16 de junho de 2010

Punto e aparte

“Triste é o cantar que cantamos,
Mais ¿que facer se outro mellor non hai ?”
Rosalia de Castro

Fai xustamente un ano iniciou a súa andaina Galizia Ecosocialista como blog desde onde aportar algunha idea na reconstrución e actualización (que non refundación) necesaria da esquerda galega.

A idea era construír arredor do mesmo un colectivo de persoas criticas que asumiran a tarefa de fomentar o debate, a reflexión e a busqueda de estratexias ( de folla de ruta ).

Tras o fracaso de diversas redes sociais ( caso paradigmático foi o da Rede Anticapitalista ) e cunha esquerda partidaria sen amosar sinais de vida intelixente, todo parecía indicar que serian persoas saídas da esquerda social as que lle tocaba xogar ese papel.

Lamentablemente, e espero equivocarme, tampouco de ai vai vir a solución polo de agora.

Ninguén podía imaxinar na década dos noventa cando se iniciou a crítica ao sistema partidario e a xente dinámica do país púñase a construír tecido social, que toda esa forza remataría vinte anos despois na apertura de consultings privados para o terceiro sector ( que triste! ).

Así que teremos que esperar tempos mellores e namentres desexar que os intereses partidarios non dinamiten o pouco entramado social que queda neste país.

Pola miña parte, non teño o maior interese de seguir facendo de “francotirador”, así que Galizia Ecosocialista se toma unha pausa, prolongada ou non xa se verá.

As persoas que queiran seguir as miñas “cousas” poden seguir facéndoo no meu blog persoal e cando me dea un “calenton” acudirei aos medios habituais ( altermundo, agareso, rebelión,... ) para comunicarme con todas vos.

Déixovos como despedida o escrito que enviei a 8 amigos e amigas a pasada semana por se a alguén pode interesar aínda que sexa colateralmente.

Ata pronto e boa sorte !


Nota aclaratoria

Non pasaron nin 72 horas desde que anunciei o peche do blog Galizia Ecosocialista é aquí estou de novo non para desdicirme do que xa dixen, senón para matizar.

Entendo as múltiples chamadas e mensaxes recibidos, algúns que estimo polo seu "desinterese", como unha sinal máis da necesidade dun pensamento crítico na esquerda.

O anuncio do peche de Galizia Ecosocialista non é unha renuncia a pensar e a actuar politicamente desde a esquerda senón a unha reorientación táctica necesaria.

Sigo pensando que Galizia Ecosocialista so ten sentido se hai un colectivo detrás. Por outra banda tamén creo que aínda que queda moito por dicir, sobre todo queda moito por facer. Sendo hora de pasar das palabras aos feitos.

A pausa de GE, pola miña parte, vaise manter. Subiranse anotacións de persoas ou colectivos que poidan ter interes para a renovación da esquerda global e galega.

E o ofrecemento segue en pé, sexa aquí ou noutro foro: poñer en marcha un colectivo para elaborar liñas e estratexias políticas que axuden a esquerda a avanzar.

Sabedes onde atoparme.

Tomemos este tempo como un punto e aparte.

Como dicían Os Resentidos: “estamos en guerra ... hai que reflexionar”

3 comentários: