8 de abril de 2011

Notas críticas sobre a esquerda e Libia (recunquemos logo!)


Xoán Hermida


O conflito Libio non so ten posicionado de xeito diferente as esquerdas políticas europeas entre as partidarias da intervención internacional ( BdE, ERC, ICV, parte do Die Linke, Europe Ecologie,,.. ) e os contrarios ( PCP, BNG, e a outra parte do Die Linke ), senón tamén aos pensadores da esquerda en xeral e aos altermundistas en particular.


Nestas semanas teñen proliferado artigos con posicionamentos e matices, a ter en conta. Particularmente atractivos intelectualmente son os escritos que nos teñen deixado Immanuel Wallerstein, Sami Naïr, Noam Chomsky, Tarik Ali, Grégoire Lalieu a Jean Bricmont, Eugene Robinson, Daniel Iriarte, Ignacio Ramonet, Juan Cole, Jordi Calvo ou aquí no noso país a sempre contundente visión de Xose Manuel Beiras, a netamente pacifista de Lupe Ces ou a fresca e documentada mirada de Antom Fente. De seguro que a medida que o conflito Libio se enquiste e as revolucións árabes avancen ou afoguen iranse producindo novas miradas e matizando algunha posición inicial.


Partimos por suposto como dicía recentemente nunha entrevista o xornalista Daniel Iriarte que “Unha cousa é estar en contra da intervención occidental, e outra apoiar a un ditador criminal como Gaddafi […]


O paradoxal é que, de non terse producido a intervención, o resto de gobernos autoritarios do mundo árabe houberan entendido non só que contan con luz verde para aplastar salvaxemente as protestas dos seus propios pobos, senón que é a única maneira verdadeiramente efectiva de acabar coas manifestacións. Ben Alí e Mubarak non foron o suficientemente duros e caeron, Gaddafi optou pola man dura e case gaña.”


Pero si algún autor recolle nos seus escritos as contradicións do asunto Libio é Immanuel Wallerstein que fai unha comparativa cos acontecementos dos anos sesenta ( do século pasado ):


“Como en 1968, as súas accións tiveron un efecto contáxiante. En moi pouco tempo ameazaron a orden establecida de case todos os países árabes independentemente de criterios de política externa. Cando amosaron a súa forza no Exipto, o principal país árabe, todo o mundo comezou a tomalas en serio. Hai dúas maneiras de levar estas revoltas en serio: unha é unirse a elas e tentar contróla-las desde dentro; a outra é tomar as medidas que sexan necesarias para sufoca-las. As dúas cousas foron tentadas [...]


Gaddafi é un grande obstáculo para a esquerda árabe, e tamén do resto do mundo. Tal vez debamos lembrarnos da máxima de Simone de Beauvoir: ‘querer liberarse significa querer tamén a liberdade dos outros’”.


Tamén o noso maior activo intelectual non foi alleo ao debate, abofé, e aínda tendo matices sobre o seu plantexamento, entra con forza no mesmo e amosa unha forma de entender o nacionalismo de xeito universalista da que carecen algúns dos nosos nacionalistas ( que máis ben poderiamos cualificar de provincialistas ). Xose Manuel Beiras describe nun artigo e nun recunque posterior a situación do seguinte xeito:


“E vou servos ‘confidencialmente’ moi claro e rotundo. Gaddafi é un déspota venal e sen escrúpulos? Vale. Acaso non o son os seus amigos e aduladores de inda onte como os Bush II, Blair, Sarko, Berlusco e demais, que sabían perfeitamente quen era o persoaxe?. Acaso os Bush-Blair-Netanyahu-Aznar teñen ás súas costas menos mortos e menos crimes ca os Gaddafi de turno?. Pois a vítima propiciatoria dos uns e mailos outros son os povos, coma o libio -que é o que a min me importa, mais parece que fica fóra de foco nas controversias. E en todo caso, Gaddafi non é o problema. Se o fose, podíano ter resolto hai ben tempo. Gaddafi é a coartada -cousa ben distinta, abofé.


A esquerda do centro do sistema, vella ou nova, ten que proceder a dúas remudas na súa óptica ideolóxica. A primeira consiste en deixar de concibir á esquerda, ou sexa a si mesma, nos esquemas do sistema -porque, de non facer tal, só contribuirá, dialéticamente, a reproducilo. E a segunda, en deixar de ollar á periferia cos lentes do centro e mesmo, en troques, aprender a dexergar o sistema dende a perifeira, a examinalo cos lentes do sul -a exploralo guiada pola 'epistemoloxía do sul'.


