4 de fevereiro de 2012

O Sorriso de Feijóo


Xoán Hermida

En Amio e en Sevilla, e cunha semana polo medio, Feijoo ven de asegurarse a reelección en outubro.

Rematados os procesos congresuais do BNG e do PSOE, e toda vez que o que pase no PSdG é xa irrelevante, a única esperanza para o cambio en San Caetano so pode vir da man do nacemento dunha nova forza na esquerda galega.

As citas destas organizacións de esquerda e doutras amosan unha vez máis a incapacidade dos aparatos dos partidos políticos para asomarse ao século XXI con naturalidade.

O 15-M puxo de evidencia a desafección da cidadanía cos partidos políticos en xeral e cos da esquerda en particular. Nunha situación de normalidade todo indicaría que as forzas políticas tomarían nota e mudarían de rumbo, pero moi polo contrario parece que apostan polo suicidio colectivo.

E verdade, tal como afirma o sociólogo catalán Antoni Gutiérrez que os partidos perderon a exclusividade da acción política pero máis aló cabería esperar que non descoidara o seu imprescindible papel de interface institucional. Non parece que ese vaia a ser o camiño, alúmenos a curto prazo

Non obstante destas citas tamén sae un rasquizo para a esperanza pois o resultado das mesmas aplanan o camiño para a constitución dun nova forza da esquerda galega de ampla base.

Forza que vai necesitar do espazo renovador que se aglutinou arredor de Xosé Manuel Beiras na última asemblea do BNG pero que tamén vai necesitar de novos nutrientes dunha esquerda nacional que non ten participado de ningunha das dúas forzas políticas centrais da esquerda galega nos últimos vinte anos.

Tratase de construír unha nova alianza ampla de cambio que recolla o mellor da tradición do BNG e do PSdG pero que a súa vez incorpore aqueles elementos centrais das axendas sociais deste inicio do século XXI, democracia, ecoloxismo e ética, que a permitan converterse nun gran espazo nacional alternativo á hexemonía do PP.

Co tándem Vazquez&Vazquez, Feijóo pode durmir tranquilo e feliz. Necesitamos crear novos espazos que lle quite o soño e borre o sorriso ao ocupante de Monte Pío.


( publicado en Praza Pública http://praza.com/opinion/36/o-sorriso-de-feijoo/ )

Sem comentários:

Publicar um comentário