17 de outubro de 2011

Universalismo: desde Galicia para o mundo


Xoán Hermida

Veño de ler un artigo dun dos lideres do sindicalismo nacionalista que ten como elemento vertebrador do mesmo algo así como 'non se nos perde nada en Madrid' a propósito da estratexia sindical a seguir no conflito do ensino.

O articulista en cuestión di que non se basea nunha cuestión de ‘ideoloxicismo’ senón noutras consideracións, para continuar dicindo ‘aínda que a algúns poida sorprenderlles o sindicalismo galego sabe andar polo mundo’.

Non vou a entrar a considerar a cuestión de si se nos perde ou non algo en Madrid xa que non son ensinante e o sindicalismo o deixei o día que a UPG entrou a sangre e lume no espazo democrático, aberto, plural e innovador que representou a CXTG. Ademais sei moi ben como funciona iso das unidades sindicais cando e como conveñen e estamos a menos dun mes dunha cita electoral clave para o futuro dalgúns que levan corenta anos, os mesmos que Francisco Franco, ao fronte do partido.

O que me interesa é o artigo en si, a súa hermenéutica. A verdade, 'ideoloxicista' non sei pero rancio dabondo, cheo de tópicos e frases sacadas dun manual dos anos setenta e raiando o paletismo.

O universalismo é unha peza central no galeguismo do anos trinta, que culminou coa presenza de Plácido Castro na Sociedade de Nacións en representación de Galicia.

Unha cousa é andar polo mundo e outra ben distinta estar no mundo. Manuel Quiroga tocando as súas pezas mestras en New York; Daniel Castelao admirando e empapándose de expresionismo abstracto en Berlín; Xosé M. Beiras na Sorbona compartindo correntes marxistas contemporáneas do seu momento e despois como referente Altermundista; Camilo Nogueira impulsando a presenza de Galicia nas insitucións europeas; Lidia Senra na Vía Campesiña; … iso é estar non mundo.

Pero ademais o universalismo está aquí, nas nosas rúas e nas nosas prazas, na nosa xente do mar que atracou en moitos portos e coñece múltiples referentes culturais, nos nosos compatriotas emigrantes que se incorporaron a sociedades democráticas cando aquí aínda se estudaba a formación do espírito nacional ou se combatía, como outro ‘ilustre’ nacionalista recordaba hai pouco, co silabario do partido; nos intelectuais que puxeron en marcha Galaxia ou Sargadelos; no xeito de entender o liberalismo non como unha nefasta doutrina económica senón na súa acepción política e humana.

Non é necesario ‘andar polo mundo’ porque o universalismo é un xeito de comprender a realidade, pero a algúns non lles viría mal mirar a realidade máis aló do seu embigo.

Universalismo e estar conectado coas correntes políticas, sociais e culturais contemporáneas.

Estar na mobilización 15O:UNITED FOR # GLOBALCHANGE en lugar de estar nese momento histórico reunidos en conclave de costas ao mundo.

Penso na pouca esperanza para os nosos fillos. Non alcanzo a comprender como estes individuos chegaron a ser os dirixentes nacionalistas do século XXI. Como é posible que incen o país co seu lixo sectario e doutrinario. Como pode estar nas súas mans o futuro da patria dos nosos descendentes. E penso en Castelao e no resto dos galeguistas ilustrados e digo de seguro que se están a revolver nas súas tumbas.

Cando algúns están empeciñados en que Galicia desapareza é máis necesario que nunca construír un proxecto universalista ‘desde Galicia para o mundo’.


Artigo de referencia http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1973&seccion=4&typNe=01%3A46%3A20

15 de outubro de 2011

Exemplos de dignidade ou como o eixo esquerda versus dereita existe e esta máis vivo que nunca



Xoán Hermida

Nun prazo de escasamente un mes soubemos de dúas novas inquietantes relacionadas co Concello de Pontevedra.

A primeira era o anuncio do peche para finais deste ano do Plan de Inclusión Municipal contra a Pobreza. Un servizo que custa anualmente menos de 90.000 €, aínda que non se sabe moi ben porque os responsables municipais o elevan a 136.000 € (imaxino que estarán incluídas as dietas dos responsables políticos).

A segunda era o anuncio de que o novo Estadio de Pasaron pasará a custar 21 millóns de euros en lugar dos 7,2 millóns orzamentados inicialmente (a pagar entre deputación e concello) e que as expropiacións feitas pola administración local e erroneamente taxadas pasan de 867.000 € a máis de 3 millóns de euros.
(ver http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2011/10/11/0003_201110P11C19914.htm)

O curioso das dúas novas é no momento que se producen, en plena crise e cando máis que nunca seria necesario loitar contra a pobreza, e cun equipo de fútbol local propiedade dun dos grandes construtores da cidade e para colmo en terceira división.

Non vou a adicar nin un minuto a explicar porque se pecha o servizo de inclusión porque recentemente o explicou con total claridade no seu blog Filipe Diez (ver http://enredando.blogaliza.org/2011/09/27/o-concello-de-pontevedra-gobernado-pola-dereita/
) e nos próximos días informara deso o comité de empresa do Concello da ‘Capital’ (da provincia) como lle gusta recordar aos novos rexedores municipais.

O que se temos claro moitos e moitas e que se trata dunha decisión política motivada pola forma ‘peculiar’ que o equipo de inclusión ten de entender a política social non como caridade senón como empoderamento dos máis débiles.


