlle á terra a materia orgánica que se lle quitou, despois de que a revolución verde haxa esgotado os chans co uso intensivo de fertilizantes químicos, pesticidas, etc. Para facelo, fai falta apostar por técnicas agrícolas sustentables que poden aumentar gradualmente a materia orgánica da terra nun 2% nun período de cincuenta anos, restituíndo a porcentaxe eliminada desde a década dos 60.

É necesario apostar por un modelo de produción diversificado, incorporando praderías e abono verde, integrando de novo a produción animal no cultivo agrícola, con árbores e plantas silvestres, así como promover circuítos curtos de comercialización e a venda directa en mercados locais. Con estas prácticas, calcúlase que sería posible capturar ate 2/3 do actual exceso de CO2 na atmosfera. O movemento internacional da Vía Campesiña teno claro cando sinala que “a agricultura labrega pode arrefriar o planeta”.

Así mesmo, hai que denunciar as falsas solucións do capitalismo verde ao cambio climático como a enerxía nuclear, os agrocombustibles ou outras, así como os lobbies empresariais que buscan mercantilizar o tratado de Copenhague. Desde distintos movementos sociais esíxese “xustiza climática”, fronte aos mecanismos de mercado incorporados no protocolo de Kyoto e que terán continuidade en Copenhague. Unha xustiza climática que debe ir á vez coa “xustiza social”, ligando a loita contra a crise ecolóxica global co combate contra a crise económica que afecta a amplos sectores populares, en base a unha perspectiva anticapitalista e ecosocialista. Para que o clima non cambie, hai que cambiar o mundo.

30 de setembro de 2009

SOBE A DEREITA E (RE)APARECEN OS ANTICAPITALISTAS

Xoán Hermida

As recentes eleccións celebradas en Alemaña e Portugal, así como as eleccións europeas ao parlamento europeo de xuño, teñen como titular a suba da dereita política, o cal demostraría que o pensamento neocon, a pesar da derrota de Bush, non foi derrotado ideoloxicamente, pero tamén ten suposto o xurdimento dunha esquerda antisistémica con relativa forza en varios países europeos.

Nas eleccións celebradas este domingo 27 de setembro en Alemaña e Portugal e nas pasadas eleccións ao parlamento europeo, tres forzas políticas –Bloco de Esquerdas en Portugal, Europe Ecologie en Francia e Die Linke en Alemaña– irrompen con forza no escenario da esquerda, até hai ben pouco, desde a crise dos partidos comunistas iniciada na década dos setenta, dominado exclusivamente por forzas socialdemócratas, coa única excepción de Italia, onde o histórico PCI acabou emprendendo un proceso de transformación para ocupar un espazo socialdemócrata residualizado pola propia dinámica histórica italiana.

Trátase de tres forzas diferentes, xa que responden á recomposición da esquerda alternativa diante dunha realidade nacional diferente, pero as tres forzas e os procesos que as conforman teñen paralelismos innegables e que cómpre ter en conta.

Ademais, as tres superan a barreira electoral do 10% imprescindible para ser xa unha forza cun asentamento social fondo e con capacidade para incidir nas políticas gobernamentais, sen que iso pase necesariamente –como ten sido a praxe das últimas décadas– por gobernar ou xestionar o sistema, tendo discursos subsidiarios da socialdemocracia.

Na configuración das tres forzas estamos diante de procesos de converxencia de diferentes forzas ou grupos minoritarios, mesmo extraparlamentarios, que fan un proceso non só de suma, xa de por si importante se se fixese aquí entre as forzas soberanistas e poscomunistas, senón que se fai no marco dunha renovación de ideas e de superación de vellas liortas ideolóxicas, froito da guerra fría. Así é posible ver como en Die Linke conviven poscomunistas xunto con sectores separados da socialdemocracia nun proxecto e cun programa claramente antisistémico e socialista.

Esta renovación ideolóxica, superando a socialdemocracia e o stalinismo, tamén se traslada á imaxe das organizacións que teñen deixado de lado a escenografía clásica sen perder unha simboloxía que conecta claramente cos sectores máis avanzados socialmente e os seus discursos cara á sociedade civil, superando todos o papel dirixista dos partidos de esquerda do século XX, para facer forzas que buscan nas organizacións sociais o seu fluxo programático e vital con total respecto aos seus espazos de intervención social e os seus proxectos estratéxicos, sen intervencionismo.

Son pois espazos plurais e non por iso menos definidos politicamente, onde a vertebración plural a fan as persoas e non as estruturas de poder, superando tanto a fórmula de partido monolítico ideoloxicamente coma o frontismo.

A esquerda galega debería tomar nota e abandonar dúas tendencias repetidamente fracasadas: a da socialdemocratización e a do sectarismo.

Existe espazo político para unha forza antisistémica clara tal e como demostran as experiencias do noso contorno, pero ademais calquera buca de construción alternativa para por aí, xa que o espazo socialdemócrata teno ocupado o PSOE. A intención de crear un socialismo galego no espazo da socialdemocracia é unha quimera contra a que se bate en diversas décadas. Nos setenta fracasou o proxecto do PSG de X. M. Beiras, nos oitenta acabou naufragando a EG de Camilo Nogueira, nos noventa EdG nin tan sequera chegou a nacer, abortando nunha operación de pura supervivencia, na época actual vén de fracasar de xeito contundente a operación de Anxo Quintana, mesmo utilizando as institucións como trampolín para a súa construción.

