30 de agosto de 2011

O bipartidismo morreu, viva o bipartidismo!


Xoán Hermida

O bipartidismo é algo máis cunha representación deformada da vontade popular que se expresa na preponderancia da bipolaridade en detrimento da pluralidade existente. É unha cultura política, unha forma de entender o debate social, un modelo democrático anoréxico. Mesmo máis ala forma parte do modelo dualista na que se move o pensamento occidental desde hai séculos.

Pero non nos (auto) enganemos. O bipartidismo existe porque vivimos nunha cultura da bipolaridade, do branco e o negro, onde as tonalidades e a análise ‘dos matices’ desaparecen. Onde o pensar é unha actuación de librepensadores perigosos e a maioría dos intelectuais son ‘orgánicos’, indistintamente do órgano en cuestión. Unha cultura política onde a percepción diferente se converte en disidencia. A cultura da trincheira que hai anos explicaba con moita retranca o amigo Manolo Crisanto, hoxe irremplazable en Sada e en Galicia.

Pero ademais disto, que xa é complicado de superar, o bipartidismo necesita de dúas premisas fundamentais. Unha, moitas veces criticada, dunha lexislación electoral que prime ás forzas maioritarias en detrimento das minoritarias producindo unha deformación da representatividade en canto ‘unha persoa, un voto’.

A outra, e esa é a máis necesaria combater, é a atomización e a grupusculización dos ‘diferentes’. Moitas veces se ten falado da lei d´Hont e da circunscrición provincial como mecanismo de deformación da vontade popular . E sendo certo esas mesmas circunstancias non impediron nin que o PCE-PSUC chegara a ter 21 deputados (hoxe dous) nas primeiras eleccións tralas constituíntes nin que o CDS na década dos oitenta chegara a ter 19 deputados.

Porque, ademais de criticar o bipartidismo, as forzas da esquerda non vertebran unha alternativa ao mesmo que poida competir no térreno electoral con forza suficiente para disputarlles unha parte da súa actual hexemonía política ?

Hoxe por exemplo se as forzas da esquerda alternativa e nacionalista tiveran concorrido xuntos ás eleccións habería os suficientes escanos para impedir a actual reforma constitucional por vía de urxencia. Sen falar claro esta dos efectos de ventilación interna que iso suporía para institucións que levan varias décadas sen actualizar discursos e análises.

Nunca me explico a necesidade que teñen diferentes forzas e espazos políticos convivir nunha mesma ‘casa común’ diaria chámese IU ou BNG. Esta xente non sabe que existe divorcio e que o mesmo é bo para casos de convivencia insoportable ? Porque estas forzas políticas non se desenvolven no día a día por separado, sen o desgaste innecesario que a convivencia conleva, e soamente se poñen de acordo, igual que as parellas divorciadas, sobre o futuro dos seus fillos e fillas (neste caso de todos e todas). Porque non desenvolven o seu traballo diario de forma autónoma e se plantexan a concorrencia ás eleccións conxuntamente baixo un programa mínimo de cambio.

Porque o PCE e Izquierda Abierta non se van cada un polo seu lado, e o mesmo fan +G, EI e a UPG. E soamente se xuntan esas, e máis forzas, para as convocatorias electorais. Aforrarían enerxías que gastan en batallas internas que poderían adicar para combater as políticas que din rexeitar e os seus membros se aforrarían moito en psicanalistas.

BenComún plantexou unha candidatura cidadá unitaria da esquerda para o senado. A lóxica desta iniciativa parte do mesmo pero máis aló, neste caso non combater o modelo bipartidista senón o modelo case monopartidista que neste caso configurase en Galicia arredor do PP.

A proposta significaría poñer os intereses de Galicia por riba nunha cámara de representación territorial e ademais obrigaría ao PSdG pasar de ser un 'club de cargos públicos' con intereses a un partido con proxecto nacional, unha das carencias claves na política galega desde a transición.

A cuestión é que os aparatos están máis preocupados polo seu espazo de poder que por atender as necesidade do país e da cidadanía.

