A Rebeldía debe seguir

Xoán Hermida

A Rolda da Rebeldía celebrou este sábado 30 de xaneiro, coincido co natalicio de Castelao, o seu encontro onde máis de 200 persoas, membros da esquerda social e institucional, tivemos a ocasión de expoñer propostas, intercambiar ideas e mesmo polemizar sobre a situación pasada, presente e futura da esquerda galega.

Sen dubida a iniciativa, que entronca coa filosofía da dinámica altermundista, é máis que necesaria e para Encontro Irmandiño, convocante da mesma, non caben máis que parabéns por unha iniciativa destas características que demostra ausencia de sectarismo e convicción nas súas ideas por parte de quen a convoca.

As catro xeiras nos que se levou adiante o encontro foron degrañando ideas sobre a necesidade da vertebración política e institucional da esquerda ( a primeira ), sobre a reconstrucción de novas pontes entre a esquerda social e institucional ( a segunda ) ou sobre o replantexamento das formas de actuar para crear masas críticas ( a terceira ).

A cuarta xeira ( a das organizacións político-partidarias ) veu a confirmar, en contraste coas mesas previas, que a lucidez atopase nas organizacións sociais e que nos partidos políticos, salvo raras excepcións, hai encefalograma plano e pouco cabe espera deles.

En todo caso a participación activa de Xosé Manuel Beiras durante todas as sesións e a súa intervención nesta última mesa puxeron de releve unha vez máis que aínda que os problemas da esquerda son de fondo, a constante perda electoral do BNG desde o inicio da década actual teñen tamén que ver cunha falla de liderazo político e ideolóxico que aínda non resolveu o BNG.

Durante a primeira xeira quedou constatado que o problema da esquerda institucional non esta nin na derrota do bipartito nin tan sequera no constante declive electoral que o BNG deste o inicio desta década senón na “inserción” do BNG no sistema, feito que non se realizou nun acto único senón nun proceso evolutivo que en todo caso, desde o meu punto de vista, ten moito que ver con errores fundacionais do propio BNG, en particular coa relación de subordinación coa que algúns entenderon sempre as relacións cos movementos sociais.

Ademais esta sen resolver a estratexia de transito do capitalismo ao socialismo toda vez que desde o final da segunda guerra mundial e co inicio da guerra fría, a esquerda europea ( PCs ) renunciaron á superación do sistema, aceptando a súa inserción como voz “critica” institucional, trasladando o movemento de cambio aos países da periferia do sistema.

En todo caso seguimos sen definir con claridade o papel do estado tanto na súa vertente represiva como na fixación de intereses públicos – apuntada tamén por Xosé Manuel Beiras - , así como a nova realidade derivada da globalización que limitan o poder dos estados fronte as multinacionais ou a necesaria construcción de contrapoderes para o cambio.

Non era aleatoria a suxerencia que fixen durante a miña intervención dunha re-lectura critica do libro “O estado e a Revolución” de Lenin, toda vez que a esquerda ten pasado - de xeito pendular - de darlle importancia de xeito totalista a toma do poder e ao aparato do estado a unha postura oposta, de caracter idealista, de darlle única importancia ao comportamento persoal, criando así máis que un movemento antisistemico un nicho de persoas que viven nas aforas do sistema.

Cabe destacar na segunda xeira as intervención de Goretti Sanmartín na que incidiu na recuperación da ética na política e o respecto ás persoas:

“O desencanto máis evidente que producen as formacións políticas clásicas en xeral e as do ámbito nacionalista con que levamos tempo a camiñar e que presentan algunhas especificidades en que agora non imos reparar é a falta de atención ao individual, a aquilo que cada persoa representa e move e ofrece e a desconsideración sobre as minorías, sexan do tipo que foren, o que significa o desenvolvemento de sistemas de actuación en que non caben os matices.

O (re)coñecemento desta decepción, paradoxalmente, une tanto persoas con longa e activa militancia como aqueloutras que non quixeron acollerse a este vínculo mais que mantiveron –e manteñen– compromisos permanentes con causas que conflúen coas nosas reivindicacións e que en moitas ocasións foron motores fundamentais do avance de loitas comúns.

O esforzo de nos identificarmos cun proxecto esixe fundamentalmente ter en consideración as voces que o representan.