Non se pode seguir por aí.

Pero tampouco se pode vivir no sectarismo, na compracencia política e na pureza ideolóxica. FPG, MpB, PCPG e sectores desencantados da política partidista teñen que dar un paso para construír unha forza antisistémica de carácter socialista e ecoloxista, e sobre todo moderna, sabedores de que a radicalidade política e a radicalidade ideolóxica seguen camiños diferentes.

Os irmandiños, único grupo que dentro do BNG defenden posicións claramente de esquerda e soberanistas, teñen que saber que o tempo corre na súa contra. Hoxe poden ser o elemento aglutinador da nova forza necesaria. Mañá simplemente serán un instrumento innecesario que non soubo ou non quixo xogar o seu papel.

9 de setembro de 2009

PANDEMIAS E LUCRO

Xa sabiamos que unha das multiples características da globalización capitalista é a Mutacións das Ameazas. Por primeira vez existe a posibilidade real – fronte a posibilidade teórica de destrucción nuclear da guerra fría – de ameazas de destrución ecolóxicas como efecto invernadoiro ou a loita pola auga– ou sanitarias – SIDA, gripe do polo, vacas tolas, dioxinas,... – globais que fan saltar tódalas alertas. Ata tal ponto que algúns cientificos xa falan abertamente da sexta extinción que a diferencia das anteriores estaria provocada pola acción dun factor endoxeno: o ser humano.

O proceso de agroindustrialización iniciado na década dos setenta no mundo rural, agravado nunha nova fase coa fusión empresarial entre empresas de produción e distribución coas farmacéuticas no inicio deste século, teñen significado entre outras cousas a posta en marcha dunha agricultura “sen agricultores” e unha alimentación mercantilizada que xenera alarmas sanitarias globais.

O curioso é que son os xeneradores desas alarmas os que – grazas a esa fusión de empresas – controlan non so as sementes por medio dos transxénicos senón tamén a industria da “saúde” no caso de que exista algún perigo para a poboación.

No caso da gripe “aviar” no seu momento ou da gripe “porcina” na actualidade parece que os perigos sanitarios se sobredimensionan para aumentar o beneficio das propias industrias.

Pero o peor é a complicidade coa que están a actuar os gobernos colaborando nesta campaña, e sobre todo coa irresponsabilidade dalgúns coma é o caso do goberno español.

Coma senón, podese concibir que se intentara incluír dentro da poboación vacinable diante da “epidemia” ás mulleres embarazadas cun produto farmacéutico sen tódalas garantías, cando calquera dos fármacos máis suaves do mercado conteñen no prospecto a advertencia: “non consumir en caso de embarazo”.

Como se pode anunciar que se van a vacinar a un grupo de nenos e nenas en función da “petición por parte dos laboratorios”coa finalidade de examinar a súa evolución. Vese que as nosas autoridades pensan que os nosos fillos e fillas son coballas.

Cando se esta a falar da defensa da sanidade pública unha medida central seria reducir o importante gasto farmaceutico, apostando por xenericos e facendo dos profesionais da farmacia funcionarios do servizo de saude en lugar de tendeiros.

Aconsellamos mirar o seguinte ducumental de julián Alterini: OPERACIÓN PANDEMIA

2 de setembro de 2009

REVISIONISMO HISTORICO

Conmemorase o 70 aniversario da entrada das tropas nazis en Polonia que en termos militares supón a “casus belli” do inicio da chamada II Guerra Mundial.

Unha vez mais, e xa ben sendo insultante, o revisionismo histórico e os medios de comunicación da globalización pretendennos convencer da igual responsabilidade de nazis e comunistas, alemáns e soviéticos do inicio da contenda.

O pacto Ribbentrop-Molotov, perigosamente tacticista, ou o caracter dictatorial do réxime stalinista non pode servir de cortina de fume para ocultar a traizón dos gobernos occidentais á república española, a permisividade na absorción de Austria en marzo de 1936, a anexión dos Sudetes en setembro de 1936, aprobada en Múnich, e a posterior entrada en Praha en marzo de 1939.

Tampouco poden silenciar o papel clave da cidadanía da Unión Soviética na victoria dos aliados, que cun maior número de baixas civís, foron os auténticos heroes que segundo Churchill: “destriparon as entrañas do aparato militar nazi”.

Cabe recordar que os dirixentes do III Reich puxeron todo da súa parte para que americanos e ingleses chegaran a Berlín antes que as tropas do exercito vermello. Non foi así. Unha boa parte dos europeos da epoca gardan na retina unha das fotos máis esperanzadoras da historia contemporánea.

1 de setembro de 2009

APUNTAMENTOS CRÍTICOS SOBRE O PRESENTE DO GALEGO

Xoán Hermida

Estas notas non pretenden ser unha sesuda análise sobre a situación do galego. Fixéronse xa múltiples análises, interesantes algunhas e interesadas moitas, sobre a situación do galego.

