O bipartidismo morreu, viva o bipartidismo!
Xoán Hermida
O bipartidismo é algo máis cunha representación deformada da vontade popular que se expresa na preponderancia da bipolaridade en detrimento da pluralidade existente. É unha cultura política, unha forma de entender o debate social, un modelo democrático anoréxico. Mesmo máis ala forma parte do modelo dualista na que se move o pensamento occidental desde hai séculos.
Pero non nos (auto) enganemos. O bipartidismo existe porque vivimos nunha cultura da bipolaridade, do branco e o negro, onde as tonalidades e a análise ‘dos matices’ desaparecen. Onde o pensar é unha actuación de librepensadores perigosos e a maioría dos intelectuais son ‘orgánicos’, indistintamente do órgano en cuestión. Unha cultura política onde a percepción diferente se converte en disidencia. A cultura da trincheira que hai anos explicaba con moita retranca o amigo Manolo Crisanto, hoxe irremplazable en Sada e en Galicia.
Pero ademais disto, que xa é complicado de superar, o bipartidismo necesita de dúas premisas fundamentais. Unha, moitas veces criticada, dunha lexislación electoral que prime ás forzas maioritarias en detrimento das minoritarias producindo unha deformación da representatividade en canto ‘unha persoa, un voto’.
A outra, e esa é a máis necesaria combater, é a atomización e a grupusculización dos ‘diferentes’. Moitas veces se ten falado da lei d´Hont e da circunscrición provincial como mecanismo de deformación da vontade popular . E sendo certo esas mesmas circunstancias non impediron nin que o PCE-PSUC chegara a ter 21 deputados (hoxe dous) nas primeiras eleccións tralas constituíntes nin que o CDS na década dos oitenta chegara a ter 19 deputados.
Porque, ademais de criticar o bipartidismo, as forzas da esquerda non vertebran unha alternativa ao mesmo que poida competir no térreno electoral con forza suficiente para disputarlles unha parte da súa actual hexemonía política ?
Hoxe por exemplo se as forzas da esquerda alternativa e nacionalista tiveran concorrido xuntos ás eleccións habería os suficientes escanos para impedir a actual reforma constitucional por vía de urxencia. Sen falar claro esta dos efectos de ventilación interna que iso suporía para institucións que levan varias décadas sen actualizar discursos e análises.
Nunca me explico a necesidade que teñen diferentes forzas e espazos políticos convivir nunha mesma ‘casa común’ diaria chámese IU ou BNG. Esta xente non sabe que existe divorcio e que o mesmo é bo para casos de convivencia insoportable ? Porque estas forzas políticas non se desenvolven no día a día por separado, sen o desgaste innecesario que a convivencia conleva, e soamente se poñen de acordo, igual que as parellas divorciadas, sobre o futuro dos seus fillos e fillas (neste caso de todos e todas). Porque non desenvolven o seu traballo diario de forma autónoma e se plantexan a concorrencia ás eleccións conxuntamente baixo un programa mínimo de cambio.
Porque o PCE e Izquierda Abierta non se van cada un polo seu lado, e o mesmo fan +G, EI e a UPG. E soamente se xuntan esas, e máis forzas, para as convocatorias electorais. Aforrarían enerxías que gastan en batallas internas que poderían adicar para combater as políticas que din rexeitar e os seus membros se aforrarían moito en psicanalistas.
BenComún plantexou unha candidatura cidadá unitaria da esquerda para o senado. A lóxica desta iniciativa parte do mesmo pero máis aló, neste caso non combater o modelo bipartidista senón o modelo case monopartidista que neste caso configurase en Galicia arredor do PP.
A proposta significaría poñer os intereses de Galicia por riba nunha cámara de representación territorial e ademais obrigaría ao PSdG pasar de ser un 'club de cargos públicos' con intereses a un partido con proxecto nacional, unha das carencias claves na política galega desde a transición.
A cuestión é que os aparatos están máis preocupados polo seu espazo de poder que por atender as necesidade do país e da cidadanía.
A proposta de BenComún so tivo o respaldo intelixente da Mocidade Nacionalista Galega (MNG) e por suposto o rexeitamento frontal da UPG por medio do portavoz do BNG e dos seus aliados. O chamamento unitario formulado hai uns días por Gaspar Llamazares para unha coalición electoral entre IU-BNG-ERC xa encontrou o desplante inmediato entre a cúpula dirixente de IU. Soamente parece que ten posibilidade de chegar a bo porto a iniciativa plural ecoloxista e de esquerda impulsada por ICV, Equo, Compromis e Esquerra Verde (parece que lamentablemente unha vez máis na nosa historia sen ‘contraparte’ en Galicia).
Podemos asistir a paradoxa de que cando o bipartidismo esta máis cuestionado as forzas que o representan sumen, tralas eleccións do 20-N, máis numero de deputados e deputadas que nunca pola miopía das cúpulas dirixentes dos partidos da esquerda alternativa.
Afortunadamente, e a pesar dos dirixentes da esquerda partidaria, o bipartidismo esta ferido de morte desde que a cidadanía saíu a rúa arredor do movemento 15-M.
Mesmo pode ser que a modificación da constitución que entraría en vigor ‘de facto’ a partir do 2020 non chegue a ter efectos prácticos porque o modelo da transición faga augas e se leve por diante o bipartidismo e tamén de paso os actuais partidos da oposición.
Así que o bipartidismo morreu, viva o bipartidismo !
Bipartidismo!? Non che sei. Si entendemos como bipartidismo a confrontación de dúas posicións ideolóxicas cumpre preguntarse onde está a esquerda pois as reformas máis liberais realizadas neste estado realizaronse cun goberno supostamente de esquerda. Si entendemos bipartidismo como unha loita polo poder de diferentes faccións con posibilidade de acadalo si, é posible, pero depende da circunscripción. Falando do estado español pode dicirse que soamente dous partidos, de ideoloxía semellante, poden acceder ao poder. Noutras comunidades como Catalunya, Euskadi, Cantabria, Asturias (recentemente) mesmo Canarias varios partidos teñen a posibilidade de ser forza dominante. Galicia. Galicia é un caso aparte
ResponderEliminar