12 de agosto de 2011

Cruzar as liñas 'inimigas'




Xoán Hermida

Hai uns anos tiven ocasión de presenciar nunha cafetería un debate sobre terrorismo no parlamento español que coincidiu coa enésima tregua fracasada de ETA. Eran momentos de gran crispación social e acababa de saír da cadea Iñaki de Juana Chao. Durante o debate, retransmitido por TVE, e namentres interviña o presidente do goberno, un hooligan da dereita sociolóxica ía vociferando en alto contra Zapatero lindezas como ‘asasino’, ‘terrorista’, ‘vaite con eles’ e outras de maior nivel ‘intelectual’ namentres que o ambiente do local tornábase cada vez máis de apoio e de consenso arredor do ‘liderazgo’ de ese individuo.

Nun momento determinado, e non sen moita reflexión pola miña parte, chameille a atención ao individuo en cuestión e ao propietario da cafetería polo que entendía era unha falla de respecto ás persoas que estabamos a seguir a retransmisión do debate.

O tipo calou, os clientes deixaron de facer de acompañamento e o debate foi seguido con atención polo público dun xeito máis ‘laico’.

Conto esta anécdota porque recentemente volveume a ocorrer nunha cea de compañeiros de traballo, onde un comezou a falar da situación actual con tódolos ‘tópicos’ culturais que a dereita incubou á xente nos últimos anos: ‘os xitanos son uns ladróns e uns vagos’, ‘os inmigrantes quítanos o traballo’, ‘os do 15-M son uns perro-flautas’, …. Teño que dicir, na miña contra, que eu nesas ocasións non tendo a rebaixar o diapasón e o xantar acabou con poucas gañas de festa posterior.

Ao día seguinte pensaba senón seria mellor calar, deixar pasar, e non ir ‘facendo amigos’ por todas partes. Pois, non!

Creo que a esquerda levamos demasiado tempo calados na ágora pública que temos ido cedendo en favor das posicións culturais da dereita.

As recentes revolucións nos países árabes nos teñen volto a situar diante dos ollos unha realidade esquecida: para mudar as cousas hai que arriscarse e estar disposto a saír mal parados.

Obviamente non estamos no Magreb e no Machrek, e polo tanto, a día de hoxe, o que podemos é recibir algunha aguilloada ou algunha situación de ostracismo social relativo. Se ademais te mobilizas como os do 15-M podes recibir algún porrazo e ao mellor co paso do tempo, e tal como están as cousas, algo máis.

Digo isto porque afortunadamente para nos, os ‘disidentes’ do Norte, os perigos entran dentro do previsible, moi lonxe da cadea ou represión que recibían os nosos antepasados que se enfrontaron á ditadura.

E é por iso polo que a actitude diante da inxustiza hoxe é sen dúbida menos coraxosa que onte, aínda que por iso mesmo faise necesaria unha maior carga de dignidade.

Levamos demasiado tempo acostumados a estar cómodos detrás das nosas liñas. Falamos para xente que nos entende e/ou asinte e calamos fronte aos ‘outros’ para evitar malestares innecesarios. En lugar de socializados como cidadáns, homoxeneizámonos como autómatas, confundindo non-violencia con non-conflito.

Algúns teñen levado esta actitude cómoda e de cinismo tan lonxe que calan diante dos outros (normalmente dos ‘poderosos’) pero atacan sen piedade a aqueles que desde a mesma suposta trincheira queren facer algo diferente a esperar apostados, mirando como o inimigo avanza.

Pero o combate soamente se da cando se abandona a trincheira propia e te adentras nas liñas 'inimigas'; esquecendo que namentres non hai combate no mellor dos casos hai tregua.

Tratase de cruzar as liñas culturais do ‘inimigo’, o que moi intelixentemente fixeron os indignados do 15-M. Sen axenda marcada polo sistema e/ou os mass media. Sen importarlle se as propostas eran ou non politicamente correctas. Coa frescura daqueles que aínda non se contaminaron pola resignación.

Cruzar as liñas culturais e sufrir algunha incomodidade é o que se espera dun home ou dunha muller de esquerda, o mesmo que hai anos os traballadores se infiltraban nos sindicatos verticais da ditadura para socavar a súa autoridade e autoorganizar o sindicalismo do futuro (ao marxe que os sindicatos do futuro non foran o que se esperaba).

Pero tamén hai que cruzar as liñas ‘doutrinais’ que non nos deixan avanzar, superar o sectarismo que nos paraliza.

Hai uns días a Iniciativa BenComún lanzou a idea de crear unha candidatura cívica unitaria ao senado.

Porque ao senado?; Porque agora?.

Efectivamente, porque nos ás eleccións autonómicas?; porque non antes e tamén porque non despois?

En todo caso nalgún momento hai que empezar e o momento presente sempre é o mellor momento para elo, sobre todo se coincide co peor momento para o ben común.

Levo anos sen entender porque a esquerda segue unida no día a día en formacións políticas aparentemente amplas e plurais pero que despois se converten nun desgaste de forzas necesarias para combater o ‘inimigo’ real. Non seria máis cómodo que houbera diferentes proxectos políticos nunha esquerda que é e vai seguir sendo plural e que soamente concorrera xunta ás citas sociais e electorais. Aforrariamos tempo en discusións estériles e cartos en psicanalistas.

O divorcio (‘civilizado’) permite seguir relacionándose coa túa ex-parella, mesmo tendo que acordar con ela cousas tan importantes como o futuro dos fillos. Porque as forzas políticas non poden ter vidas separadas e debater e preocuparse conxuntamente polo futuro dos nosos fillos e fillas, de Galicia, do Planeta.

Tampouco entendo aqueles que desde posicionamentos aparentemente radicais, separan a contenda electoral das outras (que electoralismo chusco!).

A contenda electoral é igualmente política ca contenda social, da defensa do público ou da defensa do ecosistema, da lingua ou da paz,…

Porque as forzas da esquerda, mesmo as que cando gobernan sen presión fan políticas de dereita (que como se observa ultimamente non é unicamente a socialdemocracia ‘oficial’) poden ir conxuntamente detrás da pancarta en defensa do ensino e a sanidade pública ou de Nunca Máis e non poden ir detrás da cidadanía nos procesos electorais?

Hai que adentrarse nas liñas inimigas para mudar as cousas ou como di un moi bo amigo hai que entrar en ‘territorio comanche’.

Namentres iso non se faga, a cultura de dereita e de destrución do ben común seguirá e a esquerda no mellor dos casos estará conformada por uns excelentes gardiáns das esencias e de paso por uns mestres no arte cainita de destruír o propio.

Nota: Todas e todos coñecemos a lideres políticos que pensamos non están a dar os pasos necesarios para rachar coa dinámica de derrota na que se encontra a esquerda. Tiña pensado publicar nestes días un artigo titulado “salvar ao soldado ... ( poñede o nome que consideredes)”, pois faise necesario liberar enerxías e intelixencias secuestradas hai tempo. Desisto. Confío que non necesitan que algúns nos arrisquemos en ‘territorio comanche’ para saír airosos das últimas batallas.

Sem comentários:

Enviar um comentário