Son galego. Isto que indica unha expresión de pertenenza a un colectivo convértese nunha definición política cando se sitúa nunha conxuntura de exterminio e acoso a unha comunidade coa forza coa que se está a dar.

Non son lingüista, aínda que creo que o debate do futuro do galego é fundamentalmente un debate político e, polo tanto, na miña concepción das cousas, é un debate que lle compete á cidadanía.

Son optimista (no senso gramsciano do termo, sempre que isto non entre en contradición con ser galego), e iso a pesar de que o meu fillo é o único neno que fala galego entre case un cento de matriculados en infantil nun centro escolar de Pontevedra.

Así que diante do balbordo organizado coa “imposición” do galego para facilitar o regreso do PP ao goberno da Xunta de Galicia só teño que dicir que nos tres anos do bipartito que coincidiron cos estudos de preescolar do meu fillo non se nos aplicou a normativa tan polémica do 50% e neses tres anos o meu fillo non recibiu nin un só minuto de clases en galego (minto: recibiu exactamente 270 minutos cada ano –se excluímos o recreo– das clases do día das “Letras Galegas”). Polo tanto no terreo idiomático non lle teño nada que agradecer ao bipartito e por outra banda se o meu fillo resistiu o proceso de españolización lingüística quere dicir que o colexio é un elemento máis pero non o único.

Entón, cales son, desde o meu punto de vista, os elementos centrais para que o galego consiga sobrevivir a esta nova longa noite de pedra na que se atopa?

Tres poden ser os piares de permanencia dun idioma nun contexto de globalización capitalista coma o que estamos:

O primeiro, a existencia dun Estado soberano que protexa o idioma. Deste punto quedan excluídos algúns Estados febles da periferia global onde o inglés vai impoñéndose ao ritmo que a neocolonización económica se vai afianzando. Tamén quedan fóra deste apartado os gobernos autonómicos, que estando no centro do sistema –aínda que, coma nós, un pouco ladeados– carecen da soberanía para tomar decisións sobre os elementos centrais –entre eles o idioma–. É máis, con toda seguridade, se os portugueses fosen derrotados na batalla de Aljubarrota (1385) hoxe o galego de Portugal estaría desaparecendo como pasa co portugués de Galicia e falaríase castelán en Brasil, Angola ou Mozambique. Ademais habería un grupo que denunciaría a persecución do español en Portugal con esa xenerosidade que adoita caracterizar “lo español”.

O segundo, e toda vez que o primeiro non é o noso caso, a existencia dunha clase dominante comprometida co seu país froito do desenvolvemento histórico na configuración nacional, o cal imprime prestixio social ao idioma e convida aos demais sectores sociais a imitar mimeticamente a aquel. Este que é o caso de Catalunya ou Euskadi e non é o noso por razóns longas de expoñer neste artigo.

O terceiro (o que nos queda toda vez que carecemos do primeiro, de momento, e dado que o segundo non se pode crear de xeito voluntarista) é o combate político tanto global como na politización do cotián. Trátase de afrontar a batalla política sen rebaixas na firmeza colectiva e no compromiso particular.

A experiencia dinos que cando se polariza un debate moderar posturas políticas en busca de novos apoios non fai máis que debilitar a túa posición, perder apoios propios, e nunca gañar desertores doutro bando (aos que nos gusta o xadrez sabemos que o enrocamento só serve en momentos de resituacións tácticas, nunca en momentos de confrontación). O discurso político debe ser radical –no senso democrático e non no ideoloxicista– que xere capacidade de rearmamento ao sector galegofalante. Comentarios públicos desde o nacionalismo do tipo “eu falo castelán na intimidade” achegan unha mensaxe de prestixio do castelán innecesaria neste momento.

Para iso tamén se necesitan ferramentas cívicas de defensa do idioma. Algúns deberían facer autocrítica por ter permitido no seu momento debilitar, por interese partidario, un instrumento plural na defensa do idioma como era A Mesa pola Normalización Lingüística. Aos outros comprenos vertebrar espazos sociais colectivos independentes e plurais.

Pero, como xa dixen, esta batalla ten unha fronte clave no persoal.

Son da xeración de nenos e nenas con pais e nais galegofalantes entre si e que se dirixían a nós en castelán. A escola era en castelán. A recente televisión tamén era en castelán. Así que tivemos que esperar á adolescencia para rebelarnos contra esa situación e saír do armario idiomático.

As cousas lamentablemente non teñen mudado moito nisto e o proceso de “autoodio” segue a levar aos pais e ás nais –mesmo nacionalistas e progresistas– a falarlles en castelán aos nenos ou a non traballar o tema do idioma coa mesma forza coa que se traballan outros aspectos coma a xustiza, a solidariedade, a igualdade de xénero...

E aí fago un inciso para volver ao aspecto colectivo, debemos ser inflexibles no tema do idioma igual que o somos co machismo, coa violencia de xénero, coa discriminación racial... ou con calquera outra actuación que produza rexeitamento social xeralizado. Só así se creará o ambiente necesario para desacreditar aos que odian o galego.