A proposta de BenComún so tivo o respaldo intelixente da Mocidade Nacionalista Galega (MNG) e por suposto o rexeitamento frontal da UPG por medio do portavoz do BNG e dos seus aliados. O chamamento unitario formulado hai uns días por Gaspar Llamazares para unha coalición electoral entre IU-BNG-ERC xa encontrou o desplante inmediato entre a cúpula dirixente de IU. Soamente parece que ten posibilidade de chegar a bo porto a iniciativa plural ecoloxista e de esquerda impulsada por ICV, Equo, Compromis e Esquerra Verde (parece que lamentablemente unha vez máis na nosa historia sen ‘contraparte’ en Galicia).

Podemos asistir a paradoxa de que cando o bipartidismo esta máis cuestionado as forzas que o representan sumen, tralas eleccións do 20-N, máis numero de deputados e deputadas que nunca pola miopía das cúpulas dirixentes dos partidos da esquerda alternativa.

Afortunadamente, e a pesar dos dirixentes da esquerda partidaria, o bipartidismo esta ferido de morte desde que a cidadanía saíu a rúa arredor do movemento 15-M.

Mesmo pode ser que a modificación da constitución que entraría en vigor ‘de facto’ a partir do 2020 non chegue a ter efectos prácticos porque o modelo da transición faga augas e se leve por diante o bipartidismo e tamén de paso os actuais partidos da oposición.

Así que o bipartidismo morreu, viva o bipartidismo !

23 de agosto de 2011

A conspiración segundo Marx ... Groucho, por suposto !




Desde que apareceu BenComún, hai agora dous meses, non pararon de aparecer especulacións sobre a nosa orixe. Hoxe esas especulacións acadaron un rango ‘institucional’ tanto en canto o MGS afirma na prensa que somos xunto cos alcaldes ‘críticos’ do BNG lobby´s ao servizo de +G.

En realidade isto amosa unha vez máis o grado de desnorte que algúns teñen co que esta a ocorrer: revolucións árabes, 15-M, cambio de ciclo político,... así que tampouco hai que tomalo moi en serio polo que fixen un relato de ficción que de seguro algún chegará a crer que é realidade.

A historia que ven a continuación é irreal, calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Pura coincidencia? En realidade soa máis crible que algunha reflexión que sobre o que esta a pasar elabora algún grupo e/ou facción. O lamentable é que mesmo a pesar de que algúns se profesan marxistas, o capitulo da dialéctica o deberon de saltar na ‘escola de formación’ do Partido porque soamente miran conspiracións por todas partes.



Adicado a todas aquelas persoas que en lugar de aprender marxismo nos textos de Marx e Engels fixerono nos cadernillos resumidos editados en Corea do Norte e distribuidos no 'Partido'


Xoán Hermida*

Diante dos rumores que se veñen dando sobre a orixe de BenComún - que si Quintanistas, que si novo partido, que si ao servizo do PSOE e de EU, que si Beiristas, que si loby de +G, como un dos promotores véxome na obriga de arroxar luz sobre a cuestión e contar a verdade. En realidade, tratase dunha conspiración organizada pola CIA para axudar a derrocar a Gadaffi e como isto xa sucedeu, xa o podo contar pois pasa a ser tema desclasificado.

O contacto foi cun axente infiltrado nas concentracións do 15-M, que como ben saben algúns dos nosos maiores 'amigos’ ese movemento está dirixido pola CIA para apuntalar o sistema capitalista e que a mocidade non colla as armas, que me comentou da preocupación na ‘White House’ tiñan co apoio que unha parte da esquerda galega podía darlle ao sátrapa libio. O enlace coa CIA foi Pastor Alonso, amigo persoal de Charlie Sheen, que como todo o mundo sabe é o axente galego de máis alto rango na Axencia.

O primeiro que fixen foi afiliarme ao Encontro Irmandiño, sector no que podía encaixar mellor, non sen antes ter unha conversa con Quintana, interesado por outra banda en dereitizar o BNG. Recibimos máis datos nunha reunión con Rubalcaba e Chacon en Ferraz, e por último tivemos unha xuntanza con Guillerme, que en realidade é un axente dobre ao servizo do Mossad israelí.