Do plan de inclusión, recoñecido a nivel estatal polas persoas que entenden de políticas sociais, xurdiu o colectivo Boa Vida Inclusión Activa (http://boavidacasaazul.blogspot.com/), a primeira asociación de autoorganización dos sen teito de Galicia. (ver http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2011/10/15/nuevos-sintecho/588443.html)

O elemento central para o cambio, tal como xa apuntara Paulo Freire, é que primeiro se recupere a dignidade. Iso non é rendible electoralmente. Mellor o urbanismo.

Quen dixo que desapareceu a dicotomía esquerda versus dereita? Existe e esta máis viva que nunca. Outra cousa é que algúns non saiban en que lado teñen as súas coordenadas.

Namentres estas se recupera nas mesmas, quedámonos con exemplos de dignidade como o da casa azul.

9 de outubro de 2011

Desde a orfandade o meu apoio o 20-N para EQUO






“Non somos un partido en busca de persoas,
somos persoas en busca dun partido”
Juan López de Uralde



Xoán Hermida



Son un dos moitos e moitas que levamos máis dunha década votando ‘en contra de’ e lugar de ‘a favor de’. En realidade poida que no meu caso sexa máis tempo pois nos últimos anos da militancia partidaria eran elementos de descarte os que primaban nas miñas opcións.

Sempre defendín a necesidade de proxectos nacionais vertebrados política e organizativamente sobre a diferente realidade económica e social, territorial e política de Galicia. Nunca defendín proxectos do ‘nacionalismo ideolóxico’ pero si a necesidade da vertebración do que poderiamos chamar ‘nacionalismo cívico’.

Desde hai anos levo plantexando a necesidade da renovación da esquerda fronte a esquemas corporativistas, industrialistas, etnocentristas e antropocentristas da esquerda de finais do século XIX e a practica totalidade do século XX. Socialdemocracia e comunismo como dúas caras da mesma moeda en versión ‘reformista’ ou ‘revolucionaria’.

A finais do século pasado forzas da esquerda social periférica e algunhas avanzadas no centro comezaron a plantexar a idea do ecosocialismo como nova formulación da esquerda trala caída do muro de Berlín. Eu debín ser dos primeiros en Galicia na década dos noventa en plantexar a necesidade dun marxismo verde, dun ecosocialismo galego con moi pouco éxito e un comentario agudo de Xavier Navaza en El Correo Gallego.

Lamentablemente a nosa situación de periferia no centro do sistema impediu que ao igual que noutros lugares se desenvolvera un proxecto destas características e aínda hoxe esteamos a falar de nacionalismo popular en lugar de ecogaleguismo.

Son dos que pensa que esa nova formulación política acabará tendo o seu espazo e a mesma chegará da confluencia de diversas sensibilidades e culturas da esquerda nacional democrática.

Hai un tempo que levo apoiando ao Encontro Irmandiño porque parten do respecto á sociedade civil organizada no que se da en chamar esquerda social e porque plantexan a necesidade de artellar un novo instrumento político para unha nova etapa.

As últimas eleccións municipais evidenciaron aínda máis, se cabe, esa necesidade e o movemento 15-M puxo enriba da mesa unha crecente desafección da cidadanía coa forma de entender a política os actuais partidos.

O tempo pasa e Encontro Irmandiño segue na súa particular batalla interna no BNG, respectable e entendible para os que son afiliad@s do mesmo, que non é o meu caso.

Así que como Encontro Irmandiño non se presenta ás eleccións e namentres espero, por primeira vez en varios anos, aínda orfo de proxecto partidario electoral, teño a posibilidade de votar a unha forza que me gusta e non so ‘en contra de’.

Estoume a referir a Equo. O xurdimento de Equo é un sopro de aire fresco na actual situación de colapso institucional e rixidez democrática. De seguro que non toda a letra me vai gustar pero de seguro, tamén, que a musica soa a orquestra sinfónica despois de levar anos escoitando as mesmas charangas desafinadas.

En todo caso tratase dun proxecto por definir e todo é posible.

A sinatura dun protocolo de colaboración mutua entre Equo e ICV recoñecéndose como forzas irmáns e posible constitución conxunta de grupos parlamentarios ou a vertebración no Pais Valencia da coalición Compromis-Equo; en Baleares a coalición PSM-Entesa Nacionalista, Entesa per Mallorca, IniciativaVerds e Equo e en Tenerife Equo-Socialistas por Tenerife; confirman a intención de Equo de non ser un novo partido ao uso no nacional (con delegacións) senón unha nova forma de entender a política tamén no plano nacional.

A dinámica política galega fai que a día de hoxe non exista unha forza galega que ocupe eses espazo de esquerda renovadora e verde, correndo o risco de gravitar sobre bloque / antibloque e perder a pouca ou moita posibilidade que nos queda para construír un espazo nacional de futuro e desde a esquerda.

Por iso vou votar Equo. Non porque poida sacar representación na miña circunscrición senón porque serva como factor de pulo ao futuro proxecto do ecosocialismo, galego por suposto, tan necesario.

Tralo 20-N, despois do batacazo das esquerdas partidarias, haberá tempo dabondo para reflexións, reconducións e converxencias. Será tempo de reconstrución e de moito traballo. Daquela nos vemos construíndo o neogaleguismo ecosocialista.