Volvamos ao compromiso particular. Á politización do cotián. Ao consumo responsable... E agora alguén pensará: a este Xoán fóiselle a olla!

Consumo Responsable? Si! Acaso non exercemos consumo responsable na alimentación libre de transxénicos, no apoio ao pequeno comercio e ao comercio xusto, no apoio ás producións locais, no depósito dos nosos aforros en finanzas éticas... entón por que non na compra de material divulgativo para os nosos fillos? Por que non mercamos vídeos en galego e/ou en portugués. Por que non nos preocupamos de en que idioma ven a televisión do mesmo xeito que o facemos cos seus contidos (e aquí volvo facer un xiro ao colectivo: por que o bipartito non converteu a TVG2 nunha especie de “TVE clan en galego” –dirixida aos máis cativos– en lugar de centrala na repetición dos momento estelares de Gayoso e cía?).

Os dous grandes sectores nos que se ten que enfrontar a batalla do idioma son a infancia, onde se asentan as estruturas idiomáticas, e a adolescencia, onde se afrontan os esquemas vitais. E nos dous, lamentablemente, a batalla estase a perder.

No primeiro caso porque se trata dun problema de “primus inter pares”. Xa dicía antes que o meu fillo ten como lingua propia, e na que se desenvolve durante a maior parte do tempo, o galego. Entón, cal é a diferenza entre o meu fillo e eu? Os meus pais falábanme castelán mentres que comigo o meu fillo fala galego. Eu atopaba nenos que falaban en galego e el non os atopa, polo que cando se xunta cos nenos escorrega inevitablemente cara ao castelán. Soamente con que houbese máis pais e nais (pre)ocupados, a proporción variaría e a batalla “inter pares” podería comezar a gañarse.

No segundo caso: a mocidade, que nalgún momento tiña como referente de rebeldía o nacionalismo, perdeu o idioma a medida que o nacionalismo ía perdendo a rebeldía e pasaba de ser urbano e xuvenil a rural e “maduro”.

Nos anos 80 unha nova xeración de escritores –Manuel Rivas, Suso de Toro, Xelís de Toro...– actualizaron a temática da literatura galega e crearon unha narrativa urbana e moderna. Axudaría moito que este proceso que se deu na literatura, e axudou a prestixiar o idioma entre a mocidade, se dese tamén na música (para cando un “Melendi galego”?).

En todo caso o idioma é de todos e todas, é da cidadanía. Feijoo poderá pasar á historia coma o sepultureiro do idioma, pero todo o mundo sabe que para que esta profesión se exercite necesítase dun cadáver que enterrar.

30 de agosto de 2009

E POLANCO REENCARNOUSE

Hoxe La Voz de Galicia publica un artigo de Santiago Rey Fernández-Latorre que máis que un editorial ( que sempre estivo ausente no rotativo coruñes ) poderiase considerar un manifesto.
Parece incrible a relación de intencións de dito artigo, pois cabe recordar que é o mesmo rotativo que se xactaba de derrubar un goberno democrático en marzo pasado e fai un días recibiu máis de un millón de euros da "nova" administración autonómica.

En fin. Xa temos un novo Polanco que salve a nosa democracia e o noso autogoberno.

O señor Rey Fernandez-Latorre dixit:

"Mañana cumpliré 71 años. Llevo cincuenta años en la nómina de La Voz de Galicia. He contribuido, en la medida de mis fuerzas, a la restitución de las libertades y la democracia, en cuya defensa me encontrarán siempre. Mano a mano con el mejor galleguismo de nuestra historia he trabajado para que Galicia viese reconocidos sus derechos. Esas nobles causas me arrostraron multas, incomprensión, presiones inenarrables. Pero ganamos aquel envite y se abrió un nuevo marco de esperanza. Por eso me resulta especialmente descorazonador ver que hemos arribado a un tiempo donde el dinero solapa a la ética, donde la zancadilla cortoplacista prima sobre los grandes consensos en favor del bien general, donde los intereses partidistas o personales se anteponen a los de Galicia. Por eso vuelvo a reiterar que si queremos evitar una tragedia debe reaparecer la sociedad civil y se debe fraguar una acción concertada que sume los esfuerzos de todos, sea cuál sea su color, en favor del proyecto de Galicia. Entre tanto, no puedo, ni debo, ni quiero, tirar la toalla. Seguiré haciendo lo mismo que llevo haciendo toda mi vida, tratar de elaborar hoy el mejor periódico que jamás he hecho, pero sabiendo que mañana intentaré superarlo."

Sen comentarios ... parabéns e que cumpla moitos máis, ainda que mellor lonxe do xornalismo.

28 de agosto de 2009

NON ESQUECER HONDURAS

CASE DOUS MESES DESPOIS O GOLPE DE ESTADO EN HONDURAS, MICHELETTI SEGUE NO PODER, A COMUNIDADE INTERNACIONAL “LASSER FAIRE” ... E AS ONGDs SEGUEN DESAPARECIDAS

A volta dos militares ao poder nun país de América Latina faise en condicións e circunstancias moi diferentes as que caracterizaron esta rexión na década dos 70 e 80.

