26 de junho de 2010

Crise do sistema ou crise da esquerda

Xoán Hermida

Co título “A esquerda diante da crise” a publicación TEMPOS Novos organizou un debate con membros da chamada esquerda social.

A transcrición do debate poderase ler con detemento nas páxinas do próximo número desta revista mensual de pensamento, pero de momento achego algúns apuntamentos sobre o mesmo.

Asistimos a unha crise global e sistémica, unha crise poliédrica que conten moitas crises á vez, crise financeira, social, alimentaria, enerxética, medioambiental,….

Trátase sen dúbida da primeira crise da globalización. Agora ben, nesta crise, que no fondo amosa que existen condicións obxectivas para un proceso de superación do actual sistema capitalista, é a crise da esquerda á que ten aflorado na súa máxima expresión ata o punto de que asistimos a unha esquerda ( fundamentalmente partidaria ) que se atopa nos seus momentos máis baixos: intelectualmente anoréxica, politicamente insulsa e organizativamente desfeita.

O curioso, e aquí a primeira contradición, é que despois de cualificar de global e sistémica a crise a resposta á mesma pasa por meras simples consignas, “que a crise que a paguen os ricos”, e con propostas xa amosadas como superadas en reiteradas ocasións.

Desde a esquerda partidaria e sindical obviamente non se comparten os recortes sociais cos que supostamente se esta a resolver a crise pero máis aló de esta obviedade e de apostar por formulas de maior presión fiscal sobre as grandes fortunas, deprime escoitar aos dirixentes da mesma falar de “reactivar o consumo” ou “volver a senda do crecemento”, nun momento no que as mentes máis lucidas do planeta están a propor iniciativas de autosostibilidade planetaria, soberanía alimentar ou decrecemento.

Pero se estas son as “solucións” que se ofrecen desde a esquerda partidaria e sindical os instrumentos a usar para frear esta ofensiva, do que moi acertadamente Boaventura De Sousa define como “fascismo financeiro”, é a folga xeral dun día.

Non hai obxectivos claros para unha folga xeral convocada para cubrir o expediente e que non ten unha lóxica estratéxica de acumulación de forzas para variar a actual correlación das mesmas.

Na sociedade post-fordista na que nos tocou vivir onde xa a clase obreira non se recoñece como tal, non traballa colectivamente en grandes fabricas, con varios millóns de desempregados, cunha parte da poboación migrante na marxinalidade, coa mocidade allea ao debate político, propor como único instrumento de loita unha folga xeral dun día conten unha mensaxe de resignación clara.

O que se necesita é unha folga xeralizada, a nivel europeo e transversal, mesmo na súa convocatoria. Non quedaramos en que se trataba dunha crise sistémica e global? Entón a resposta ten que ser antisistemica e global, polo tanto transversal e multirexional. Porque non convocatorias de mobilización conxuntas de sindicatos, organizacións agrarias, grupos ecoloxistas, movementos sociais,..?. Ou é que diante dunha folga tan claramente política ten algún sentido apelar a prerrogativa constitucional para que sexan as centrais sindicais as convocantes.

Así que habendo condicións obxectivas temos as peores condicións subxectivas.

Recoñezámolo, a día de hoxe non hai alternativa, e como non se cambie o rumbo tampouco haberá alternativa a medio prazo.

Porque a alternativa non é so un programa e un aparato partidario presentándose ás eleccións, senón fundamentalmente unha proposta e unha estratexia de cambio.

Tampouco é certo, como cren algúns, que a situación de marxinalidade dos partidos da esquerda antisistemica veña dada pola súa firmeza. So ver a longa listaxe de grupos políticos que hai a esquerda do PSOE e do BNG serviría para percatarnos da propia incapacidade de entendemento nin tan sequera entre os que supostamente pensan o mesmo.

Aínda que ese non é o problema da esquerda en xeral. As forzas da esquerda europea xa renunciaron desde a segunda guerra mundial a elaborar unha estratexia de cambio antisistémico.

Diante do movemento “sesentaoitista” actuaron co mesmo conservadorismo as forzas do sistema que a maioría dos partidos comunistas.

Pero en realidade aínda habería que ir máis atrás.

Anelamos ser herdeiros da I internacional pero somos “vítimas” da II e sucesivas internacionais.

Porque se ben é certo que con respecto ao estado e ao poder, socialdemocracia (reformistas) e comunistas (revolucionarios) teñen camiñado por sendas diferenciadas, no fondo existen demasiadas analoxías.

A II internacional asentou na esquerda europea unha concepción corporativa (obreirista), reformista, industrialista e eurocentrista. Na lóxica do sistema.

Xa coa constitución do primeiro partido obreiro alemán, Karl Marx é durísimo no seu libro “critica ao programa de Gotha” ( 1875 ) precisamente por esta visión exclusiva e corporativa do “suxeito revolucionario”.