As causas fondas desta sacudida dun escepticismo que non significa, que nunca significou, a renuncia ao combate e á mobilización residen na anulación constante da aposta polas transformacións reais, internas e externas, a longo e a medio prazo, mediante o sistema de adiar sistematicamente estas cuestións e mesmo de as presentar como unha miraxe que nunca poderemos abrazar. A partir de aí, é doado ver como se persegue unicamente a consecución práctica duns obxectivos que, é certo, si se deseñaron previamente, mais en cuxo proceso de construción fomos eliminando todo aquilo que era problemático, que era heteroxéneo, que era diferente, que era susceptíbel de producir unha mudanza radical para nos acomodarmos a un lapso temporal tan curto e tan dominado polos intereses dos medios de comunicación (aos que continuamos a perpetuar como elementos de conformación ideolóxica a través da reverencia e do prestixio que lles aínda concedemos) que pasadomañá xa temos que volver a realizar a mesma operación.”

... ou a intervención do activista ecoloxista Xosé María García que centrou a súa intervención na necesidade do respecto mutuo entre organizacións sociais e institucionais :

“Esquerda social e esquerda partidária ou institucional som igual de políticas, negar-lhe caráter político á cidadania, apropriar-se do “político” desde os partidos e instituições é começar esta discussom com mal pé.

As organizações sociais nom cumprem de partido-vanguarda nem de comissários políticos, tampouco de paternalismos nem de interlocutores que aparecem ou desaparecem em funçom da necessidade de se fazer umha foto. Os movimentos sociais nom som aríetes para usar com o fim de chegar ao poder e depois ignorar ou mesmo amordaçar e rebentar desde este. As organizações sociais som umha ferramenta da cidadania nom dos partidos.

Se a esquerda partidária/institucional nom entende isto pouco se pode fazer.

Os movimentos sociais cumprem de governantes que os respeitem e que compartam os seus valores e objetivos, partidos que desde as instituições fagam por superar o industrialismo e avançar na democracia participativa e deliberativa, que contribuam para construir umha cidadania forte em lugar de se pôr à defensiva, atuar desde a arrogáncia e procurar bloquear a acçom de movimentos emancipatórios.

Os partidos nom podem pretender adesões cegas e inquebrantáveis dos movimentos sociais, se estes se submetem aos ritmos e interesses partidários o avanço nom se dará nunca.

As organizações sociais necessitam respeito, transparência, diálogo sincero entre iguais e políticas de aprofundamento na democracia.”

Tamén espertou interese póla súa orixinalidade a proposta do activista cultural Manuel Casal sobre a democracia directa aproveitando as novas tecnoloxías e o internet.

A terceira xeira contou coa intervención, coma sempre brillante, de Manuel M. Barreiro onde cabe destacar os elementos sobre o empoderamento cidadá:

“Temos que concederlle máis importancia dos procesos fronte á relevancia que lle outorgamos normalmente ás (infra)estruturas da política (partidos, institucións...) e ás súas rutinas. A consecuencia das nosas accións debería ser o pulo de novos procesos de política colaborativa en rede (e na rede) para construír relatos útiles ás políticas transformadoras –útiles porque xeran novos coñecementos e aprendizaxes cos que discutirmos o discurso interpretativo dominante– e favorecer unha nova estratexia de comunicación dos nosos propósitos e un novo marco de implicación da cidadanía en organizacións máis «líquidas», menos monolíticas, transversais mesmo ás marcas partidarias. Trátase logo de repensar o noso repertorio de recursos e accións para facer política cos cidadáns e as cidadás e non só para representalos.

A aspiración é incentivar novos procesos políticos que teñan como consecuencia un auténtico empoderamento cidadán e a constitución de redes sociais para o cambio político en Galiza.”

Lamentablemente está xeira, que a priori presentábase como unha das máis atractivas, serviu para que unha parte do público ávido de “vendeta” polemizara sobre a acción de goberno do bipartito convertendo un debate sobre a relación das organización sociais coas políticas e como reconstruír pontes nun debate endogámico partidario e outra vez nos debates simplificadores de “bos” e “malos”.

Nesta terceira xeira participou Xoán Carlos Carreira, sempre moi pedagóxico. Cabe destacar os apuntes sobre a discrepancia como valor e a renuncia á imposición das nosas posicións:

“A transformación social é unha tarefa colectiva que non será posible senón aceptamos a discrepancia como valor. Aquelas persoas ou organizacións que queren cambiar algo, son discrepantes por definición porque discrepar da orde establecida é condición inseparable do cambio. Non hai avance social que non se base nunha discrepancia, nunha herexía, por outra banda habituais na nosa vida diaria, familiar, laboral e social.