O impulso do modelo neoliberal a partir da década dos 90 serviu para crear as condicións para unha democratización da zona e construír un novo modelo político onde nos venderon que os militares xa eran parte do pasado. En realidade era así porque non existían alternativas antisistemicas na zona que puxeran en perigo a hexemonía do capitalismo ou do dominio norteamericano. A extensión de movementos socio-políticos acompañados de trunfos electorais en Venezuela, Bolivia, Ecuador,… teñen cambiado esta situación e volven a activar os mecanismos de intervención de USA na zona (non debemos esquecer que antes deste golpe houbera intentonas en Venezuela e Bolivia).

Por outra parte, é a primeira intervención que se produce durante a nova administración norteamericana liderada por Obama. Unha intervención na que contrasta o rexeitamento ao golpe que expresa a chanceler Hilari Clinton co deixar facer que impón na practica a administración Obama. Non debemos esquecer o paralelismo coa intervención que na década dos 80 fíxose sobre a illa de Grenada e que despois serviu de plataforma para posteriores intervencións. De igual xeito Honduras foi clave en diferentes intervencións anteriores e pode ser unha plataforma perfecta para futuros conflictos na rexión.

Outro aspecto é o novo viraxe que a nova administración norteamericana quere darlle a súa presenza en Oriente Medio que de seguro deixara mais liberada á mesma para retomar o seu control sobre América Latina, preocupada polo avance das alternativas concretadas no ALBA.

Nese contexto o que se pretende e consumar un golpe “limpo” sen os desaparecidos e asasinados doutras décadas, entre outras cousas porque a opinión pública internacional non o permitiría. Pero o crecemento da resistencia interna e externa xa ten xenerado represión sobre os movementos sociais, catro desaparecidos, detencións sobre lideres sociais e algún morto.

A comunidade internacional que nun primeiro momento, preocupada pola hexemonía de Chaves na zona, protestou coa boca pequena agora pasou a política, moi liberal por outra parte, de “laisser faire, laisser passer”.

E as ONGDs ?. Segue afondándose na crise de credibilidade que lles afecta nos últimos anos. Nin a Coordinadora Estatal nin a Coordinadora Galega de ONGDs se teñen posicionado e aquí en Galizia de preto de 150 organizacións de solidariedade e internacionalistas soamente Veterinarios en fronteiras, Enxeñería sen Fronteiras, Médicos do Mundo, ACCP, Altermundo e Amarante teñen denunciado o golpe de estado. Por suposto seguen mais preocupadas pólos seus doantes e status que póla súa loita contra a desigualdade.

Non esquezamos HONDURAS. O golpe segue sen estar resolto.

17 de agosto de 2009

MEDIOS DE COMUNICACIÓN E/OU AXENTES DE INFORMACIÓN

Xoán Hermida

Cando naceu o meu fillo unha amiga agasallounos cunha maleta onde meteu todos os medios escritos daquela data coa intención de que co tempo recordara cales eran as novas que estaban de actualidade durante aquela xornada tan importante para el.

Obviamente as noticias que aparecían nos xornais daquel día estaban manipuladas ou mutiladas, e non todas aparecían en toda a súa dimensión e importancia, mesmo as había que non aparecían. Á fin e ao cabo xa sabiamos que as crónicas as determinan os poderes políticos ou económicos/mediáticos dominantes.

Co tempo volvín reler aqueles xornais e, aínda que xa pasaron máis de seis anos, a situación de transparencia informativa non ten mellorado moito, máis ben o contrario. E digo isto porque os de xullo de 2003 non eran precisamente bos tempos para a lírica. A globalización xa impuxera a súa cerrazón informativa, intensificada pola guerra global contra o terrorismo internacional acabada de iniciar, onde soamente medios coma Al Yasira escapaban do control do capitalismo mediático global. Aquí a situación non era mellor, e aínda que os mellores tempos do “pequeno goebbels” (en terminoloxía acuñada por X. M. Beiras) xa pasaran, aínda viviamos no reino do “príncipe das tebras”.

E a pesar de todo iso, a situación, como digo, non ten mellorado e dáme a impresión de que aqueles xornais do 8 de xullo do 2003 eran máis permeables a novas críticas, alternativas e mesmo “politicamente incorrectas” ca os actuais.

Hoxe os medios teñen reforzado o seu control ideolóxico sobre a poboación, cunha diferenza moi sutil pero perigosa. O período de guerra global contra o terrorismo internacional deu paso a unha nova fronteira onde a pluralidade está permitida para a crítica aos mecanismos ou modelos do sistema pero non para a crítica ao sistema en si.

Do período da “guerra global contra o terrorismo” ao período da “crise financeira global” pasouse poñendo en cuestión os métodos da anterior administración Bush e as súas administracións replicantes do noso continente, pero o esforzo céntrase agora en relativizar e criminalizar a disidencia, e mesmo ridiculizar calquera alternativa ao sistema. E niso xa non están só os “neocon” senón a nova “global social democracy” cos seus poderosos medios informativos.

