Universalismo: desde Galicia para o mundo


Xoán Hermida

Veño de ler un artigo dun dos lideres do sindicalismo nacionalista que ten como elemento vertebrador do mesmo algo así como 'non se nos perde nada en Madrid' a propósito da estratexia sindical a seguir no conflito do ensino.

O articulista en cuestión di que non se basea nunha cuestión de ‘ideoloxicismo’ senón noutras consideracións, para continuar dicindo ‘aínda que a algúns poida sorprenderlles o sindicalismo galego sabe andar polo mundo’.

Non vou a entrar a considerar a cuestión de si se nos perde ou non algo en Madrid xa que non son ensinante e o sindicalismo o deixei o día que a UPG entrou a sangre e lume no espazo democrático, aberto, plural e innovador que representou a CXTG. Ademais sei moi ben como funciona iso das unidades sindicais cando e como conveñen e estamos a menos dun mes dunha cita electoral clave para o futuro dalgúns que levan corenta anos, os mesmos que Francisco Franco, ao fronte do partido.

O que me interesa é o artigo en si, a súa hermenéutica. A verdade, 'ideoloxicista' non sei pero rancio dabondo, cheo de tópicos e frases sacadas dun manual dos anos setenta e raiando o paletismo.

O universalismo é unha peza central no galeguismo do anos trinta, que culminou coa presenza de Plácido Castro na Sociedade de Nacións en representación de Galicia.

Unha cousa é andar polo mundo e outra ben distinta estar no mundo. Manuel Quiroga tocando as súas pezas mestras en New York; Daniel Castelao admirando e empapándose de expresionismo abstracto en Berlín; Xosé M. Beiras na Sorbona compartindo correntes marxistas contemporáneas do seu momento e despois como referente Altermundista; Camilo Nogueira impulsando a presenza de Galicia nas insitucións europeas; Lidia Senra na Vía Campesiña; … iso é estar non mundo.

Pero ademais o universalismo está aquí, nas nosas rúas e nas nosas prazas, na nosa xente do mar que atracou en moitos portos e coñece múltiples referentes culturais, nos nosos compatriotas emigrantes que se incorporaron a sociedades democráticas cando aquí aínda se estudaba a formación do espírito nacional ou se combatía, como outro ‘ilustre’ nacionalista recordaba hai pouco, co silabario do partido; nos intelectuais que puxeron en marcha Galaxia ou Sargadelos; no xeito de entender o liberalismo non como unha nefasta doutrina económica senón na súa acepción política e humana.

Non é necesario ‘andar polo mundo’ porque o universalismo é un xeito de comprender a realidade, pero a algúns non lles viría mal mirar a realidade máis aló do seu embigo.

Universalismo e estar conectado coas correntes políticas, sociais e culturais contemporáneas.

Estar na mobilización 15O:UNITED FOR # GLOBALCHANGE en lugar de estar nese momento histórico reunidos en conclave de costas ao mundo.

Penso na pouca esperanza para os nosos fillos. Non alcanzo a comprender como estes individuos chegaron a ser os dirixentes nacionalistas do século XXI. Como é posible que incen o país co seu lixo sectario e doutrinario. Como pode estar nas súas mans o futuro da patria dos nosos descendentes. E penso en Castelao e no resto dos galeguistas ilustrados e digo de seguro que se están a revolver nas súas tumbas.

Cando algúns están empeciñados en que Galicia desapareza é máis necesario que nunca construír un proxecto universalista ‘desde Galicia para o mundo’.


Artigo de referencia http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1973&seccion=4&typNe=01%3A46%3A20

Comentários

  1. Non podo comprender como algúns aínda defenden que este nacionalismo galego que predomina na actualidade non é sectario, cando ignora calquera outra corrente cultural, económica, social, política,... Non só é sectario, reprime calquera pensamento contrario ao seu, ao estilo FF, do que antes te lembrabas. Quen non? Calquera problema é resolto ao estilo Feijóo, recriminando aos de Madrid, ignorando o efecto que ás grandes corporacións financeiras mundiais ou ás multinacionais ten sobre este e calquera outro país. De parásitos define unha das correntes do BNG aos que hoxe o gobernan e eles queren gobernar, para parasitar tamén, claro está. Esta xente non vive no mundo e por tanto non vive tampouco en Galicia. Remato dicindo unha cousa que xa se está convertendo no meu modo de vida: eu non confío en ningún partido que nacese antes do 15M. En ningún!

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas