29 de março de 2010

Marqueting empresarial e moita cara !

Xoán Hermida

Ao igual que pasou no seu día co movemento hippie que o sistema ten unha capacidade de asimilación ilimitada é algo que xa intuíamos, pero nos últimos tempos a desfachatez dalgunhas empresas e gobernos por limpar a súa imaxe, non ten parangón.

Agora ben, para que unha empresa ou institución poida lavar a cara normalmente se teñen que dar dúas premisas imprescindibles.

En primeiro lugar, a existencia de propostas facilmente asimilables polo propio sistema. Isto é, non superadoras do mesmo senón fundamentalmente elementos de mellora racional que despois dun tempo dando froitos relativos estean maduras como para poder ser asimiladas polo mesmo.

En segundo lugar, algunha iniciativa global ou ONG que estea disposto a montar unha campaña –publicitaria- na que teñan cabida as empresas ou institucións como elemento central da mesma.

A fortaleza dos departamentos de comunicación das empresas e gobernos teñen alcanzado tal grado de perfección que a manipulación mediatica totalitaria de Goebbels quédase reducida a un xogo de nenos.

Nos últimos tempos temos asistido a dúas claras iniciativas nesa dirección.

Por unha banda, a campaña estosololoarreglamosentretodos.org na que despois de armala, agora a banca e as grandes multinacionais intentan distribuír - entre todos - as solucións á crise e de paso socializar – entre todos - as responsabilidades.

Cando aínda as persoas están a sufrir as consecuencias dunha crise provocada polas súas ansias de diñeiro rápido e polo seu modelo especulativo; cando fai poucos meses os gobernos do mundo regaláronlle miles de millóns de dólares, dos nosos impostos, para reflotar os seus negocios; cando nos enteramos de que moitos deses cartos públicos serven para asignarse “salarios” de luxo, “finiquitos” millonarios e reparto de cuantiosos dividendos; agora van e promoven (BBVA, Caja Madrid, Endesa, El Corte Inglés, Iberdrola, La Caixa, Banco Santander, Telefónica...) unha iniciativa para convencernos da conciliación social e da harmonía de clases.

Por outra banda a multinacional Starbucks ven de anunciar que a partir de agora o café servido nas súas instalacións será de Comercio Xusto.

Cabe recordar que no ano 2006, Starbucks intentou patentar unha das mellores variedades de café etíope, Sidamo, seguindo a lóxica de privatizar un ben común e desprotexendo aínda máis a unha poboación onde se concentran as maiores hambrunas do planeta. Soamente unha grande presión internacional foi quen de parar dita iniciativa.

Starbucks situase como unha empresa aliada dos sectores máis reaccionarios do complexo político-armamentístico norteamericano. En Iraq, Afganistán e Kuwait, Starbucks é a marca que anima ás tropas ocupantes ao combate baixo o lema: "proporcionar café para aliviar os esforzos [dos soldados] en tempos de conflito". No seu país de orixe, Starbucks apoia aos partidarios de levar armas de fogo nos espazos públicos e permite a entrada de clientes armados nas súas cafeterías.

Pero o problema non esta no marqueting social, que cada día perfeccionan as empresas con estudios sociolóxicos, aproveitándose dos estados de (in)satisfacción que converten en estados de opinión e engadindo ás antigas maquinarias de publicidade as novas redes sociais.

O problema está nas organizacións que pendurando entre o tacticismo e pragmatismo máis puro unhas e o fundamentalismo e incapacidade de incidencia outras, deixan un espazo de reorganización social ao sistema sen precedentes.

A cuestión non é que algunhas empresas e gobernos responsables da mudanza climática apaguen durante unha hora a luz das fachadas das súas sedes sociais, a cuestión é se permitimos un consenso social entorno a socialización das causas e un “buenismo” sobre as súas solucións.
Sei que alguén pode dicir que e mais produtivo conseguir resultados efectivos aínda que limitados que non arañar o ceo e nunca poder palpalo.

Pode ser que si.

Pero en todo caso os centenares de xudeus salvados por Schindler son unha xenerosa lección de humanidade pero de seguro que de Goobbels contar cos medios de manipulación actuais intentaríanos convencer do humanismo dos dirixentes nazis ao salvar decenas de persoas namentres incineraban a varios millóns.

A cuestión non é o resultado cuantitativo ( ínfimo por outra parte ) senón a orientación cualitativa.

Son dos que pensa que unha boa liña estratéxica aplicada dialecticamente pode das resultados concretos sen deixarse enmarañar polo sistema.

Agora ben para isto fan falta, tamén como antes, dúas premisas: organizacións sociais con capacidade de incidencia social e influencia institucional, e unha cultura política e humanista, lamentablemente, hoxe inexistente.

Namentres ademais de seguir na mesma dinámica ... eles seguiran a ter moita cara!

Sem comentários:

Enviar um comentário