Aquí a situación non é mellor. Un grupo mediatico xáctase de ter derrubado un goberno (valente estupidez e antidemocrática formulación) e recibe un pagamento de 1.023.854 euros polos servizos prestados: se non como entender o resultado da resolución da convocatoria de axudas a medios de comunicación pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia?

En termos económicos, máis ca unha repartición obxectiva parecen os créditos dun filme ou os agradecementos previos ao prólogo dunha novela de moda e, claro, nesa listaxe La Voz de Galicia aparece destacada e en maiúsculas mentres que Xornal de Galicia recibe menos ca unha asociación xuvenil parroquial de calquera das nosas deputacións. Curioso resulta, non obstante, volver observar como a oposición se ausenta de facer comentarios sobre o resultado dunha convocatoria impulsada polo bipartito.

Pero mais aló da contía recibida, o feito en si é a propia convocatoria e os que participan dela. Postos a subvencionar aos medios, que se subvencionen elementos ausentes na nosa estrutura informativa, isto é:

- Creación de mecanismos de vertebración global da información e construción dunha visión nacional superadora dun esquema comarcal ao servizo dos poderes parasitarios provinciais.

- Incorporación de maior e mellor información social. A súa ausencia ou a inexistencia dun espazo informativo claro resulta sorprendente cando segundo todas as sondaxes a temática social é cada vez máis demandada e goza dun prestixio do que carecen outros sectores.

- Impulso ao galego (perdón, esquecíame de que iso é agora unha reivindicación obsoleta e, á vista dos resultados e se non o remedia a sociedade civil, tamén poderá ser innecesaria).

De non ser así os medios que teñen recibido moito quedan desautorizados para calquera información obxectiva e os que reciben menos deberían renunciar as axudas aínda que só fose por dignidade empresarial.

Axiña se van facer 20 anos desde que Gorvachov puxera de moda a “glasnot” que foi tan ben recibida desde os medios de occidente, e sobre todo desde a cidadanía da antiga Unión Soviética. Daquilo non queda nada nin en oriente nin en occidente.

Como punto de esperanza queda o florecemento de medios alternativos de información que se espallan na rede. Pero ollo, que o sistema é unha maquinaria ben engraxada e con moita capacidade de engulir. Non teñamos que combater a manipulación de internet en poucos anos... namentres sempre nos quedará a afirmación de Jack Lemmon na fabulosa comedia de Billy Willer ,The Front Page, de que “os xornais de hoxe so serven para envolver peixe maña”.

14 de agosto de 2009

HAI FOLLA DE RUTA ?

Xoán Hermida

Nun artigo publicado en Vieiros tra-las eleccións autonómicas do pasado mes de marzo afirmaba que a derrota do BNG abre un proceso de incertidume, pero tamén apaixonante para a esquerda.

E comentaba en dito artigo:

“Pero equivocariámonos se a solución fose volver recrear o BNG (pre-Quintanista) sen sacar as conclusións dos erros do pasado e sen ter en conta as novas dinámicas existentes na Galiza de hoxe, moi diferentes ás de 1982.

Seguramente, o proxecto resultante ten que ter un peso clave das persoas que hoxe, cunha actitude crítica, militan no BNG, pero sería un erro de dimensións históricas reducir a nova forza resultante a unha mera escisión que pelexe polo espazo electoral co BNG. O proceso de refundación da esquerda galega ten a súa masa crítica na esquerda social hoxe non afiliada ao BNG nin ao PSOE.

Debera ser unha forza plural pero claramente antisistémica, e polo tanto, que constrúa unha táctica electoral ao servizo dun proxecto estratéxico de cambio. Nese senso o nacionalismo político necesario (en termos de defensa da soberanía nacional) non pode ser como ata agora un nacionalismo ideolóxico que curtocircuíte a incorporación de novos sectores de esquerda “laicos” nin que sirva de coartada para crear espazos xa existentes nun país onde os espazos son tan achicados. A forza de reforma do sistema xa existe (PSdG) e a forza da dereita tamén (PP) independentemente da maior ou menor galeguidade que adquiran nun momento ou noutro.

Debera ser asembleario e plural, pero este frontismo político debe construírse arredor da cidadanía e dos movementos sociais e non arredor dos partidos políticos con cotas de poder e indispensables compañeiros de viaxe dun partido vangarda que marca a súa orientación. Se non nos serven os partidos clásicos tampouco nos pode servir unha fronte alternativa na que as partes que a conforman sexan partidos clásicos.

Por último, debera ser unha forza moderna que entronque cos movementos sociais e cos novos suxeitos antisistémicos altermundialistas (ecoloxismo, neointernacionalismo, antipatriarcalismo...) e respectuoso coa súa independencia e co seu carácter estratéxico, que os sitúa como referentes centrais na actuación política diaria.”

Obviamente esta perspectiva non é necesaria a unica posibilidade hai outra máis segura senon facemos nada: a posibilidade de que o BNG se convirta nunha forza residual ( ao igual que lle ocorreu a IU ) é a oposición política concentrese no PSdG-PSOE.

Esta posibilidade seria peor á hora de construir alternativas de progreso nun hipotetico futuro goberno por dous motivos: o primeiro porque a ausencia dunha esquerda máis radical deixaria menos atados os compromisos de cambio. O segundo porque a ausencia dun proxecto nacional na socialdemocracia impide que se aborden de xeito claro aqueles problemas globais que temos como pais.

