7 de setembro de 2010

De similitudes e diferenzas

Xoán Hermida

Sempre me neguei a pensar que o elemento distorsionador da UPG na esquerda galega fora o seu carácter comunista.

Quizais porque non podo facerme a idea de que os dirixentes de dito partido teñan nada que ver intelectualmente con pensadores e lideres políticos da talla de Lenin, Gramsci, Althusser ou Lukács. Quizais porque como lembraba recentemente Jorge Semprum os comunistas son fundamentalmente boas persoas.

Sexa como sexa, faise necesario separar o grao da palla xa que os que se din seguidores dunha corrente filosófica ou teolóxica na maioría das veces nada teñen que ver co corpo teórico elaborado polo seu fundador e/ou non necesariamente os seus planeamentos concordan co mesmo.

Isto é facilmente comprensible se comparamos o “Sermón da montaña” pronunciado por Xesús de Nazaret coas encíclicas dos sucesores de Pedro, en especial as de Karol Wojtyla e Joseph Ratzinger. Pero igualmente é facil de observar a supostos marxistas defender postulados que asombrarían ao propio Marx.

Mesmo no caso de Lenin, é fácil de observar como moitos dos que se proclaman herdeiros políticos do seu pensamento non entenderon nada da súa praxe, descontextualizándoa e convertendo unha das maiores experiencias revolucionarias da historia da humanidade, coas súas luces e sombras, nunha especie de auto sacramental.

Sen dubida moitos dos planeamentos políticos e éticos de Lenin non teñen encaixe na sociedade do século XXI pero non e menos certo que as reflexións teóricas de Lenin eran as de un marxista heterodoxo e polo tanto innovador na coordenada temporal e adaptado a súa realidade nacional na coordenada espazo. Reivindicar a teoría e a acción de Lenin ou de Marx nada ten que ver coa formulación encorsetada marxismo (guión) leninismo inventada polo stalinismo no proceso de degradación e amputación da revolución rusa. Cabe neste momento recordar que cando se produce a crise do maior partido de esquerda marxista do estado español: o PSUC, ademais da corrente eurocomunista e a ortodoxa, existe unha denominada leninista, composta esta non precisamente por persoas dogmáticas senón participada por algúns dos mais lucidos intelectuais da esquerda catalá do momento.

Este fin de semana tiven ocasión unha vez máis de asistir a Festa do Avante que o Partido Comunista Portugués celebra tódolos anos a primeira fin de semana de setembro na Quinta da Atalaia no Seixal.

Xa é a sexta vez. A primeira foi hai 25 anos no Alto da Ajuda en plena revisión das conquistas de Abril por parte dos sucesivos gobernos do PS e do PSD e nun ambiente anticomunista durísimo. Daquel ano é o libro “O partido con paredes de vidro” que Alvaro Cunhal acababa de escribir e nos que intentaba dar resposta aos múltiples ataques recibidos.

25 anos despois desta primeira cita a festa ségueme a impresionar pola súa dimensión e pola súa capacidade de convocatoria ( que non para de medrar ), pola súa capacidade organizativa, pola súa alegría e sobre todo pola capacidade de resistencia do PCP.

O PCP parecese aos “nosos” partidos comunistas ( nomeadamente UPG e PCE ) en moitas cousas: incapacidade para renovar a súa practica política, obreirismo que o imposibilita ter un discurso e unha practica directa en problemáticas transversais e centrais como ecoloxismo, feminismo, inmigración, banca ética,,…, e sobre todo unha ausencia dunha estratexia de cambio que implique ao tecido social máis aló dos nichos sindicais consolidados ( entendendo aos movementos sociais como correas de transmisión ) ou políticos ( nin tan sequera se menciona nos seus discursos as estratexias de alianzas coa outra esquerda antisistemica portuguesa: o bloco ).

Pero ao igual que nos pasatempos de “descubre as cinco diferenzas”, ao PCP cando se compara co PCE ou a UPG os parecidos pasan a ser puras coincidencias.

E verdade que o PCP, en parte pola súa propia incapacidade política e en parte pola súa propia concepción, é un partido de resistencia e non un partido de transformación. Pero ollo!, é un partido de resistencia real, mobilizador e con capacidade de intervención. Un partido militante. Ninguén se pode imaxinar gobernando nun bipartito con meras políticas de xestión.

E un partido con tradición fronte populista, tal como fora concibida por Georgi Dimitrov nos anos 30, como ferramenta superadora do enfrontamento sectario esquerda reformista versus esquerda revolucionaria que abrira as portas ao nazismo. Un partido capaz de frear o paso da dereita política mesmo se para elo ten que prestar un apoio táctico á socialdemocracia como ocorreu no pasado con Soares, sabendo analizar os matices políticos existentes. E curioso observar como en Portugal a mobilización contra a crise se fai de igual xeito contra o goberno -PS - que contra a dereita - PSD/CDS - namentres que aquí a "micro" mobilización do 29-S centrase en Zapatero obviando que si gobernara a dereita as políticas de axuste serian máis duras aínda.

Os comunistas portugueses fan a súa intervención política sen ocultar a súa presenza social ou maquillar o seu contrato electoral inseríndose en estruturas amplas onde utilizar compañeiros de viaxe como outros fano no BNG ou en IU. Certo que o PCP presentase as eleccións con Os Verdes no marco da CDU pero esta é simplemente unha coalición electoral sen maior interese que o de sumar espazos electorais.

Ademais o PCP é un partido con proxecto nacional. Namentres por estes lares o PCE é prisioneiro do axioma supostamente leniniano de “un estado, un partido”, claro que ese axioma non era máis que unha constatación do marco de loita de clases nun momento onde os estado-nacion non entraran en crise con procesos de confluencia ou por espazos políticos nacionais sen estado. Por outra banda, o “noso” partido patriótico – UPG – que si entendeu o marco nacional para a actuación política esta a tirar pola borda este activo froito do seu desprezo cada vez máis constatable polo pobo que din defender.

Por suposto ningún partido comunista, desde o XX Congreso do PCUS, reivindica a etapa staliniana pero non é menos certo que o stalinismo non é so unha dexeneración totalitaria dun proxecto revolucionario como anteriormente o fora o bonapartismo da revolución francesa, senón que máis aló é un mecanismo de fosilización, amputación e terxiversación do comunismo. E así que a pesar de que hai tempo o PCP foi alcumado como o ultimo partido stalinista de Europa seguramente estea na súa practica política menos contaminado por ese mecanismo de pensamento e acción que o PCE ou a UPG.

En todo caso as persoas da esquerda antisitemica teñen en Portugal dúas opcións onde elixir: un partido de resistencia como o PCP ou un partido alterrmundista como o Bloco. Que envexa para os habitantes desta beira do Minho que non temos o segundo e fomos perdendo o primeiro.

Sem comentários:

Enviar um comentário