19 de setembro de 2010

Novos e vellos camiños da esquerda

Xoán Hermida

Tiven ocasión de asistir ás xornadas “novos camiños para a esquerda galega” onde compartían mesa de debate Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras, historia ( eu diría tamén presente e como a cousa siga así: futuro ) da esquerda do noso pais no último cuarto do século XX.

A esquerda galega tense configurado na última metade do século XX como prolongación da evolución do movemento galeguista, nas súas diferentes etapas ata chegar ao nacionalismo como fase que quizás sexa xa necesario superar, conectando cunha liña de innovación filosófica e reflexión global onde sempre estivo ubicado o galeguismo político.

Nogueira e Beiras representan a priori as dúas formas de entender a vertebración filosófica, política e organizativa da esquerda na Galicia contemporánea e do nacionalismo despois da “longa noite de pedra”, sendo os lideres do galeguismo político trala desaparición traumática de Bóveda e Castelao.

E digo a priori, porque se ben é certo que os planeamentos da extinta EG e do BNG ( por agora non extinto ) partían de análise con puntos de partida diferentes que co paso do tempo a propia crise da esquerda a nivel global ten axudado a que de dous modelos de entender a construción da esquerda nacional se conflúa na necesaria aposta por un modelo claramente altermundista en conexión cos novos movementos antisistemicos globais e na relación democrática coa sociedade civil ( sen instrumentalizacións ) e vertebración interna entre as partes dun necesario proxecto amplo que atenda a unha esquerda necesariamente plural.

Obviamente a súa estrutura de pensamento, o seu análise político e mesmo o seus estilos son diferentes. Cada un deles ten xerado un certo clan de seguidores(claramente máis numerosos no caso do Beiras).

Eu, pola contra, son do grupo que profeso respecto e admiración aos dous por igual no convencemento de que Galicia en xeral e a esquerda en particular non se pode permitir o luxo de prescindir de políticos que teñen deseñado con tanta lucidez a renovación das ideas da esquerda e a actualización do nacionalismo político.

Aínda que como acostumo a andar a contracorrente soamente os votei a última vez que se presentaron a unhas eleccións autonómicas. A Camilo nas eleccións de 93 no marco da fracasada coalición UG-EG e a Xosé Manuel no 2001, ano en que a UPG entendeu necesario o comezo das purgas no BNG tras dúas décadas de “demasiada” apertura política e electoral.

A poucos quilómetros onde un centenar de persoas asistiamos ao debate organizado polo grupo promotor do blog “renovar o BNG”, a corrente política +Galiza inauguraba o curso cunha declaración do seu líder Carlos Aymerich onde se situaban no medio das posicións extremas que propoñen que “o proxecto do BNG esta esgotado e xa non serve” por unha banda, e os que “pretenden atrasar o reloxo da historia”, por outra.

Non serei eu que abandonei o BNG antes de que existira ( no remate do curso do 82 un grupo de estudantes abandonamos ERGA aburridos xa daquela dos que hoxe seguen tres décadas despois a dirixir os destinos do nacionalismo ) quen me poña a dar consellos aos seus membros por onde deben camiñar, pero comprenderase que me sinta concernido no debate tanto e canto militante de esquerdas que vexo a necesidade dunha nova vertebración na esquerda galega.

A posición central nun debate soe ser a máis equilibrada, por canto é a construción da síntese entre a tese inicial superada e a antítese simplemente negadora.

Pero esta posición de equilibrio, baseada nunha suposta metodoloxía dialéctica, non é máis que unha cortina de fumo cando en realidade o que se esta a enfrontar é a tese non coa antítese senón coa propia síntese, ou dito dun xeito máis claro, cando a tese de que o BNG é un proxecto amortizado non é unha mera negación diante do estancamento político e o retroceso electoral do nacionalismo senón a síntese entre a tese dunha organización ideoloxicista e populista ( defendida pola UPG e grupos afíns ) e a antítese dunha organización tacticista e electoralista ( defendida por unha parte importante de +Galiza ).

Creo que o BNG como instrumento de loita polo socialismo e pola soberanía nacional de Galicia - entendidos estes dous conceptos a luz do século XXI e non con formulas do século XIX ao que nos teñen acostumados algúns grupos- é un proxecto esgotado e amortizado hai bastante tempo.
E máis, cabería reflexionar sobre cales son os elementos que levaron a esta degradación política, separando estes aspectos do declive electoral.

Digo isto porque aínda que poidan estar relacionadas o declive electoral do BNG na última década coa súa degradación política, para explicar o primeiro hai elementos sinxelos claramente observables: recuperación do PSOE trala fase última do felipismo, cambio e empobrecemento do liderazgo no BNG, pésima xestión e ausencia de políticas de reforma forte nos grandes concellos e posteriormente no bipartito.

Agora ben, a degradación política conten elementos de maior profundidade, autenticas correntes subterráneas que teñen aflorado con forza a partir da última década e sobre as que conviría nalgún momento reflexionar.

Durante o debate da Rolda de Rebeldía falei, con demasiada atención mediatica sobre este aspecto, de que a esquerda en xeral padecía a enfermidade do sectarismo.

O actual BNG estaría máis próximo á enfermidade coñecida como esclerose múltiple. Problemas de coordinación, perda de visión, lentitude nos seus movementos, cansanzo e agarrotamento. Unha enfermidade, por outra banda, crónica.

A cuestión é que Fraga trunfa despois de retirado. No país do minifundismo ata a patoloxía o nacionalismo permanece unido e mesmo sae sen fisuras dun período de goberno onde as contradicións deberían xerar cando menos dous proxectos.