Polo tanto non sei se é posible ou non construir este novo actor político.

Tampouco teño claro a quen lle corresponde elaborar unha folla de ruta para construir a esquerda galega das primeiras decadas do seculo XXI.

Seguramente terá que ser un traballo colectivo dos movementos sociais que precisan dunha forza política ao seu servizo que plasme nun programa de reforma os elementos estratéxicos de cambio antisistemico no que traballan, ao Encontro Irmandinho como grupo do BNG que ten plantexado o necesario viraxe desa formación e agora plantexa unha liña de emancipación social e nacional vertebrada sobre a cidadanía, a FPG ou MpB que teñen vertebrado espazos soberanistas de esquerda, a sectores nacionais non nacionalistas que estan orfos desde o fracaso do proxecto eurocomunista na decada dos oitenta.

Namentras hai dúas liñas prioritarias ( e complementarias ):

- Asentar as, ainda debiles, organizacións sociais tanto nas súas liñas organizativas como para desenvolver a nivel político os sesus aspectos anti-sistemicos que os convirtan en movementos sociais.
- Fortalecer a REDE ANTICAPITALISTA como espazo común transversal de caracter antisistemico e alleo da influencia tacticista dos aparatos partidarios.

Todas as persoas que pensamos en clave de esquerda (e polo tanto nacional) temos un reto: ser capaces de construír un proxecto amplo e ilusionante que, máis aló dos espazos electoriais que conquira, deba ter como primeiro referente central ese 25% da poboación que, segundo as análises, reclaman un espazo claramente de radicalidade democrática e transformación social. Un proxecto que poña fin ao voto vergoñante “en contra de” e nos permita andar coa cabeza erguida no presente e ver o futuro coa perspectiva do xigante para que realmente GALIZA NON SE VENDA NUNCA MÁIS.

12 de agosto de 2009

HUMANIDADE, SOCIEDADE E ECOLOGIA: O AQUECIMENTO GLOBAL E A ALTERNATIVA ECO-SOCIALISTA

Daniel Tanuro

Este é um enorme desafio ao socialismo, mas uma revisão completa é desnecessária. Existe um conceito nos escritos de Marx que nos pode ajudar: o conceito de gestão racional do metabolismo social, das trocas materiais entre a humanidade e a natureza. De facto, as alterações do clima são precisamente o resultado da gestão irracional do metabolismo social: a economia mundial emite cerca de 10 gigatoneladas de carbono por ano para a atmosfera, o dobro da capacidade de absorção das florestas e dos oceanos.Construir uma alternativa não só socialmente racional mas também ecologicamente racional para este sistema irracional terá consequências vastas para o projecto socialista.

O socialismo apenas faz sentido se o novo poder de produtores associados – outra definição clássica de socialismo – continuamente mas radicalmente substituir o sistema produtivo capitalista por um totalmente diferente, baseado num sistema energético diferente. Isto significa diferentes sistemas baseados em outras tecnologias de produção de alimentos, transportes, gestão dos solos, etc.Logo, o eco-socialismo é muito mais que uma nova etiqueta ou a reinvenção de uma velha perspectiva: é um novo projecto para a emancipação da humanidade.


Ler artigo completo en http://www.altermundo.org/content/view/2529/1/

6 de agosto de 2009

UNIDADE, A NECESARIA ... CONVIVENCIA, SEMPRE

Xoan Carlos Carreira

Por outra banda, a unidade, tal e como é entendida na maioría dos casos, é a resposta a unha necesidade conxuntural, un bo instrumento que axuda ás organizacións e institucións a conseguir obxectivos moi definidos e/ou a afrontar ameazas internas e, sobre todo, externas. Sen embargo a unidade parece un instrumento menos útil para as situacións de normalidade ou a consecución obxectivos matizábeis e variados.A unidade ou é libremente aceptada ou acaba rachando. Manter a unidade mediante a imposición é inxusto e insostible a longo prazo. Unha organización formada por persoas que se odian non está capacitada para construír nada e nela, a unidade é un sarcasmo inútil. Só unha organización onde exista compañeirismo e fraternidade pode contribuír a construír unha sociedade máis xusta e humana.

Ver tudo o artigo en:

http://www.vieiros.com/columnas/opinion/924/unidade-a-necesaria-convivencia-sempre

16 de julho de 2009

NON HAI PARTIDO

Xoán Hermida

Sen necesidade de chegar aos penaltis e tras varias prórrogas perdeuse o partido de xeito contundente. A esquerda anticapitalista, altermundista ou ecosocialista non ten xa nada que facer no BNG (desde o meu punto de vista xa non o tiña hai tempo e era innecesaria a prórroga destes últimos anos que teñen desgastado o equipo).