Reprodúcese outravolta aquela sinistra distinción entre ‘menschen’ e ‘untermenschen’, humanos e ‘sub-humanos’. Irakís, afganos, palestinos, saharauis son "untermenschen", son sub-humanos, seica. Tamén os rebeldes desarmados de Bahrein, do Yemen. E os libios non armados contra o réxime. Aos seus agresores, a ONU non lles declara a guerra. Inxénuo de min, como llela ía declarar!: sería unha inefábel auto-declaración de guerra dos nazis de arestora”


Pero quizais sexa a reflexión de Ignacio Ramonet a que pon o dedo na ferida dunha esquerda incapaz de aproveitar unha ocasión histórica como a que estamos a asistir:


“Sorprendente foi, durante esta primeira fase (de mediados de decembro a mediados de febreiro), o silencio dos gobernos progresistas de América Latina, considerados por toda una parte da esquerda internacional como o seu principal referente contemporáneo. Sorpresa tanto máis grande posto que estes Gobernos teñen moito en común co movemento insurreccional árabe: tiñan chegado ao poder mediante as furnas, apupados por poderosos movementos sociais (en Venezuela, Brasil, Uruguai e Paraguai) que, en varios países (Ecuador, Bolivia, Arxentina), despois de ter resistido a ditaduras militares, tamén tiñan derrocado pacificamente a gobernantes corruptos”.


Pero máis aló dos matices que se moven dentro dos lindes de posicionamentos antiimperialistas claros e tamén de apoio ás revolucións arabés todos teñen algo en común esperanzador.


Por primeira vez en moito tempo estamos obrigados a plantexar interrogantes e buscar solucións mais aló dos lugares comúns.


Teño escrito, e estou convencido deso, que as revolucións cidadás e democráticas árabes son a máxima expresión de cambio rexional desde as revolucións democráticas europeas de 1848.


Daquelas o ‘Papa e o Zar, Metternich e Guizot, os radicáis franceses e os polizontes alemans’ estaban preocupados polo pantasma que percorría Europa. Hoxe son Obama e Merkel, Netanyahu e Gaddafi, Abu Dhabi e Ahmadineyad , os radicais islámicos e as corporacións internacionais, os que están preocupados polo pantasma que percorre o mundo árabe.


Ninguén é tan inxenuo en pensar que a intervención dos aliados non se produce por intereses económicos ou xeoestratéxicos, directos ou indirectos, e ninguén – salvo raras avis da esquerda fosilizada - pode defender a Gaddafi.


Pero máis aló de posicións anecdóticas, a esquerda, no seu senso amplo e profundo, non debe quedar impasible diante duns pobos que se revelan contra o ‘status quo’ inxusto e contra un ‘establishment’ que so se mantén por ‘respiración asistida’.


Esa esquerda debe atopar unha reflexión común, intelixente e de futuro que permita novas alianzas internacionais entre as esquerdas europeas, os procesos bolivarianos latinoamericanos e os pobos árabes que se rebelan.


Pero para elo deben elaborar unha estratexia de cambio global e sobre todo pensar sen antepoñer ningunha escusa as demandas dos pobos.


Permitome interpretar que a epitemoloxía do Sur que defende Boaventura de Sousa pasa tamén por rachar co etnocentrismo que coloca en segundo plano os intereses desas poboacións. Acaso os cidadás árabes non teñen dereito e deber á rebelión?. Pasar de indignarse a actuar?. Ou dito en palabras utilizadas por Beiras non teñen dereito a deixar de ser "untermenschen" e pasar a ser "menschen".


Se a esquerda non quere perder unha nova oportunidade debe por suposto oporse aos intereses imperialistas na rexión pero para ser crible debe antes apoiar sen ningún tipo de rasquizo as revolucións árabes, a todas sen excepción.


A ideoloxía, como dicía Karl Marx, non é mais que a superestrutura para ocultar os intereses do poder establecido. Que poder establecido nos países árabes temos necesidade de defender?


Antes da intervención da OTAN en Libia unha parte da esquerda ( da vella, por suposto!) estaba confusa e descolocada polos ventos de liberdade que viñan do sur e estaban esperando a primeira desculpa para desacreditar eses movementos. Confundiron revolucións con conspiracións - algo por outra parte moi habitual nestes novos idealistas que se proclaman materialistas-.


De seguro que cando as revolucións sexan reconducidas polos centros de poder do norte, en lugar de plantexarse criticamente a posición de non apoio dada, dirán aquilo tan cotiá nos ‘pseudocientificos’ sociais de ‘xa o dicía eu’.


Isto chamase en psicoloxía profecías autocumpridas. Quedaran satisfeitos por ter levado a ‘razón’, pero a esquerda terá perdido unha nova oportunidade para o cambio global e para o seu rearme político. Quizais unha das ultimas.


Incapacitados de levarnos adiante nin a mínima alternativa durante a crise sistemica no centro do mesmo, cando menos sexamos respectuosos con aquelas persoas que arriscan a súa vida e a das súas familias por mudar as cousas desde a periferia.


Como non estar de acordo con Noam Chomsky cando moi oportunamente dí: “Os que se preocupan pola paz, a xustiza, a liberdade e a democracia deben tratar de encontrar maneiras de prestar apoio e asistencia aos libios que tratan de forxar o seu propio futuro, libre das limitacións impostas polas potencias estranxeiras. Podemos ter esperanzas sobre a dirección a seguir, o futuro debe estar nas súas mans” .

Sem comentários:

Enviar um comentário