En realidade a globalización ten posto en evidencia a incapacidade da esquerda non socialdemócrata para elaborar estratexias de cambio maioritarias.

Ao concepto reducionista do suxeito revolucionario segue a continuación unha concepción igualmente reducionista do instrumento do cambio. Así xurde o “partido guía” que sabe o camiño a seguir e os meros compañeiros de viaxe.

Esta visión tráxica para o movemento revolucionario cando os partidos eran instrumentos políticos convertese en cómica na actualidade cando os partidos son meras maquinarias electorais inxeridas no sistema.

Pero volvamos a actualidade, á sociedade post-fordista.

Vivimos nunha sociedade complexa onde a aposta transformadora non pode ser a estatalización senón a incorporación da sociedade na xestión da economía. E unha aposta dupla de radicalidade democrática e de xustiza global.

E aquí é onde a os movementos sociais deben ser decisivos, primeiro para conseguir unha cidadanía organizada e critica, segundo para trazar as liñas estratéxicas que posteriormente o interfaz partidario ten que levar as institucións ( o pobo é quen máis ordena! ).

Non precisamos deles para seguir camiñando pero si que necesitamos instrumentos políticos globais.

Non fagamos do defecto virtude.

Podemos enganarnos canto queiramos pero senón existen instrumentos partidarios de esquerda non é por causas esóxenas ( o sistema, a coherencia,… ) senón propias.

Non temos instrumentos partidarios de cambio porque os que tíñamos cambiaron de misión, obxectivos e principios e os que podían ser, están incapacitados por unha análise prexuizosa da realidade.

Iniciativas de plataformas políticas non institucionalizadas, de voto en branco ou doutro tipo de accións de desobediencia civil son necesarias, pero seguimos tendo pendente a vertebración de maiorías sociais tal como planeaba Gramsci.

Tratase de construír unha fronte popular, por suposto, pero de camaradas non de compañeiros de viaxe. Tratase de elaborar unha iniciativa de carácter nacional para o cambio global. Quizás vai sendo hora de modificar a máxima coa que traballamos nos últimos tempos e pasar a “pensar localmente e actuar globalmente”.

Namentres haberá resistencia pero non haberá ALTERNATIVA.

5 comentários:

  1. "Asistimos a unha crise global e sistémica, unha crise poliédrica que conten moitas crises á vez, crise financeira, social, alimentaria, enerxética, medioambiental,…."

    Iso é obvio, Xoán, pero o que non acabo de ver que se comprenda desde a esquerda e os movementos sociais é que se trata non só dunha crise de sistema sociopolítico ou económico, sino dunha crise da civilización. O problema máis evidente é o capitalismo, pero se pescudas sobre o fundamento físico dese sistema, acharás que tamén é unha crise da civilización industrial. Se erramos nese diagnóstico erraremos nas propostas de solución.

    ResponderEliminar
  2. Falas dunha sociedade "post-fordista" pero iso está superado. Non só un sistema concreto de organización industrial ou de modelo de consumo, senón que estamos comezando un proceso de desindustrialización progresivo e irreversible. Xa que logo, do que cómpre comerzarmos falar é de sociedade *post-industrial*.

    ResponderEliminar
  3. Falas dunha necesaria resposta global antisistémica e estou de acordo: é moi duro prantexalo nun contexto psicosocial e ideolóxico como o actual, pero cómpre abandonarmos o capitalismo. É a folga definitiva e total: deixar de producir e deixar de consumir... para o sistema.

    Produzamos e consumamos pero para nós, para as nosas comunidades, fóra do sistema.

    Soa tolo, pero é a única resposta cabal no contexto actual de colapso civilizatorio. Construamos as comunidades locais que serán o soporte dunha nova civilización, se é que pode volver haber algunha.

    ResponderEliminar
  4. _os movementos sociais deben ser decisivos, primeiro para conseguir unha cidadanía organizada e critica, segundo para trazar as liñas estratéxicas que posteriormente o interfaz partidario ten que levar as institucións ( o pobo é quen máis ordena! )._

    Amén a iso. O modelo de interface electoral coido que ten ser http://www.d-3.info

    ResponderEliminar
  5. Onde non concordo é no de que votar en branco sexa un acto de desobediencia civil: é xusto ó contrario, é deixar nas mans dos demais electores o resultado electoral.

    En troques de votar por ninguén, por que non votar por TODOS, é dicir, levar representantes controlados de maneira absoluta polos cidadáns? É a posibilidade de facer realidade a democracia directa a gran escala grazas á tecnoloxía. Cando espertará a esquerda e se decatará da oportunidade que está a deixar escapar?

    Paga a pena tentar esta estratexia.

    ResponderEliminar