Pero por que se perdeu o partido:

1. Estratexia errada por parte do adestrador. Xa comentei nun artigo anterior, a raíz da derrota electoral das pasadas eleccións polo bipartito, que non era suficiente con refundar o BNG nos principios da asemblea constituínte de Riazor xa que as circunstancias políticas e sociais mudaran e porque ademais parte dos problemas que hoxe arrastra o BNG veñen, aínda que pareza incrible, das bases constituíntes –frontismo partidario en lugar de cidadán, nacionalismo ideolóxico en lugar de nacionalismo cívico, análise descontextualizada dunha Galiza europea...–

2. Fallos tácticos de formulación do partido. O partido que empezou xogando ao ataque e dominando a posesión do balón –esixencia dunha asemblea e petición da dimisión dos responsables para poder facer as rectificacións necesarias– seguiu cun xogo en campo propio, á defensiva e, o que é peor, practicando o que en termos futbolísticos se chama “marrulleo” –posibles negociacións para mater un órgano de consenso incomprensible cando o que existen son xa varios proxectos dentro do BNG–. Isto asemade crea un cansazo psicolóxico nos xogadores que, sabéndose mellores tecnicamente, teñen que xogar coas mesmas tácticas ca o adversario –o patadón para adiante–.

3. Cansazo dos xogadores. As xentes dispostas a dar a última batalla no BNG para construír un proxecto que sendo plural e democrático tivese un claro proxecto político antisistémico e emancipador hai tempo que teñen cansazo físico motivado pola prórroga innecesaria á que foron sometidos tras a decisión do adestrador de non ter dado a puntilla ao partido cando se estaba en superioridade interna e social (sorpasso). A este cansazo axudou a falla de resortes estruturais cos que contaba o equipo rival ( digamos que o equipo contrario tiña o arbitro a favor ).

4. Abandono das bancadas (e aquí estamos moitos). Hoxe, e xa hai tempo, a gran maioría da base social do proxecto galego transformador estamos fóra do BNG. Non é posible construír maiorías alternativas antisistémicas dentro do BNG porque non dan os números despois dun proceso longo de limpeza da disidencia.

Así que se algún punto hai positivo da recente asemblea do BNG é que se dilúen as posibilidades de seguir xogando o partido. O BNG como proxecto transformador está amortizado e para iso só hai que observar actuacións coma as do novo “Leri” do Lérez botando man dunha reivindicación tan reaccionaria como a da capitalidade da provincia despois de ter encabezado, sen resultados electorais satisfactorios, o movemento racista anti-xitano. Só a perda de referentes ideolóxicos de esquerda poden explicar tales actuacións impensables na esquerda nacionalista hai ben poucos anos.

Pero, que facer? –parafraseando a Lenin.

Creo que o cambio (estratéxico) ten que pivotar nos movementos sociais pero isto seguramente necesite dunha complementariedade partidaria (táctica) que impida unha “berlusconización” galega: unha especie de sociedade crítica socialmente pero sen mecanismos tácticos de intervención necesarios para acumular forzas e frear políticas de retroceso de dereitos sociais e políticos conqueridos ao longo dos anos en épocas, coma esta, de crise.

Hai espazo político? Pois non o sei. Aínda que isto do espazo político-electoral é moi relativo. Seguramente hai espazo –fóra do BNG– para un partido reformista galego (traballo ao que animo aos membros de + BNG). Pero estou convencido de que tamén pode, e debe, haber espazo para un proxecto político antisistémico baseado na supeditación aos movementos sociais, cunha política de alianzas baseada na cidadanía, cun proxecto político ecosocialista (tal como entenden o ecosocialismo o MST o outros movementos sociais e non o ecosocialismo de “salón” existente nalgúns proxectos europeos). Un proxecto nacional galego que entenda o nacionalismo coma unha estratexia política e non coma unha definición ideolóxica (neste punto case é preferible a definición de soberanista).

En todo caso o que si non hai espazo é para un BNG ancorado no pasado, cunha estrutura burocrática máis preocupada pola repartición de cargos que pola transformación social. Un BNG que tras un proceso, parecido ao que viviu IU, remate sendo unha estrutura baleira de contido político converténdose nunha especia de ETT para aqueles que se acheguen, que cada vez serán menos pois os oportunistas só se aproximan aos valores en alza (e este non é o caso).

É posible e é necesario construír un proxecto político galego, antisistémico, plural e democrático. Nel sen dúbida teñen que xogar un papel importante os que teñen xogado e perdido o partido da última asemblea do BNG.

Aínda que para iso primeiro hai que saír. Farano? Axiña o saberemos.

Namentres, parafraseando a Beiras, hai vida fóra do BNG e esta late con intensidade.

1 de julho de 2009

ESTAMOS PROBANDO

Coma as orquestras nos días de festa imos a probar os micros e as saidas de son.
Este blog esta a proba. Quizais non chegue a poñerse en marcha.

Dependera da proba de son.

Namentras iremos deixando algunhas das cuestións basicas que imos abordar nel:Como construír un proxecto político nacional desde a esquerda nun páis con tan pouco arraigo do colectivo ?

Porque as correntes imnovadoras da esquerda nos diversos lugares do planeta estrelanse contra o Paramo ou o Padornelo ?

Como construir un movemento social antisistemico base estratéxica do cambio nun país onde os movementos sociais son minifundios de "boas intencións" ?

Seguimos probando.