É importante no relato recordar que Quintana estaba moi preocupado por garantir os intereses inmobiliarios de Jacinto Rey no Magreb, e foi por iso polo que me pasou un cofre cheo de lingotes de ouro moscovita. O ouro de Moscú procede dun cargamento expoliado polos nazis e máis tarde confiscado polo estado sionista, que llo entregou a Gómez-Valadés cando da súa inmolación política no BNG. Valadés, seguindo ordes do Mossad, entregou o ouro a Jacinto para que, a través do financiamento de BenComún, dese o paso decisivo para o derrocamento de Gadaffi enviándoselle ao Consello de Transición Nacional Libio.

O seguinte paso foi chamar a uns amigos da antiga esquerda galega e engadir, para disimular, algún outro de clara traxectoria radical e neocomunista.

Foron citados en Teo o 2 de xuño pasado. A elección non foi casual porque ao tanto da manobra, como despois púidose observar pola carta dos alcaldes do BNG, estaba Martiño Noriega.

A operación estaba en marcha e ningún dos meus ‘compañeiros de viaxe’ se decatou. A mesma tiña un segundo obxectivo: lanzar de forma subliminal o apoio ao Consello de Transición Nacional Libio durante a rolda de prensa ofrecida na librairía Couceiro. Tampouco ninguén se decatou da presenza dunha cámara da televisión qatarí Al Jazeera durante a mesma.

Como vedes o plano funcionou porque hoxe caeu Gadaffi e non hai ninguén que o defenda, salvo algún grupo incorruptible que vai montar con Chaves a V internacional (ou a VI que xa perdín a conta). Agora, imos a por Siria, tal como falamos con Rubalcaba e con Paco Vázquez, que está moi preocupado por liberar os cristiáns libaneses das garras de El-Assad. E iso é toda e a única verdade. Podo por suposto ofrecer máis datos se me son requiridos sempre que estean desclasificados.


* coa participación de Filipe Diez que me refrescou algún detalle esquecido


21 de agosto de 2011

Hexemonía social e axenda política




Xoán Hermida


Hai seis meses en Libia comezou unha revolta cidadá como parte do proceso único e inseparable que se estaba a dar en todo o mundo árabe, iniciado en Tunicia e Exipto.

A ‘resistencia’ de Gadaffi tivo dúas consecuencias directas. Permitir a Estados Unidos e os seus aliados introducirse nun conflito do que quedara fora de xogo namentres se adicaba a construír o mito do islamismo radical que eles mesmo chegaron a crerse. Conseguir que o efecto domino se atascara e as revoltas en Siria, Bareín, Marrocos, Iemen,… fracasaran polo do momento.

Pero tivo, ademais, unha terceira consecuencia indirecta: situar en portada das axencias e dos medios de comunicación internacional a guerra en Libia e converter ao ditador asasino Gadaffi nun novo símbolo do antiimperialismo, avalado na esfera internacional por Hugo Chaves e Daniel Ortega.

Seis meses despois, e nos días que se esta a librar a batalla final en Trípoli, a noticia está a ser desprazada pola visita do papa Benedicto XVI ao encontro da mocidade católica. Os medios españois xa non teñen xornalistas desprazados ao país árabe xa que todos están ocupados por cubrir informativamente o acontecemento da JMJ.

Durante tres meses o ‘movemento 15-M’ conseguiu marcar a axenda política, estar presente nas pasadas eleccións municipais e ‘ameazar’ con ter influencia nas próximas eleccións xerais do 20-N e continuar.

O ‘sistema’ non podía permitilo. Iniciaran xa o proceso de desprestixio do movemento cidadá e agora se trataba de buscar unha escusa para desviar a atención e esperar o erro táctico do adversario.

O desaloxo de Sol, coincidindo coa visita de Ratzinger, converteuse na cortada perfecta. A esquerda sempre disposta a amosar o radical que somos entrou a trapo. O efecto estaba conquerido.

A axenda política xa a volven a marcar eles, xa veremos se definitivamente ou non, pero o que é peor é que na batalla pola hexemonía social os temas apuntados, relacionados coas emocións e crenzas das persoas, son nos que a esquerda se desenvolve con maior torpeza e a dereita con maior destreza.