A asunción das discrepancias como un valor fronte ás unidades inquebrantabeis e monolíticas é fundamental para calquera organización que pretenda “gañar” no campo das ideas. (... )

A estratexia do convencemento (e non da derrota) implica outro tipo de actuación nas institucións e sobre todo no debate social que busque non tanto evidenciar as diferenzas que son obvias, senón explicar porque as nosas posicións son mellores e asumíbeis polos/as votantes doutras forzas políticas Ben e certo que un debate deste estilo esixe unha grande claridade de ideas e unha concreción importante das propostas. E para iso non valen nin “palabras de orde” nin “receitas” que é o que habitualmente utilizamos, sobre todo a xente nova. Para iso hai que deixar de ser “forofos” da organización e converterse en axentes de transformación social (Erich Fromm distingue entre espírito rebelde, non necesariamente revolucionario e espírito autenticamente revolucionario). Para iso fai falla superar a fase do odio e mesmo a da envexa das que falei anteriormente.”

E tamén sobre a transformación social como froito do equilibrio na actuacións dos distintos axentes que participan no mesmo, apuntando:

“O respecto do equilibrio “ecolóxico” no proceso de transformación social é fundamental. Este non é só unha labor de goberno, senón un conxunto de actuacións no seo da sociedade que teñen a súa propia dinámica e autonomía. A tensión entre as necesidades e demandas sociais e o que se pode (ou debe) facer nas institucións é a que xera un equilibrio que non é doado de acadar e para o que non hai receitas preconcibidas que se poidan aplicar. (...)

Unha parte da esquerda acreditou sempre que as transformacións se ían facer dende as institucións unha vez acadado o poder. En consecuencia, a actuación social só se concibía de dous xeitos : defensa de intereses inmediatos e conquista do poder. Aínda hoxe en día dámoslle ás institucións un papel casque exclusivo no proceso de transformación social, chegando ao punto de que hai xente que considera que non se debería gobernar ata que non haxa garantías de que dende as institucións se vai poder realizar o cambio social, esquecendo que esas garantías nunca existen e caendo na falta de actividade social transformadora.

Esta visión excesivamente institucionalista, lévanos a perpetuar a permanencia nos cargos e a dedicar aos/as que se considera mellores cadros políticos ao labor institucional considerado tan “ elevado”, que só uns/as poucos/a elixidos/as poden estar nestes postos. Pero o peor é que esta visión institucionalista leva a considerar que as organizacións sociais deben ser, na practica, correas de transmisión dos gobernos, negándolles o seu papel no equilibrio “ecolóxico” do proceso transformador. Entendo que esta contradición debe ser resolta cun claro pronunciamento a favor da independencia das organizacións sociais. Isto é fundamental xa que só mantendo a súa independencia na crítica e no apoio poden medrar na súa introdución social e gañar a confianza da xente.”

As xornadas da RdR supoñen un esforzo que so merece recoñecementos e tamén introduce elementos novidosos á hora de facer política en Galicia aínda que dado a febleza das organizacións sociais e a anorexia intelectual das forzas políticas fai que non se poida ser moi optimista no resultado dos mesmos.

Creo que nin tan sequera unha proposta tan simple e pedagóxica coma a que os partidos “clónicos” da esquerda soberanista se fusionen nunha única forza vai ser levada adiante por falla de miras de dirixentes que levan décadas dividindo a esquerda por motivos inexplicables ou inexplicados.

En todo caso as outras dúas propostas sobre as que, desde o meu punto de vista, hai que traballar van ser o fortalecemento do tecido asociativo alternativo e independente e que Encontro Irmandiño se transforme e de ser unha corrente de opinión do BNG se converta nunha corrente política para a elaboración da estratexia de cambio e se conforme coma un lobbie conformado por persoas con diferente ou ningunha afiliación partidaria e ligados a sociedade civil organizada.

Todo elo conscientes de que existe a dereita, existe a socialdemocracia, existe o nacionalismo pero esta por construír, aquí tal como se esta a construír no resto do planeta, a esquerda antisistemica e polo tanto no noso caso soberanista.

Toda a intervención de Xoán Hermida na RdR en http://xoanhermida.blogspot.com/

Comentários

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

O espírito do 29 de xaneiro

Fin de etapa

Non valen escusas