A imparable marcha da liberdade


Xoàn Hermida

Recoñezámolo. estabamos nos biosbardos!

Dez anos de constante intoxicación conseguiron que mesmo aqueles que pensabamos que 'outro mundo é posible’ aceptaramos como interpretación do que estaba a ocorrer nos países árabes a versión interesada impulsada polos poderes políticos e económicos acompañado polos grandes ‘mass media’ e por unha pléiade de articulistas, comentaristas, tertulianos,...

Pois non!. Non era o islamismo radical, nin tan sequera era o islam, o ‘construtor’ dunha nova sociedade para aqueles cidadáns fartos de ver como a súa dignidade e liberdade vese asoballada por sátrapas interpostos polos poderes do norte.

Falamos de choque de civilizacións, pero no fundo estabamos a pensar en choques de relixións.

E aínda que é evidente que hoxe tócalle ao mundo musulmán pasar a súa peculiar idade media que a Europa lle tocou padecer ata hai cinco séculos, a verdade é que a relixión islámica nunca tivo as contradicións que o cristianismo tivo coa ciencia. Outra cousa é a súa similitude no tema de usos e costumes morais.

E non é por un problema de maldade intrínseca que fai peor a relixión cristiá que ao islam. Non !

Se oriente non tivo o debate convulso entre ciencia e relixión que durante séculos tivemos en Europa é porque as súas fontes filosóficas son dualistas e dialécticas namentres que en occidente herdamos un pensamento monista, representado na tradición da ontoloxía da inmobilidade de Parmenides e do idealismo de Platon.

Así que penetrados polo discurso oficial viviamos acazapados esperando as accións terroristas das células durmintes e os avances das masas fanatizadas.

En troques, chegou a mocidade con niveis culturais altos e con gañas de vivir digna e libremente.

Descolocaron aos servizos de 'intelixencia’ que bastante chollo tiñan xa con vixiar os refuxios paquistanís e iranianos de al-Qaeda. Deixaron fora de xogo a Bin Laden, ese mercenario de familia rica adestrado pola CIA para combater o comunismo, que leva sen dicir ni un palabra do que esta a acontecer desde o comezo. Porque ao igual que nos poderosos círculos de occidente, onde adquiriu a súa formación 'intelectual’, non estaba preparado para a liberdade.

E o máis lamentable, pillou a contrape á esquerda - se existise ou existira - máis preocupada na pose e na liturxia que na acción e na reflexión.

Seguramente non entendan porque nas revolucións árabes non se rompen colectores ou se levan bandeiras negras e vermellas cunha A no medio dun circulo; porque son familias enteiras as que se mobilizan e ademais se organizan para despois limpar a praza que tomaron ou organizar o reparto de alimentos ou a asistencia aos feridos.

Non o poden entender porque do que se trata e de facer a revolución, non falar dela. Porque o que se trata é de dar resposta a ampla base da pirámide social e non so a un grupusculo de visionarios.

Ollo! E mal faría esa esquerda, ausente e incapaz de artellar nada cun mínimo de sentido practico no Norte, en buscar agora ditadores de esquerda ou ditadores de dereita, dividir aos criminais en amigos e inimigos. Porque inimigos da liberdade e da xustiza o son todos.

Por suposto que existen moitas interrogantes sobre o futuro das revolucións da cidadanía árabe, mesmo e posible que ao final sexan reconducidas polos poderes do Norte, pero non deberiamos botar nin unha mínima sombra ou dubida sobre o seu caracter democrático e emancipador, e en todo caso estou de acordo con Nicholas Kristof cando di que “todos aqueles que neste momento arriscan a súa vida e a dos seus en nome da liberdade e da democracia merecen cando menos un mínimo de respecto!"

Conviría, pois, desbrozar para liberarnos dalgúns dogmas e prexuízos.

Que as arbores non nos impidan ver o bosque, ... nin que o velo das mulleres árabes nos impidan ver a realidade.

O islam non e o problema, nin tan sequera na cuestión da discriminación da muller (significado nestes días, nun exercicio de intolerancia cultural, no hiyab dunha rapaza árabe de Arteixo) senón a construción da modernidade e da vertebración democrática. E ao mellor, nos tan etnocéntricos, neste tema imos ter que estar a dicir cousas moi diferentes dentro duns anos.

En todo caso, segue sendo o Sur, igual que hai dez anos fora en Latino América, o que ten capacidade de plantexar alternativas e defendelas.

Namentres, en Europa deberiamos abrir as xanelas porque hai tempo que algo cheira a podre. E de paso que sentimos a brisa que ven do outro lado do océano ou do mar, podemos ler as fermosas paxinas do pequeno manifesto do ancián Stéphane Hessel: 'Indignez-Vous'.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas