4 de agosto de 2010

Sindicalismo galego sen ataduras

Xoán Hermida

Hai pouco cumpríase o 25 aniversario do nacemento da CXTG e como se de un pantasma se tratara faise case imposible atopar en internet noticias ou imaxes do seu curto pero intenso vagar.

A experiencia do “sindicalismo galego sen ataduras” apenas durou 9 anos pero seguramente sexan os máis intensos do movemento obreiro galego organizado e máis aló da autoorganización asociativa deste pais.

Tiven a grande fortuna de poder participar durante algúns anos nesa experiencia e teño no meu haber, sempre desde o meu punto de vistas moi suxeitivo, de ter sido o único membro do consello confederal da CXTG de ter votado en contra da súa acta de defunción para ser absorbido pola INTG no que os estrategos da UPG chamaron CIG.

O meu voto en contra, daquela entendido como unha expresión de sectarismo incomprensible nos que me coñecían, adquire unha nova perspectiva tras varios anos nos que se foi asentando un sindicalismo arcaico, corporativista, funcionarial e de mecanismos de loita máis propios da revolución industrial que da sociedade post-fordista na que vivimos.

A CXTG amosou varias cuestións relevantes:

A primeira é que se podía poñer en marcha unha organización social sen que esta sexa a correa de transmisión de ningunha forza política ou lobby empresarial.

Que a mesma podía ter unha dimensión ampla tanto en canto máis aberta e plural se desenvolvía. A CXTG obtivo máis de un millar de delegadas/os sindicais que a converteron na terceira forza sindical á par de CCOO e UGT.

Que dita pluralidade e abertura non foi en detrimento da súa perspectiva socio-política ou de clase nin na súa capacidade de mobilización para a resistencia ou a capacidade para a incidencia política.

Que durante a experiencia forxouse un liderazgo colectivo, vinculado ao seu carácter nacional ( ou nacionalista político ), e tamén deu a coñecer á sociedade unha das máis lucidas xeracións de sindicalistas: Lois Burgos, Manolo Dios, Xan Cons, Fernando Acuña, Humberto Busto, Victoria Pumar, Manolo Caamaño, Manuel Mera, Marije Diaz, Francisco Villanueva, Emilio Salorio,….

A CXTG tivo dúas etapas claramente diferenciadas:

A primeira etapa marcada pola súa dinámica propositiva e ofensiva que situou a CXTG como a organización emerxente non so capaz de rachar a hexemonía CCOO-UGT con claridade senón sobre todo marcar o ritmo político e a iniciativa social en tempos de desmantelamento e reconversión.

A segunda, a raíz da formalización da converxencia sindical coa INTG, de caracter defensivo, marcado polos tanteos e resituacións de caracter persoal cara a cada vez máis imparable fusión orgánica.

Esta ultima etapa ademais estivo contaminada polas necesidades partidarias do PSG-EG e posteriormente de UG. E creo, coa perspectiva que da o tempo, que o peor non foi o erro político da entrega da CXTG á INTG en función dos intereses partidarios de entrada no BNG senón que os dirixentes de Esquerda Galega fixeron durante un período de tempo algo que culturalmente era alleo a eles como era o condicionamento das organizacións cívicas.

Tamén estou convencido que a resolución do proceso da confluencia na CIG tivo efectos nocivos na resolución posterior dos conflitos na MNL, en ADEGA ou máis recentemente no intento de “doma e castración” do SLG .

Posteriormente algunhas centrais sindicais manteñen estratexias de actuación diferentes do modelo sindical dominante como a CUT ou a CGT, pero a diferenza da CXTG carecen dun proxecto nacional que as incapacita para conectar socialmente cun amplo sector dos e das traballadoras suficientes como para incidir con forza en épocas de recortes e involución como as que vivimos.

Seguramente hoxe unha experiencia como a CXTG non é posible reproducir mimeticamente pero sen dubida botase en falta en tempos de desnorte das grandes centrais sindicais.

Outra cousa ben diferente é que a memoria histórica da CXTG non se esvaeza como a néboa … e que alguén tome a iniciativa para reivindicar o seu nacemento e a súa historia.

1 comentário:

  1. De acordo con esta necesaria lembranza sobre un modelo de sindicato que moitos compartimos fai anos. Boto de falta un nome capital na CXTG como foi Fernando Pérez López. Un papel fundamental na articulación deste modelo de sindicato foi o aportado por compañeiros e compañeiras procedentes da CSG (escisión da USO antes do paso ao amarelismo), persoas que levaron o conflito de Ascón (aparte de Meira, Guillermo Fontán...) Claro que é necesario lembrar á CXTG para que non se esvaeza (ou esvaezan?) a súa memoria.

    ResponderEliminar