Cabe confiar en que o 'Movemento 15-M' sexa o suficientemente intelixente, como foi ata agora, para volver a resituar a súa axenda no centro do debate.

Namentres o pasado da os seus últimos coletazos en Libia e o futuro amosase incerto, son momentos de felicidade recordando aos camaradas e amigos árabes que levan anos loitando contra a inxustiza.

A resistencia demostrada polos libios ou sirios, as mobilizacións do ‘movemento 20 de febreiro’ en Marrocos que non se deixan engañar por unha falsa transición ou a tenacidade dos palestinos na defensa dos seus dereitos nacionais amosan que os cidadáns e as cidadás árabes saben cal é a súa axenda política.

A caída de Gadaffi debe marcar o inicio da caída doutros satrapas da rexión e que o movemento de fichas de domino recupere o seu dinamismo inicial. A OTAN debería abandonar Libia con urxencia e deixar que sexan os libios e as libias que constrúan o seu futuro. Chaves e Ortega non deberían ter a tentación de dar asilo ao criminal de Gadaffi pois suporía unha crise no altermundismo e abriría unha fenda insalvable entre a primeira onda de cambios iniciada en Latinoamérica hai dez anos e a segunda onda árabe do 2011.

12 de agosto de 2011

Cruzar as liñas 'inimigas'




Xoán Hermida

Hai uns anos tiven ocasión de presenciar nunha cafetería un debate sobre terrorismo no parlamento español que coincidiu coa enésima tregua fracasada de ETA. Eran momentos de gran crispación social e acababa de saír da cadea Iñaki de Juana Chao. Durante o debate, retransmitido por TVE, e namentres interviña o presidente do goberno, un hooligan da dereita sociolóxica ía vociferando en alto contra Zapatero lindezas como ‘asasino’, ‘terrorista’, ‘vaite con eles’ e outras de maior nivel ‘intelectual’ namentres que o ambiente do local tornábase cada vez máis de apoio e de consenso arredor do ‘liderazgo’ de ese individuo.

Nun momento determinado, e non sen moita reflexión pola miña parte, chameille a atención ao individuo en cuestión e ao propietario da cafetería polo que entendía era unha falla de respecto ás persoas que estabamos a seguir a retransmisión do debate.

O tipo calou, os clientes deixaron de facer de acompañamento e o debate foi seguido con atención polo público dun xeito máis ‘laico’.

Conto esta anécdota porque recentemente volveume a ocorrer nunha cea de compañeiros de traballo, onde un comezou a falar da situación actual con tódolos ‘tópicos’ culturais que a dereita incubou á xente nos últimos anos: ‘os xitanos son uns ladróns e uns vagos’, ‘os inmigrantes quítanos o traballo’, ‘os do 15-M son uns perro-flautas’, …. Teño que dicir, na miña contra, que eu nesas ocasións non tendo a rebaixar o diapasón e o xantar acabou con poucas gañas de festa posterior.

Ao día seguinte pensaba senón seria mellor calar, deixar pasar, e non ir ‘facendo amigos’ por todas partes. Pois, non!

Creo que a esquerda levamos demasiado tempo calados na ágora pública que temos ido cedendo en favor das posicións culturais da dereita.

As recentes revolucións nos países árabes nos teñen volto a situar diante dos ollos unha realidade esquecida: para mudar as cousas hai que arriscarse e estar disposto a saír mal parados.

Obviamente non estamos no Magreb e no Machrek, e polo tanto, a día de hoxe, o que podemos é recibir algunha aguilloada ou algunha situación de ostracismo social relativo. Se ademais te mobilizas como os do 15-M podes recibir algún porrazo e ao mellor co paso do tempo, e tal como están as cousas, algo máis.

Digo isto porque afortunadamente para nos, os ‘disidentes’ do Norte, os perigos entran dentro do previsible, moi lonxe da cadea ou represión que recibían os nosos antepasados que se enfrontaron á ditadura.

E é por iso polo que a actitude diante da inxustiza hoxe é sen dúbida menos coraxosa que onte, aínda que por iso mesmo faise necesaria unha maior carga de dignidade.