A sociedade galega moderna e plural merecese varias forzas nacionais na esquerda e en cambio atopámonos con un sistema electoral raquítico no partidario e anoréxico no político.

Por suposto alguén pode pedirme elementos sobre os que basear tal afirmación. Ocorrésenme algúns dificilmente refutables:

- na última década Galicia ten mudado moito socioloxicamente e o seu corpo electoral non é o de hai 10/20 anos, pola contra o distanciamento do discurso do BNG coa sociedade se ten ensanchado;

- diante disto a liña de moderación política e de discurso supuxeron a perda de referentes claros de esquerda namentres que non se foi capaz de penetrar ni un ápice no electorado conservador;

- o paso polo goberno do BNG non posibilitou unha percepción positiva como partido xestor namentres que desmitificou ao mesmo como partido de loita e transformador;

- o BNG é visto como algo alleo entre os sectores da esquerda social máis dinámicos, claramente entre os movementos sociais que o perciben como inimigo;

- a involución electoral do BNG dáse fundamentalmente no electorado de futuro – urbano e mocidade – anteriormente piar central do seu ascenso. No caso da mocidade existe un desapego enorme cara ao nacionalismo;

- o modelo interno do BNG, tal como está consolidado hoxe, impide calquera mudanza ou renovación profunda. No 2002 intentouse e perdeuse a última posibilidade;

- ademais unha boa parte da base sociolóxica do BNG que posibilitaría unha mudanza esta fora da organización.

A solución na esquerda pasa por desatascar o elemento que hoxe tapona a súa vertebración plural: o propio BNG

Ata agora as escisións sufridas no BNG tiñan unha importante carga de marxinalidade social, principismo ideoloxicista e esterilidade electoral froito do mesmo análise erróneo do país do que parten os dirixentes da UPG.

A aposta debe pasar por un proxecto plural e democrático que asuma a construción dunha hexemonía nacional desde a esquerda.

Se isto non ocorre e as persoas que deberían dar un paso adiante non o fan teremos un período de languidecemento paulatino ata chegar un momento no que a esquerda en Galicia sexa residual institucionalmente.

Isto non esta lonxe de ocorrer e o que nos xogamos non é se a dereita extrema encabezada por Feijóo domina esta e a próxima lexislatura senón se o cartaz do PP no 2025 é Feijóo, emulando en lonxevidade política ao seu predecesor, e desfacendo social e institucionalmente o país.

Notas finais:

Tendencias: A esquerda política estase a mover no continente e no mundo con claros contidos antisistemicos e ambientalistas, así que ou ben somos capaces de vertebrar un proxecto nacional en conexión coas novas tendencias que xa se apuntan con forza ou acabaremos tendo en Galicia unha franquicia débil dalgún proxecto estatal que se esta a xestar.

Debate: Cometemos un erro interpretando que o problema da UPG con respecto ao BNG é o seu caracter comunista, non so porque isto sexa irreal senón sobre todo porque este planeamento dálle a UPG a baza de aparecer como o sector máis de esquerdas do nacionalismo. Cousa evidentemente falaz.

Mirar ao futuro: A nova etapa da esquerda política non pode pasar por reconstruír o BNG nin por competir co que quede del. A aposta de futuro debe ser sobre un proxecto nacional onde nos encontremos persoas que hoxe están no BNG e os que non, sobre un proxecto de reinterpretación do socialismo global e da independencia no marco da co-soberanía en Europa.


escoitar intervención de X. M. Beiras
http://www.goear.com/listen/7505774/beiras-18-09-2010

6 comentários:

  1. Marchei antes de que falase Beiras. Gracias por poñer a ligazón da súa intervención. O que pasa é que me resulta profundamente decepcionante o seu discurso, parece mentira que unha persoa tan intelixente teña tan pouca capacidade de análise

    M

    ResponderEliminar
  2. Este artigo é pra pegarse un tiro nun pé. E se Calidonia vive tan fóra da realidade como o señor Hermida, entón apaga e vámonos.

    Qué pais, señor.

    ResponderEliminar
  3. Home o artigo necesita matices. Por outra banda eu sempre vivin fora da realidade. Mesmo cando fai anos anunciaba o que ía a pasar co BNG. De todolos xeitos, Grazas Caralladas. Eu tamén te quero!

    ResponderEliminar
  4. a alternativa duma esquerda ecosocialista é o futuro, concordo. Uma esquerda verde galega deveria agrupar tudo isso que comentas e essas duas tendências na esquerda nacional que sempre houve na galiza (a do psg e mais a de eg -beiras e camilo-). Mas não se pode cair no maximalismo: temos que abrir-nos à sociedade e isso significa ouvi-la sempre. PAra mim um novo partido não tem sentido.. precissamos novas ferramentas que permitam uma participação, nem só virtual, das gentes que o dessejem fazer. O exemplo dos CAF onde só cumpria acudir a uma juntança do comité era suficiente para ter voz e voto serve como partida. Mas nem por isso podemos ficar reduzidos no nosso ámbito...

    ResponderEliminar
  5. Concordo co Sr. Hermida en parte da súa análise e en cuestións que xa ten comentado noutros artigos anteriores.
    A cuestión é que é o que está a facer o Sr. Hermida para vertebrar esa esquerda; está falando disto con outra xente?, ten propostas concretas?.
    Eu animaríao a que dese un paso máis e, ademais de falar da necesidade, propuxera pasos concretos cara onde ir; paseniño, pero cun horizonte. Penso que seríamos moitos/as os que nos sumaríamos.

    ResponderEliminar