Levamos demasiado tempo acostumados a estar cómodos detrás das nosas liñas. Falamos para xente que nos entende e/ou asinte e calamos fronte aos ‘outros’ para evitar malestares innecesarios. En lugar de socializados como cidadáns, homoxeneizámonos como autómatas, confundindo non-violencia con non-conflito.

Algúns teñen levado esta actitude cómoda e de cinismo tan lonxe que calan diante dos outros (normalmente dos ‘poderosos’) pero atacan sen piedade a aqueles que desde a mesma suposta trincheira queren facer algo diferente a esperar apostados, mirando como o inimigo avanza.

Pero o combate soamente se da cando se abandona a trincheira propia e te adentras nas liñas 'inimigas'; esquecendo que namentres non hai combate no mellor dos casos hai tregua.

Tratase de cruzar as liñas culturais do ‘inimigo’, o que moi intelixentemente fixeron os indignados do 15-M. Sen axenda marcada polo sistema e/ou os mass media. Sen importarlle se as propostas eran ou non politicamente correctas. Coa frescura daqueles que aínda non se contaminaron pola resignación.

Cruzar as liñas culturais e sufrir algunha incomodidade é o que se espera dun home ou dunha muller de esquerda, o mesmo que hai anos os traballadores se infiltraban nos sindicatos verticais da ditadura para socavar a súa autoridade e autoorganizar o sindicalismo do futuro (ao marxe que os sindicatos do futuro non foran o que se esperaba).

Pero tamén hai que cruzar as liñas ‘doutrinais’ que non nos deixan avanzar, superar o sectarismo que nos paraliza.

Hai uns días a Iniciativa BenComún lanzou a idea de crear unha candidatura cívica unitaria ao senado.

Porque ao senado?; Porque agora?.

Efectivamente, porque nos ás eleccións autonómicas?; porque non antes e tamén porque non despois?

En todo caso nalgún momento hai que empezar e o momento presente sempre é o mellor momento para elo, sobre todo se coincide co peor momento para o ben común.

Levo anos sen entender porque a esquerda segue unida no día a día en formacións políticas aparentemente amplas e plurais pero que despois se converten nun desgaste de forzas necesarias para combater o ‘inimigo’ real. Non seria máis cómodo que houbera diferentes proxectos políticos nunha esquerda que é e vai seguir sendo plural e que soamente concorrera xunta ás citas sociais e electorais. Aforrariamos tempo en discusións estériles e cartos en psicanalistas.

O divorcio (‘civilizado’) permite seguir relacionándose coa túa ex-parella, mesmo tendo que acordar con ela cousas tan importantes como o futuro dos fillos. Porque as forzas políticas non poden ter vidas separadas e debater e preocuparse conxuntamente polo futuro dos nosos fillos e fillas, de Galicia, do Planeta.

Tampouco entendo aqueles que desde posicionamentos aparentemente radicais, separan a contenda electoral das outras (que electoralismo chusco!).

A contenda electoral é igualmente política ca contenda social, da defensa do público ou da defensa do ecosistema, da lingua ou da paz,…

Porque as forzas da esquerda, mesmo as que cando gobernan sen presión fan políticas de dereita (que como se observa ultimamente non é unicamente a socialdemocracia ‘oficial’) poden ir conxuntamente detrás da pancarta en defensa do ensino e a sanidade pública ou de Nunca Máis e non poden ir detrás da cidadanía nos procesos electorais?

Hai que adentrarse nas liñas inimigas para mudar as cousas ou como di un moi bo amigo hai que entrar en ‘territorio comanche’.

Namentres iso non se faga, a cultura de dereita e de destrución do ben común seguirá e a esquerda no mellor dos casos estará conformada por uns excelentes gardiáns das esencias e de paso por uns mestres no arte cainita de destruír o propio.

Nota: Todas e todos coñecemos a lideres políticos que pensamos non están a dar os pasos necesarios para rachar coa dinámica de derrota na que se encontra a esquerda. Tiña pensado publicar nestes días un artigo titulado “salvar ao soldado ... ( poñede o nome que consideredes)”, pois faise necesario liberar enerxías e intelixencias secuestradas hai tempo. Desisto. Confío que non necesitan que algúns nos arrisquemos en ‘territorio comanche’ para saír airosos das últimas batallas.